Artigos

4 de nadal: 40 anos de autonomía conformista

Dedico o primeiro artigo en Luzes.gal ao corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal a prol da Autonomía para Galicia:

Coa excepción dunha excelente reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza, o corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal, unha data histórica na que se mobilizaron en Galicia máis de 400 mil persoas, pasou sen pena nin gloria na axenda pública galega, a utilizada polas administracións, partidos e medios impresos do país. Un feito que non resulta estraño no proceso autonómico galego que dende o seu inicio foi dirixido dunha ou doutra maneira por persoas e forzas políticas que non acreditaban no autogoberno galego.

Explícao de marabilla o propio Marcos Pérez Pena no seu libro A prensa en Galicia na Transición (2016), unha desas obras maiores de Xerais Crónica, agochada tamén para a maior parte dos medios, a pesar de obter o Premio da Crítica de Galicia 2017 na modalidade de Investigación, cando relata os ires e vires do inicio da autonomía, impulsada de forma decisiva polas manifestacións daquel domingo de decembro de 1977 de Vigo e da Coruña (das maiores da nosa historia, xunto ás do Prestige), mais tamén pola tractorada que o mesmo día organizaron as Comisións Labregas, apoiada polo BN-PG, ambas as dúas silenciadas pola prensa de Madrid.

Como tamén relata no seu documentadísimo libro o xornalista de Praza as peripecias de Adolfo Suárez e Manuel Clavero Arévalo, o seu ministro adjunto para las regiones, para poñer en marcha a preautonomía Galega o 10 de marzo de 1978, de forma simultánea ás do País Valenciano, Aragón e Canarias, o que Xosé Antón Gaciño, o director de El Ideal Gallego, cualificou de “preautonomía desgastada”, e Luís Álvarez Pousa, xornalista de La Voz de Galicia, de “preautonomía retrasada, filtrada e desalentada”. Abríase así o que sería unha deriva da autonomía galega nestas catro décadas de “café para todos” (termo do ministro Clavero): estar sempre un paso (ou varios) atrás de Cataluña e o País Vasco, ao tempo que sinalar para o Gobierno de España, fose socialista ou popular, o teito das aspiracións do resto das comunidades.

Outrosí sucedeu co proceso que levou a Suárez a nomear finalmente a Antonio Rosón como presidente da Xunta preautonómica, outro capítulo formidable do libro de Pérez Pena, desbotando a outros membros da UCD, como o ministro franquista Pío Cabanillas, tamén un dos fundadores de Alianza Popular, daquela xa apoiado polo “grupo de Ourense”, ou o vigués Víctor Moro, que recibiría un ano despois como premio de consolación a candidatura á alcaldía de Vigo. Unha escolla a do polémico Rosón, que dende o inicio se definiu como “galeguista” e utilizou decote o idioma galega, á que non debeu ser allea a intervención do seu amigo Ramón Piñeiro, desbotando así a encrucillada dun Tarradellas galego, que Suárez chegou a contemplar na figura de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, o científico e diplomático que fora alcalde de Pontevedra durante a segunda República e chegara a subsecretario xeral da ONU.

Desencanto sobre o proceso autonómico que continuou co de elaboración e aprobación do Estatuto de Galicia, aprobado no referendo de 21 de decembro de 1980 cunha participación do 28,3% e unha porcentaxe de votos afirmativos do 73,4%. Un fracaso en toda regra na aprobación cidadá dun texto vixente dende o 6 de abril de 1981, mais que nunca foi modificado e solicitada apenas a súa revisión durante o goberno de coalición presidido por Emilio Pérez Touriño. Quizais outra manifestación, en palabras do xornalista Xosé María Palmeiro, de “submisa indiferenza”, ou anticipación do conformismo instalado na cidadanía galega desque goberna Alberto Núñez Feijoo e outros altos funcionarios do grupo de cadros da administarción autonómica. Mais ese xa é outro conto.

Onte 1659: 38 anos de cultura galega

Fundacion_Prmeios_da_Critica_Galicia_30_04-2016

Participamos no mediodía de onte nun debate organizado no edificio Cambón de Vigo pola Fundación Premios da Crítica Galicia sobre a cultura galega a través das 38 edicións destes premios que se veñen celebrando de forma ininterrumpida dende 1978. Hora e media ben cumprida de reflexión onde compartimos palabra con Bieito Ledo, presidente da Fundación e fundador dos premios, coa escritora Inma López Silva e con María Xosé Porteiro e Xosé María Palmeiro, mestres do xornalismo galego. A pesar do inevitable aroma de melancolía que supuxo facer balance e ollar cara atrás, todos os cinco intervinientes compartimos a necesidade de afrontar mudanzas profundas, tanto nas formas de comunicación como nos contidos do que entendemos por «cultura galega».

Inma López Silva ocupouse de analizar as modalidades dos premios relacionadas as Artes Escénicas, primeiro como Ciencias e Artes da Representación e dende 2011 como Artes Escénicas e Audiovisuais. Para a profesora da ESAD dende 1979, ano no que foi premiado o grupo Troula, «os Premios da Crítica Galicia foron unha radiografía do teatro galego e do mundo do audiovisual». Salientou entre os premiados Mamasunción (1985), Antón Reixa (2001), o Equipo técnico e artistas galegos de Mar adentro (2005), Nova Galega de Danza (2009) e as últimas edicións onde foron premiadas compañías que están renovando o teatro galego actual, Chévere (2011), Voadora (2013) e A Panadaría Teatro (2015). Rematou Inma lembrando o premio outorgado en 2012 a Xosé Manuel Olveira «Pico», «que foi todo no teatro e no audiovisual galego das últimas décadas».

Centrei a miña intervención na análise da modalidade de Creación Literaria, que na miña opinión contribuíu á normalización dun sector que foi ampliando amodiño os seus públicos e profesionalizando o propio sector editorial. Repasando a nómina das 38 obras gañadoras, reparei no feito que 23 fosen narrativas e 15 poéticas. Repetiron como gañadores Carlos Casares (1980, 1999 e 2003), Víctor Freixanes (1983 e 1989), Suso de Toro (1987 e 2010), X.L. Méndez Ferrín (1988 e 1992), Manuel Rivas (1994 e 2007) e Agustín Fernández Paz (2012 e 2015). En canto ás editoriais, Xerais obtivo o premio en catorce ocasións, Galaxia en doce, Espiral Maior en catro  e nunha Edicións do Cerne, Ir Indo, O Castro, Laiovento, A Nosa Terra, Tema, Nós e a autoedición de Afonso Pexegeurio, gañador da primeira edición (1978). Salientei a escasa presenza no palmarés de obras escritas por mulleres, xa que houbo que agardar a 1995 (despois de dezasete edicións) a que fora premiada Marilar Aleixandre por A expedición do Pacífico, sendo tamén a primeira ocasión no que era recoñecida unha obra da literatura infantil e xuvenil. Xaora, o número de escritoras premiadas foi apenas de cinco: Marilar Aleixandre (1995), Pilar Pallarés (1997), Anxos Sumai (2004), Luisa Villalta (2005) e Ana Romaní (2011).

María Xosé Porteiro ocupouse de analizar a modalidade de Iniciativas Culturais, onde salientou que dende a primeira edición, na que foi premiado o Museo do Pobo Galego, recoñecéranse iniciativas colectivas. «Ao longo destes trinta e oito anos tívose unha visión moi ampla, moi panorámica, moi extensa, como se pode comprobar na nómina de iniciativas gañadoras e tamén de finalistas, como sucedeu na primeira edición con Vagalume, aquela revista infantil galega». Xaora, insistiu Porteiro na necesidade de enlazar coas xeracións da Diáspora e no feito de que nestas case catro décadas «non perdemos identidade, gañámola, xa que fomos capaces de pensar en global e actual en local». Rematou apelando «a necesidade de que os Premios da Crítica Galicia mudasen as formas para actuar e comportarse co espírito das novas xeracións».

Pola súa banda, Xosé María Palmeiro abordou a profunda mudanza que no sistema de medios se produciu en Galicia dende 1978, «un momento no que comezou a concibirse Galicia como un espazo informativo propio e no que apareceron publicacións en lingua galega como Teima, Man común e máis tarde A Nosa Terra». «Un momento no que se produciu a atención cara o local e a reivindicación do papel da lingua e do argumento informativo de Galicia, Nese caldo de cultivo naceu a iniciativa dos Premios da Crítica Galicia». A seguir, Xosé María Palmeiro fixo unha inquedante reflexión sobre a situación actual do sistema de medios de en Galicia sometido a un proceso de concentración: «algo non vai ben. Non andamos ben en conxunto, Algo non vai ben a pesar da hipermultiplicación de pantallas. Algo non vai ben na expresión do relato de Galicia e en galego».

Onte 1320: Máis alá da resistencia

Preemiados_aelg_2015

Gustoume moito que a entrega no Círculo das Artes de Lugo dos premios da AELG 2015 constituíse un alegato esperanzoso máis alá da resistencia, como sinalou sabiamente a xornalista Tarexia Navaza, xa que «resistir non é perder nunca a esperanza». Unha actitude que destilaron as palabras que lin de Agustín Fernández Paz, no momento de agradecer o premio que recibiu A viaxe de Gagarín como «mellor libro de Narrativa», lembrando que a loita polas liberdades «hoxe segue sendo necesaria». Espírito que reivindicou Ramón Nicolás, un ano máis premiado como «mellor blog literario», cando dixo que «en Caderno da crítica escribo dende unha actitude de construción colectiva, compartindo e colaborando na difusión da literatura galega.» Esperanza presente nas plabras sabias e afoutas de Montse Dopico, cando agradeceu o premio á «mellor traxectoria de xornalismo cultural» reclamando corresponsabilidade na defensa da nosa cultura e propoñendo que «non temos medo e imos máis alá da resistencia.» Actitude que compartiu Carlos Negro, premio «ao mellor libro infantil e xuvenil», convidando a que «non vos pinten costuras nos labios» e os xornalistas Xosé María Palmeiro, Margarita Ledo e Manuel Lombao e Tareixa Navaza, premiados como Bos e xenerosos, denunciando «a invernía do uso do galego nos medios» e afirmando que o xornalismo é unha profesión onde «non se pode ter medo.» Como gustei moito das palabras cheas de matices de esperanza de Cesáreo Sánchez Iglesias nas que proclamou «a literatura como territorio de soberanía do idioma« e reclamou un plan estratexico para o sector do libro e da lectura. Unha esperanzadora noite da letras, conducido con gran elegancia por María Solar. Regresamos felices, a pesar da picada dunha roda.