Independentes
Gustei da profunda mudanza do elenco de editoras premiadas nos Follas Novas 2025 con respecto a edicións de hai unha década. A ducia de obras gañadoras este ano quedou repartida entre unha decena das editoras que pertencen a AGE, o 90 % do sector empresarial do libro galego. Un resultado novidoso para un gremio creado hai corenta e dous anos como unha alianza estratéxica entre as editoras de tradición galeguista (Galaxia, Ediciós do Castro e Xistral) coas novas editoras, como Alvarellos, Xerais e Sotelo Blanco, creadas no inicio da Autonomía e da oficialización do idioma. O feito de que fosen recoñecidas a excelencia das producións infantil e xuvenil de Cuarto de Inverno, a poética da colección Cera labrada de Apiario (que o mesmo día acadou o Premio da Crítica), a banda deseñada de Retranca editora, a tradución de Irmás Cartoné ou a edición literaria de Positivas, Kalandraka e Alvarellos amosa a madurez do sector destas chamadas «editoras independentes» e a normalización dun gremio que vive á intemperie nun mercado moi reducido e sofre a anomalía institucional de non ser recoñecido polo goberno como sector estratéxico. Por ventura, en Galicia edítase moito mellor que hai trinta e cinco anos, como existe por vez primeira unha edición especializada (educativa, infantil, traducida, poética, literaria…) dirixida a públicos diversos. Unha fortaleza destas editoras independentes, nas que traballan apenas dúas ou tres persoas comprometidas cun proceso artesanal de edición e un forte compromiso co emprego do galego. Modelo editorial facilitado posibilidade de reducir o volume das tiradas, utilizando os medios da impresión dixital e dunha reimpresión case baixo demanda, como pola apertura dunha canle de subscrición de novidades ou da visibilidade achegada polas novas mediacións das redes sociais, nas que participan con altas doses de creatividade e continuidade. Velaí o carácter insurxente e o pulo entusiasta e contaxioso das editoras galegas independentes, merecedoras de apoio.
Publicado en Nós diario: 07/05/2025