Listado de la etiqueta: cancioneiro_popular_galego

Tocadoras

O éxito de celebración educativa das cantareiras neste 17 de maio obedece á admiración do profesorado pola figura poderosa destas mulleres libres coa pandeireta na man. Mercedes Peón, investigadora, compositora e tamén pandeireteira, reclama en Somos pandeireteiras (Xerais 2025) para elas o nome de tocadoras e «mulleres donas da palabra, donas do serán e da voz da colectividade». Mulleres que na década de 1980 protagonizaron a revolución esquecida das tocadoras, como centro da transmisión musical galega, da palabra e da propia lingua. Centralidade do legado lingüístico e musical que na mesma monografía a poeta e académica Ana Romaní atribúe á química das cociñas, que contaxiaban as súas melodías dunha casa a  outra, e ao carácter das mulleres como creadoras e transmisoras de saberes. Activismo feminino que Martín Sarmiento identificou en 1775 cando escribiu que «en Galicia as mulleres non só son poetisas, tamén músicas naturais». Un día das letras para recuperar da man das tocadoras unha tradición coral de sororidade e empoderamento e un patrimonio da memoria actualizado de forma permanente. Día para a poesía popular oral que a Academia quixo personalizar en sete mulleres –das que por certo catro aparecen como informantes do Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth, señora galega das letras 2014, homenaxeada por A Sega– que representan apenas un testemuño do patrimonio das cantareiras anónimas que, por ventura, para a cultura galega, continúa vivo e punxente. Cantareiras de hoxe que asumen formas de composición e interpretación contemporáneas, sen medos a mudar o formato dos palcos e por desprazar o acompañamento masculino do gaiteiro, apostar pola presenza de mulleres gaiteiras ou por empregar mediacións musicais electrónicas. A Academia pretendeu que a súa escolla contribuíse a recuperar falantes, entre o colectivo de mozas e nenas, o que semella tan ben intencionado como voluntarista. Abondaría que a nova xeración de tocadoras enguedellen ese novo público. Ogallá.

Publicado en Nós diario: 14/05/2025