Área Metropolitana, fracaso anunciado

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación do proxecto de lei de Área Metropolitana de Vigo.

Moito ten chovido dende a aprobación o 22 de decembro de 1999 da “Declaración de Soutomaior”, un documento consensuado por todos os alcaldes da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo na que declaraban a súa firme vontade de crear a Área Metropolitana de Vigo. Tras tres mandatos municipais, durante os que a alcaldía de Vigo correu na man do BNG, PSdeG-PSOE e PPdeG, tras tres lexislaturas do Parlamento de Galicia, nas que tamén existíu un período de alternancia, foi imposible acadar un consenso político capaz de poñer en marcha unha entidade xurídico-administrativa articuladora dunha rexión urbana, a primeira de Galicia, que vertebra cada día a actividade e mobilidade de medio millón de persoas. Unha década preciosa, que sabemos agora foi tamén de vacas gordas, na que se perdeu a oportunidade de deseñar un novo mapa vertebrador da Galicia futura, que substitúa eficazmente o actual modelo territorial baseado nun modelo deputacional decimonónico e nunha organización municipal incapaz de ofrecer os servizos que demanda o noso tempo.

Non fai falta ser un lince para agoirar un rotundo fracaso á pretensión do Partido Popular de Galicia de aprobar en solitario e no treito de remate da actual lexislatura o proxecto de Lei da Área Metropolitana de Vigo. De facelo asistiremos a un fracaso anunciado xa que os procesos metropolitanos sempre requiren un amplo consenso parlamentario (eis o caso da creación por unanimidade no Parlamento de Cataluña da Área Metropolitana de Barcelona), acordo que os conservadores galegos foron incapaces de promover ou non tiveron interese en acometer arredor de tres cuestións fulcrais: as competencias metropolitanas, o financiamento da nova entidade e o xeito de gobernanza. Tres temas abordados de forma insatisfactoria no proxecto que pretende aprobar en solitario o PPdeG.

E non vaiamos a pensar que os seis ámbitos competenciais metropolitanos son calquera cousa, xa que afectan a eidos fundamentais para a calidade de vida cidadá e a actividade económica dos emprendedores: promoción económica, emprego e servizos sociais (esencial nunha área cun nivel de desemprego moi superior ao da media galega); turismo e promoción cultural (fundamental nun espazo no que se desenvolve a actividade de boa parte da nosa industria cultural); transporte público de viaxeiros (prioritario nun espazo onde a mobilidade nunca foi abordada como unha cuestión política); medio ambiente, augas e xestión de residuos (primeiro na axenda metropolitana, tanto pola imperiosa necesidade de mellorar a conservación e rexeneración da ría, como pola necesidade de deseñar unha xestión metropolitana do abastecemento de augas, un ben cada vez máis escaso); ordenación territorial e cooperación urbanística; e extinción de incendios e protección civil.

Porén, a pesar da súa importancia, este proxecto non establece nin a obriga nin os prazos para a cesión á área metropolitana destas competencias por parte de quen as detenta, nuns casos a Deputación, a Xunta ou os concellos, co perigo e os conflitos que supoñería a súa duplicidade. Outrosí sucede co financiamento, que se prevé acheguen os concellos en función da súa poboación –o que supoñería que Vigo proporcionaría o 62%–, sen que exista compromiso ningún de corresponsabilidade por parte da Xunta e da Deputación. Nin tampouco se soluciona con equilibrio o sistema de gobernanza –mesmo sen entrar a debater a cuestión do sistema de elección da presidencia, que en calquera lóxica política semellaría ostentase o concello de referencia da área– en base a existencia dunha asemblea de 52 membros e dunha xunta de goberno de 14 alcaldes, onde todos contan o mesmo, a pesar de representar a entidades de poboación moi diferente.

Sen consenso político, sen acordo do PPdeG cos dous partidos da oposición, a posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo volve estar condenada ao máis rotundo fracaso. O proxecto metropolitano vigués será viable cando sexa incluído nun grande acordo político e social arredor dun novo marco territorial e administrativo capaz de reordenar o mapa de concellos, comarcas e rexións urbanas (ou áreas metropolitanas). Galicia debe superar o actual modelo deputacional e acometer unha revolución territorial profunda, radical, baseada nun novo modelo municipal. Eis o marco onde debería engancharse a Área Metropolitana de Vigo. Mentres non se acada, non estaría de máis que o Goberno de Núñez Feijoo dera conta do estado e das previsións do plan do transporte metropolitano de viaxeiros para a área viguesa (que xa funciona en Ferrol, Santiago e A Coruña) ou do seu compromiso para solucionar o problema de abastecemento de augas a todos os concellos da área. Sería o mellor xeito de contribuír hoxe ao futuro do Vigo metropolitano.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *