Artigos

Onte 1194: Brétemas, 10 anos

Bretemas_03_01_2005

Tal día como onte de hai dez anos comecei estas Brétemas. Dende entón publiquei 4.667 entradas, fixéronse máis de dez mil comentarios e realizáronse varios millóns de visitas ás entradas do blog. Iniciado en Blogger, no marco do entusiasmo do blogomillo, pasou catro anos despois a Word Press, acollido primeiro pola xenerosidade de Blogaliza e logo, xa con dominio propio, aloxado por Pumpún, até que o pasado decembro migrou ao dominio punto gal.

Dende o inicio foi un blog persoal, con certa vontade memorialística de recoller a miña experiencia como editor de Xerais, razón pola que as súas preocupacións principais foron e continúan sendo os temas relacionados coa edición, a lectura, a lingua e a educación. Xaora, iso non impediu, madia leva!, que en Brétemas se escribise moito sobre política no marco desta crise devaluadora, de fútbol e doutras belas artes. Sen esquecer que tamén dende as orixes, o blog tivo unha intencionalidade de ensaiar e máis tarde desenvolver as posibilidades dunha escrita hipertextual, o máis económica, rica e atractiva que o tempo dispoñible diariamente me permitise.

Botando unha ollada cara atrás, é doado identificar as mudanzas que se foron producindo en Brétemas, provocadas polas do propio soporte e pola aparición das redes sociais e informativas, como pola propia hibridación do paradigma da comunicación cultural. O papel de Brétemas e do blogomillo mudaron coa chegada de Twitter, ao que me incorporei en febreiro de 2009, e de FB, onde migrou a conversa e se conformou unha nova comunidade lectora. A pesar diso, sempre acreditei no valor do blog coma cerne da miña identidade dixital, tanto pola posibilidade de achegar continuidade a varias series textuais (que sempre gustei en numerar) como «Onte» (un dietario con máis de tres anos de vida), «Campo de Granada» (artigos semanais que levo publicando en Faro de Vigo dende hai dezaseis anos con atención prefernete á cidade de Vigo) e «Campo do Fragoso» (crónicas dos partidos que o Celta xoga en Balaídos, das que me ocupa dende hai dez tempadas), como pola súa posibilidade como enorme arquivo dixital, utilidade extraordinaria na que teimei etiquetando o contido de cada anotación todo o que me foi posible.

Nunca esquecerei que cando iniciei o blog, o mesmo día que o meu benquerido Jaureguizar o facía cos seus Facendo amigos, non sabiamos sequera facer un hiperenlace. Dende entón, todo o que aprendín lendo e escribindo na rede non ten prezo. Bloguear é sinónimo de compartir e colaborar. Bloguear supón manterse permanentemente á espreita, compartindo e modulando unha voz dixital propia.

Abonda coa retórica do autobombo. Continuarei na escrita de Brétemas mentres teña algo que compartir, azos e tempo para facelo. A miña maior gratitude para todas as persoas que as len, critican, comentan, rechían e comparten. Seguimos…