Artigos

Onte 1325: Baixa de «El País»

Ultima_de_manuel_rivasDémonos de baixa como suscritores de El País. Tras o peche das dúas páxinas de Galicia e o cese das «Últimas» dos sábados de Manuel Rivas xa non hai razón ningunha para continuar apoiando o xornal de Cebrián. Unha decepción! Durante décadas nas páxinas de El País seguimos o fío do tempo contemporáneo e de moitos dos seus debates políticos, sociais e culturais. Os oito anos da edición de Galicia, dirixida por Xosé Hermida, foron un exercicio de xornalismo honesto, liberdade de expresión e información veraz. As páxinas dos venres de «Luzes» foron un fito da nosa información cultural. Como algunhas informacións políticas e económicas funcionaron coma esa pedriña tan molesta na zoca do poder. A de El País de Galicia foi outra ilusión malograda, outra batalla perdida pola cidadanía galega, á que libraron con afouteza os profesionais que reinventaron a fantasía do xornal independente cada día. O noso recoñecemento e solidariedade para eles.

No centro do mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da aparición do libro Futbol es fútbol de Jacobo Buceta e da vitoria do Celta fronte ao Madrid, a criticar o relato centralista e reaccionario promovido pola caverna madrileña sobre as competicións de fútbol profesional.

Na presentación de “Fútbol es fútbol” (Xerais 2012) en Santiago de Compostela, Fernando Vázquez gabou o extraordinario humor co que está escrito o libro de Jacobo Buceta, ademais de insistir en que lle parecía insostible a actual estrutura dunha competición baseada na confrontación entre dous clubes, que reciben a maior parte dos cartos e atención das televisións, considerando ao resto dos equipos como meros comparsas ou figurantes. O seleccionador galego de fútbol –non esquezamos, tamén o adestrador do Celta que gañou dúas tempadas seguidas no Bernabeu– expresaba coa súa sutileza que era posible outra ollada do fútbol profesional en España, sen necesidade de centrar o foco na liorta entre madridistas e culés, semellante a desmitificadora que realiza no seu libro Jacobo Buceta.

No mesmo acto de presentación, o xornalista Xosé Hermida iniciou a súa intervención lembrando as palabras de Albert Camus, o escritor francés que xogara de porteiro, “todo o que sei con maior certeza sobre a moral e as obrigas dos seres humanos débollo ao fútbol”. Hermida enxalzou despois o divertido “das historias deste animalario de xentes que pululan polo fútbol actual, clasificadas por arquetipos”, ademais de agradecer que o libro estivese escrito dende Galicia, “evitando o espectáculo grotesco e cansino da eterna liorta entre Real Madrid e Barcelona, unha comedia interpretada sempre por persoas interpostas”.  Vázquez, Hermida e Buceta insistiron, pois, na necesidade dunha nova ollada distanciada do relato centralista, máis equilibrada e orixinal, sobre o mundo do fútbol español, xa que hai moita vida e ilusións máis alá dese eixo Madrid-Barcelona.

Vinte e catro horas despois da magnífica presentación compostelá, o colosal partido de copa do Celta en Balaídos demostrou sobre a lameira o acertado das palabras dos tres oradores. Os de Herrera gañaron con claridade meridiana un partido no que foron moi superiores tanto na utilización das estratexias do xogo coma na intensidade da súa posta en práctica. Conducidos polo rigor excepcional no manexo dos tempos do seu capitán Borja Oubiña, os celestes foron capaces de reducir a arrogancia das figuriñas madridistas até transformalas en monecos caprichosos incapaces de entender o que lles estaba sucedendo. Os celestes reescribiron coas súas biqueiras o argumento de David contra Goliat, un dos relatos fundacionais da humanidade, o do asalto á fortaleza por parte de heroes humildes. Un argumento seguido en Balaídos con tanta verosimilitude, ao que nin sequera lle faltou o imprescindible elemento da fatalidade que supuxo o gol merengue nos minutos finais, un feito que deixa o castelo madridista menos ameazado e obrigará a un maior esforzo dos nosos no novo Chamartín.

Porén, semellante proeza futbolística galega foi considerada por algún medio da caverna mediática madrileña como unha manifestación “de paletismo de ardor nacionalista do Celta de Vigo, que nunca se repite contra o Barça, que é outro tipo de independentismo”, ademais da “típica patada ao destino desta nación sometida aos rexionalismos que á levaron á ruína, en plena época da globalización”. Semellantes barbaridades evidencian que para persoas como o seu autor, o xornalista Julián Ruiz, esta traballadísima vitoria celeste non ten cabida posible no seu relato único, onde equipos e afeccións “tan simpáticas” coma a celeste están apenas para baixar os brazos, deixarse golear, facer o corredor aos campións brancos e aplaudir abraiadas e “agradecidas” as carreiras e caneos de Cristiano e outras figuras fichadas pola “xenerosidade ilimitada” de Florentino. Un noxento relato reaccionario e fanático que oculta o brutal endebedamento do clube dos seus amores (tamén coa Facenda Pública), mais tamén os continuos privilexios horarios e “outras axudas” recibidas ao longo das competicións. Un relato deportivo centralista que admite modulacións aparentemente menos ferintes, como a da transmisión deste partido en Canal +, onde os locutores descoñecían os nomes dos nosos xogadores e confundían os dos estadios e cidades galegas, expresión simbólica de que para eles máis alá da capital todo semella terra conquistada.

Oubiña, Mallo, Aspas, Bermejo, Sergio, Krohn Delhi, Bustos e o resto de heroes celestes demostraron o mércores o seu protagonismo, evidenciaron que o Celta non é comparsa de ninguén e que Balaídos volveu ser o centro do mundo onde competir con dignidade cos rivais mais difíciles. Abondou confíar nas propias posibilidades e dosificar con intelixencia o esforzo que requiríu activalas. Como o apoio entusiasta que os xogadores recibiron demostra que o Celta é un patrimonio afectivo e identitario de todos e todas, por riba de calquera diferenza, sexa política ou xeracional, ou a pesar de calquera distancia física ou virtual. Ala Celta!

Onte 460: Fútbol é fútbol

Celebramos a primeira presentación dun libro nas magníficas instalacións do espazo cultural d’ A Nave de Vidán. O xornalista Xosé Hermida e o seleccionador galego Fernando Vázquez conversaron con Jacobo Buceta sobre os contidos dun libro que radiografía o mundo do fútbol e dos seus protagonistas. Hermida comezou a súa intervención salientando que “hoxe no mundo do fútbol quen leva un libro no sobrazo xa non é sospeitoso”. Comentou logo que “era raro que non se publicase máis libros sobre fútbol, xa que é un deporte onde hai sempre relato, drama. Albert Camus, que foi porteiro, foi quen dixo que todo o que sei con maior certeza sobre a moral e as obrigas dos seres humanos débollo ao fútbol”. Hermida definíu o libro de Buceta como “un animalario sobre todo tipo de persoas que pululan no fútbol, clasificadas por arquetipos. É un libro moi divertido, non só polas anécdotas, tamén polo seu estilo, inzado de metáforas moi enxeñosas, polo ton lixeiro que ten a boa prosa. É unha obra que pode empezarse por calquera sitio, por cada un dos capítulos”. Para Hermida Fútbol es fútbol deita unha mirada desmitificadora sobre o fútbol actual, grazas ao seu ton distanciado, desmitificador e agarimoso cos seus protagonistas, sen caer no ton épico de batalla tan frecuente no fútbol. É moi de agradecer que o libro estea escrito dende unha mirada distanciada, dende Galicia, evitando o espectáculo grotesco e cansino da eterna liorta entre o Real Madrid e o Barcelona, unha comedia protagonizada sempre por persoas interpostas”. Rematou Xosé Hermida insistindo en que “calquera que siga o fútbol con asiduidade, non fai falta ser un forofo, vaille gustar este libro cheo de humor e de historias profundamente humanas. Como lembrou Camus, o fútbol é un marco onde aprendemos como son os homes e como se comportan”. Para Fernando Vázquez “o libro é Jacobo en estado puro, con esa distancia que o caracteriza sempre como xornalista”. “É un monólogo cómico de fútbol. Un libro sobre o comportamento das xentes relacionadas co fútbol. Para min é un libro de humor”. Por último, na súa intervención Jacobo Buceta relatou algunhas das anécdotas máis divertidas e emblemáticas que contén o libro, para logo dar paso a un longo coloquio co público que se alongou case unha hora. Intenso e magnífico serán compostelán de literatura futbolística.

Onte 389: O caderniño de Galicia

A desaparición do caderniño de Galica de El País nada ten que ver co magnífico exercicio de xornalismo da redacción dirixida por Xosé Hermida. O traballo deste equipo constituíu un modelo de información plural e independente, referente durante o último lustro da axenda política, económica e cultural de Galicia. Como tamén o foron as páxinas do suplemento «Luces» dos venres, auténtico facho para a cultura galega contemporánea, e as colaboracións literarias de Suso de Toro, Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro ou Antón Baamonde, entre outras figuras primeiras do noso xornalismo literario. Sei que a desaparición do caderniño nada ten que ver co magnífico traballo dos profesionais da redacción compostelana nin sequera coa proximidade da convocatoria electoral. A onda imparable de homoxeinización centralizadora é a que arrasa sen consideración ningunha en Galicia, País Valenciano e País Vasco co modelo de «caderniños autonómicos», unha medida xustificada polos executivos de PRISA para acadar aforros (supresión de postos de traballo) que permitan afrontar este período de recesión publicitaria e de tránsito profundo nos modelos de negocio xornalístico. Recortes presentados pola dirección do xornal co eufemismo da «integración das noticias locais nun xornal máis global e coherente». A desaparición do caderniño de El País empobrece xa até a desolación o pluralismo do panorama informativo galego, que perde outra trabe do pensamento progresista e galeguista. Con noticias coma este non é doado afrontar o futuro do xornalismo con optimismo. Toda a miña solidariedade co equipo de profesionais de El País en Galicia.