Competimos no Centenario

Foi o do venres un serán celtista cento por cento, tanto na previa musical do Centenario coa participación no palco de Dakidarria e Keltoi, trobadores do celtismo contemporáneo, como despois co agre resultado no tapiz do Fragoso cun Madrid rochoso que por riba contou cos suplementos decisivos do equipo arbitral e da deusa Fortuna. Apenas outra páxina de ledicias celestes e padeceres celtistas combinados na semana na que as expectativas da celebración do histórico vinte e tres de agosto de mil novecentos vinte e tres quedaron case en augas de bacallau, reducidas apenas a instalación dunha pequena placa conmemorativa no interior da sala de lectura da Biblioteca Juan Compañel, con grallas ortotipográficas incluídas, contando só coa presenza da directiva e o secretario xeral de Cultura da Xunta, e a celebración posterior dun acto en Mos con escaso argumento. Celebracións institucionais nas que provoca vergonza allea o escaso peso outorgado polo club á participación da afección e a ausencia do alcalde de Vigo, que representa a toda a veciñanza celeste e a cidade razón de ser do equipo, ademais de xenerosa propietaria dun estadio en completa reconstrución. Outro despropósito institucional de Carlos Mouriño mitigado de xeito informal polo celtismo que no serán do vinte e tres quedou polas redes ás portas de Balaídos para celebrar con cánticos e bengalas a proeza centenaria da fusión do Fortuna e Sporting de Vigo como club dunha cidade e dun país.

Unha semana decepcionante tamén no eido deportivo, na que despois dun xiro de guión imprevisto rematou a telenovela do traspaso de Gabri Veiga finalmente á liga de Arabia Saudí. Unha oferta desas que din imposibles de rexeitar que fará millonario ao rapaz do Porriño ao tempo que anulará por unhas cantas temporadas o seu crecemento como xogador, o que podería ser considerado como un fracaso formativo da canteira da Madroa. Outro de tantos paradoxos dese maldito fútbol moderno, un camiño saudita, por outra banda escasamente novidoso, transitado xa polos odiosos Santi Mina e Luis Rubiales, que levou alí a Supercopa española por unha millonada. Un traspaso o de Veiga que dende hai tempo precisaba Carlos Mouriño para que Luis Campos parchease –certo que con tres ou catro semanas de atraso e co Celta nos postos de pechacancelas dunha liga comezada– o cadro de celestes debilitado en cada unha das catro liñas, carencias na que insiste o adestrador Rafael Benítez na súas comparecencias coa súa admirable claridade didáctica.

Neste contexto tan celtista, un espazo híbrido entre a ilusión e a decepción, máis de vinte mil voces celestes compartiron o himno de C. Tangana, provocando unha reacción emocional irresistible que contaxiou aos de Benítez dende o minuto inicial. Co empurrón de Mingueza pola banda o Celta conseguiu marcar en apenas tres minutos, grazas a un taco de Larsen que desviou un xute de Beltrán dende a frontal. Ledicia estrondosa da bancada viguesa interrompida polo árbitro tras a consulta coa pantalla VAR, que polo seu xesto interpretamos obedeceu a que noruegués tirou da camisola ao gardameta, sen considerar (abonda ver a repetición da xogada) que o visitante antes agarrara o celeste polo brazo para incomodarlle o remate. Un misterioso erro de apreciación arbitral que condicionou completamente o partido e, o que aínda foi máis lamentable, iniciou unha serie de decisións polémicas que prexudicaron ao Celta, sobre todo o penalti (inexistente para o ollo humano) sinalado na segunda parte nunha entrada a Rodrygo por parte de Iván Villar que o porteiro de Aldán pararía despois. Pouca cousa se lembramos que na visita anterior a Balaídos foron tres os penaltis a prol do Madrid noutra arbitraxe esperpento, na que ao Celta tamén lle anularon un gol.

A pesar deste condicionante, o Celta competiu moi ben, amosando que o traballo de Benítez, a pesar das carencias nalgunhas posicións, comeza a callar. Froito dun traballo defensivo admirable e dunha paciencia encomiable os nosos tiveron máis oportunidades de marcar cos visitantes. Mágoa que a Aspas, Larsen, Bamba, Beltrán ou Mingueza lle faltase esa puntería diferencial, esa pausa duns segundos que antecede ao gol. Como faltaron eses segundos de concentración a Aidoo para poder evitar a arteira cabezada de Bellingham (fanfurriñeiro como o primeiro Cristiano Ronaldo) que noqueou aos celestes faltando apenas dez minutos para chegar a porto. Así e todo, a bancada agradeceu un bo partido dos nosos e unha mellora apreciable da súa capacidade competitiva que debe consolidarse en vindeiras xornadas contando coas chegadas das fichaxes anunciadas.

Faro de Vigo: 27/08/2023

 

Vigo 1923

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Vigo do centenario do Celta:

Mañá, 23 de agosto, fanse cen anos da asemblea constituínte do Club Celta na que se aprobaron os seus estatutos e documentos fundacionais. Celebrada ás dez da noite nos locais da Federación Gremial de Patróns, situados na Casa de Pedro Román na rúa Joaquín Yáñez, unha das primeiras e máis logradas obras (1889) do arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez, onde tamén tiña sede a sociedade recreativa Casino de Vigo, na actualidade Biblioteca Pública Juan Compañel, a histórica asemblea culminaba o proceso promovido polo xornalista Manuel de Castro «Hándicap» de crear en Vigo un grande equipo de fútbol que representase a Galicia nas competicións nacionais e internacionais. Un novo club nacido da fusión do Fortuna, creado en 1905, e o Vigo Sporting Club, creado en 1914, herdeiro do Vigo Sport Club (1903) e do New Club Vigués (1911). Un acordo froito de longos debates nos salóns do Casino, tanto entre as directivas dos clubs fundadores como na asemblea conxunta dos seus socios, celebrada o 10 de agosto de 1923, na que se valoraron as propostas saídas do concurso de nomes organizado por «Hándicap» nas páxinas de Faro de Vigo, sendo Breogán e Celta as mellor acollidas, como arredor da escolla da indumentaria, en principio coas cores branca e vermella da bandeira de Vigo, aínda que tamén se contemplarían a branca e celeste da de Galicia que pouco despois acabaría por adoptarse.

Inédito proceso fundacional entre dous clubs que entón se repartían os títulos do campionato galego, mesmo con cadansúa lameira emblemática, a do Fortuna en Bouzas, onde se instalaría despois a factoría de Alfageme, a do Vigo Sporting en Coia, na chamada «Catedral» ao pé dos guindastres da factoría de Barreras, foi posible grazas a puxanza industrial e asociativa daquel Vigo da segunda década do século XX. Abonda con repasar os nomes da primeira xunta directiva do Club Celta para comprender que a fusión contaba cos parabéns dos poderes económicos locais. O primeiro presidente, Manuel Bárcena de Andrés, segundo Conde de Torrecedeira, era consignatario e promotor do popular parque Las Cabañas de Peniche e xa arelaba unha cidade deportiva para o equipo no monte do Castro. Un dos vicepresidentes, Manuel Otero Bárcena, presidente da Asociación de Industrias Pesqueiras, que despois chegaría a ser director de Faro de Vigo (1929-1944), puxo en marcha con éxito o servizo de vagóns frigoríficos que cubrían o traxecto a Madrid co peixe do Berbés. O secretario, Gaspar Barreras traballaba no estaleiro familiar. Francisco Curbera Tapias, José Bar Vilaboa, como outros vogais, ademais da súa continuidade cos clubs fundadores, estaban vinculados a actividade comercial. O que amosa o innegable celme industrial e portuario dos primeiros directivos da entidade deportiva.

Podemos saber máis daquel Vigo de 1923 grazas ao primeiro dos álbums do editor vigués Jose Cao Moure (P.P.K.O.), Catálogo de Vigo 1922-1923. (Vigo a través de un siglo), publicación coidadísima de promoción de Vigo «como unha cidade progresiva e culta». Libro esencial na nosa bibliografía, recuperado en 2005, no que ademais dun amplo percorrido publicitario pola actividade económica viguesa, ofrece a excelente reprodución de fotografías e a publicación de varios ensaios, entre os que salientan os textos de Avelino Rodríguez Elías sobre a historia de Vigo e de Jaime Solá sobre o Vigo do arquitecto Antonio Palacios.

O Vigo de 1923 contaba con 53.000 habitantes, trinta mil máis ca no comezo do século e dez veces máis ca en 1840, cando Nicolás Taboada Leal publicou a primeira historia de Vigo. O concello de Vigo contaba en 1923 cuns ingresos de dous millóns e medio de pesetas das que unha cuarta parte procedían do mercado e lonxa do Berbés, que contaba con 350 barcos de vapor, ademais de 500 embarcacións de remo e vela, que ocupaban en toda a ría a preto de dez mil mariñeiros. Vigo contaba entón con 38 fábricas de conservas nas que traballaban 3.426 mulleres e 1.468 homes, ademais de varias fábricas de estampaxe de folla de lata e estaleiros e talleres metalúrxicos. Primeiro centro turístico de Galicia, primeiro porto transatlántico de España, Vigo posuía xa rede de sumidoiros, excelentes augas potables, alumeado público por gas e electricidade, rede comarcal de tranvías, servizo de pasaxe de hora en hora na ría, salas cinematográficas e cafés con espectáculo, ademais dunha intensa actividade recreativa e deportiva. Cidade que contaba cun moderno ensanche monumental e cun porto do que as súas elites comezaban a sentirse orgullosas, que Manuel Olivié definía como «un himno ao traballo» xa que para el «era a cidade de España onde máis se traballaba». Nesa atmosfera optimista e punxente da década de 1920 naceu o Club Celta que en pouco tempo se convertería en icona e memoria da cidade.

O carné de Emiliano

Teño a fortuna de conservar un dos primeiros carnés do Celta do meu pai. Datado en decembro de 1950, corresponde ao socio número 1.572, co asento número 90 da fila 8 da Grada de Río. Daquela Emiliano Bragado traballaba de dependente de comercio na camisaría Calvo da rúa do Príncipe. Pola numeración, estimo que entón xa se trataba dun socio veterano, cunha antigüidade canto menos de cinco ou seis anos, polo tanto seareiro xa dun dos mellores celtas da historia centenaria, a dos chamados «diaños celestes» ou «campións de afouteza», un equipo de fábula, que perdeu a primeira final de Copa (1947-1948) e permaneceu catorce tempadas continuadas en Primeira, dende 1945 a 1959 (proeza aínda non superada), integrado por algúns dos mellores xogadores da historia celeste como foron Simón, Pahiño (o dianteiro lector de Dotoievski), Yayo, Roig, Muñoz ou Aretio, entre outras figuras.

Téñolle dado moitas voltas a este carné do Celta de papá, que estimo pagaba unha cota mensual de arredor das vinte pesetas, o que nun soldo de dependente de vinte e tres anos supoñía un pico. Secasí, o carné amosa que dende hai canto menos setenta e cinco anos a familia nosa mantén, tempada a tempada, varios asentos na Grada de Río da catedral do Fragoso. Unha fidelidade familiar que se mantivo na década de 1960 co Celta en Segunda División, cando meu irmán Eduardo e mais eu, uns picariños comezabamos a acudir con papá ao estadio, como na de 1970 cando ascendemos a Primeira e co Celta ye-ye xogamos despois a primeira eliminatoria da UEFA co escocés Aberdeen, tamén a primeira e efémera participación dun equipo galego en competición europea (1971).

Presenza en Balaídos que mantivemos nos períodos do elevador, dúas décadas de mudanzas nas que se encadearon ascensos e descensos, coincidindo co final da ditadura, a reforma política, o comezo da autonomía, os gobernos municipais de Manuel Soto e a dolorosa reconversión industrial, anos tamén da nosa adolescencia, mocidade universitaria e entusiasmo creativo dos anos da Movida. Anos nos que os domingos de Balaídos convertéronse no primeiro foro vigués, e o estadio no termómetro emocional dunha cidade en permanente mudanza. Un espazo deportivo onde as voltas ao campo daquel Toniño ou do Cordobés coincidían coa presenza de bandas e dos gaiteiros ou na lameira de Siniestro Total para celebrar un ascenso, ou os xogadores celestes portando con fachenda a bandeira galega reclamando a plena autonomía para Galicia e atención ás reivindicacións dos obreiros vigueses do naval.

Sete décadas despois acho neste carné de Emiliano que o celtismo foi unha das herdanzas familiares, como a da lectura diaria de Faro de Vigo, imprescindible antes de comezar a xornada, que máis marcaron (e aínda marcan) a miña vida. Celtismo que vai moito máis alá da atención por seguir os ires e vires deportivos do club centenario, as vitorias e as derrotas que trazaron un palmarés discreto de trofeos en competición oficial, mais riquísimo e moi emotivo e valioso para a súa afección. O celtismo é unha forma de instalarse no mundo indemne á desesperanza, de enfrontarse a vida cun escepticismo optimista que axuda a enfrontarse con afouteza ás maiores dificultades e a gozar con prudencia do entusiasmo efémero das ledicias e logros. Actitude e valores semellantes aos doutras afeccións de clubs de fútbol humildes do mundo, que por riba dos criterios mercantís do odioso fútbol moderno e da súa industria deportiva, acreditamos na cultura do fair play dos creadores deste xogo de pelota, que tan axiña chegou a Vigo polo mar, como tantas outras actividades nosas. Celtismo que, inevitablemente, referenciamos coa presenza e coas perdas nas bancadas de Balaídos en cada unha das etapas das nosas vidas, dende os anos de infancia aos actuais nos que iniciamos o retiro, razón pola que tamén é memoria compartida por varias xeracións viguesas.

No caso da familia nosa, asocio os primeiros partidos no estadio co tranvía que tomabamos en Pi e Margall (entón General Aranda), diante da casa, fose na liña 1, que chegaba a Pereiró procedente da Estación, fose na 8, que remataba en Travesas, o que obrigaba a camiñar pola Florida, entón unha zona de chalés e leiras. Máis tarde entendería como a rede tranviaria, desaparecida polos excesos de Portanet en 1968, contribuíu dende 1914 ao desenvolvemento de Vigo como cidade metropolitana, policéntrica, e ao Celta como a súa indiscutible icona compartida. Como lembro, xa ao comezo dos setenta, irmos na furgoneta dous cabalos, despois no Dyane, con moita anticipación para estacionar na nova avenida de Zona Franca, convertida en circuíto do Gran Premio de Motociclismo de Vigo, no que chegou a participar Ángel Nieto. Nunca foi doado aparcar na proximidade de Balaídos, problema que trataron de mitigar os primeiros vitrasas ourugas, os «especiales», a verdade que sempre de forma insatisfactoria, como corresponde a tradición da concesionaria.

Outra lembranza celtista de infancia tivo a súa cerna no moito que me gustaba acompañar a papá ás oficinas do club da rúa Reconquista para pagar a cota mensual ou algún dos suplementos dos chamados «encontros do club», un par deles por campionato, que case sempre coincidían coa visita do Madrid ou co derbi co Coruña. Mentres agardabamos a nosa quenda, entretíñame fisgando nas fotos enmarcadas na parede, como tamén facía na taberna de Armando de Falperra. Entre aquelas imaxes sempre reparaba nas das viaxes dos futbolistas, nas que decote aparecía o primeiro autobús propio do club, un Ford-Hércules, o popular «Lanzallamas», que chegou despezado en 1953 en barco, procedente da Habana, sufragado pola colonia galega da capital cubana; vehículo que conduciría até que foi retirado da circulación en 1968 Guillermo Cameselle. Como gustaba daquela foto dos xogadores traxados e con chapeus panamá ao pé do avión co que cruzarían o Atlántico na xira americana de 1952, continuando a tradición da primeira por Arxentina e Uruguai no verán de 1928 no transatlántico Werra. Celestes que sempre foron recibidos con agarimo pola diáspora galega, que identificou nas súas cores e valores o celme máis xenuíno da alma galega. Identidade que por ventura nunca se perdeu, anovada nas 120 peñas celtistas que compoñen a actual familia celtista espallada polo planeta.

Meu tío Suso, como tamén o meu avó Suso Beleiro, eran socios de Grada de Gol, o que moito animaba ás polémicas familiares sobre onde se sentaba en Balaídos o mellor celtismo. Controversia que dirimiu para sempre a «Foliada do Celta» do grupo A Roda, durante moitos anos himno oficioso, que sinala un comportamento diferenciado para cada unha das gradas do estadio, asignándonos aos de Grada de Río a responsabilidade de armar o lío e da tirada de almohadillas, práctica desaparecida para apupar a arbitraxe ou criticar ao adestrador. Lembro ao meu admirado tío Suso, administrativo da factoría de Barreras, como defensor afervoado dos xogadores da canteira e seguidor das ligas e da Copa de Vigo do fútbol modesto vigués, que xogaban equipos hoxe centenarios, como o Deportivo Coia, o Santa Mariña, Rápido de Pereiró, Silva, Casablanca, Peñasco, e moitos outros, produtores do humus futbolístico vigués xerminal e merecedores do ser rescatados do esquecemento, sen o que non existiría o Celta centenario que celebramos.

Publicado no suplemento 100 RCCelta de Faro de Vigo: 20/08/2023

Tranvías eléctricos de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do libro Tranvías eléctricos de Vigo de Diego Amoedo e Iria Vergara:

Entre a bibliografía recente de temática viguesa cómpre reparar en Tranvías eléctricos de Vigo. A Compañía que vertebrou Vigo (Newt, 2022), libro álbum de coidado acabamento artesán, escrito por David Amoedo e Iria Vergara e ilustrado por Davida. Documentada de forma exhaustiva con planos e fotografías, a obra ofrece os datos e as datas precisas para reconstruír con detalle a historia da compañía tranviaria viguesa (TEVCA), dende os proxectos iniciais de 1891 de establecer un tranvía entre a praia de Guixar e Bouzas e a aprobación en 1907 por parte do concello de Vigo do proxecto de Tranways de la Galice, pasando pola fundación da sociedade que adquiriu a concesión en 1912, a inauguración das liñas urbanas viguesas o 9 de agosto de 1914 e a súa extensión até Chapela o 31 de agosto 1921, pola posta en marcha dos proxectos interurbanos do ferrocarril a Mondariz (só completado até o Porriño, 1920) e Ramallosa, Gondomar e Baiona (1926) e o seu ramal de Muíños á praia de Samil (1947), polo cese dos servizos o 31 de decembro de 1968 e o abandono das 99 unidades do parque nas cocheiras da Florida, até a actualidade na que TEVCA xestiona 2.200 prazas de aparcadoiro na zona urbana de Vigo.

Nunha obra con vontade explícita de rescatar e organizar a documentación gráfica dispersa, Amoedo e Vergara ofrecen os alzados, fotografías e fichas técnicas de todas as edificacións que pertenceron á empresa, dende as oficinas e cocheiras graníticas das Travesas, de marcado estilo rexionalista, demolidas en 1968 para abrir a actual avenida de Coia, pasando polas cocheiras de Chapela e Ramallosa, o apeadeiro de Peinador, situado nas inmediacións do actual aeroporto, até as estacións de Canido, Coruxo, Nigrán e da Florida, onde en 1941 se construíu o pequeno zoo onde os cativos iamos ver a mona e os pavos reais, sen esquecer o celebrado Pavillón Ourense de estilo decimonónico, destruído en 1945 por un temporal, situado preto onde logo se construiría o Balneario de Samil, estación que tería papel importante no ocio vigués da posguerra. Con semellante intención de rescate, os autores ofrecen a cronoloxía, a fotografía e o alzado do heteroxéneo parque móbil da compañía, sinalando a súa procedencia e características. Seguindo a clasificación do historiador Antonio Giráldez Lomba no seu libro de referencia Recordando los tranvías de Vigo (Deputación de Pontevedra 2005), reprodúcense os alzados dos distintos tipos de coches: os Vigo I (os primeiros, modificados en 1946), os Vigo II (procedentes de Pontevedra), os Vigo III (transformados en 1956), os Vigo IV (coches de dous eixos pechados), os Vigo V (transformacións dos primeiros), os Vigo VI (transformados a partir do modelo Odesa, chegados en 1922), os Prototipo (1953) os Sevilla (procedentes da capital andaluza), as Xardineiras, os Automotores da liña de Baiona e os Berliet de reparación.

Por último, o libro documenta o trazado das liñas urbanas e suburbanas do tranvía vigués. Oito traxectos urbanos que en 1968, ano do cese da actividade, cubrían case 48 quilómetros, dando servizo a case vinte millóns de billetes dun prezo fraccionado de 2 pesetas. Un mapa urbano que coñecía de memoria toda a veciñanza: liña 1: Estación-Pereiró; liña 2: Os Caños-Bouzas; liña 3: Cabral-Ribeira; liña 4: Chapela-Mercado (Berbés); liña 5: Seixo-Bouzas; liña 6: Chapela- A Florida; liña 7: Seixo-Ribeira e liña 8: Seixo-Travesas. Mapa que se estendía en dúas liñas suburbanas: a da Ribeira-O Porriño e a de Vigo (con saída na rúa Uruguai, a altura da praza de Portugal) a Baiona, que contaba cos ramais de Muíños-Samil e da Ramallosa a Gondomar.

A magnífica obra de Amoedo e Vergara, que ademais do orixinal cuñado da súa cuberta, ofrece un desdobrado mural das edificacións e vehículos da TECVA, amosa coa súa atractiva presentación gráfica o decisivo papel aglutinante que o tranvía tivo no Vigo metropolitano do século XX. A rede de tranvías serviu para unir o centro de Vigo con Bouzas, Pereiró, Travesas, Lavadores, Cabral, o Calvario, Teis, Os Caños e Chapela, actuando como un dos axentes modeladores máis importantes da cidade actual e da forma na que se estendeu e medrou. Como sinala Antonio Giráldez, «os vínculos do centro de Vigo cos barrios e parroquias máis periféricos acrecentáronse ao longo da primeira metade do século XX ao mesmo ritmo que a empresa tendía novos raís, aumentaba as frecuencias das súas unidades, incrementaba o número dos seus coches e melloraba o rendemento das súas subcentrais eléctricas». Máis alá da saudade tan viguesa expresada na síndrome Siboney pola perda traumática do tranvía hai cincuenta anos (por outra das alcaldadas de Portanet), a claridade e  a orde dos datos e das imaxes do libro de Amoedo e Vergara amosan o papel decisivo da rede de tranvías na conformación do Vigo contemporáneo.

Estrea inquedante

Estaba todo preparado onte en Balaídos. O estadio lucía precioso, a temperatura era ideal, o horario  moi cómodo, domingo ás cinco da tarde, o mellor dos posibles, a nova grada de Marcador amosábase animadísima de peñistas celestes aos que facía contrapunto algareiro un nutrido grupo de visitantes vermellos en Río Alto (que marcharían encantados pola amabilidade e acollida do celtismo). O himno de Tangana na súa estrea no campionato de Liga, cantado por milleiros de voces, resultou emocionante. Os seareiros expresábanse confiados polo comezo da tempada do Centenario e polas (semellaba que prudentes) expectativas abertas polo Xefe Benítez nas súas rodas de prensa e polo propio equipo cos seus bos resultados nos amigables. Mágoa que todas eses bos augurios e tantas ilusións durasen apenas vinte minutos, o tempo que Celta foi capaz de competir con certo decoro cun magnífico Osasuna europeo de Joseba Arrasate, que a partir do seu primeiro gol, tras unha cabezada de Budimir (vaia dianteirazo!) ao longueiro, aproveitada por Rubén García, foi moi superior en todas as facetas do xogo, quedándolle cativo o resultado, un 0-2, para os seus méritos na lameira do Fragoso.

Unha derrota severa na estrea ligueira dos nosos, que como xa sucedeu en tempadas anteriores, ademais de condicionar a clasificación (comezarán cos pechacancelas) nas vindeiras xornadas, nas que viaxarán a Donostia e recibirán ao Madrid, amosa as importantes carencias na confección do cadro de xogadores, a esta altura (coa marcha prevista de Gabri Veiga) a todas luces de calidade inferior á do campionato pasado (no que se pasaron dificultades até o derradeiro minuto). Como puxo de manifesto o baixo nivel de forma dalgúns “titulares indiscutibles” (Carles Pérez, Aidoo, Unai, Beltrán, Larsen, Aspas…) e a insuficiente adaptación do equipo ao debuxo táctico e ritmo de partido de Benítez. Algo debía cheirar o veterano adestrador celeste, curtido nas lideiras de moitos vestiarios, cando ofreceu un once inicial que semellaba unha declaración non solicitada das carencias do cadro, ou das prometidas fichaxes de calidade que, coa excepción do activismo algo desorientado de Bamba, nunca rematan por aterrar en Peinador.

Neste contexto de carencias enténdese a decisión de Benítez de aliñar a Cervi como lateral zurdo, deixando no banco a fichaxe (promesa) de Manu Sánchez, que nunha tarde moi desafortunada do arxentino abriu ao Osasuna unha viña para colleitar os seus dous goles. Como ten, probablemente tamén, mensaxe en clave a aliñación de Hugo Sotelo (deixando a Tapia no banco) no dobre pivote que, a pesar do desempeño máis ca digno do canteirán, evidencia a necesidade dun mediocentro máis experimentado para asumir a dirección e o control da pausa e do ritmo de partido que pretende o míster. Como a propia aliñación dun desafortunado Larsen, incapaz de entender que precisa ser o primeiro defensor do equipo, baixar o balón cando cómpre xogar en longo ou procurar posicións de superioridade a balón parado, como as saídas tras o intervalo e co partido case perdido de Miguel Rodríguez, Gabri Veiga (na súa despedida) ou dun inxenuo Swedberg (deixando a Paciencia no banco) poñen de manifesto que o Celta precisa dun dianteiro de máis garantías que acompañe a un Aspas que, inevitablemente polo que vimos onte, debe dosificar a xenerosidade dos seus esforzos e afiar a súa puntería sobre os tres paos.

Sendo sempre decepcionantes as derrotas, esta primeira da tempada debería servir de acicate para que os Mouriño e a dirección deportiva tomasen boa nota das máis ca xustificadas solicitudes do seu adestrador para reforzar canto antes tres ou catro posicións claves, sexa as xa citadas como a da propia portaría. Con todo, o resultado tamén expresa a necesidade de afondar no traballo táctico e físico de todo o cadro, que a pesar da presión alta onte perdeu a maior parte dos balóns divididos e os duelos nas xogadas decisivas. Queda, pois, moito traballo por abordar, tanto nos despachos como no vestiario como nas lameiras. Mágoa que o emocionante comezo do Centenario quedase tan deslucido cunha derrota tan clara, que abre moi cedo a páxina da inquedanza, na que tan adoito lemos os celtistas. En todo caso, nada que non poida ir a moito mellor nos trinta e sete partidos restantes.

Publicado en Faro de Vigo: 14/08/2023

Vigo, porta do mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición «Vigo, porta do mundo» de Ceferino de Blas:

Un dos alicientes de Príncipe estes días é a exposición «Vigo, porta do mundo» instalada por Faro de Vigo diante do Marco e preparada sobre os textos nos que traballaba Ceferino de Blas semanas antes do seu inesperado pasamento no pasado febreiro. Outra mostra moi singular de divulgación da historia viguesa do ex-director de Faro de Vigo e Cronista Oficial de Vigo a partir dos retratos de persoas moi diversas que visitaron a cidade de Vigo, boa parte delas como viaxeiras en escala portuaria, que conformarían un novo libro cuxa publicación estaba prevista coincidise co 170 aniversario de Faro de Vigo o vindeiro 3 de novembro. Un traballo importante do erudito de Vigo, tanto pola súa envergadura como diversidade, que amplía a bibliografía do autor dunha ducia de títulos, onde salienta Donde los periódicos son Faros (IEV, 2017), monumental historia do Faro de Vigo (1853-2015), ademais de dúas monografías posteriores: Emilia Pardo Bazan en el país de las rías (Deputación de Pontevedra, Faro de Vigo 2021) e Carmen Laforet sonrió en Rodeira (IEV, 2021).

«Vigo, porta do mundo» achega unha novidosa ollada de Ceferino de Blas sobre a historia de Vigo, inzada de curiosidades e sorpresas, documentada nas páxinas do decano, sobre todo tipo de visitantes, dende reis a presidentes da república, pasando por escritores, artistas, científicos ou viaxeiros, que gozaron da acollida dunha cidade aberta e que nalgúns casos, como o do escritor bretón Jules Verne, chegarían a incorporarse ao relato do Vigo contemporáneo.  Algo que non debe de estrañar xa que a acollida dos que chegaron dende o mar forma parte da identidade viguesa de seu, tanto polo testemuñado polos achados arqueolóxicos recentes, que amosan a existencia na ría de comercio marítimo de longa distancia dende hai mil douscentos anos antes de Cristo, como polo feito de formar parte da cerna do relato local, presente na primeira e referencial historia de Vigo, Descripción topográfica-histórica de la ciudad de Vigo, súa ría y alrededores (Imprenta da Viúva de Compañel, 1840) de Nicolás Taboada Leal, na que ademais de identificar importantes achados romanos na zona do Areal, xa daba conta da poboación estranxeira residente, boa parte dela dedicada aos negocios.

Da exposición de Ceferino o primeiro que chama a atención e o seu amplo período cronolóxico abordado, dende a estancia de Afonso IX e as súas fillas nas illas Cíes en 1201, relatada por José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896, Imprenta y Litografía del Asilo de Ancianos), até as actividades do Club Faro de Vigo na fronteira da mudanza do século XX que trouxo a Vigo un elenco internacional de escritores e científicos, entre os que destacaron premios Nobel como José Saramago e Rigoberta Menchú. Como chama a atención a axilidade dos retratos, escritos con moita chispa, onde non falta a retranca á hora de escoller os acontecementos, como sucede coas dúas estadías viguesas do rei Afonso XII, nas que non tivo moita sorte, a primeira (1871) porque os vigueses se cansaron de esperalo, mentres se entretiña no castelo de Soutomaior; a segunda, catro anos despois, acompañado da raíña María Cristina, cun mellor recibimento mais que resultou tráxico, causando un morto, cando rebentou accidentalmente a corveta Tornado participante nun simulacro naval na súa honra. Destaca na exposición o protagonismo dalgunhas visitantes como Evita Perón (1947), primeira dama Arxentina; Josephine Baker (1929), cantante; Ruth Matilda Anderson (1924), fotógrafa ou Mata Hari (1916), bailarina e espía, con catro estadías en Vigo no mesmo ano.

Outro tanto sucede coas visitas a Vigo de figuras como Albert Einstein, a primeira en 1923, cando fixo escala procedente dunha xira asiática, e a segunda dous anos despois, da que deixou unha impresionante anotación no seu diario: «[Vigo] é unha baía rodeada de illas montañosas con fascinante poboación con forma de pintoresca azotea», para salientar despois «a riqueza de cores» e unha posta de sol «incomparable», na que podemos intuír un paseo pola cidade da oliveira. Como poderíamos seguir coas visitas de Guglielmo Marconi en 1928 e 1932, a bordo do seu iate Electra e a súa viaxe en coche polo Morrazo e visita a factoría de conservas Massó. Ou as horas viguesas da escala en 1936 do escritor Stefan Zweig camiño de Bos Aires fuxindo do terror nazi. Longa relación na que figuran tamén Federico García Lorca (1932) e a centena de participantes do III Congreso Internacional de Poesía que no mes de xullo de 1954 compartiron xira pola ría até as Illas Cíes conducida por José María Castroviejo como mestre de cerimonias… Recomendo que se deteñan un tempiño diante do Marco para gozar destas historias enagaiolantes do Vigo máis cosmopolita rescatadas do esquezo pola teimosía de Ceferino de Blas.

Vigo, cifra da Galicia moderna

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración en Vigo do 25 de xullo de 1930:

O 25 de xullo, declarado Día de Galicia na segunda asemblea nacionalista das Irmandades da Fala (Santiago de Compostela, novembro de 1919), e celebrado por vez primeira na Coruña en 1920, foi unha celebración perigosa para a Ditadura de Primo de Rivera (1923), que na súa teimosa loita contra o separatismo prohibiu os actos galeguistas e o izado da bandeira azul e branca en edificios destacados. Habería que agardar á caída do directorio militar primorriverista (febreiro 1930), para que o venres 25 de xullo de 1930 os galeguistas armados de afouteza e entusiasmo recuperasen a celebración pública da gran data galega e o fixeran con éxito en Vigo, a cidade moderna galega por excelencia. Un «Día Noso» que comezou co mitín galeguista celebrado pola mañá nun Teatro García Barbón con cheo absoluto e presidido por Ramón Cabanillas no que falaron Otero Pedrayo, Castelao e Valentín Paz Andrade. Xornada de fraternidade galeguista continuada co xantar popular na finca da Barxa onde se reuniron até trescentas persoas, chegadas de toda Galicia (entre elas Ánxel Casal), e no que, entre outros oradores, Manuel Gómez Román, Álvaro de las Casas, Victoriano García Martí e Ramón Fernández Mato pronunciaron palabras memorables. Como concorridísima foi a sesión vespertina viguesa na Agrupación Artística presidida por Urbano R. Moledo e na que disertaron Núñez Búa, Otero Pedrayo,  Álvaro de Las Casas e o coro Feijoo cantou obras do seu repertorio galego.

25 de xullo de 1930 no que por vez primeira se izou a bandeira galega na varanda da casa do concello vigués e na que se interpretou música galega nos bares, cafés e paseos, nunha xornada para a historia na que «Vigo foi o centro espritoal de Galiza», como a seis columnas titulou o día despois o xornal vigués El Pueblo Gallego (EPG). Unha data significativa para o recoñecemento da hélice galeguista do ADN vigués, «adro do fervor galeguista» para o editorialista de EPG, no que «xentes de todas as follas da rosa dos ventos […] levantaron ben trabados na gran data galega os seus corazóns». Entusiasmo que ao editorialista levaba a preguntarse se non terían que rectificar o seu erro aqueles que crían que «Vigo tiña significación de espello das friaxes nórdicas e británicas», para subliñar a seguir que «Vigo é tan galego como outro pobo calquera da nosa terra, tan heroicamente galego como aqueles recunchos intactos onde non chegou inda a sorbente da meseta…» e rematar co inequívoco espírito vigués tan resolto: «Galiza en Vigo puxo onte ao aire o peito con aquel rexo espírito que desencadea os escravos, con aquel xeito decidido e resolto co que nas proas dos barcos parece adiviñarse as duras travesías que nos agardan».

Reivindicación do carácter netamente galego da cidade da oliveira que compartiron moitos dos oradores daquel 25 de xullo que despois de noventa e tres anos hoxe lembramos. Otero Pedrayo, aclamado durante varios minutos no García Barbón, fixo no seu discurso un canto a Vigo e ao seu espírito emprendedor, relatando os días de infancia nos que a visitou por vez primeira, lembrando «a música de ciceis labrando a pedra da futura gran cidade». Castelao exaltou en Vigo o sentido universalista do galeguismo e da arte galega. Paz Andrade celebrou a incorporación de Vigo ao movemento galeguista, considerando o xuntoiro vigués da Barxa como a trabe necesaria para a conquista das liberdades republicanas. Como Álvaro de las Casas aventurou na Barxa (nunha referencia importante, escasamente divulgada) que «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».

O espírito galeguista de celebración do 25 de xullo de 1930 non se repetiría en Vigo até 1992 cando o goberno de coalición do PSdeG-PSOE cos nacionalistas de PSG-EG e BNG, presidido por Carlos G. Príncipe, convocou no xardín inglés do Pazo de Castrelos na tarde do 24 de xullo a lectura dun bando da alcaldía con motivo do Día Nacional de Galicia, denominación oficial dende que foi aprobada pola Xunta de Galicia en 1979. Un amplo xuntoiro veciñal, cultural, social e político, no que dende entón adoitaron participar con respecto institucional todos os grupos municipais vigueses, que permitía actualizar o discurso compartido por todos de Vigo como cifra da Galicia contemporánea, motor da Galicia futura, onde se inician os camiños de progreso e onde sempre agromou o mellor da cultura galega. Unha convocatoria institucional que por segundo ano consecutivo non se celebrará na data prevista, probablemente adiarase a setembro, o que rompe unha tradición que semellaba consolidada. Ben sería recuperar aquel espírito de Vigo como centro da Galicia moderna acuñado polos galeguistas hai case un século.

O escudo do Centenario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao escudo do Centenario:

O éxito arrasador do himno do Centenario superou fronteiras como amosa o feito de que nunha semana chegase ao millón e medio de reproducións en YouTube, fose incluído pola crítica de New York Times como un dos dez mellores lanzamentos musicais da semana, gabado e envexado polas afeccións máis diversas e incorporado aos repertorios dos locais de verán. Unha visibilidade internacional con valor cultural engadido para a celebración do centenario celeste, mais tamén para a proxección  da Ría de Vigo e a súa historia e actividade económica, para o coñecemento da música tradicional galega como para homenaxear ao celtismo anónimo, sempre ao rescate do seu equipo nas encrucilladas, principais protagonistas do logradísimo traballo de C. Tangana.

Sen esquecer, secasí, que a peza audiovisual é unha excelente promoción turística para Vigo e Redondela, principais localizacións paisaxísticas, como en xeral para Galicia e a súa lingua, cultura e deporte; e o que semella pouco frecuente, sen que isto supuxera custes monetarios para as administracións públicas con competencias nesas materias (dende o Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra até a Xunta de Galicia e o Goberno de España). Así e todo, este himno do Centenario ofrece a posibilidade de realizar outras lecturas.

Entre elas semella moi salientable a homenaxe explícita do compositor Antón Álvarez a Vigo, a cidade paterna, o seu berce celtista,  apenas percibida nas imaxes pero presente na metáfora rotunda do título da peza e subliñada graficamente no «escudo do Centenario». Unha homenaxe familiar de Tangana que levou de agasallo a creación dun símbolo que a partir de agora representará ao celtismo do século XXI, esa comunidade de seareiros (e cada vez máis seareiras) que o Celta de Vigo artellou ao longo de cen anos con cinco xeracións viguesas, despregada agora por todo o mundo. Unha creación gráfica de Ostap Yaschuk na que se funden en branco e negro os dous elementos primixenios do escudo da cidade dende 1813: o castelo e a oliveira (presentes nunha das pezas do paseo dos escudos do pazo de Castrelos). Cerna que acubilla o escudo celeste, ideado tras a fusión de Vigo e Fortuna por dous ces brancos (Club Celta) sobre fondo azul, ensamblado dende 1928 coa cruz de Santiago, utilizada dende entón, como a celeste, para representar a Galicia. Tangana ofrece, pois, unha nova insignia que recupera ao mesmo tempo o carácter netamente vigués e orgullosamente galego do Celta primeiro de 1923.

Unha creación brillante que, queirámolo ou non, trasacorda aquela moi desafortunada decisión de Carlos Mouriño que en 2016 eliminou a palabra Vigo do logotipo do club e dos descritores das redes sociais da Sociedade Anónima Deportiva. Criterio ao que non foron alleas as desavinzas do presidente coa alcaldía, que por desventura continuaron coa reforma de Balaídos e a apertura da bonita grada de Marcador, construída só cos fondos do Concello e a Deputación, e continúan para vergonza do celtismo e da cidadanía viguesa coa falta de entendemento de club e concello na celebración do Centenario.

O escudo de Tangana amosa que dende 1923 non se pode entender o Celta sen a presenza dunha oliveira (Vigo), árbore da paz que medra e abraza, símbolo de amor, lealdade e continuidade da propia cidade dende hai case douscentos anos. En definitiva, non hai Celta posible sen un Vigo capaz de imprimir o seu dinamismo e emprendemento industrial, tamén a súa resiliencia comunitaria, ao carácter do seu primeiro club deportivo. Como non se pode explicar a cidade de Vigo desde 1923, concibida como cifra de todas as galicias posibles, abella da ribeira e cidade guindastre, sen a cohesión entre xeracións, sen o relato de continuidade familiar, sen a representatividade de ansias colectivas, sen a unión e o afán, que foi proporcionando o Celta, un club de fútbol creado expresamente para representar a Galicia nas competicións estatais.

Incerto e optimista da vontade («sempre andan dicindo para o ano que ven»), o devir do Celta continúa sendo parte da conversa cotiá de varias xeracións viguesas, residentes ou non na propia cidade, que debaten sobre fichaxes, adestradores, vitorias ou decepcións nas páxinas do Faro ou sobre as cada vez máis numerosas opinións publicadas nas redes sociais do celtismo. Como non se pode esquecer que o carácter metropolitano da cidade de Vigo, capital das terras de Turonio, presente dende 1914 na súa xeografía tranviaria estendida do Calvario a Bouzas, da Calzada á estrada de Camposancos, facilitou a fundación do Celta e forma tamén parte da súa cerna, sendo seguido nos concellos das Rías Baixas, dende o Morrazo ao Val Miñor, dende a Louriña ao Condado e Baixo Miño, dende Pontevedra a Arousa, onde continúa tendo un dos berces da súa inesgotable canteira.

Oliveira dos cen anos


Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao himno do Centenario do Celta de C. Tangana:

En apenas tres días «Oliveira Dos Cen Anos», o himno do Centenario do Celta superou o millón de reproducións en You Tube. Unha cifra elevadísima que enche de orgullo a todo un celtismo, curtido en cen anos de ledicias e padecementos diversos, mais que nunca perdeu o horizonte de pertencer a aquel club vigués potente, soñado no verán de 1923 polos seus fundadores como Manuel de Castro Handicap, Juan Baliño e José Bar, para representar a Galicia nas competicións de balompé. Un éxito indiscutible atribuíble ao talento e afouteza de Antón Álvarez Alfaro Pucho, tamén coñecido musicalmente como C. Tangana e El madrileño, o artista cento por cento celtista que asumiu todos os riscos creativos de ofrecer para o Centenario un tema distinto, anovador e con valor engadido, enraizado tanto na música tradicional galega coma na identidade deportiva do Celta de Vigo; en definitiva, crear un himno e un escudo que no futuro acompañasen á elástica celeste como símbolos da identidade do celtismo.

E abofé que C. Tangana conseguiu un resultado espectacular, sobre todo nunha peza audiovisual de beleza hipnótica, alicerzada sobre unha excelente suite musical e un emocionante texto poético. Expresións artísticas capaces todas as tres de resumir en apenas cinco minutos dúas palabras claves, Sempre Celta!, que expresan un sentimento compartido e defendido polos milleiros de celtistas espallados hoxe polo mundo, como aqueloutros que xa non están entre nós, uns e outros aos que Pucho dedica o vídeo. Texto, imaxe e música utilizadas para representar os compoñentes dunha gramática do fútbol celeste abrazada e recoñecida por cinco xeracións de seareiros, e por ventura cada vez de máis seareiras, do cadro resultante da fusión do Real Vigo Sporting Club e o Real Fortuna, despregada sobre as lameiras viguesas, primeiro no histórico templo de Coia, e dende o 30 de decembro de 1928 na catedral do Fragoso.

Acerta de cheo C. Tangana cando asumiu o encargo musical de Carlos Mouriño, tras unha retranqueira sobrada dirixida ao mundo do Twitter celeste, como se dunha investigación académica se tratase na que cómpre indagar e acudir ás fontes. Artista vencellado inequivocamente coa cultura popular, Antón mergullouse durante meses e de forma apaixonada no mundo da música tradicional galega acompañado por músicos excepcionais como Xosé Lois Romero, Xisco Feijoo e Quico Comesaña, co-autores do tema, por mestres da E-TRAD viguesa como Rodrigo Romaní, membros d´A Roda como Alfredo Dourado, ou de «Sime» Cantó Gavira de Keltoi!, tamén co-autor e unha das voces do himno, xunto as de Tropas de Breogán, a Coral Casablanca e as pandeireteiras As Lagharteiras. Con todos estes vimbios e co seu espírito de fusión Tangana ofrece unha proposta sinfónica coral na que destaca unha potente sonoridade popular, subliñada pola xenuína utilización do aturuxo. Un resultado musical que milleiros de voces poñerán a proba na súa próxima estrea en Balaídos, mais que en todo caso polo carácter da letra da canción como das tres partes da suite non é difícil prognosticar que será emocionante e moi compartida.

Como acerta tamén Tangana na escolla da localización das imaxes do vídeo no anfiteatro da ría, con comezo e remate nas illas de San Simón e San Antón e protagonismo da ponte de Rande como medula de brétemas que une e articula o espazo do Vigo metropolitano. Unha localización de beleza desbordada, subliñada polas imaxes aéreas e as vistas dende o alto de Trasmañó, con evidentes connotacións históricas (batalla e tesouro de Rande, lazareto, campo de concentración..), literarias (Jules Verne) e económicas (bateas e actividade pesqueira e portuaria). Espazos representativos do carácter do Celta como punto de encontro de todas as poboacións  e comunidades da Ría de Vigo, e por extensión de Vigo como cifra de todas as galicias posibles, feito que explica a presenza do celtismo en tantas outras comunidades galegas.

Con todo, o maior acerto da narrativa celeste de Tangana é o seu carácter inclusivo. Pucho sabe por experiencia familiar como oriúndo vigués que para ser celtista non é necesario ter nacido en Vigo, abonda con querer selo e asumir o risco do precario cociente entre ledicias e padecementos que isto supón, mais sabendo que dende entón cada semana non se pode vivir sen ela. Como emociona no relato de Pucho o profundo respecto á memoria do celtismo, representado nun verso que abraza, «cada vez que mires atrás, sempre hei estar aquí», expresando o carácter do celtismo como unha comunidade proxectado no tempo, por riba dos xestores ou dos xogadores que leven o escudo no seu peito. Velaí os valores dun relato integrador que lle fai moito ben ao club no seu centenario como á propia cidade metropolitana. Moitos parabéns, Puchiño, polo logro que compartes.

Outro Vigo do libro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao fracaso da instalación da Feira do Libro de Vigo no Calvario:

O traslado da Feira do Libro de Vigo á rúa peonil do Calvario resultou un fracaso. A participación de apenas nove expositoras, das que só seis eran vendedoras, a ausencia das librarías viguesas máis dinámicas e comprometidas co libro galego, a incomodidade da instalación, tanto do estreito corredor para a circulación do público como dunha carpa de actos cativa, así como as molestas interferencias dos cheiros dunha chamada «Fiesta de la alegría», coa que compartiu un espazo público, en boa parte valado por obras, foron circunstancias que provocaron as queixas das lectoras que até alí se desprazaron e moi especialmente de autoras, editoras e dalgúns veteranos libreiros. En definitiva, o novo emprazamento escollido no Calvario pola Federación de Librarías de Galicia e o concello de Vigo non reuniu as condicións e a dignidade necesarias para celebrar a que debería ser a festa dos libros de Vigo, unha das actividades principais da axenda cultural anual da cidade.

Unha deterioración desta feira, creada por libreiros como don Antón Patiño hai case cincuenta anos na Alameda, iniciada hai unha década cando abandonou a súa localización fundacional e comezou un percorrido errático por diversos emprazamentos da rúa Príncipe, fose arredor do Marco ou da Porta do Sol, que nunca resultaron plenamente satisfactorios nin para os organizadores nin para o concello de Vigo. Como tampouco na edición deste ano foi satisfactorio o adianto das datas de celebración abandonando a tradicional primeira decena de xullo. Emporiso, a Feira do Libro de Vigo foi perdendo visibilidade social e relevancia na axenda viguesa, mesmo a pesar dos teimosos esforzos das editoras viguesas por ofrecer un programa atractivo de presentacións e sinaturas, conscientes do éxito que en todas as cidades suscita agora este tipo de encontros presenciais protagonizados polos autores e autoras. Mais como se dun novo prexuízo murguiano se tratase, en cuestión de libros Vigo é un sitio distinto e vai a recú da tendencia doutras cidades galegas que como A Coruña mantén con pulo (non exento de dificultades) a súa feira do libro de agosto, cunha participación de expositores que multiplica por catro á viguesa, ou Compostela ou Pontevedra que crearon cadansúa festa do libro e da lectura de novo cuño. En Vigo nin unha cousa nin a outra.

E o mesmo sucede cando de bibliotecas viguesas falamos, outro sitio distinto para o actual goberno municipal que identifica como bibliotecas públicas o que en realidade son salas de lectura e estudo e acceso gratuíto a internet. Unha estraña doenza viguesa, esta de abrir “bibliotecas” sen libros nin fondos hemerográficos nin servizos de fomento da lectura nin persoal técnico bibliotecario, para unha cidade incapaz no que vai de século de acordar entre as súas administracións a construción de vez dunha biblioteca pública do estado á que ten dereito. Un fracaso entendible polo curtocircuíto existente entre a alcaldía e a presidencia da Xunta de Galicia para abordar esta cuestión, como outras infraestruturas culturais, educativas e deportivas, mais non por iso xustificable nunha cidade que continúa sendo referente no sector da edición de libros en Galicia e no estado, mais que carece dun plan ou programa ou documento estratéxico municipal que oriente as políticas culturais e de lectura na perspectiva das profundas mudanzas de hibridación da sociedade posdixital. Como Vigo continúa sendo sitio distinto no funcionamento do seu carenciado arquivo municipal, o que provoca as queixas de investigadores e amantes da historia e memoria locais.

O inicio dun novo mandato do goberno municipal é unha oportunidade magnífica para que a alcaldía reorientase a súa estratexia bibliotecaria e de fomento do libro e da creación literaria. E por ventura semella que o estado das arcas do Campo de Granada permitirían dotar de fondos bibliográficos e de persoal bibliotecario as futuras bibliotecas municipais de Navia, Teis e Bouzas que probablemente, como xa sucede coa Xosé Neira Vilas, atenderían a máis de 20.000 socios e socias (de todas as idades), cifras superiores ás abonadas ao Celta centenario. Como a situación económica do concello semella propicia para ofrecer un calendario de eventos literarios, entre os que non debería faltar nin celebración dunha feira (festa) do libro nun espazo céntrico e recollido (quizais nos paseos portuarios) nin a creación en outono do festival internacional «Vigo noir» de narrativa criminal. Sen esquecer a recuperación da convocatoria, como xa temos proposto, do Premio Internacional de Poesía Celso Emilio Ferreiro, que volvería a poñer a Vigo no escaparate literario. Por insistir que non quede, sabemos que outro Vigo do libro, das bibliotecas e da lectura é posible.