Artigos

Onte 2134: «Cadernos persoais» no 25 cabodano de Lois Pereiro

Tras a celebración do ano Lois Pereiro (2011) quedara pendente a edición dos cadernos de viaxe e das notas do diario dos seus derradeiros meses. Asumido inicialmente por Xerais, que encargara a Héctor Cajaraville a transcrición, edición e anotación dos textos, culmínase agora o proxecto editorial da man da editorial Chan da Pólvora, cando este 24 de maio se cumpren 25 anos do pasamento do poeta monfortino. Unha fermosa edición que recolle o texto das notas de viaxe que escribiu en cinco pequenas libretas entre 1989 e 1993, nas viaxes que fixo por Europa, ademais das anotacións realizadas na axenda que lle agasallara Isabel Romero, muller do seu irmán Josito, que constitúen un diario dos derradeiros días da súa vida, entre xaneiro e abril de 1996.

Edición completada por unha escolma de imaxes dos cadernos e por dous excelentes textos epilogais: o primeiro do profesor monfortino Fernando Saco, amigo de Lois Pereiro dende a adolescencia e compañeiro de moitas das súas viaxes; o segundo de Inés Pereiro, a súa irmá, tamén outra das súas compañeiras de viaxe. Cadernos persoais é un libro híbrido, entre a axenda de viaxe e o diario persoal, onde LP ensaia textos de futuros poemas, ideas para relatos, aforismos, citas musicais e literarias, ou sinxelamente relata con brevidade vivencias e aconteceres de viaxe. Na súa maior parte escrito en galego, aínda que LP incorpora outras linguas (castelán, francés, inglés e alemán), estes textos de espírito íntimo expresan a súa paixón pola vida concibida como unha viaxe compartida, mais tamén da viaxe (preferiblemente en tren e acompañada) como experiencia de goce e descuberta, como expresa Inés Pereiro, «a viaxe como unha forma de somerxerse na vida». Páxinas moi emocionantes, unha marabillosa exaltación da amizade e do amor, algunhas excepcionais, como as do diario que pecha o volume. Un libro escrito con toda a forza e a paixón de quen nunca se rendiu. Paga moito a pena. Sempre Lois!

Onte 2133: «Xela Arias. Os territorios da liberdade», a biografía de María Xesús Nogueira

A profesora da USC e crítica literaria María Xesús Nogueira, editora da Poesía reunida (1982-2003) de Xela Arias (Xerais 2018), é autora de dúas da semblanzas literarias máis completas da autora homenaxeada este 17 de maio: a incluída nesa decisiva recompilación poética e as (auto)rreferencias e contornas que introducen e pechan os textos da antoloxía Xela Arias. De certo, a vida ía en serio (Chan da Pólvora 2021) que ela tamén escolleu. Dous textos moi influíntes na documentación didáctica e informativa da homenaxe a Xela Arias aos que habería que engadir as numerosas entrevistas e conversas nas que participou nos últimos meses, singularmente as publicadas nos monográficos das revistas Luzes e Tempos novos e as da serie documental A palabra esgazada, nas que con rigor documental, afán didáctico e compromiso feminista Nogueira perfila o retrato dunha escritora activista, implicada nos movementos sociais e artísticos do seu tempo que escolleu a independencia como primeira regra vital e procurou os territorios da liberdade.

Retrato que agora desenvolve con maior amplitude no libro Xela Arias. Os territorios da liberdade (Xerais 2021), a biografía literaria referencial e divulgativa da autora das Letras Galegas 2021. E faino reconstruíndo a voz de Xela Arias a partir das entrevistas, autopoéticas, conferencias e outros textos escritos por ela en primeira persoa, ao tempo que a vai enfiando con versos e outras prosas, especialmente as dos días de infancia, recollidas en Non te amola! (Galaxia 2021). Un arriscado exercicio de prosa autoficcional, resolto por Nogueira con mestría e contención, que traza un retrato humano e literario veraz de Xela Arias, fuxindo tanto dos perigos haxiográficos das vidas de galeguistas exemplares, un clásico no xénero, como do reconto de feitos cronolóxicos e anécdotas das amizades.  Como particular interese ten a lectura integral da obra poética de Arias no seu contexto persoal, xeracional e político, que axuda a entender o carácter transgresor e pioneiro da poeta, editora, tradutora e profesora viguesa.

Parabéns a Chus Nogueira por texto tan traballado e logrado como polas súas incansables e xenerosas achegas que contribúen de forma decisiva á recuperación da figura da escritora Xela Arias. Recomendo moi vivamente.

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.

Onte 2008: Fervenzas Literarias 2018

Coñecimos onte os resultados dos mellores libros do 2018 de Fervenzas literarias, a primeira revista dixital literaria e galego. Ábrese así, como ven sucedendo de forma ininterrumpida dende 2007, a xeira de recoñecementos literarios a obra editada no ano anterior, que continuará até a primavera, consolidando unha tradición que moito nos aprace. Unha colleita anual, tanto de libros editados nos diversos xéneros e modalidades como de recoñecemento ás diversas instancias de mediación do noso sistema editorial, creada a partir das votacións de máis de medio millar de persoas, que convirte aos «Fervenzas» en referentes de popularidade, ao tempo que abre unha tendencia de influencia (inevitable) nas escollas posteriores.

Como editor que fun de Xerais non podo estar máis satisfeito e orgulloso pola colleita excepcional de Xerais en 2018, que obtén 7  dos «mellores libros do ano» (de 11 posibles), ademais de moitos outros finalistas, ademais da distinción como «a mellor editorial», o resultado máis destacado na historia destes premios, expresión tamén da excelencia e do rigor do traballo do cadro de profesionais que dirixe Fran Alonso. Como tamén é sempre para min unha honra que «Culturgal» fose considerado «o mellor acontecido de 2018», como sucedeu xa noutras ocasións anteriores, outra proba máis da consolidación desta feira das industrias culturais coa que continúo, como no caso de Xerais, tan afectivamente unido.

Esta colleita dos Fervenzas amosa que 2018, por ventura, foi o ano das escritoras, que ocupan boa parte das posicións máis destacadas, na maioría das modalidades, sendo moi significativo o premio acadado polo colectivo A Sega como «mellor espazo na rede». Xaora estes Fervenzas tamén expresan a diversificación do sector editorial galego no que se consolidan proxectos xeralistas como os de Urco e proxectos de edición especializada como Apiario, Hugin e Munin ou Chan da pólvora.

En todo caso, todas as persoas e entidades premiadas, como todas as finalistas, merecen os nosos parabéns, xa que todas elas están construíndo espazos de excelencia para unha edición en galega que, outro ano máis continúa á intemperie, sostida apenas polo esforzo das profesionais do sector do libro e da lectura e polo apoio dos seus públicos. A fantasía do libro galego continúa. Beizóns!