Listado de la etiqueta: palestina

Mil grúas para Hiroshima

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar o 78 aniversario dos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki:

A estrea de Oppenheimer, a longametraxe de Cristopher Nolan, coincide coa lembranza dos bombardeos atómicos sobre as cidades de Hiroshima, o 6 de agosto de 1945, e Nagasaki, tres días despois, masacres nas que morreron unhas 250.000 persoas e coas que rematou a Segunda Guerra Mundial. Unha casualidade polémica que non pexa o interese narrativo dun excelente thriller político e xudicial nin a elocuencia dos seus diálogos nin do impacto visual, sonoro e emotivo que provocan algunhas das súas imaxes nin sequera da memorable actuación de Cillian Murphy camiño do Óscar. Xaora ao fío da haxiografía sobre o físico teórico alemán, Prometeo americano que asumiu en 1942 a dirección científica do proxecto (secreto) Manhattan de desenvolvemento das primeiras armas nucleares (de destrución masiva), o filme de Nolan, a pesar do seu discurso moral ambiguo, reabre o debate sobre temas como as consecuencias éticas do bombardeo das cidades xaponesas, o inicio da era atómica e posterior proliferación nuclear ou sobre os dilemas da comunidade científica entre racionalidade, progreso e benestar da humanidade.

Confeso que como educador pola paz durante a proxección, tanto nas secuencias da detonación da proba Trinity como da bomba Little Boy, momentos estelares da película, veume á cabeza a historia de Sadako Sasaki, á que tantas veces recorremos nas aulas para lembrar as vítimas dos bombardeos nucleares. Sadako, unha picariña de dous anos, vivía coa súa familia perto da ponte Misasa na cidade de Hiroshima. Cando estourou a bomba, a case dous quilómetros da súa casa, voou a través dunha fiestra, mais coa fortuna de quedar sen ferida ningunha e poder fuxir coa súa nai entre a choiva negra. Nove anos despois aparecéronlle no colo e detrás das orellas os primeiros síntomas dunha leucemia da que foi tratada no hospital da cruz vermella onde coñeceu a unha estudante de secundaria, dous anos maior ca ela, tamén doente de cancro. Foi esta rapaza quen lle contou a lenda xaponesa que promete a quen pregue mil grúas de origami concederlle o seu desexo, sexa o dunha vida longa ou a recuperación dunha doenza. Durante os oito meses ingresada, até o seu pasamento o 25 de outubro de 1955, Sadako fixo con esa intención, segundo os seus pais, 1.400 grúas (probablemente menos de mil, segundo outras fontes) aproveitando envoltorios de medicamentos e dos papeis máis diversos, ás que se engadirían outro milleiro de grúas preparadas polas súas compañeiras de escola, que serían enterradas ao carón do seu corpo.

Tras o pasamento de Sadako desenvolveuse a iniciativa de construír con doazóns chegadas de todo Xapón un monumento que lembrase as crianzas mortas polos bombardeos. Tres anos despois, no Parque Memorial da Paz, construído no que fora o espazo comercial máis visitado de Hiroshima para lembrar a memoria do horror nuclear e promover a paz mundial, inaugurouse o Monumento da Paz das Crianzas, a estatua dunha nena cos brazos estendidos e unha grúa de papel pregado sobre ela, que homenaxea a iniciativa de Sadako e desexa un futuro de paz. Máis de sesenta anos despois, escolares de todo o mundo envían cada curso ao parque de Hiroshima o resultado do reto da creación do seu milleiro de grúas de papiroflexia e da escrita de cadansúas mensaxes pola paz para ser exhibidas no entorno da estatua da nena da bomba atómica. Excelentes traballos escolares que os responsables xaponeses do parque aconsellan complementar co estudo dos antecedentes do monumento e da situación actual das armas nucleares no mundo coa intención de que poidan contribuír a crear novos espazos de estudos para a paz e o diálogo mundial.

Dinámica didáctica de sensibilización pola paz desenvolvida na nosa área metropolitana ao longo do curso 2018-2019 pola grupo de 2º de Educación Primaria no Colexio Público de Laredo (Chapela) que superou o reto da preparación do milleiro de pezas e enviou 1.237 grúas ao parque da Paz de Hiroshima, o que foi agradecido pola embaixadora pola paz Tomoko Aikawa, tamén asesora da fundación Sadako, co convite á alcaldía de Redondela de integrarse na rede internacional de alcaldías pola paz. Como inequívoco compromiso de procurar a paz e renunciar a posuír, fabricar e utilizar armas nucleares (proclamado pola constitución de Xapón de 1947), debería ser referendado polos líderes actuais nun mundo no que ademais da ucraína están abertas outras guerras (Palestina, Siria, O Iemen, Myanmar, Afganistán…), asumidas con aparente indiferenza pola comunidade internacional. Benvidas as iniciativas das grúas escolares como a reflexión que no público adulto suscita Oppenheimer se axudan a reflexionar sobre como foi o desenlace nuclear da guerra mundial e da proliferación de armas atómicas coas que dende entón a humanidade convive suspendida dun fío.

Onte 1049: Arcas de paz e esperanza

Gaza_27-07-2014Este chío que Khaled ElAhmand publicou onte expresa o incalculable valor dos libros. Esta afouta rapaza gazatense sen nome rescata os seus libros entre os cascallos da súa casa destruída polo exército de Israel. Moi queridos teñen que ser para ela os libros que agarima no seu colo. Eis o poder dos libros entre as ruinas da súa terra devastada, eis os libros resistentes, arcas de paz e da esperanza negada polas bombas e o fanatismo.

Onte 1043: Fogares palestinos

gazaefeO primeiro obxectivo militar en Gaza son os fogares palestinos. Desde os acordos de Oslo de 1993, a  Declaración de Principios na que se pretendía deseñar un proceso de paz para Palestina, Israel destruíu máis de 12.000 fogares, o que explica o elevadísimo número de vítimas civís, só no ataque dos últimos días 583 persoas, 82 % delas picariños, vellos e mulleres.

Co argumento de atacar aos milicianos de Hamas, o exército israelita xustifica o seu masacre e bate sen piedade sobre os fogares familiares, provocando o terror entre a poboación civil e o desprazamento de milleiros de refuxiados. Ben sabemos que na guerra a verdade é sempre a primeira das vítimas. Eis a faciana do xenocidio sionista na faixa de Gaza, fronte ao que a Comunidade Internacional, especialmente a Unión Europea, permanece vergonzosamente «indiferente». Onte nas rúas de Vigo expresouse a solidariedade con Palestina e reclamouse a intervención internacional, único xeito de parar os ataques contra os fogares palestinos en Gaza.

Onte 1031: Xenocidio en Gaza

Gaza

Estremece o que sucede estes días na Franxa de Gaza, convertida en campo de tiro dos F-16 israelitas. Xustificados polo goberno de Netanyahu como resposta ao asasinato dos tres mozos xudeus secuestrados e pola persecución de dirixentes de Hamás estes bombardeos provocaron nas últimas 48 horas máis de corenta mortos, a maior parte civís, entre eles tamén moitos nenos. Unha dor insoportable, outra vez volve o xenocidio da poboación palestina. Unha operación que, ademais, moitos analistas interpretan como a resposta militar coa que Israel pretende evitar a reconciliación intrapalestina e a reunificación política de Gaza e Cisxordania, un proxecto do goberno de Mahmud Abbas que culminaría na constitución dun goberno de unidade nacional palestina con participación de Hamás. Tras tantos anos de conflito, cando se cumpre unha década da sentenza modélica do Tribunal da Haia que ordenou a Israel a desmontar o Muro de Anexión e as colonias construídas ilegalmente, así como a reparar aos palestinos os danos causados, a espiral semella volver ao inicio, diante da inacción da comunidade internacional. No actual mundo multipolar a única saída posible para parar o xenocidio de Gaza é a activación política internacional e a mediación efectiva das Nacións Unidas. Semella coma berrar no deserto, mais non hai outra posibilidade.