Infamia
Isaac Díaz Pardo, a quen lembramos este mes no seu duodécimo cabodano, colocábanos aos editores galegos fronte ao espello cando repetía nas nosas xuntanzas gremiais no IGI que «dedicara toda a súa vida a templar gaitas e limpar merdas». Sabiamos que esta confesión, de quen asumiu a austeridade como a súa forma de vida e foi mestre da cultura da acollida, constituía apenas un eufemismo para expresar o sufrimento e a decepción dos enredos que como creador de Sargadelos, de Ediciós do Castro, do Laboratorio de Formas ou do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside padeceu para defender os seus proxectos empresariais de modernización galeguista. O mesmo Isaac teimoso e afouto dende a mocidade, que practicou até o seu derradeiro salaio o exercicio da memoria, tanto a propia como a compartida da que foi custodio. Memoria republicana de Galicia gravada nos máis de cento sesenta títulos da colección Documentos pra a Historia Contemporánea de Galiza ou do proxecto da Biblioteca do Exilio, que promoveu coa editorial Renacimiento, como editor ponte coa Galicia emigrante de Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, amizades que nunca perdeu. A mesma persoa que mantivo ao longo da vida enteira como referente moral ao seu pai, Camilo Díaz, escritor e escenógrafo da xeración de Castelao e Federico Ribas, asasinado polos sublevados en agosto de 1936, cando Isaac contaba apenas dezaseis anos, infamia que denunciou finalmente coa intención de que nunca se esquecese. Imaxino que con semellante xeito de instalarse no mundo, Díaz Pardo apenas sorriría con sarcasmo lendo a relación de participantes na nona edición dos Foros de Debate organizada en Ribadeo en xaneiro e febreiro pola Fundación Sargadelos e o Grupo Voar sobre «O Estado: súbditos e cidadáns». Os organizadores, cando este venres reciban ao conferenciante, Iván Espinosa de los Monteros, quen fora fundador de Vox e voceiro no Congreso, deberían explicarlle quen foi o creador do proxecto empresarial cerámica de Sargadelos.
Publicado en Nós diario: 17/01/2024




Lin con moito interese
O libro narra a vida cotiá en condicións deplorábeis dun dos 300.000 refuxiados, a maior parte deles, como Santiago, ex-combatentes do exército da República, nos campos de concentración de Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelés-Sur-Mer. Lonxe de pretender retratar heroísmos, a obra relata en primeira persoa a miseria, a desgraza e o sufrimento dos internados, sometidos a situacións extremas, agravadas polas condicións climáticas, pola falta da mínima hixiene, a carencia de instalacións sanitarias, a escaseza de alimentos e auga e a crueldade dos gardas senegaleses. Xaora, ao autor cando fai memoria relatando as anécdotas desta vida tan precaria non lle falta nin o humor nin o xeito literario para construír unha peza emocionante para o lector, mesmo a pesar de que a súa intencionalidade, recollida dende o propio limiar, é ofrecer apenas un documento fidedigno e veraz sobre a vida dos exiliados españois nos campos de concentración franceses antes da ocupación alemá.
O rescate do esquecemento deste mecanoscrito constitúe, ademais, unha oportunidade para lembrar a Antonia Rodríguez Salinas, «Dona Antonia», a mestra que coa súa firmeza e sensibilidade marcou dende a súa escola da rúa Telmo Bernárdez a varias xeracións redondelás. Natural dun pequeno pobo de Guadalaxara chegou a Redondela co seu fillo Santiago para acompañar ao seu amor encarcerado na illa, unha historia extraordinaria merecedora de ser rescatada con outro lapis do carpinteiro literario. Como inesquecible e o seu labor como mestra de primaria, que utilizaba os textos de Federico García Lorca para a aprendizaxe da lectura e da escritura e axeitaba aquelas enciclopedias de Álvarez para que as súas clases de historia e xeografía preparatorias para os exames por libre fosen inesquecibles para os seus alumnos e alumnas. Memoria do labor educativo de dona Antonia que como a doutras esquecidas mestras particulares do franquismo merece ser recuperada.








