Listado de la etiqueta: estadio_de_balaídos

Onte 1426: Costas en Balaídos

miguel_costas_29-08-2015

Decepcionante actuación de Costas onte en Balaídos para celebrar no estadio o inicio da quincuaxésima participación do Celta en primeira división. Sen presentación por parte do espíquer nin presenza nas pantallas dos marcadores, desenvolveuse un mini concerto de vinte minutos no que a banda de Miguel Costas versioneou algúns dos himnos celestes máis emblemáticos: «A rianxeira», »Miña terra galega» e o propio himno galego na súa adaptación rock. Coa excepción da interpretación impecable do clásico de Siniestro Total, o resultado foi escasamente brillante. Entre a falta dun contexto musical axeitado, a ausencia de iluminación sobre os músicos e o escaso público que ao comezo do concerto ocupaba as bancadas a actuación da banda pasou con máis pena ca gloria. Xaora, hai que recoñecer que o público foi elegante xa que perdoou erros tan clamorosos como que o grupo descoñecese a letra correcta da rianxeira e do propio himno galego, finalizado de forma incorrecta nas dúas ocasións nas que foi interpretado. Mágoa que tan boa idea como a de convidar a tocar no estadio a un dos nosos músicos máis queridos quedase parcialmente malograda. Outra vez será!

Onte 1337: Mudanza na Deputación

depoOutro dos fracasos de Feijoo foi a perda da Deputación de Pontevedra, que pasará a ser presidida pola viguesa Carmela Silva e, probablemente, gobernada por un bipartito do PSdeG-PSOE e BNG. Un fracaso que tivo a súa orixe en Vigo, onde os populares cederon tres actas aos socialistas, mais tamén en Pontevedra onde os nacionalistas gañáronlle outra, o que xubilará a Rafael Louzán, que o domingo tamén perdeu en Ribadumia, o seu concello. Esta mudanza na Deputación de Pontevedra será unha oportunidade para recuperar o proxecto de Área Metropolitana de Vigo, onde tras estas municipais, socialistas, nacionalistas e mareantes son clara maioría. Cambio que facilitará a posta en marcha de novas políticas en cuestións tan diversas e básicas nas que ten competencia a administración local provincial como o emprego, os servizos sociais, as infraestruturas básicas (camiños e estradas), o medio ambiente, o turismo (Aeroporto de Peinador), a cultura (Museo de Pontevedra), a lingua (Servizo de Publicacións), o deporte (Estadio de Balaídos), o patrimonio (Castelo de Sutomaior), a educación, a infancia, as novas tecnoloxías e tantas outras. Faltan días para que nos poidamos facer unha idea da transcedencia da mudanza histórica nunha institución que xestiona un orzamento de 148 millóns de euros (18 millóns en investimentos) e que durante máis de tres décadas foi couto vedado da dereita e da súa política clientelista. Agoiro importantes resistencias na propia institución.

A reforma de Balaídos

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os criterios que entendo deben respectarse na reforma integral do estadio de Balaídos.

novobalaidosgrande

O anuncio da reforma integral do estadio municipal de Balaídos, tras o acordo entre o concello de Vigo e a deputación de Pontevedra para entre as dúas entidades achegar a partes iguais os dous terzos dun orzamento dunha obra de case trinta millóns de euros, merece ser comentado. Unha reforma necesaria para renovar unhas instalacións envellecidas, e nalgúns casos perigosas, utilizadas por milleiros de persoas para as que cómpre garantir a súa seguridade e maior comodidade.

Sei que neste tempo fraco para as arcas públicas, onde tanto se resinten os servizo sociais básicos, non vai ser doado xustificar o gran esforzo económico que ambas as dúas administracións locais anuncian para os dous ou tres próximos exercicios (arredor de dez millóns de euros cada unha) na reforma dunha instalación municipal utilizada por unha empresa privada. No entanto, sei que será defendido polos seus promotores pola importancia do Celta como expresión dun sentimento compartido de forma unánime pola cidadanía, mais tamén pola súa capacidade de xerar actividade noutros sectores económicos. Argumentos pouco cuestionables xa que todos os equipos históricos de fútbol son máis ca un club, expresións de identidades locais e nacionais. E como tal, o Celta non é só unha institución deportiva nonaxenaria, é tamén o mascarón de proa de Vigo, o seu primeiro embaixador internacional, o vínculo sentimental para os milleiros vigueses e viguesas da diáspora.

Mais como non somos inocentes, non e difícil identificar que o anuncio desta reforma de Balaídos forma parte do espírito de gran coalición que motivou o acordo orzamentario asinado por PSOE e PP no concello de Vigo, xusto cando entramos nun período preelectoral no que Abel Caballero e (previsiblemente) José Manuel Figueroa competirán pola alcaldía viguesa. Tras a denuncia xudicial, presentada polo secretario local do PSdeG-PSOE de Pontevedra, sobre o sobrecusto das obras da reforma do estadio de Pasarón (valoradas en 7,2 millóns de euros, mais que tras tres modificacións superaron os 17 millóns), froito tamén dun convenio entre Deputación e concello de Pontevedra, semella que os dous socios vigueses pretenden con este convenio blindar a reforma de Balaídos dos litixios da campaña.

Xaora, é moito menos entendible no marco dun convenio, do que se descoñece a súa redacción e no que se anuncia está prevista, mais aínda non comprometida, a participación doutras administracións públicas (Xunta, Consello Superior de Deportes e Zona Franca), a achega pecuniaria do Real Club Celta de Vigo S.A.D., apenas 2,2 millóns de euros, menos do 10 % do orzamentado. Unha achega moi cativa para a beneficiaria directa da actuación que recibiría unha valiosa axuda indirecta que para así quixeran nun momento crítico outras sociedades culturais e deportivas emblemáticas (como o Náutico ou o Mercantil) e mesmo outras empresas tamén estratéxicas para a economía e o emprego na área metropolitana e para a conformación do tecido civil da sociedade viguesa. Por moito que sintamos como propias ás cores celestes, debemos recoñecer que hoxe o Real Club Celta de Vigo, como sociedade anónima deportiva participante nas competicións da Liga Española de Fútbol Profesional, ten un valor económico non desprezable no mercado global do fútbol, onde se moven moitos intereses e millóns de euros, dos que son só beneficiarios e responsables os seus accionistas. É imprescindible, pois, coñecer as condicións e contraprestacións da participación do Celta neste tan custoso proxecto.

Ademais do reparto das achegas e responsabilidades, entre as administracións públicas e o club, non é cuestión menor para a cidade coñecer o impacto urbanístico que esta reforma do estadio terá sobre o barrio de Balaídos e sobre as instalacións industriais da Zona Franca. Máis alá da muda de pel do estadio e da prevista construción de novas gradas nos fondos, é imprescindible solucionar a cuestión do aparcamento que hoxe estrangula o acceso ao recinto deportivo e incomoda a veciñanza nos días de partido. Como tamén o é contemplar a necesidade de remodelación das pistas de atletismo, hoxe moi deterioradas, e dos espazos de uso público, valorar o impacto da actuación sobre o funcionamento de Citröen e a renovación das infraestruturas que eviten novas inundacións do Lagares.

A reforma integral do estadio municipal de Balaídos é necesaria mais non pode facerse a calquera prezo. Require un proxecto integral de actuación arquitectónica e urbanística moito máis preciso que as maquetas presentadas até agora na prensa. Como tamén pechar unha memoria económica na que apareza unha valoración detallada dos custes das obras e do seu financiamento, onde as diferentes achegas sexan redistribuídas de forma equitativa entre os participantes.

Campo do Fragoso CLIII

celtacronica

PECHE MEMORABLE

Nun serán de festa e exaltación celtista, o equipo de Luis Enrique pechou a tempada en Balaídos de forma memorable. Noqueou ao contraataque e con aparente facilidade a un Madrid asequible, eivado sen a súa temible tripla dianteira. Os dous golazos de Charles puxeron en evidencia as fraquezas defensivas do equipo de Carlo Ancelotti, un adestrador que non se pode sentir moi cómodo no banco de Balaídos lembrando como en marzo de 2000 recibiu catro goles coa Juventus en oitavos da UEFA e onde só puido empatar co Milán, abrindo o vieiro para aqueloutra xesta celeste, o mítico 1-2 de San Siro en 2003, que supuxo o pase a oitavos de final na primeira participación celeste na Liga de Campións. A pesar da súa insistencia na segunda parte, cando os seus xogadores coñecían que cos empates de Atlético e Barça contaba aínda con posibilidades de título, o Madrid foi incapaz de marcar a un Celta moi solidario nas axudas defensivas e a un porteiro infraqueable baixo os tres paos. Ancelotti lembrará, pois, como en 2014 volveu ao pesadelo de Balaídos, onde perdeu de vez o tren dunha liga de vai e ven.

Non tardara moito o Celta en atuar ao Madrid. Dende os minutos iniciais, Krohn-Dehli conduciu ao Celta polos camiños da fantasía, os do xogo da serpe, que son os máis valorados na lameira do Fragoso. Apenas transcorreran cinco minutos cando o danés serviu cun cano preciso un balón co que Nolito avisou ao galego Diego López que ía ter un serán de moito traballo. Foron pouco despois Orellana, quen caneou preto da área pequena, e Nolito quen cun artístico taconazo abrían liñas de gol na área visitante. O Celta gozaba co seu xogo de toque fronte a un Madrid moi apático, que prefería as opcións do fútbol directo e a quen lle custou vinte e cinco minutos que Morata fixera o seu primeiro remate perigoso. Cando o partido se densificaba cun intercambio de golpes no medio do campo, nun gran duelo entre o brasilego Rafinha e o brasileiro Casemiro, chegou a xogada decisiva. Charles soubo aproveitar un erro garrafal do central Sergio Ramos e logo sentar cun caneo formidable a Diego López para marcar a porta baleira. O Celta conseguía o máis difícil, adiantarse na táboa de marcas.

Na segunda sesión, o Madrid saíu moito máis determinado e intenso. Nos minutos iniciais arreciou unha tempestade sobre a área celeste. Un paradón de Sergio Álvarez a un pexegazo de Morata e outro posterior de Isco evitaron o empate. Mais coma sucedera no primeiro tempo, o segundo tanto galego chegou cando máis apretaban os brancos (esta vez vestidos de laranxa), froito dun erro de Xabi Alonso, a quen pouco antes Ancelotti colocara de central. Charles interceptou a cesión do tolosano ao seu porteiro e volveu superar ao de Paradela. Quedaba case media hora de xogo, mais o Celta soubo xestionar con serenidade a súa vantaxe e tivo moitas oportunidades para conseguir o terceiro. Mágoa de poste de Bermejo nos minutos de desconto que tería sido un peche de ouro.

Con este gran partido, o Celta despedía en Balaídos unha magnífica tempada na que finalizará entre os dez primeiros. Foi o de onte un serán de saudades no que con certeza se despedían Rafinha e o propio Luis Enrique. A pesar das súas excentricidades e dalgúns caprichos e vacilacións iniciais o balance do adestrador asturiano da súa breve etapa en Vigo é excelente, tanto no que atinxe aos resultados, sobre todo nunha grande segunda volta, ao fermoso e sólido xogo do equipo, como pola súa aposta por mesturar a canteira cun grupiño de xogadores internacionais de calidade. Luis Enrique merece, pois, o respecto e gratitude do celtismo. Un peche memorable para o seu proxecto. Beizóns, Lucho!

Onte 879: Afouteza e corazón

Non é un detalle sen importancia que nas novas lonas da Tribuna de Balaídos colocadas onte se poida ler «AFOUTEZA CORAZON». A pesar de faltarlle un til (mágoa!), a reprodución a grande tamaño destas dúas palabras claves na gramática do fútbol celeste consolida a liña normalizadora asumida polo Real Club Celta de Vigo. É unha beizón que o emprego da nosa lingua como a vehicular na megafonía do estadio de Balaídos –unha práctica que se remonta a finais dos anos oitenta, ao abeiro do marco creado pola Ordenanza de Normalización Lingüística do concello de Vigo (pioneira e nunca derogada)– fose capaz de contaxiar amodiño novos usos que contan co apoio e simpatía da masa social celeste (vinte mil socios e socias). Así queremos ao noso Celtiña, coidadoso coa formación da súa canteira, afouto, firme e agarimoso na promoción da nosa lingua.

O futuro do estadio

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a situación do estadio de Balaídos o seu incerto futuro.

Os espectadores do partido da pasada semana, ademais da magoarse coa derrota in extremis do Celta, pillaron unha boa molleira, xa que chovía a cachón tanto fóra coma nas bancadas de Balaídos. A bategada puxo en evidencia o estado deplorable do estadio. As cubertas de Tribuna, Gol e Río amparaban apenas a metade do aforo, xa moi minguado; a da grada de Río, furada coma o aspersor dunha regadeira, metía auga a mares que corría en fervenza polos ocos das escaleiras. Por non falar da anécdota do apagón e das enormes pucharcas nos accesos e saídas que aconsellan acudir ao estadio do Fragoso con botas de sete leguas. E por riba, os andamios instalados para reparar algunhas deficiencias exteriores da grada de Marcador amosan que Balaídos envellece, dende hai máis dunha década sofre unha deterioración para a que, a pesar das denuncias e queixas dos usuarios, non se lle está poñendo todo o remedio que precisa.

Máis alá da épica celeste, a historia do estadio foi a das súas diversas reformas. Hai case noventa anos, case tantos coma ten o Celta, foi a iniciativa privada quen promoveu, por medio dunha sociedade de capital popular, “Stadium Balaídos S.A.”, a construción dun terreo de xogo á beira do Lagares onde estaba asentada unha fábrica de tellas do país, a “Tejera de Balaídos”. O arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez foi quen preparou o proxecto dun gran estadio de forma ovalada e pista de atletismo, á altura dos máis modernos daquela, con capacidade para 22.000 persoas sentadas e coas localidades numeradas. Mágoa, que aquel cobizoso proxecto quedase fanado por falta de recursos económicos. O monumental peche exterior de granito, deseñado polo arquitecto do edificio da Aurora Polar, foi substituído por un muro de cemento na grada de Preferencia e por un valado de madeira nas localidades populares. Balaídos inaugurouse con esa humilde fasquía o 30 de decembro de 1928, sendo alcalde Gregorio Espiño, cun partido ás tres da tarde entre o Celta e o Real Unión de Irún, correspondendo ao extremo celeste Graciliano a honra de ser o primeiro en meter un gol na lameira do Fragoso. Abríase así a historia do estadio, que como podemos ler na magnífica historia do Celta de Fernando Gallego (Faro de Vigo, 2013),  Manuel Castro “Handicap” consideraba como “un orgullo para toda Galicia”; un froito do “noso modo de ser, calcado na deportividade británica da alma galega dos vigueses, que non permitía que un praza de touros se erguese nestes eidos antes ca un stadium”.

Nos anos de posguerra, sendo alcalde Suárez-Llanos, en 1946 o Celta comprou o estadio cunha subvención do concello, o que permitiu que pasase a ser de facto propiedade municipal. Daquela o arquitecto Fernando Molins e o enxeñeiro Elixio Prieto fixeron o proxecto para a construción dunha grada cuberta con viseira de cemento en Río e para dotar a Marcador dunha grada de cemento. Obras que unha vez concluídas proseguiron coa modernización da grada de Gol. Despois, en 1969, o alcalde Rafael J. Portanet comprometeu a completa modernización de Balaídos. Foi ao longo da tempada 1970/71, coincidindo coa primeira clasificación europea da historia celeste, cando se construíron por fases as actuais gradas cubertas de Tribuna, Marcador e Gol. Anovación do estadio que se completaría unha década despois, sendo alcalde Manuel Soto, nas tempadas dos ascensos das segundas de Milorad Pavic e antes da celebración do Mundial 82, coa construción da actual grada de Río sobre o Lagares, rematando de vez coas inundacións que durante décadas cada inverno fixeron de Balaídos un temible estadio “acuático”.

Oitenta e cinco anos despois da súa inauguración e de tres décadas da súa derradeira reforma, máis alá da conxuntura deportiva do Celta (sempre na pelexa), a cidade precisa enfrontar o tabú de cal vai ser o futuro da súa primeira instalación deportiva e multiusos. Desbotada no marco económico actual (e no propio plan xeral) a alternativa de construción dun estadio nunha nova ubicación, malograda a posibilidade de remodelación integral proposta polo concelleiro do BNG Santiago Domínguez en 2009, ao fío da celebración dos mundiais de fútbol de 2018 e 2022, para os que Vigo preparou a súa candidatura coma sede, a curto prazo non existe outra alternativa que alongar a vida de Balaídos por medio dunha coidadosa operación de mantemento das súas instalacións interiores e de mellora dos seus servizos de acceso, aparcamento e transporte público. Unha “solución” que precisa unha maior dedicación orzamentaria do concello de Vigo, xa que o seu obxectivo é evitar tanto a ruína da estrutura como preservar a seguridade dos usuarios. Xa a medio e longo prazo, o futuro do estadio é unha ineludible cuestión política (e urbanística) que debe ser abordada no marco do plan estratéxico metropolitano.

As fotos son de Guillermo Cameselle.