Artigos

É tempo de Entroido

É tempo de entroido! from Xerais on Vimeo.

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao tempo de Entroido:

Pasada a alborada do día de Rosalía e o seu caldo de gloria, entramos de cheo no tempo de Entroido, no das máscaras e dos cocidos. Un tempo lardeiro de transgresión e de burla, días para o escarnio verbal e os excesos no comer, horas para o rexoube na representación do mundo cuxas raíces afondan na memoria máis antiga que anuncia a chegada da primavera. O carnaval en Galicia, en palabras de Carlos G. Reigosa, é «unha memorable ocasión para vernos as caras e para escoitarnos, como, como persoas e como pobo, xa que as máscaras din máis do que ocultan».

Entroido, palabra normativa, ou Antroido, como dicimos en Vigo, ou Entroiro, Antroiro, Entruido, Entrudio ou Introido, que son outras variantes galegas para referirse ao Carnaval, á festa popular da liberdade e da creatividade que se celebra ao remate do inverno entre os meses de febreiro ou marzo, cada ano nos días inmediatamente anteriores ao inicio da coresma e da pascua cristiás, cuxa data depende de cando cae o primeiro xoves de lúa chea (xoves santo).

Tempo de Entroido que no Viguiño noso vai dende o venres no que se entroniza Meco e os Merdeiros percorren o Casco Vello até o mércores de cinza no que se queima o Meco e se enterra a sardiña na Porta do Sol. No entanto, nalgúns lugares do sur da provincia de Ourense, o Entroido empeza rematado o Nadal, como en Laza onde o primeiro folión comeza co aninovo ou en Maceda onde os felos saen o primeiro sábado de xaneiro ou en Verín onde os cigarróns percorren as rúas o 17 de xaneiro para celebrar o Santo Antón. Por non falar xa das cinco semanas do calendario de Xinzo e Limia, un dos carnavais máis longos do mundo, que este ano se estende dende o Sábado do Petardazo e Domingo Faraleiro (8 e 9 de febreiro), pasando polos domingos Oleiro (17) e Corredoiro (24) ao Sábado e Domingo de Piñata (9 e 10 de marzo).

Un tempo de Entroido onde as máscaras ancestrais son as protagonistas, cuxa orixinalidade e diversidade sae aos camiños como expresión da auténtica esencia da nosa tribo. Máscaras, con nomes alusivos ao que levan nas súas carautas, traxes ou no seu báculo, caxato ou látego, que conforman unha xeografía visual impactante, recollida agora nunha monografía fotográfica abraiante, Antroidos e máscaras da Galicia Rural (Sermos Galiza 2019), froito de tres décadas de investigación do fotógrafo Alfonso García «Santos», e nun extraordinario álbum, É tempo de Entroido (Xerais 2019), onde o editor Ramón D. Veiga e o ilustrador David Sierra, reinventan e actualizan, apoiados nunha canción de Isabel Fernández Reviriego, para as crianzas galegas do século XXI este catálogo do noso imaxinario.

Desfilan por estes libros imprescindibles, auténticas arcas de marabilla da edición galega impresa, os Cigarróns de Verín, os Boteiros de Viana do Bolo (tamén de Vilariño de Conso, e de Trives), os Peliqueiros de Laza (tamén de Campobecerros), os Volantes de Chantada, as Mázcaras de Manzaneda, Os Troteiros de Bande, os Pantallas de Xinzo, os Felos de Maceda (tamén de Esgos e Garabás), o Oso de Salcedo, os Vergalleiros de Sarreaus (tamén as Vergalleiras das Teixugueiras), as Señoritas e os Labardeiros de Mugares (Toén), os Xenerais e Correos do Ulla, As Madamas e os Galáns de Cobres… Sen esquecer nin a figura do Ravachol de Pontevedra nin a dos Merdeiros (tamén chamados Escabicheiros) de Vigo nin a dos Choqueiros da Coruña. Máscaras de onte, que por ventura se conservan e actualizan nunha tradición que ao longo de todo ano se pode visitar no Museo do Entroido de Xinzo ou nas novas achegas do Museo do Pobo Galego.

Tempo de Entroido no que nas mesas da convivencia de casas, furanchos e restaurantes os cocidos e as froitas de tixola son os grandes protagonistas, nun país onde tamén neste eido hai moito onde escoller. Nas máis está presidido pola cachucha, por colares de toda caste de chourizos, mergullados en cama de patacas e grelos, mais nalgunhas outras polo lacón e polas restras de androllas ou botelo, produtos acompañados polos viños novos que xa comezaron a coller corpo. E na sobremesa non falta todo o que se pode preparar con fariña e ovo: orellas de entroido (tamén bautizadas «de frade»), filloas (marruchos no Val Miñor e freixós e moitos outros lugares), follas de limón, chulas, bandullo, tripón doce, bica e moitas outras tortas.

Tempo de Entroido onde sempre estivo permitida a crítica, razón pola que non podemos rematar o noso alegato entroideiro sen lamentar que o concello de Vigo, outro ano máis, non estea á altura que merece a nosa tradición de cidade escabicheira, escollendo como pregoeira da entronización do Meco á cantante Chenoa, que nada ou moi pouco sabe de quen somos, de onde vimos e cara onde imos. Tanto ten xa que non fai falta ser adiviño para saber quen será o gran protagonista da nosa primeira entroidada. Viva o Entroido galego!

Onte 1836: Avante, merdeiros!

Merdeiros_2017

Os merdeiros de Vigo (a Asociación Etnográfica “A Merdeira”) queixábanse onte en Fb que no programa do Entroido de Vigo non aparecían nin no venres nin no martes. Apenas outro síntoma do devalo deste entroido vigués no que os responsables municipais, ademais de traer artistas de fóra que nada saben da nosa tradición, determinan o motivo do Meco e as razóns polas que debe ser queimado: outra vez, as voltas coa trapallada do dinoseto e “os enemigos de Vigo”. Que foi daqueles entroidos populares e reivindicativos de Santa Sotina ou das cancións de comparsas revolcadas como Os Tarteiras? Magoadamente aquel Vigo rabudo desapareceu sometido ao conformismo actual da cultura da dinosobe. Unha auténtica desgraza que está arruinando o asociacionismo veciñal e cultural da cidade. Por fortuna os merdeiros, a máscara tradicional viguesa recuperada dende hai once anos, non se someten os caprichos que chegan do Campo de Granada. Pese a quen pese eles seguirán saíndo. Avante, merdeiros de Vigo!

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Do Entroido de Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo falo do Entroido en Vigo.

merdeiros_no_casco_velloPareceume pouco afortunada a apertura do Entroido transformada nun concerto de carnaval, onde un artista veterano, “El Sevilla”, cantante dos Mojinos Escozíos, alleo a nosa tradición e costumes, agochaba co seu discurso e indumentaria de irreverente rocanroleiro heavy todo o espírito de escarnio e maldicir que lle acae nese momento á nosa festa popular de inverno. Un modelo de pregoeiro sen pregón, iniciado o pasado ano coa presenza de televisivo Mario Vaquerizo, que semella pretende institucionalizarse. Porén, o entroido en Vigo, desque foi recuperado hai corenta anos polo esforzo de comparsas como Os tarteiras, tras recuperar as liberdades, moi pouco ten que ver con este modelo inocuo, onde o concello escolle o pregoeiro e até o propio meco. O Entroido é transgresión do cotián, é manifestación da crítica (ás veces feroz) e da reivindicación, é representación creativa e orixinal dunha xoldra elegante de novos e vellos, é expresión da retranca e da ironía (ese humor que sabemos coñece a dor). Xaora, o Entroido nunca tivo que ver co esperpento (que don Ramón nos perdone no sequiscentenario do seu nacemento) escenificado o venres na Porta do Sol, outra vez máis disfrazada de zona cero dunha cidade á que se intenta aquelar co virus do conformismo.

A nosa entroidada ten unha longa historia. Dende 1877 temos noticia das comitivas carnavaleiras viguesas, como relatou o escritor Lisardo Barreiro no seu libro “Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia” (Imprenta Martínez Salazar, 1890). Unha carnavalada que “durante tres días de esmorga e orxiásticos praceres [de domingo a mércores de cinza] convertía á cidade nun xigantesco teatro de inusitada pompa” onde se rendía homenaxe ao Momo e os seus doce deuses olímpicos bufos. Aquel entroido dun Viguiño, que non chegaba aos quince mil habitantes, estaba organizado polas sociedades recreativas e ximnásticas coa intención de render culto afervoado ao deus da risa e da loucura. E segundo o relato de Lisardo Barreiro os organizadores tomaban a cousa moi en serio evitando empregar a palabra groseira, o chiste de pouco gusto ou os estrambóticos atavíos dunha indumentaria zarapastreira, xa que as brincadeiras e as mascaradas aquí “resultan verdades como templos, como as críticas acerbas e intencionadas dos nosos políticos, dos nosos costumes perniciosos e dos odiosos vicios da sociedade xeral”. Salientábase así, o carácter laico e de ampla participación cidadán destas entroidadas viguesas, nas que durante uns poucos días se botaba a casa e todos os farrapos vellos pola xanela e se poñían en solfa as autoridades cunha intención lúdica, transgresora e cívica.

Ao carón da festa de fachenda das sociedades carnavaleiras, pervivía en Vigo un entroido protagonizado polas clases populares (mariñeiros da Ribeira, sobre todo) que durante estes días de exceso gozaban coas caras emborranchadas guindando augas negras, ovos, fariñas e outros produtos molestos aos transeúntes. Entroido popular representado pola máscara do escabicheiro (tamén chamado “merdeiro”) recuperada do esquezo polo etnógrafo Xoaquín Lourenzo e polo xornalista Federico Cocho no seu libro “O carnaval en Galicia”. O merdeiro de Vigo, unha máscara que demos a coñecer neste Campo de Granada hai xustamente quince anos, foi amodiño recuperando o seu espazo no corazón do noso entroido popular, grazas aos esforzos, primeiro da Asociación Veciñal de Teis e o seu Plan Comunitario, que en 2002 organizaron a primeira comparsa de merdeiros, e xa a partir de 2004 dos traballos de recuperación da Asociación Cultural A Revolta e do investigador Xerardo Santomé. Hoxe o bulir polas rúas do Casco Vello dos merdeiros armados coa súa vasoira, co seu vestiario branco, o seu chaleque vermello e a súa careta, xa é recoñecible por todos como a máscara máis xenuína do noso entroido.

Non embargante, as máscaras máis populares do entroido vigués continúan sendo a dos humildes maruxos e a dos milleiros de fundas, expresión do carácter obreiro dunha cidade revolcada. Como a manifestación dos excesos desta carnavalada está en cada un dos fogares, sexa nos cocidos e laconadas familiares como na festa dos froitos de tixola, protagonistas das sobremesas destes días. Un eido onde comprobamos que tamén hai recuperacións a celebrar, xa que xunto ás orellas crocantes e ás filloas larpeiras (marruchos no Val Miñor), as flores de entroido están en aberto proceso de recuperación no Vigo metropolitano. Unha larpeirada da nosa infancia para á que é preciso un ferro en forma de flor que se molla nun amoado (leite, fariña, ovo e reladura de limón) e que logo se somerxe en aceite quente. A pasta fritida, unha vez desprendida e bautizada con azucre e canela, conservará así fermosa xeometría da flor de ferro. Unha delicia para este martes ladeiro.

Onte 1569: Tempo de Entroido

mojinosescCun cocido de fraternidade e coas primeiras orellas abrimos esta fin de semana o tempo de Entroido. Foron sempre estes días de fartura, no caso noso, só larpeiros, tempo da miña preferencia, sobre todo cando traballaba na escola, xa que é cando mellor podiamos explorar os límites do xogo e teatralizar a actividade educativa. No entanto, non quedei feliz cando onte lin no Faro que serán os membros de Mojinos Escozíos os que leran o pregón, collendo a testemuña de Mario Vaquerizo que o fixo o pasado ano. Nada teño en contra destes veteranos e irreverentes rocanroleiros; mais non os vexo axeitados para abrir o noso carnaval.

O Entroido é transgresión, é exceso, é crítica feroz, mais moi pouco ten que ver con este esperpento que se nos propón. Quen vai recoñecer a «El Sevilla» no palco da Porta do Sol? Que saben os membros do grupo de Mollet sobre a nosa tradición carnavaleira? Non hai outras figuras populares de noso a quen convidar? Mágoa que volva a repetirse a desorientación da dirección da política cultural actual do concello de Vigo, incapaz de entender e valorar a tradición do noso Entroido popular de merdeiros e mascaritas.

Onte 1238: Os merdeiros consolídanse

merdeirosMoi lonxe da parvada de Mario Vaquerizo da man de Abel Caballeropregoeiros sen pregón diante de centos de persoas, o mellor do Entroido de Vigo deste ano é a consolidación da figura tradicional do merdeiro (ou escabicheiro) ruando polo Casco Vello. Tras a reivindicación desta máscara viguesa, citada por Xoaquín Lorenzo «Xocas» e Federico Cocho no seu libro O carnaval en Galicia, que fixemos hai catorce anos nas páxinas de Faro de Vigo, o merdeiro foi amodiño recuperando o seu espazo até converterse nunha figura recoñecible por todos. Na miña biblioteca conservo enmarcada unha fotografía dun dos primeiros merdeiros recuperados pola Asociación A Revolta, un agasallo que me fixeron os meus sobriños Isabel e Canis. Un pequeno tesouro etnográfico. Por ventura esta máscara viguesa prendeu no espírito do entroido popular, constituíndo unha tradición en proceso de aberta recuperación. Peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, pantallas de Xinzo, boteiros de Viana, troteiros de Bande, felos de Maceda, merdeiros de Vigo… Bo entroido!

Onte 907: Coresma

Foi un acerto mudar para o primeiro domingo de Coresma o desfile das comparsas do entroido vigués. As rúas do centro enchéronse co rebumbio dos pícaros e a ledicia da antroidada dos maiores. Deu xenio ver o desfile da comparsa dos peliqueiriños e cigarróns vigueses, emulando a máscara tradicional de Laza e Verín, máis aínda despois de en Vigo termos recuperado a máscara do merdeiro, aquela da que falaba Xoaquín Lorenzo, un éxito do que moito nos gabamos. O de onte foi un deses días felices, onde a cidade volveu reconciliarse coa súa veciñanza, onde o espazo público volveu ser reconquistado. Ademais, despois de varios meses de ballóns na nosa camiñada portuaria gozamos do ocaso do sol entre as Cíes. Existe mellor maneira de rematar unha semana!

Onte 520: Merdeiros de Vigo

Cada Entroido prodúceme maior fachenda a recuperación dos Merdeiros, a máscara tradicional do entroido vigués. Pasaron xa unha ducia de entroidos desque publiquei en Faro de Vigo (o 25 de febreiro de 2001) un artigo titulado «Escabicheiros de Vigo», no que daba conta desta máscara citada por Xocas nos seus traballos sobre o carnaval tradicional. Foron os membros da Asociación Veciñal de Teis os primeiros que intentaron recuperar o Merdeiro, proxecto no que logo se involucrou, dende 2004, ao cen por cen, a Asociación Cultural A Revolta, a grande artífice desta extraordinaria recuperación. Esta tarde estréase na rede un documental sobre este proxecto. Beizón a Xerardo Santomé, investigador do caso, e ao resto de recuperadores dos Merdeiros, fachenda viguesa.

ESCABICHEIROS DE VIGO

Galicia toda vive estes días o Entroido, o Antroido, o Carnaval, que tanto ten, a festa das festas de febreiro, o grande teatro da rúa, a parodia e a representación do mundo rutinario, o tempo da sensualidade da carne, dos praceres do comer e do beber.

Vigo posúe unha tradición entroideira que se remonta ás tres últimas décadas do século XIX. Xosé María Álvarez Blázquez deu conta en “La ciudad y los días”, un libro que é fonte inagotable de memoria local, dos grandes desfiles de comparsas que se celebraban na cidade dende o domingo de entroido ao mércores de cinza. Durante os catro días da festa, as comitivas carnavaleiras saían do Campo de Granada e baixaban por Pracer, seguindo polas rúas de Príncipe, Ramal e Victoria, ata chegar a Alameda, onde se instalaba un grande catafalco, unha monstruosa boca de dragón de onde saía o deus Momo e a súa corte de diaños. Daquela, os disfraces en voga eran os dos deuses mitolóxicos bufos: Orfeo, Baco, Saturno, Cupido, Venus, Xúpiter…, anque non faltaban tropas árabes, cosacos lanceiros, numerosos cabaleiros da cabalo e unha banda de música traxeada de indios guerreiros.

Dos Entroidos de hai cen anos conservamos vagas pegadas dunha máscara carnavalesca propiamente viguesa: a dos escabicheiros ou merdeiros. Xoaquín Lourenzo, o entrañable Xocas, dá conta destas figuras coas que no noso Barrio de Pescadores se satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller os refugallos do peixe no peirao do Berbés, o escabiche.

Xocas describe a figura do escabicheiro como a dun enmascarado que se agachaba tras unha careta calquera e vestía traxe campesiño: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. A parte posterior do chaleco adoviábase cunha aplicación de tea que, como a dos cigarróns de Verín ou a dos peliqueiros de Laza, representaba símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Na cabeza levaban un pucho hemisférico de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano cosidas no alto; sobre unha faixa azul, verde ou encarnada, pendurada dun cordel atado á cintura, abaneaba unha vasoira sen mango ou unha ristra de cebolas. O escabicheiro armábase sempre cunha vara e cun farol, que podían ser substituídos por unha vella vasoira ou por unha verza, xa que acostumaba a vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.

Os merdeiros ou escabicheiros desapareceron do Carnaval vigués antes da guerra civil, como tamén foron esmorecendo outros excesos da sátira e da enchenta das máscaras tradicionais, ao mesmo ritmo que se despoboaban as nosas aldeas. O carnaval urbano de bailes de casino e círculo recreativo, do bo gusto e das boas maneiras, de disfraces bonitos e caros, colleu a quenda nas preferencias dunha festa, fortemente enraizada na tradición cultural europea medieval que, a pesar das marxinacións e mesmo prohibicións que lle impuxo o franquismo, mantivo sempre o seu carácter popular e, en certa medida, transgresor e burlesco.

Desde hai vinte e tres anos o Entroido vigués recuperou o seu pulo perdido, ó que non foron alleos os esforzos de colectivos veciñais na creación de comparsas, como a dos benditos Tarteiras, ou o labor calado, pero eficacísimo, que realizaron os centros escolares na revitalización da festa. O apoio municipal na organización dos desfiles de comparsas e a entronización do Meco para presidir o Entroido supuxo a definitiva consolidación do noso Carnaval popular.

“Mascarita, mascarita!: coñéscesme?”, velaí o contrasinal do Carnaval de noso, o de milleiros de fundas de Citröen e de humildes maruxos, os disfraces máis populares entre a rapazallada toda, que baixa insubmisa ao Centro a pasear a súa alegría provocadora. O Meco, no que queimaremos tódalas nosas ruindades, perplexo debe estar por ser obrigado a abandonar o seu catafalco na Porta do Sol; a mesma decepción que teríamos os celtistas se fósemos obrigados a abandonar a gloriosa Praza da América para celebrar os inminentes campionatos de Copa e UEFA. Velaí vai esta cidade sen criterio e sen memoria. Feliz Entroido, escabicheiros de Vigo!

Artigo publicado na sección «Campo de Granada», Faro de Vigo, 25-02-2001