Onte 2147: Entrevista en «Biosbardia»
Agradezo a Manuel Veiga a súa xenerosidade para recoller en Biosbardia seis horas de conversas nas que falamos de ensino, edición, lectura e política. Queda para o arquivo do blog.
Manuel Veiga Taboada.
Naceu en Vigo en 1959. É o maior de seis irmáns. O seu avó paterno era un emigrante zamorano de preto de Toro. A súa avoa Maruxa, e despois a súa nai, traballaron vendendo froitas e legumes na praza do Progreso. Empezou a vida laboral sendo mestre e ten previsto acabala da mesma forma, a pedagoxía sempre foi unha das súas inquietudes. Entre medias traballou 28 anos na editorial Xerais, os últimos 24 como director. A súa actividade, intensa e bastante diversificada –hoxe é presidente da Fundación Luzes e secretario dos Premios da Crítica–, levouno a ser un dos principais referentes da cultura galega. Unha escolma dos seus artigos en Faro foi publicada en 2019 co título Vigo, puro milagre. Velaquí o resumo de seis horas de conversa, distribuídas en cinco sesións, que tiveron lugar na cafetaría do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo. Manuel Bragado fala, por primeira vez, da súa saída da editorial, dá repaso á súa militancia cultural e política e di o que lle gustaría para o futuro.
A súa é unha vida de editor, pero comezou como mestre.
O meu primeiro emprego foi en Vivas, unha academia da rúa do Príncipe, en Vigo. Foron tres meses de 1983. O 23 de febreiro produciuse a expropiación de Rumasa, cando Miguel Boyer era ministro e Felipe González, presidente. A directora da academia pasou por todas as clases dicindo: “Niñas, acaba de llegar el comunismo a España”. Eu entrara naquela academia en teoría como psicopedagogo, pero daba clase de lingua española. Outro día, a directora paroume nas escaleiras e díxome: “Mire como va vestido, van mejor los albañiles”. Na Semana Santa decidín preparar as oposicións de Preescolar. Púxenme a chapar e díxenlle a dona Remedios Vivas que marchaba. Montoume un cristo. Aprobei co número un. Sempre fun moi vehemente cando me comprometía con algo. Por certo, era a primeira vez que se convocaban e a primeira vez que se lles permitía aos homes dar clases de preescolar.
Antes tivera na facultade algúns profesores moi progresistas.
Herminio Barreiro e Antón Costa Rico foron os meus mestres. Eu son da xeración ERGA que tiña oitenta afiliados na facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. Barreiro daba Historia da Educación. Os alumnos de primeiro xa iamos ás súas clases aínda que non nos correspondía. Tiñámoslle devoción. Costa, que debía ter 24 ou 25 anos, estaba relacionado co movemento pedagóxico Freinet. Aquilo chamábase Movemento da Escola Popular Galega. Os meus dous credos foron a galeguización educativa e a renovación pedagóxica. Na facultade coñecín a Rafael Ojea, a Suso Jares, a Xosé Manuel Cid, a Mariló Candedo…
Foi fundador de Nova Escola Galega.
E o seu presidente do 86 ao 88.
E fixo tamén o percorrido clásico dos mestres por varias escolas…
A primeira en Budiño, no Porriño, despois estiven sete anos nunha unitaria da parroquia de Camos, en Nigrán. En medio pasei un ano en Bande, que era onde tiña o destino definitivo a miña muller. Ese tempo de Bande foi inesquecíbel.
Por que?
Aprendín moitísimo. Non tiña a experiencia dun lugar así. No café de Benita estaba sempre o alcalde, Amador de Celis, que era de Vitorino [Núñez, fundador de Centristas de Galicia e antecesor dos Baltar], estaba o da Caixa, os médicos que viñan de Ourense… Alí coñecín a Elixio Rodríguez [autor de Matádeo mañá]. Dixéronme que ía chegar un galeguista de México, de conversa moi interesante. Coñecino da man de José, un crego galeguista tamén. Eu non ía á igrexa, pero con aquel cura pasei moitas horas. En Bande dei clase de EXB e tiven de alumna, en oitavo, a Ana Belén, era boa estudante, pero foi o meu maior fracaso como pedagogo [Risos. Ana Belén Vázquez é na actualidade deputada polo PP no Congreso, de verbo moi acendido]. Despois volvín coa praza definitiva para a miña escoliña de Nigrán.
E despois xa veu Xerais.
Foi un pouco casual. Chegoume pola vía da Revista Galega de Educación, o meu primeiro proxecto importante. Como era o membro do Consello de Redacción que vivía máis preto da editorial, encargábame de facer o seguimento de cada número. Así, no 86, coñecín o equipo de Xerais de Luís Mariño, a Xosé Manuel Crego, Celia Torres, Siro Iglesias… A min chamábanme “o da revista”. Xerais publicábaa porque quería que a súa liña educativa, que levaban Agustín Fernández Paz e Xosé Lastra, fose o máis coherente posíbel. Nun momento de relanzamento buscamos un director para ela e pensamos en Vítor Freixanes, pero tivo un accidente de tráfico. No verán do 90, sendo xa Freixanes o director da editorial, faloume de incorporarme ao equipo para levar a parte educativa. Era o momento da Logse, unha oportunidade para as editoriais porque había que renovar todos os libros. Díxenlle que non, pero en setembro volve insistir, dime que vai marchar Xela Arias e que necesitan ampliar o persoal de edición. E así entrei no oficio, de forma un pouco fortuíta, e aqueles dous primeiros anos convertéronse en 28.
Tamén militaba.
Aquela década está vinculada a Esquerda Galega, partido do que formei parte desde que se formou, no 1980, até que se disolveu, xa como PSG-EG, no 92. Fun «camilista» [por Camilo Nogueira] ao longo de todo ese tempo. É unha familia e unha comunidade de afectos da que me sinto corresponsábel, nos acertos e nos erros.
Despois volvemos a iso. Pero agora quería saber algo máis da experiencia en Bande.
En febreiro do 89 fomos ao antroido de Laza, ao de Xinzo e ao de Verín, onde coincidimos con Xabier Docampo e María Xesús Bello. Quedamos impresionados, era brutal, nada sofisticado. Nestes trinta anos a cultura popular refinouse moito, destilouse. Iso tamén é unha conquista colectiva. Había carrozas tiradas por vacas, obscenidade, homes vestidos de muller con compresas manchadas. Lembro a visita que nos fixeron o músico Henrique Macías e María Justel, moi amigos nosos. Teño unhas fotos de Macías no Monte do Viso que identifico cos seus momentos de ledicia, el que vivía tan atormentado e que tivo un final tan abrupto. Tamén lembro o avance do encoro de Lindoso, foi tremendo cando desapareceu a aldea de Aceredo. Hai unha curta impresionante do fillo de Antón Avilés de Taramancos sobre iso. Durante un tempo vivimos en Celanova. Pasei alí a folga de mestres do 87 que durou 31 días. Alí escribín o borrador do que foi o «Manifesto da Escola Pública Galega».
Que máis lembranzas ten dos tempos de ERGA na facultade?
Xosé Miranda e Bieito Iglesias eran os comandantes, os que dirixían. ERGA foi unha escola política e sentimental que nos marcou moito. Eu entrara no galeguismo en agosto do 1975, con Henrique del Bosque, compañeiro de colexio e co meu amigo do corazón Xosé Luís Nieto Pereira, Pelos. Aos 14 anos foramos xuntos á Universidade Laboral da Coruña. Alí estaban Xosé Manuel Pazos, que era galeguista, e Antón Lama Pereira, do Partido Comunista, e un grande educador que nos abriu o mundo do teatro, do cine e dos libros. Empecei a ler moito e a falar en galego. Cando volvín nas vacacións, a familia quedou asombrada. En agosto do 75 asistimos a un curso de galego do ILG na Escola de Mestría de Torrecedeira que impartía Carme Panero. Ademais de Del Bosque e Pelos había un tipo que se chamaba Antón Reixa. A nosa xeración intentouno: ERGA, aquel primeiro BNPG, a ANPG. No verán do 77 formei parte dos expulsados de ERGA, nunha xuntanza na Asociación Cultural de Vigo. Uns foron con Xosé Luís Méndez Ferrín e outros fomos con Camilo Nogueira. Sobre todo, o importante foi a autoorganización. As transformacións sempre son colectivas e as salvacións individuais. Esa xeración xa non está na política.
Algúns si, Jorquera, Néstor Rego…
Si, certo. Francisco Jorquera, Rego, Manolo Barreiro, Lourenzo F. Prieto e outros, como o meu irmán Eduardo, forman parte dunha gran xeración da facultade de Historia.
A experiencia como profesor foille útil no mundo editorial?
O que lle dá sentido á miña vida profesional nas dúas etapas é o interese pola lectura e a escritura. A lectura como competencia clave que permite ser cidadán. Como profesor de Infantil estaba especializado en grafomotricidade, que é a combinación de movementos que se acaba transformando en texto. Eu como lector nunca fun sistemático, lía de todo e iso contaxiou a miña forma de editar. Nunca fun dunha escola senón máis ben ecléctico, que é o que precisaba Xerais e o sector até o seu momento máis álxido que foi no 2008. A partir de aí foi especializándose. Sempre entendín que non toda lectura é estritamente literaria.
Que quere dicir?
Hai edición literaria e outra que é unha lectura necesaria para todos os públicos. A literatura é para un sector afeccionado á arte. Non todo cidadán ten que ler a William Faulkner, pero todo o mundo debe entender un prospecto ou un formulario para ser atendido.
Que peso tiña o libro de texto daquela en Xerais?
O texto facturaba case o 40%, era o que permitía desenvolver un catálogo xeneralista. Foi a grande idea de Xulián Maure, deseñar unha empresa cunha proposta educativa propia e un modelo de educación comprensiva. Daquela era un mercado en moito crecemento. O tronco da editora era o texto, o que permitía crear as outras coleccións: a infantil e xuvenil que daba beneficio, a literaria que era a máis vistosa e a que daba identidade, aínda que en rendementos non era a mellor; despois viña un caixón de xastre que incluía os dicionarios que chegaron a facturar o 10% e que tamén crearon marca. Por último estaban os libros de cociña, as axendas, etc.
“O lector literario hai que formalo, con flexibilidade e deixando que cada quen siga o seu itinerario persoal”
Dixo antes que o momento máis álxido foi o 2008. Que pasou despois?
Caeu a parte educativa, a consecuencia da implantación do modelo de libro de préstamo. Os libros, en vez de venderse cada curso, pasan a venderse cada catro ou cada seis. No 2008 facturamos seis millóns de euros. No 2009-2010 pouco máis de tres. A partir de aí houbo que resistir, cun esforzo moi grande por parte do persoal e da empresa. O decreto de plurilingüismo de Feixoo tamén nos afectou. Facturabamos 200 mil euros cos libros de matemáticas e, da noite para a mañá, desapareceron. Pode que non semelle moito pero equivale a vender dez mil exemplares dunha novela. Co decreto tamén se reduciu o uso do galego na educación infantil. A nosa presenza entre ese alumnado pasou do 20 ao 5%. Dos 22 mil escolarizados a esa idade, uns catro ou cinco mil usaban o galego. Co decreto pasaron a mil e agora aínda son menos. Pero, ademais do préstamo e do decreto, estivo o ámbito dixital co servizo que agora proporciona directamente a consellaría a través de Edixgal. Foi unha reconversión moi difícil e coincidindo en plena crise global. Foron anos moi malos para todo o sector. Como presidente da Asociación Galega de Editores tiven que loitar en moitos despachos. Un alto cargo da Xunta chegou a dicirme que había que acabar coa burbulla editorial galega e cos altos salarios dalgúns directivos. Unha tolería.
Con todo, o mundo dixital está aí.
Eu sempre quixen hibridar o dixital co texto. Empecei o blog no 2005 precisamente para aprender e para ensaiar a escritura hipertextual. E con iso volvo á miña preocupación de sempre pola escritura. Pero esa reconversión sucedeu tamén con outros produtos como os dicionarios. Agora as referencias son o da Academia e o de Rinoceronte, os dous dixitais. Pero boa parte do traballo de minaría anterior fixémolo nós en Xerais, e o ILG por suposto. Nunca fomos capaces de facer rendíbeis os dicionarios dixitais. A consulta na internet, na lectura global, tende ao gratuíto. Aínda que non sucede con todo, por exemplo non ocorre no ramo da medicina ou no xurídico, onde hai que pagar polas bases de datos. Este problema tamén o ten a edición en castelán: tamén Planeta, Random e as independentes. É un problema global.
Tamén se fala moito da crise das librarías.
Para as librarías a facturación do texto aínda era máis importante, se cadra chegaba ao 80%. E se as librarías van mal ou van a menos iso tamén lle afecta á distribución do libro literario. O sistema literario galego sempre pensou que era autosuficiente, que chegaba co talento dos creadores e para min iso é máis complexo. Inflúe a distribución, que se reduciu, cada vez hai menos puntos de venda. Agora colocar douscentos exemplares non é fácil. Podemos chegar ao modelo de ter unha libraría boa, moi bonita, pero só nas cidades. E para o demais está Amazon. Resistímonos a Amazon pero agora é probabelmente o segundo cliente da editorial. O primeiro lugar ocúpao Arnoia, unha das mellores distribuidoras de España, da que as editoras galegas podemos estar ben orgullosas.
E queda outro grillón, o dos medios e as redes.
A prensa é fundamental para informar das novidades e despois está a mediación das bibliotecarias e do profesorado. Sen un traballo sistemático aí non é posíbel a edición literaria. Agora as redes sociais están creando confusión porque se xuntan críticos literarios, académicos e afeccionados que comentan as súas lecturas. Sempre se di que o importante é a visibilidade, pero a mediación ten tamén un aspecto formativo. Uns críticos son máis fiábeis ca outros. Por certo que os mellores lectores da crítica sempre son os editores. De min poderanse dicir moitas cousas, pero non que polemizase cun crítico. En 28 anos nunca o fixen. Sempre os respectei e teñen dito verdadeiras barbaridades sobre os nosos libros. Cando sacamos a colección Fóra de xogo, n’A Nosa Terra titularon: “Chega o lixo á literatura galega” ou algo así. E iso que era unha colección pensada e preparada por xente con moito criterio. Pero hoxe entendo ese recibimento porque abrimos unha liña de literatura de fronteira entre o literario e o produto de lectura. Agora a colección leva 200 títulos e máis dun millón de exemplares vendidos e cónstame que contribuíu a formar xa dúas xeracións de lectores literarios. Igual que se fala da xeración Xabarín, podíase falar da xeración Fóra de xogo. Aí están Sombra cazadora, de Suso de Toro, Cando petan na porta pola noite, de Xavier P. Docampo ou Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, da que se levan vendidos máis de cen mil exemplares. Son tres libros recomendados pero tamén tres libros literarios. O lector literario hai que formalo, con flexibilidade por suposto e deixando que cada quen siga o seu itinerario persoal. Ledicia Costas, María Reimóndez, Antonio Manuel Fraga, Antía Yáñez ou Andrea Maceiras foron lectoras ávidas desa colección.
Había daquela xente formada para editar?
En Galicia, todos os editores da miña xeración fomos autodidactas. O traballo compartíase coas empresas de fotocomposición. No 90 chegou a autoedición, grazas aos ordenadores. O editor pasou a encargarse de todo o proceso de creación editorial. Custounos algo máis o cambio ao libro electrónico, pero tamén o conseguimos a partir do 2011.
Cantos orixinais recibiades?
Arredor de 200 algúns anos. Todos os días chegaba algo no correo. A miña primeira valoración era intuitiva. En base a ela facía tres grupos: os manuscritos que lle pasaba a outros lectores da editorial, os que, seguindo o meu olfacto, levaba para a casa e os que ían ser devoltos. Estes últimos nunca os valorei, sempre quixen ser cortés, aínda que é certo que ás veces demorábame. A dispersión é unha das características do traballo de editor. Ultimamente lía en pdf e sígoo facendo cos amigos que me envían orixinais.
Supoño que ao principio o galego non era moi bo.
Foi un proceso colectivo de alfabetización. Agora case non hai orixinais con faltas de ortografía.
Asistiu a moitas reunións fóra de Galiza, tanto do grupo Anaya coma doutro tipo. Como se ve a literatura galega desde fóra?
Con moitos prexuízos.
De que clase?
De ser unha literatura menor. O sistema literario español foi moi severo co noso. Aínda custa moito que os nosos autores e autoras sexan traducidos. Tampouco funcionou o transvase ao catalán ou ao éuscaro. Máis alá do ámbito infantil ou xuvenil hai poucas traducións, tamén pasa no sentido inverso. Eu tenteino, con Bernardo Atxaga, Quim Monzó ou Sergi Pàmies, pero quedou no inicio.
Os libros de Ferrín ou Carlos Casares tiveron sempre moi pouca presenza no mercado en castelán.
Con Ferrín tentámolo e foron saíndo, con interrupcións.
Casares, a pesar de ir sempre aos encontros de Verines…
Si, si. A todos lles custou traballo. Igual que custa que os autores galegos saian nos suplementos da prensa de Madrid. Falta empatía. Eu creo que é unha cuestión política. En Madrid miran con receo. E as editoras españolas de Barcelona, como Planeta ou Anagrama, participan dese prexuízo. Sufrín moitas decepcións presentando libros nosos e suxerindo a súa tradución. Creo que é tamén por unha falta de estratexia pola nosa parte, para presentármonos no mundo sen pasar polo funil de Madrid e Barcelona. Sempre defendín a creación dunha oficina da literatura galega, como teñen Irlanda ou Islandia. Certo que eles teñen Estado, pero Islandia é dez veces máis pequena ca Galicia e está presente coas súas editoras e os seus autores nas feiras internacionais. Teñen axudas públicas. Nós tamén as temos pero son insuficientes. Creo que sería bo contar cunha oficina mixta pública-privada. A literatura forma parte do mercado global e hai que entrar aí, aínda que estea moi focalizado. Haberá que buscar unha estratexia de complementariedade, de xogo nas marxes ou de procura de aliados.
“Co bipartito, a axuda ás bibliotecas para compra de libros pasou a 1,2 millóns de euros. Agora anda entre os 150.000 e os 200.000 euros”
Co bipartito houbo o intento de crear o Instituto da Cultura Galega Rosalía de Castro, parecido ao Etxepare que teñen os vascos ou ao Ramón Llull dos cataláns.
A proposta naceu nun bo momento. Uns anos antes, no 2002-2003, as mobilizacións do Prestige subiran o noso nivel de autoestima colectiva. Ademais, houbo acordos unánimes no parlamento, como o do Plan Xeral de Normalización Lingüística, no 2004, con Manuel Fraga, ou a Lei do Libro, do 2007, con Emilio Pérez Touriño. O documento foi obra dunha comisión transversal na que participamos persoas do sector do libro e da cultura e técnicos da administración. A súa función sería coordinar a presenza da nosa lingua e cultura no mundo. Iso incluía o cine, a música, as artes escénicas, a tradución e exportación de libros, etc. Era unha proposta ambiciosa.
Por que fracasou?
Politicamente tiña moito calado. Tratábase de promover a cultura galega como tal, diferenciada. Foi retirado na última versión que presentou Ánxela Bugallo. Na miña opinión, a parte socialista non o asumiu pola súa transcendencia. Era un proxecto galeguista que axudaba a construír país. Con todo, houbo outros elementos da política do libro que si se asumiron. O 2008 foi o ano record de facturación editorial. Con Bugallo, a axuda ás bibliotecas para compra de libros pasou a 1.200.000 euros. Agora con Alberte Núñez Feixoo anda entre os 150.000 e 200.000.
Como ve o papel da prensa galega en castelán?
Os medios en castelán son subsidiarios dos poderes públicos, autonómicos ou locais. Dentro diso hai logros importantes, como a biblioteca de literatura galega da Voz que coordinamos Tucho Calvo, Casares e mais eu. Agradézolle tamén moito a Faro que me publicase en galego durante os últimos 23 anos, igual que escribe Ferrín dúas veces por semana. E hai suplementos como o Táboa Redonda de El Progreso que están a renovar moito o discurso literario. Eu trato de ser positivo, aínda que en Galiza ser positivo non chega.
Polo que leva contado, dá a impresión de que a crise do 2008 está na base da súa saída de Xerais?
Si, completamente. A miña saída deriva do esgotamento do modelo de edición comprensiva, a que abrangue todos os ámbitos e se dirixe a todos os públicos. Tamén da perda de liderado dentro do equipo editorial e de apoio da dirección do grupo. Até a miña saída, no 2018, foron dez anos de sufrimento, de perda de facturación, aínda que non de emprego nin de retribucións. Non poder seguir foi unha decepción persoal, pero talvez resultou o mellor para o proxecto. Entrei na edición de forma fortuíta e agora volvín ao traballo educativo de forma natural. Non tentei crear outro proxecto porque a miña orixinalidade, despois de catro mil libros editados, estaba completada, pero a ollada de editor non se perde, por iso sigo presentándome como editor e mestre. Por outro lado, na miña biografía, estes 28 anos en Xerais son os que máis me marcaron. Foi un agasallo que me proporcionou a vida.
Fala de falta de apoio do grupo editorial. Foi debida só á situación económica?
Foron anos con algunhas perdas que iamos levando. Pero no 2016 o colectivo Recortes Cero pediume que asinase un manifesto en contra do recortes e pola formación dun goberno progresista. Fíxeno. Iso causou enfado na dirección de Anaya e a partir de aí percibín inmediatamente unha clara falta de apoio e de confianza.
Xerais sufriu despois tamén importantes recortes, pero puido continuar.
Todos os directores que tivo até agora lle deron continuidade a ese catálogo xeneralista. Iso para min é o máis relevante da empresa. Vontade comercial cuns profesionais comprometidos cun proxecto de construción nacional. Esa é a nosa contribución. Por outra parte, a continuidade é fundamental. Eu herdei a axenda de Xela Arias, con centos de nomes que aínda estaban en fichas de papel. Eses contactos foron para min importantísimos.
Referiuse antes á mirada do editor. En que consiste?
Externamente é ver se o que les o podes converter nun libro. Internamente é a curiosidade e a paixón por saber. Tamén é o intento de procurar a beleza e de facer que o libro sexa un obxecto que se pode usar. Non me gustan os libros pegados. Admiro os que están ben impresos, cosidos en fío vexetal, os encadernados en rústica, os de lombos redondeados. A ollada do editor é de fondo e de forma. E tamén consiste en pensar no longo prazo, hoxe estamos moi condicionados polo inmediato. O libro é o pan da cultura. Non hai cultura sen unha industria do libro potente ou eu, polo menos, non a coñezo. Aínda que é certo que a industria do libro perdeu peso fronte aos videoxogos. Xa hai máis xogadores ca lectores.
Pero son comparábeis?
É a industria do entretemento. Cando se fan números sobre a industria do entretemento inclúese o audiovisual e os videoxogos que hoxe son a parte que máis factura. Pero creo que hai que diferenciar as artes. E tamén ter en conta a hibridación. Por exemplo, as artes plásticas e a literatura sempre estiveron unidas, a través da novela gráfica, o cinema de animación. Agora a hibridación prodúcese a través da pantalla.
Vigo é unha das súas grandes preocupacións, como se pode ver polos artigos de Faro. Como valoras a política cultural de Abel Caballero?
Hai quen di que non a ten, eu penso que si. Comezou a acuñarse arredor do conflito do Marco. Trátase do que o concelleiro Abel Losada, nas súas respostas a Faro de Vigo chama “cultura sen complexos”. No caso do Marco non se trata de facer exposicións de arte contemporánea “que non entende ninguén”, senón de ofrecer “o que lle gusta á xente”. O primeiro concelleiro de cultura de Caballero, Cayetano Rodríguez, xa o expresara en dúas ideas: “Vigo non necesita bibliotecas” e “Vigo ten demasiados museos e moi caros”. Desde aquelas abríronse algunhas bibliotecas, pero sen libros “para que os rapaces estuden”, o que tamén é necesario, e foron pechando, non de iure, pero si de feito, os museos, aínda que por ventura o Marco recuperouse algo. Despois está a cultura como espectáculo, patrimonializada pola alcaldía. Todos os pregóns dáos o alcalde que tamén fala antes dos concertos. As iniciativas de base foron desaparecendo porque non querían ser tuteladas, senón apoiadas. Desapareceu o festival de música clásica, o de jazz, o de artes escénicas. Foise convertendo na cultura do terraceo [polos concertos na terraza do Mar de Vigo]. Non lles importa que a Fundación Contemporánea sitúe a Vigo no lugar 26 entre as cidades do Estado por actividades culturais. A Coruña está no 19 e Santiago entre os 15 primeiros. Ningún dos cinco feitos culturais máis importantes de Galiza ten lugar en Vigo. A alternativa é ese desleixo sen complexos e terceirizar a cidade, dicindo que se beneficia o turismo, con esa invención do mito natalicio das luces que ninguén cre. Aí está a creación silenciosa dunha rede de pisos turísticos polo centro.
E vostede como ve a cidade?
Eu penso que o Vigo do século XX envasou conservas, fixo barcos, coches e libros. Esa é a tradición coa que se enfronta agora. Este ano temos unha data moi relevante, o 50º aniversario das folgas do 1972. Alí naceu o que se chamou “Vigo obreiro”, cando estas palabras tiñan unha eufonía e un orgullo. Esta é unha cidade industrial, fabril, do metal. E despois está a cidade do automóbil, un sector fráxil neste momento no mundo, debido á entrada do coche eléctrico. A sombra de Detroit está aí. E se deixamos de facer coches, cando xa case deixamos de facer barcos, quedamos só cos turistas do Nadal? E conste que hai que asumir que unha parte da terceirización é inevitábel.
“Teríame gustado ter participación na política municipal de Vigo”
Tivo algunha vez a idea de ser candidato a alcalde?
Cando falou comigo Anxo Quintana para me ofrecer esa posibilidade valoreino e teríame gustado. Eu son moi municipalista e gustaríame ter experimentado algunha participación. Naquel momento non puido ser. A organización local do BNG tiña mellores candidatos ou quizais outras figuras suscitaron maior consenso. E agora, como pasa coa edición, esa posibilidade xa quedou atrás, pertence a outra fase da miña vida.
Antes, co PSG-EG, xa tivera participación.
Forxeime no municipalismo naquel equipo de Xesús Costas que, no 1992, participou na primeira coalición de nacionalistas co PSOE de Carlos Príncipe. Estiven naquela noite de negociacións moi recordada. Pero ao tempo estaba no mundo da edición e esta pulsión foi máis forte. O meu primeiro artigo en Faro, no 83, trataba sobre municipios e educación.
Os seus artigos de Faro, máis ca artigos parecen pequenos ensaios ben documentados e tinguidos de afecto, nos que se albisca un proxecto de cidade.
E un espírito didáctico. Gustaríame que os meus textos se puidesen compartir nunha aula de secundaria. Varios deles foron usados xa en exames de selectividade. A xente máis que opinión busca munición. Eu non apunto, pero dou datos. Respecto ao afecto, si, pretendo que a miña voz sexa empática e asertiva, que contaxie outras persoas. Pero claro que despois de case 1.200 artigos semanais é imposíbel non repetirse. Fixen ademais case 300 crónicas de fútbol e uns 200 sobre educación. No blog levo publicados seis mil artigos.
O seu blog Brétemas foi moi seguido, converteuse nunha referencia.
Débollo a Xabier Cid que, no 2004, me falou do seu, As túas balas. Eu seguía o de Fran Alonso, Cabrafanada. Decateime de que necesitaba aprender o formato. Despois encontrei un socio, Santiago Jaureguizar. O 4 de xaneiro de 2005 el abriu o del, Facendo amigos, e eu o meu. O de Brétemas era un nome que usaba cando estaba en ERGA, no 76. Fun aprendendo a escritura hipertextual e foi un momento marabilloso, o do Blogomillo. Estaban os blogs de Manuel Gago, María Yáñez, Martín Pawley, Marcos Calveiro, Aduaneiros sen fronteiras… Agora en Twitter gústame compartir os contidos doutros. A cultura necesita de máis afecto e xenerosidade. Temos aínda moito que medrar e moito público que seducir. O tipo de soporte e de medio determina a voz, o lector é distinto. A voz máis próxima é a do blog, síntome menos mediatizado. Para min funciona ademais como arquivo, grazas á clasificación por etiquetas, temas, datas, etc. Foi o cambio do texto para o hipertexto.
Podía dicir algo máis sobre a política cultural de Feixoo?
A cultural e a lingüística. Feixoo mantén unha política feroz na lingua, sobre todo no educativo. E respecto ao propiamente cultural, a súa política é inane, máis se a comparamos co tempo de Fraga e sobre todo do bipartito, que foi un período de expansión. Feixoo fixo baixar varios chanzos todos os sectores, tanto no estado de ánimo coma na asistencia de público coma na presenza internacional. Certo que coincidiu coa crise, pero el sempre foi moi conformista. Fixéronse moitos recortes que nunca se recuperaron. Aí coinciden Feixoo e Caballero. Non teñen relación de confianza cos creadores, nin participan dos seus éxitos. Hai premios nacionais que nin foron felicitados por Feixoo. Iso cónstame. Non ten confianza nas propias posibilidades de Galiza nin da nosa cultura. Teñen o prexuízo de que a cultura é unha expresión do nacionalismo. Non a senten como propia, coma se os éxitos de Tanxugueiras ou de Chévere en Madrid, poñamos por caso, non fose éxitos dos seus compatriotas, máis alá dalgún chío discreto.
Poderíase falar dunha política específica para o caso de Manuel Baltar en Ourense?
Baltar ten outros prexuízos. Non son eses anteollos de Feixoo. Non ten problemas para colaborar con quen sexa, se iso o axuda a manterse no poder. É o que lle pasa co alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome. Tampouco Miguel Santalices [presidente do Parlamento] ten os mesmos comportamentos nin os mesmos lentes ca Román Rodríguez [conselleiro de cultura].
O PSG-EG anticipou moitas ideas do nacionalismo. Por que non puido seguir? En que fallou?
Os que nos formamos aí encarnamos outra maneira de entender o nacionalismo. Non tan diferente da do Bloque, pero si creo que nos anticipamos nalgúns casos, por exemplo nos pactos co PSOE. Vigo, con Nogueira, foi o primeiro lugar onde o nacionalismo asinou un pacto de orzamentos co PSOE e despois, no 92, formamos un goberno tripartito. Eu daquela era o secretario político local. O PSG-EG fixo sempre política de goberno, con moitas iniciativas que logo o Bloque asumiu. Tamén vimos a necesidade de participar en políticas estratéxicas. Nós sempre fomos de longo alcance, o que ás veces nos recriminaban. Pero iso significa políticas como a Lei de Normalización ou conceptos novos daquela como o de participación cidadá, áreas metropolitanas, políticas estratéxicas en urbanismo, territorio, eixo atlántico, dentro dun marco de política europeísta que o BNG foi aceptando progresivamente. Tamén cometemos erros gordos, como pensar que había espazo para outra forza nacionalista. Pero foi unha escola moi valiosa, da que conservo moitos amigos. Cando se decidiu entrar no BNG, eu e mais outros abandonamos a política partidaria, aínda que seguimos contribuíndo ao proxecto nacional desde as nosas posicións. Hai compañeiros que continúan animando iniciativas como Nova Escola Galega, na que eu participo e que xa ten 40 anos. Outros están no sindicalismo nacionalista, no municipalismo ou no mundo da cultura. A referencia de Nogueira aínda non foi suficientemente valorada. É un dos grandes líderes nacionalistas do século XX e foi o primeiro que representou a Galiza contemporánea en Europa. Aparentemente inxenuo, pero sempre lúcido e entusiasta, moi teimudo. É fillo, coma Xosé Manuel Beiras, dun galeguista da República. É a xeración de enlace co Partido Galeguista. Os pais de Beiras e Nogueira eran persoas discretas porque estiveron atados por todas as limitacións da época.
O BNG pasou por maos momentos, por que o PSG-EG non foi capaz de hexemonizar o nacionalismo?
Por falta de recursos organizativos. Pivotou demasiado nunha figura, pero fallou a xeografía. En Vigo chegamos a ter, a finais dos 90, máis dun millar de afiliados, pero foi un caso concreto. Nesta cuestión é modélico o Bloque que, xunto co PP, ocupa todo o territorio. Outra inxenuidade nosa, creo, foi darlle excesivo peso á política institucional. E tamén estaba a imposibilidade de que con ese modelo lográsemos presenza en Madrid. Só as fórmulas amplas e transversais poden ter éxito aí. Aventuro para os próximos anos unha minoría galega en Madrid e quixera un goberno en Galiza arredor do nacionalismo. Para iso necesítanse acordos amplos e unha cultura nacionalista máis acolledora e menos sectaria por parte de todos. Iso é o que me gustaría.
“A produción lexislativa en Galicia é baixísima”
Como ve a política galega en xeral?
Cánsame moito o modelo de Feixoo. Fíxome aborrecer a axenda política, que utiliza a Radio Galega, de constante enfrontamento institucional co goberno de España e con Caballero. Tamén é patente a incapacidade dos socialistas para ofrecer un proxecto para todos os galegos. Vexo con máis simpatía a ampliación de horizontes do BNG e gustaríame que incluíse os non nacionalistas que defenden un proxecto de autogoberno para Galiza. Boto de menos os debates máis programáticos dos 90, na época de Fraga. A oposición daba alternativas sectoriais. Agora o goberno galego ten unha produción lexislativa baixísima. Hai que volver ás políticas sectoriais, a dar alternativas aos anos de conformismo de Feixoo. Non é fácil porque os medios están moi controlados. Resulta difícil abrir a súa axenda a outros temas. É o gran papel que ten a oposición por diante.
Seguirá habendo polémica con Vigo?
Vigo é moi mal entendida en Galiza e Galiza mal entendida en Vigo. Se hai algo que me doe é ver o discurso antigalego de Caballero, porque iso cala coma a choiva e vainos desprendendo desa relación. Para os galeguistas do 1931 Vigo era a Barcelona do Atlántico. O proxecto de Antonio Palacios prevía instalar no Castro o Palacio Rexional e na cúpula un planetario para enxergar as estrelas. Era un mito galeguista. A gran manifestación pola Autonomía de decembro do 1977 foi en Vigo. Vigo foi o motor da Galiza urbana do século XX. E en Vigo estaba a variedade de todas as Galizas, a mariñeira, a aldeá e a cosmopolita. Non é localismo, senón o papel de Vigo dentro do proxecto nacional galego e temo que se deturpe ou que se perda.
Algo máis?
Non falamos de Xabier P. Docampo e de Agustín Fernández Paz. Non tocamos as moitas perdas destes anos.