Onte 520: Merdeiros de Vigo

Cada Entroido prodúceme maior fachenda a recuperación dos Merdeiros, a máscara tradicional do entroido vigués. Pasaron xa unha ducia de entroidos desque publiquei en Faro de Vigo (o 25 de febreiro de 2001) un artigo titulado «Escabicheiros de Vigo», no que daba conta desta máscara citada por Xocas nos seus traballos sobre o carnaval tradicional. Foron os membros da Asociación Veciñal de Teis os primeiros que intentaron recuperar o Merdeiro, proxecto no que logo se involucrou, dende 2004, ao cen por cen, a Asociación Cultural A Revolta, a grande artífice desta extraordinaria recuperación. Esta tarde estréase na rede un documental sobre este proxecto. Beizón a Xerardo Santomé, investigador do caso, e ao resto de recuperadores dos Merdeiros, fachenda viguesa.

ESCABICHEIROS DE VIGO

Galicia toda vive estes días o Entroido, o Antroido, o Carnaval, que tanto ten, a festa das festas de febreiro, o grande teatro da rúa, a parodia e a representación do mundo rutinario, o tempo da sensualidade da carne, dos praceres do comer e do beber.

Vigo posúe unha tradición entroideira que se remonta ás tres últimas décadas do século XIX. Xosé María Álvarez Blázquez deu conta en “La ciudad y los días”, un libro que é fonte inagotable de memoria local, dos grandes desfiles de comparsas que se celebraban na cidade dende o domingo de entroido ao mércores de cinza. Durante os catro días da festa, as comitivas carnavaleiras saían do Campo de Granada e baixaban por Pracer, seguindo polas rúas de Príncipe, Ramal e Victoria, ata chegar a Alameda, onde se instalaba un grande catafalco, unha monstruosa boca de dragón de onde saía o deus Momo e a súa corte de diaños. Daquela, os disfraces en voga eran os dos deuses mitolóxicos bufos: Orfeo, Baco, Saturno, Cupido, Venus, Xúpiter…, anque non faltaban tropas árabes, cosacos lanceiros, numerosos cabaleiros da cabalo e unha banda de música traxeada de indios guerreiros.

Dos Entroidos de hai cen anos conservamos vagas pegadas dunha máscara carnavalesca propiamente viguesa: a dos escabicheiros ou merdeiros. Xoaquín Lourenzo, o entrañable Xocas, dá conta destas figuras coas que no noso Barrio de Pescadores se satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller os refugallos do peixe no peirao do Berbés, o escabiche.

Xocas describe a figura do escabicheiro como a dun enmascarado que se agachaba tras unha careta calquera e vestía traxe campesiño: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. A parte posterior do chaleco adoviábase cunha aplicación de tea que, como a dos cigarróns de Verín ou a dos peliqueiros de Laza, representaba símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Na cabeza levaban un pucho hemisférico de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano cosidas no alto; sobre unha faixa azul, verde ou encarnada, pendurada dun cordel atado á cintura, abaneaba unha vasoira sen mango ou unha ristra de cebolas. O escabicheiro armábase sempre cunha vara e cun farol, que podían ser substituídos por unha vella vasoira ou por unha verza, xa que acostumaba a vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.

Os merdeiros ou escabicheiros desapareceron do Carnaval vigués antes da guerra civil, como tamén foron esmorecendo outros excesos da sátira e da enchenta das máscaras tradicionais, ao mesmo ritmo que se despoboaban as nosas aldeas. O carnaval urbano de bailes de casino e círculo recreativo, do bo gusto e das boas maneiras, de disfraces bonitos e caros, colleu a quenda nas preferencias dunha festa, fortemente enraizada na tradición cultural europea medieval que, a pesar das marxinacións e mesmo prohibicións que lle impuxo o franquismo, mantivo sempre o seu carácter popular e, en certa medida, transgresor e burlesco.

Desde hai vinte e tres anos o Entroido vigués recuperou o seu pulo perdido, ó que non foron alleos os esforzos de colectivos veciñais na creación de comparsas, como a dos benditos Tarteiras, ou o labor calado, pero eficacísimo, que realizaron os centros escolares na revitalización da festa. O apoio municipal na organización dos desfiles de comparsas e a entronización do Meco para presidir o Entroido supuxo a definitiva consolidación do noso Carnaval popular.

“Mascarita, mascarita!: coñéscesme?”, velaí o contrasinal do Carnaval de noso, o de milleiros de fundas de Citröen e de humildes maruxos, os disfraces máis populares entre a rapazallada toda, que baixa insubmisa ao Centro a pasear a súa alegría provocadora. O Meco, no que queimaremos tódalas nosas ruindades, perplexo debe estar por ser obrigado a abandonar o seu catafalco na Porta do Sol; a mesma decepción que teríamos os celtistas se fósemos obrigados a abandonar a gloriosa Praza da América para celebrar os inminentes campionatos de Copa e UEFA. Velaí vai esta cidade sen criterio e sen memoria. Feliz Entroido, escabicheiros de Vigo!

Artigo publicado na sección «Campo de Granada», Faro de Vigo, 25-02-2001

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *