Artigos

Federico Ribas

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a Federico Ribas con motivo da celebración do Día da Ilustración 2019:

Entre a nómina de figuras viguesas esquecidas do século XX, unha das máis potentes é a de Federico Ribas Montenegro, «Mirko», o debuxante, ilustrador, pintor e publicista que o 30 de xaneiro será homenaxeado nas bibliotecas de Galicia con motivo do Día da Ilustración. Nacido no concello de Bouzas o 26 de outubro de 1890, fillo de Francisco Ribas Maristany, almacenista de orixe catalá de efectos navais do barrio do Areal e sobriño do conserveiro da ribeira de Coia Juan Ribas, dende moi novo Federico amosou o seu interese polas artes formándose co escultor Julio González Pola, autor dos monumentos aos heroes da Reconquista e á Cruz Vermella do cemiterio de Pereiró.

Cando tiña dezanove anos, para evitar ser alistado coa súa quinta, embarcou de forma clandestina á altura das Cíes rumbo a Buenos Aires, onde comezaría a traballar, primeiro, como rotulista, pintor de valados publicitarios e, despois, xa como colaborador do xornal «Última hora» e de publicacións gráficas, entre elas a mítica «Caras y Caretas», onde amizou con Xosé María Cao e Juan Carlos Alonso, os mestres da caricatura galega.

Seducido polo París da Belle Époque, cos cartiños aforrados na Arxentina Federico viaxou en 1912 á capital francesa para gozar do soño de calquera artista do seu tempo: vivir en Montmartre. E abofé que non lle foi mal, alí casou con Georgina, a que sería a súa compañeira de vida, impregnouse das correntes estéticas da modernidade daquela cidade tan estimulante, colaborou nas revistas «Le Rire» e «Elegance» e mesmo chegaría a ocuparse da dirección artística da revista «Mundial» dirixida polo poeta Rubén Darío.

Co comezo da guerra do 14, Federico regresa a España, vivindo entre Madrid e Bueu, onde atopou en Beluso o que sería durante os veráns de dúas décadas o seu mellor acubillo. Xaora, a súa vida mudaría cando en 1916 gañou o concurso de carteis Heno de Pravia, convocado pola empresa de perfumes Gal, da que sería o seu director artístico e onde desenvolvería un traballo gráfico extraordinario, capaz de chantar en milleiros de anuncios os alicerces dunha publicidade emotiva dirixida a conectar cun novo modelo de muller moderna, independente e deportista.

Un tempo de entusiasmo creativo no que Ribas converteuse en Madrid nunha auténtica celebridade, o debuxante máis prolífico e mellor pagado do momento, que publicaba os seus debuxos en revistas como «La Esfera», «Blanco y Negro», «Mundo Gráfico» ou «Buen Humor»; preparaba portadas para os libros do editor Calleja ou carteis para o Círculo de Bellas Artes.

O que non lle impediu manter o seu fío co país noso, xa que en 1923 comezou a publicar as súas pezas en «Faro de Vigo», sendo (non o esquezamos) un dos primeiros humoristas gráficos do decano, e «El Pueblo Gallego», ademais de preparar algún traballo propagandístico ocasional como o excepcional cartel «Rías Gallegas. Lugares de Ensueño» que en 1930 editou o Patronato Nacional de Turismo, no que lle concede todo o protagonismo a ría de Vigo construíndo unha paisaxe sintética na que aparecen entre un transatlántico as illas de San Simón e as Cíes, creando así unha atractiva contorna de modernidade, que non perdeu actualidade.

Como tamén é moi atractivo o cartel que Ribas preparou para o partido de fútbol no campo de Coia entre as seleccións de Galicia e Centro, a beneficio das familias dos náufragos de Bouzas, no que utiliza unha tipografía galega e un motivo gráfico próximos aos de Castelao. Sen esquecer, tampouco, as portadas que preparou para as revistas «Industrias Pesqueras» e «Industrias Conserveras» dirixidas por Valentín Paz Andrade.

No entanto sería a súa colaboración coa conserveira Massó, o traballo publicitario mais relevante en Galicia de Federico Ribas, froito da súa amizade de vello coa familia propietaria da que chegaría ser a maior conserveira de Europa, como pola súa querenza pola casiña que tiña na parroquia de Beluso, onde convidaría a figuras como o escritor venezolano exiliado Rómulo Gallegos ou a pintora Maruxa Malllo e o seu compañeiro Alberto Fernández Mezquita.

Desde Bueu, naquel fatídico verán de 1936, no que foi fusilado o seu amigo o xornalista e alcalde de Bueu Johan Carballeira, Federico fuxiría de novo a Buenos Aires, onde se exiliou até 1949, colaborando na revista «Atlántica» e traballando en diversas edicións de libros. Regresou a Madrid, apenas tivo tempo para deitarse nos brazos da desolación franquista, para morrer o 11 de setembro de 1952.

Esquecido, como tantas outras figuras do exilio, en 1992, coincidindo coas catro décadas do seu pasamento, a Caixa de Aforros organizou en Vigo unha antolóxica da súa obra gráfica. Ben sería que a súa cidade natal volvese lembrar ao pintor das mulleres máis fermosas e elegantes, un dos seus fillos máis internacionais e admirados.


Os monos de Laxeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición sobre a obra de humorismo gráfico do pintor Laxeiro:

Dentro do cativo panorama expositivo vigués actual chamou a miña atención a apertura na Casa das Artes da mostra «Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa», onde até o 21 de setembro se expoñen os 49 deseños, entre viñetas e debuxos, publicados por Laxeiro, entre o 13 de setembro de 1928 e o 24 e xaneiro de 1930, nos xornais «Faro de Vigo» e «El Pueblo Gallego». Unha mostra realizada a partir de imaxes fotográficas tomadas das coleccións impresas dos xornais, que rescata a totalidade dunha obra esquecida, que se estende coa publicación dun libro homónimo (Laiovento 2018), no que se reproducen todas as imaxes do que foi o primeiro traballo profesional no eido artístico do xenio de Botos, acompañadas de tres textos críticos magníficos: «Cando Laxeiro tiña vinte anos» de Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, promotora da exposición; «Os monos de Laxeiro» de Manuel Igrexas, comisario da exposición; e «Laxeiro e a idade de ouro do humor gráfico galego» de Félix Caballero, investigador de referencia no eido do humorismo gráfico en Galicia.

Unha exposición sorprendente que axuda a entender mellor aquel primeiro Laxeiro que cando tiña vinte anos, apenas regresado de Cuba, aproveitou o seu oficio de barbeiro de feira para tomar apuntes dos seus clientes e paisanos. Un período de decisivo de aprendizaxe para quen entón era un debuxante compulsivo e extraordinario retratista de simplicidade clásica, como demostra no seu «Retrato da miña avoa» (1930), co que comeza a súa particular reinvención do mundo, do ser humano e da propia vida. Un período formativo no que consolidou o seu nome artístico, co que asina todas estas viñetas e que tamén utilizou no seu primeiro autorretrato a acuarela (1930), roubándollo a súa avoa, a Laxeira, natural da Laxe, unha aldeíña de Lalín. Uns anos decisivos nos que coñeceu a Manuel Colmeiro, o pintor de Silleda, quen, segundo Manuel Igrexas, é posible o animase a presentar o seu traballo a «Faro de Vigo», xornal onde dende 1923 e con periodicidade case diaria publicaba o melloriño do humorismo gráfico galego, dende os inesquecibles Federico Ribas e o Castelao de «Cousas da vida», pasando por Álvaro Cebreiro, Ignacio Senra, até o ponteareán Vidales Tomé, o marinense Manuel Torres ou o propio Colmeiro, entre outros.

Como tamén foi daquela cando Laxeiro coñeceu da man do seu amigo de Silleda ao pintor arxentino Enrique Larrañaga, que tiña un estudio na viguesa rúa de Policarpo Sanz, que lle aconsellou se puxera a pintar ao óleo e lle deu as primeiras leccións desta técnica. Unha guía que Laxeiro entendeu como unha lección de liberdade, concretada axiña en pezas como «Desnudo» (1930), da súa muller, Luísa, embarazada, onde para o crítico Antón Castro se define a súa «querenza polo cromatismo terroso, ocre e negro e a súa escolla pola rugosidade escultórica, preludio do que sería a súa característica estética do granito». Xaora, foi probablemente o seu amigo, o xornalista Xesús Froiz, correspondente de «Faro de Vigo» en Lalín, quen intermediou co xornal para a publicación dos dez primeiros «monos», como eran coñecidos entón estes debuxos humorísticos, nos que Laxeiro se achegaba a vida da aldea cun tipo de humor choqueiro e nos que case sempre aparecía un diálogo como desenlace da situación: «No día da festa», «O viño novo», «A volta da feira»… Temática popular que Laxeiro continuou nas súas 39 colaboracións en «El Pueblo Gallego», mais que vai ampliando a outros temas de actualidade, en pezas como «A Asueroterapia» ou mesmo de política internacional, como «Con cal dos dous?».

Un traballo de humorismo gráfico moi depurado onde Laxeiro utiliza de xeito exclusivo o galego, tanto no título das pezas como na lingua empregada polos personaxes. Como tamén destaca a súa fasquía gráfica, onde se identifican tres estilos, dende as primeiras pezas sen fondos nin sombreados, como «Vergoña» ou «Curiosidades», a outras, as máis, nas que imitando a técnica do gravado e sen abandonar a liña sinuosa e sintética inicial engade un fondo raiado, utilizado para contextualizar a escena. Como hai unhas terceiras, pezas como «Pra diante» e «Inda veremos», as máis innovadoras, onde o trazo achégase a unha estética expresionista e de avangarda, case cubista, que lembra a Grosz ou a traballos futuros de Luís Seoane. Monos que Laxeiro, a pesar da notoriedade gañada, interrompeu en 1930 para concentrarse na súa obra pictórica na que imaxinou historias e mitos que conforman todas as patrias posibles. Case medio cento de «monos» onde Laxeiro se anticipou a ilustrar o mundo da cultura agraria tradicional, hoxe xa desaparecida.

A Casa das Artes ofrece unha exposición valiosa que pon en valor unha das facetas menos coñecidas dun dos grandes da plástica galega de todos os tempos.