Onte 2155: «Vémonos mañá» de Xosé Monteagudo
Cando fun recoller os primeiros exemplares de Vigo, abella da ribeira (Xerais 2023) tiven a fortuna de levar tamén un de Vémonos mañá (Xerais 2023), libro co que Xosé Monteagudo se incorpora ao catálogo de Xerais Narrativa. Confeso que lin de dúas longas sentadas esta novela engaiolante sobre a relación dos pontevedreses Josefina Arruti Viaño e Bibiano Fernández Osorio-Tafall, unha historia de resistencia de dous amantes separados de forma inesperada o 12 de xullo de 1936, na que unha chamada telefónica cinco días despois mudará as súas vidas, pero nunca nin as súas ansias nin os seus ideais. Unha conmovedora novela política sobre tantas esperanzas truncadas pola rebelión militar que, como fixeran con tanto acerto Suso de Toro coa figura de Ramón Baltar ou Luís Rei Núñez coa de Castelao ou Reboiras, amosa que a reconstrución dende a ficción de traxectorias biográficas constitúe unha estratexia moi valiosa para o coñecemento da historia e memoria do galeguismo.
Acerta Monteagudo cando se achega con certa distancia á figura de Bibiano F. Osorio-Tafall, profesor de ciencias, unha das figuras políticas galegas máis relevantes do século XX, tanto polo seu papel no proceso de aprobación do Estatuto do 36 como alcalde de Pontevedra e presidente da comisión intermunicipal, pola participación nos gobernos da República, especialmente no último de Negrín como, xa exiliado en México, polo seu labor diplomático na FAO e nas Nacións Unidas, sendo mesmo candidato a presidir a propia ONU. Como acerta Monteagudo en afondar na figura heroica (e case anónima) de Josefina Arruti, cuxa historia desvelara Montserrat Fajardo no seu formidable Un cesto de mazás (2015), que sufriu en Pontevedra a durísima represión daqueles anos de terror, dende meses de cárcere a anos de acoso e estreiteza económica.
Monteagudo ofrece dous retratos paralelos que se van desvelando no tempo, unha estrutura narrativa moi precisa e orixinal que en vinte e catro horas conta dúas vidas longas que a pesar de xiros e reviravoltas diversas semellan nunca darse totalmente por vencidas. Vidas que se orientan por decisións e instantes capaces de determinalas para sempre, como tamén as das súas familias e do seu propio país. Que tería acontecido en Galicia se Bibiano F. Osorio-Tafall tivese aceptado a proposta de Adolfo Suárez a presidir aquela Xunta de Galicia da Preautonomía?
Recomendo vivamente a lectura dunha novela rica en matices e detalles, escrita de forma elegante sen abandonar nunca a distancia e a contención necesarias para que os retratos de Josefina e Bibiano resulten tan atractivos como verosímiles. Parabéns ao autor e á editora por incorporalo ao seu catálogo.