Onte 523: A tristeza de Beiras

Grazas a You tube puiden ver á noite algunhas das intervencións do pleno do Parlamento galego en xornada pouco axeitada como a dun martes de entroido. Os dous discursos de Beiras, senllas pezas oratorias tan amargas coma luminosas, expresaron o seu profundo desacougo polo que denomina «dexeneración do Parlamento de Galiza». E polo visto e lido sobre o que ocorreu onte na cámara hai razóns abondas para a preocupación expresada polo líder de Anova.

A expulsión dun parlamentario de AGE na sesión da mañá, como hai quince días foi o intento de impedir a presenza na bancada dos convidados dos grupos da oposición, como o rigor extremo da presidencia na interpretación do regulamento con respecto aos deputados da oposición, son síntomas dun clima parlamentario áspero, froito da preocupación dos responsables populares da Mesa (como entendo do propio Goberno Galego) pola presenza e protagonismo na cámara dos grupos nacionalistas, especialmente de Beiras e dos seus «descoñecidos» deputados E non lles falta razón aos conservadores, xa que por moito que pese ao BNG e PSdeG-PSOE, nesta lexislatura a entrada dos membros de AGE activou no hemiciclo unha axenda e unha linguaxe política máis achegada ás preocupación cidadás, onde (como puidemos ver onte) se emprega con sutileza a sátira e a ironía e as cousas se chaman polo seu nome. Un gran acerto, unha nova atmosfera que abre horizontes para o traballo de toda a oposición.

A intervención de Beiras sobre as preferentes e subordinadas testemuña esta proximidade fraterna dun político humanista capaz de conmover e mobilizar coas súas palabras en sede parlamentaria. A coda da peza oratoria, apelando á corresponsabilidade cidadá para erradicar a corrupción de banqueiros e poderosos («a corrupción non está na política, está na sociedade», enfatizou Beiras alporizado), amosou a tristeza e sabia indignación de quen nestes momentos encabeza de facto a oposición parlamentaria e social en Galicia. Admirable Beiras!!!

Publicado en Galicia Confidencial.

Onte 520: Merdeiros de Vigo

Cada Entroido prodúceme maior fachenda a recuperación dos Merdeiros, a máscara tradicional do entroido vigués. Pasaron xa unha ducia de entroidos desque publiquei en Faro de Vigo (o 25 de febreiro de 2001) un artigo titulado «Escabicheiros de Vigo», no que daba conta desta máscara citada por Xocas nos seus traballos sobre o carnaval tradicional. Foron os membros da Asociación Veciñal de Teis os primeiros que intentaron recuperar o Merdeiro, proxecto no que logo se involucrou, dende 2004, ao cen por cen, a Asociación Cultural A Revolta, a grande artífice desta extraordinaria recuperación. Esta tarde estréase na rede un documental sobre este proxecto. Beizón a Xerardo Santomé, investigador do caso, e ao resto de recuperadores dos Merdeiros, fachenda viguesa.

ESCABICHEIROS DE VIGO

Galicia toda vive estes días o Entroido, o Antroido, o Carnaval, que tanto ten, a festa das festas de febreiro, o grande teatro da rúa, a parodia e a representación do mundo rutinario, o tempo da sensualidade da carne, dos praceres do comer e do beber.

Vigo posúe unha tradición entroideira que se remonta ás tres últimas décadas do século XIX. Xosé María Álvarez Blázquez deu conta en “La ciudad y los días”, un libro que é fonte inagotable de memoria local, dos grandes desfiles de comparsas que se celebraban na cidade dende o domingo de entroido ao mércores de cinza. Durante os catro días da festa, as comitivas carnavaleiras saían do Campo de Granada e baixaban por Pracer, seguindo polas rúas de Príncipe, Ramal e Victoria, ata chegar a Alameda, onde se instalaba un grande catafalco, unha monstruosa boca de dragón de onde saía o deus Momo e a súa corte de diaños. Daquela, os disfraces en voga eran os dos deuses mitolóxicos bufos: Orfeo, Baco, Saturno, Cupido, Venus, Xúpiter…, anque non faltaban tropas árabes, cosacos lanceiros, numerosos cabaleiros da cabalo e unha banda de música traxeada de indios guerreiros.

Dos Entroidos de hai cen anos conservamos vagas pegadas dunha máscara carnavalesca propiamente viguesa: a dos escabicheiros ou merdeiros. Xoaquín Lourenzo, o entrañable Xocas, dá conta destas figuras coas que no noso Barrio de Pescadores se satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller os refugallos do peixe no peirao do Berbés, o escabiche.

Xocas describe a figura do escabicheiro como a dun enmascarado que se agachaba tras unha careta calquera e vestía traxe campesiño: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. A parte posterior do chaleco adoviábase cunha aplicación de tea que, como a dos cigarróns de Verín ou a dos peliqueiros de Laza, representaba símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Na cabeza levaban un pucho hemisférico de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano cosidas no alto; sobre unha faixa azul, verde ou encarnada, pendurada dun cordel atado á cintura, abaneaba unha vasoira sen mango ou unha ristra de cebolas. O escabicheiro armábase sempre cunha vara e cun farol, que podían ser substituídos por unha vella vasoira ou por unha verza, xa que acostumaba a vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.

Os merdeiros ou escabicheiros desapareceron do Carnaval vigués antes da guerra civil, como tamén foron esmorecendo outros excesos da sátira e da enchenta das máscaras tradicionais, ao mesmo ritmo que se despoboaban as nosas aldeas. O carnaval urbano de bailes de casino e círculo recreativo, do bo gusto e das boas maneiras, de disfraces bonitos e caros, colleu a quenda nas preferencias dunha festa, fortemente enraizada na tradición cultural europea medieval que, a pesar das marxinacións e mesmo prohibicións que lle impuxo o franquismo, mantivo sempre o seu carácter popular e, en certa medida, transgresor e burlesco.

Desde hai vinte e tres anos o Entroido vigués recuperou o seu pulo perdido, ó que non foron alleos os esforzos de colectivos veciñais na creación de comparsas, como a dos benditos Tarteiras, ou o labor calado, pero eficacísimo, que realizaron os centros escolares na revitalización da festa. O apoio municipal na organización dos desfiles de comparsas e a entronización do Meco para presidir o Entroido supuxo a definitiva consolidación do noso Carnaval popular.

“Mascarita, mascarita!: coñéscesme?”, velaí o contrasinal do Carnaval de noso, o de milleiros de fundas de Citröen e de humildes maruxos, os disfraces máis populares entre a rapazallada toda, que baixa insubmisa ao Centro a pasear a súa alegría provocadora. O Meco, no que queimaremos tódalas nosas ruindades, perplexo debe estar por ser obrigado a abandonar o seu catafalco na Porta do Sol; a mesma decepción que teríamos os celtistas se fósemos obrigados a abandonar a gloriosa Praza da América para celebrar os inminentes campionatos de Copa e UEFA. Velaí vai esta cidade sen criterio e sen memoria. Feliz Entroido, escabicheiros de Vigo!

Artigo publicado na sección «Campo de Granada», Faro de Vigo, 25-02-2001

Onte 507: #PolaLinguaQueNosUne

Pagou moito a pena mollarnos en Compostela para participar na manifestación #PolaLinguaQueNosUne. Fixémolo no grupiño dos compañeiros e compañeiras de Nova Escola Galega e, ao longo do percorrido, tivemos a oportunidade de falar devagariño e compartir desacougos e esperanzas con algúns deles sobre o futuro da lingua no eido educativo. A pesar do éxito que supuxo unha participación elevada nun día no que caeu choiva a eito, saín da Quintana coa sospeita de que probablemente esta convocatoria de Queremos Galego agotou un modelo de mobilizacións a prol da lingua. De cara a futuro, se pretendemos xerar unha ampla maioría social en Galicia a prol dunha nova política lingüística será necesario artellar outras accións cívicas aínda máis plurais, máis proactivas e máis orixinais. Un reto complexo e ilusionante do que debemos corresponsabilizarnos os militantes da lingua. Pagou moito a pena viaxar onte a Compostela, como pagará moito a pena ensaiar esas novas accións coas que intentaremos contribuír a recuperar os retrocesos sofridos #PolaLinguaQueNosUne.

Onte 473: O Apalpador

Na nosa casa non chegou o Apalpador xa que non hai picariños para lle agarimar a barrigola. Porén, moito me prestaría que pasase pola nosa porta para nos contaxiar o seu espírito xeneroso, ventureiro e inconformista. Fronte os repunantes que cuestionan os saberes do pandingueiro, son dos que cre que é unha grande fortuna contar coa posibilidade de contribuír a acuñar e reinventar unha tradición laica de noso, capaz de convivir con outras arraigadas na nosa sociedade para celebrar o solsticio de inverno. Longa vida para o Apalpador!

A preciosa ilustración do Apalpador é de Antonio Seijas.

Onte 472: Reconto de cedés

Son dos que continúa mercando música galega en cedé. As novidades máis recentes na miña discoteca galega foron Alén do mar do gaiteiro Óscar Ibáñez, unha excelente descuberta pontevedresa que lle agradezo aos pintores Antón Pulido e Antón Sobral;  aCadaCanto de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, un álbum marabilloso, que me deixou engaiolado, no que aparece unha extraordinaria versión en galego da canción do meu admirado Juan Perro «A misteriosa»; e Discover, o último recompilatorio de Carlos Núñez, de quen son coleccionista de todas as súas edicións. Agardo nestas festas facerme tamén co disco de Sergio Tannus Son brasilego, co de Rodrigo Romaní As arpas de Breogán e con PNO!, o libro CD-DVD que amosa unha parte do traballo de vinte e cinco anos do colectivo Ponte nas Ondas. Paréceme unha excelente colleita musical a deste outono, que amosa a potencia e diversidade da nosa MPG.