Listado de la etiqueta: ateneo_atlántico

Onte 2065: «A morte de Galicia», ensaio sobre avellentamento e emigración

Resultou moi interesante o debate que arredor da aparición do libro A morte de Galicia (Xerais, 2019) mantiveron na bilioteca da EMAO o historiador Isidro Dubert, o editor da obra, e a socióloga Antía Pérez Caramés, unha das coautoras. No marco do ciclo «Repensar Galicia» organizado polo Ateneo Atlántico de Vigo propuxémoslles que reflexionasen arredor das cuestións do avellentamento demográfico e da emigración, os dous eixes dun libro que dende a historia e socioloxía críticas pon en cuestión as políticas natalistas e os discursos da apocalipse demográfica que dende hai unha década agoiran a morte de Galicia. Coincidiron Isidro Dubert e Antía Pérez Caramés en criticar que os discursos propagandísticos dos que detentan a hexemonía cultural en Galicia fixaron o problema demográfico como o principal do país, recuperando así a vella ideoloxía conservadora natalista, nacida en Francia a comezos do século XIX.

Pesimismo demográfico baseado nun aparente consenso sobre unha imaxe catastrófica da demografía galega, á que non é allea unha certa insidia sobre o fenómeno do avellentamento como unha ocultación do que para ambos os dous constitúe a quinta vaga migratoria da historia de Galicia, á que se ven producindo dende 2002, intensificada a partir de 2008, co inicio da crise. Dubert non dubidou en afirmar que «os datos históricos amosan que a sociedade galega sempre foi vella de seu, máis avellentada ca de España, o que non lle impediu medrar e ser unha sociedade moderna». «O título do noso libro é retranqueiro. A pesar das dificultades, do estancamento demográfico ou dos ciclos económicos, Galicia ten futuro.  O problema é hoxe porque se agocha a emigración de 360.000 galegas entre 18 e 35 anos, unha de cada dúas con estudos superiores. A quen beneficia a súa marcha?»

Pola súa banda, a profesora Antía Pérez Caramés atribuíu a intervención natalista a proposta polo Plan de Dinamización Demográfica de Galicia a un fenómeno de demogratización do social, mais tamén a unha certa ignorancia, xa que apenas unha cuarta parte do avellentamento é causado polas baixas taxas de fecundidade, mentres é o alongamento da esperanza da vida, a pesar de ser socialmente moi desigual, mesmo de seis a sete anos, a súa razón principal.

Onte 1996: Encontro pola Cultura

Confeso que non agardaba que se ateigase o amplo salón de actos do IES Politécnico no Encontro pola Cultura organizado onte polo Ateneo Atlántico e outras entidades culturais viguesas. Unha convocatoria cidadá na que se pretendía tomarlle o pulso a situación actual da cultura en Vigo abrindo tres liñas de reflexión: a xestión e os equipamentos culturais, relatorio do que se ocupou a avogada e crítica cultural Ania González; o Urbanismo e o patrimonio industrial, que correu a cargo do arquitecto Iago Valverde; e a Imaxe da Cidade e Identidade, da que me ocupei eu (aquí pode baixarse en pdf o esquema-guión). Tres enfoques diversos, que o moderador Fernando González «Gonzo» soubo ir enfiando con moito interese, que abriron unha longa rolda de intervencións moi críticas coa falta de democracia e o absoluto centralismo da xestión cultural da cidade, concentrada en Alcaldía e persoal de confianza, unha situación de excepcionalidade que debe e pode ser reconducida.

A recuperación da liberdade de creación e do acceso á cultura en Vigo, a necesidade da participación dos colectivos culturais na orientación das políticas culturais públicas e a xestión profesionalizada e independente foron algunhas das ideas máis repetidas nun encontro chamado a marcar un punto de inflexión capaz de establecer lazos entre colectivos, comunidades e individuos vinculados coa cultura no ámbito metropolitano.

No par de intervención que fixen no debate insistín na necesidade de facer tamén autocrítica e non enredarse coa descrición (que todos compartimos) da lamentable e vergonozosa actuación do actual goberno Caballero, (dende a iluminación de nadal á xestión do auditorio Mar de Vigo), xa que para a desgraza da cidade, con honrosos intentos voluntaristas dalgunhas corporacións e mesmo dalgúns responsables da Concellaría de Cultura, nas últimas catro décadas nunca contou con políticas culturais estratéxicas, baleiro que no maioría dos casos foi cuberto con ocorrencias máis ou menos disparatadas e mesmo algunha máis afortunada.