Onte 727: Francisco a prol da causa da paz
/en Educación_para_a_Paz, Internacional, Onte, Política, Recurso_didáctico, Relixión, Vídeos/por bretemasAdmiro a determinación e afouteza do papa Francisco a prol da causa da paz e contra da intervención militar en Siria. «A guerra é sempre unha derrota para a humanidade» salientou onte durante o rezo do Ángelus. Valiosas xa foron tamén as súas declaracións criticando o negocio da venda de armas, onde está tantas veces a orixe dos conflitos.Como a presenza inédita de Francisco nunha vixilia silenciosa a prol da paz, celebrada no solpor romano, acompañando a representantes doutras crenzas e persoas laicas, ateas ou agnósticas,constituíu unha novidade extraordinaria, unha mudanza profunda no comportamento da Igrexa. Imaxinamos aos párrocos galegos convocando concentracións cidadáns a prol da paz nos adros das súas igrexas? Quedo con algunhas das palabras claras de Francisco pronunciadas no serán pola paz: «A violencia non é o camiño para a paz». «O perdón, o diálogo e a reconciliacion son as palabras da paz, na amada nación Siria, no Oriente Medio e en todo o mundo.» Será posible aínda evitar o ataque?
Algo moi grave está a punto de suceder en Galicia
/en Goberno Feijoo, Medio_Ambiente, Política, Recurso_didáctico, Sociedade, Vídeos/por bretemasOnte 681: Tecnoloxías emocionais
/en Onte, Recurso_didáctico, Sociedade, Tecnoloxías/por bretemas
Leo en Comunicación cultural que coa universalización dos smartphones chegarán as chamadas «tecnoloxías emocionais». Semella que utilizaremos o móbil tanto para coñecer a predición meteorolóxica (graciñas 4 gotas!) como para saber do noso estado emocional. Esta é a información proporcionada xa por EmotionSense, un app que diagnostica o noso estado de felicidade ou frustración en base aos datos proporcionados polo uso do noso teléfono. O carácter terapéutico do móbil permitirá previr os nosos estados de ánimo e será tamén fonte de información para mellorar a nosa saúde. Non é ciencia ficción nin fantasía friki. Estamos ás portas da chamada «computación afectiva», a que será capaz de adiantarse ás nosas emocións. Pensemos nas consecuencias que isto pode supoñer. Outro chimpo dixital. Uff!
Onte 677: Amnesty International 50 years
/en Cine, Dereitos_humanos, Educación_para_a_Paz, Ilustración, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasGrazas a Rafael Antón, extraordinario ilustrador vigués radicado en São Paulo (unha figura a recuperar para o país noso), descubrín esta peza marabillosa dirixida por Carlos Lascano e creada con motivo do cincuenta aniversario de Amnistía Internacional. Eis algunhas posibilidades creativas da stop motion. Magnífico recurso didáctico tanto polos seus contidos coma pola súa feitura.
Onte 671: Malala ou o valor da educación
/en Dereitos_humanos, Educación, Educación_para_a_Paz, Onte, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemas
Pareceume pobre a cobertura que os medios (impresos e dixitais) fixeron en España da extraordinaria intervención nas Nacións Unidas que a moza paquistaní de dezaseis anos Malala Yousafzai fixo en defensa do dereito á educación. Apenas un minuto e medio na televisión pública mereceu esta peza estremecedora na que se reivindica o profesorado, os lapis e os libros como as mellores armas coas que conta a humanidade para mudar o mundo. Paga moito a pena conservala no arquivo como un extraordinario recurso didáctico para as aulas de formación do profesorado e como un chamamento para as nosas conciencias acomodadas na rotina. A pesar do conformismo paralizante, como ben salienta Malala con afouteza e unha determinación impresionante, a educación é a única arma posible para combatir os fanatismos e procurar a igualdade entre todos os seres humanos.
Onte 670: 4.000
/en Blogs, facebook, Literacidade, Onte, Recurso_didáctico, Twitter/por bretemas
Onte superamos as 4.000 anotacións destas brétemas. Tras nove anos de traballo case diario, facemos unha parada no camiño moi curta para continuar reivindicando o valor e a actualidade dos blogs. A pesar da intensidade informativa de Twitter, da saturación da conversa (ás veces interesante, outras ruidosa) de Fb ou da popularidade das canles de vídeo, acredito nos blogs como o corazón da identidade dixital de persoas, entidades e proxectos. A pesar da pouco explicable desaparición de Google reader, un lector de feeds aínda non superado na nosa lectura dixital, os blogs son ferramentas primeiras para tirarlle proveito ás utilidades hipertextuais da prosa electrónica, ao tempo que constitúen un arquivo dixital moi valioso (fronte á fraxilidade e o carácter efémero das redes informativas, sociais e profesionais). Un arquivo cuxa utilidade medra se utilizamos decote as categorías e etiquetamos de forma detallada cada unha das nosas anotacións. Twitter, Fb, You tube, Vímeo, Linkedin nin substitúen nin acaban cos blogs, mesmo asumindo o feito de que os blogs, con algunha excepción, non son xa o espazo axeitado para manter a conversa e a fibra de entusiasmo daquel blogomillo emerxente en 2004 e 2005. Ademais do arquivo persoal ou corporativo de contidos dixitais, hoxe a especialización temática ou de formato, o desenvolvemento de proxectos de escrita hipertextual e colaborativa ou o emprego como ferramenta didáctica son tendencias en alza na escritura e lectura de blogs. Sigo apostando pola utilidade deste formato.
Onte 668: A experiencia dos nacionais da Xeración Lamote
/en Autores, Eventos, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Presentacións, Recurso_didáctico, Xerais/por bretemas
Máis dun cento de participantes no curso de formación continua de LIJMI moito celebraron cos seus aplausos cada unha das intervencións de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín e Xabier DoCampo na mesa redonda sobre a súa experiencia como «premios nacionais» galegos de literatura infantil e xuvenil. En cadanseu parladoiro, os membros da Xeración Lamote (Xavier Senín estaba entre o público) expresaron con moita ironía o chimpo de xigante que supuxo para a nosa incipiente LIX a concesión de tan importantes recoñecementos que a cada un deles, sen excepción, pillou por sorpresa (e traballando na escola). En tardes tan divertidas (e emocionantes) como as de onte, comprobamos a xenerosidade e grandeza destas catro persoas amigas capaces de forxar un éxito colectivo (para a nosa lingua e cultura literaria) e continuar sentíndose partícipes e corresponsables dunha tarefa inacabada nas súas angueiras vitais como educadores, escritores e militantes do idioma. Unha marabilla, a dos mestres da Xeración Lamote!
Beizón, á parte, merece a profesora Blanca Roig e o seu equipo de LIJMI capaces de consolidar (e mesmo ampliar agora ao ámbito iberoamericano) este espazo formativo e a publicación anual que recolle os seus contidos (xa son nove os volumes editados). É de xustiza salientar que grazas ao esforzo deste equipo de investigadoras, Galicia é, tamén, unha referencia no eido da investigación e mediación sobre as literaturas infantís e xuvenís.
Onte 667: Fóra de Xogo 150
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Novidades, Onte, Poesía, Recurso_didáctico, Teatro, Xerais/por bretemas
Onte chegaron os exemplares de control de calidade de Todos somos, a nova novela de Marcos Calveiro, coa que a colección Fóra de Xogo acada o seu título 150. Unha cifra redonda que non podo deixar de salientar. Creada en 1994 con catro títulos (A sombra cazadora, Tristes armas, Flanagan de luxe e ¡Asústate Merche!), hoxe emblemáticos, e recibida con gran severidade e moitos prexuízos por parte da crítica literaria galega daquel tempo, Fóra de Xogo foise constituíndo devagariño, ao longo de dúas décadas, mesmo contra vento e marea, nun esteo de referencia para o desenvolvemento dun espazo editorial literario dacabalo entre a edición infantil e adulta. Mais tamén serviu para contribuír a consolidar un espazo amplo de lectura en lingua galega e para axudar no esforzo do profesorado por formar un criterio literario nos estudantes do ensino secundario obrigatorio. Unha colección, a que non tivemos medo en poñerlle a etiqueta de «xuvenil», coa que quixemos e queremos reivindicar o pracer transgresor da lectura (eis a razón do seu nome inequivocamente futbolístico), mais tamén coa que pretendimos e pretendemos que cada persoa lectora explore as posibilidades da diversidade da narración e dos seus diferentes subxéneros.
Dende o inicio apostamos polo carácter transversal da colección, introducindo traducións de clásicos contemporáneos e novelas de xéneros moi diversos. Foi este o guieiro principal do catálogo da colección na que fomos ampliando marxes e gañando perímetro para a nosa literatura xuvenil (un xénero de fronteira, que admite definicións moi amplas). Se repasamos o catálogo, comprobaremos que en Fóra de Xogo hai novelas de terror (Cartas de inverno, Cando petan na porta pola noite ou Pel de lobo…), de aventura (A expedición do Pacífico, Irmán do vento), de amor, de fantasia (dende Arnoia, Arnoia ás triloxías do Brindo de Ouro e Dragal…), diarios, novelas da memoria (A sombra descalza, Noite de voraces sombras…), históricas, biografías, policiais, realistas, até as mal chamadas «novelas de instituto» (Anxos en tempos de chuvia, Unha estrela no vento…). Mais coa madurez da colección, puidemos abrila ao teatro e á poesía, xéneros que tamén interesaron ao seu lectorado, como amosan éxitos rotundos como os acadados por títulos como Poetízate e Makinaria.
Non descarto que fose esta diversidade á que axudase na importante difusión acada polos títulos de Fóra de Xogo. A día de hoxe, cando aínda non se cumpriron os dezanove anos dende a aparición dos primeiros títulos da colección, levamos vendidos 834.195 exemplares, o que supón unha media de 5.561 exemplares por título e de case 44.000 por ano. Cifras excelentes para a edición en lingua galega. Sen dúbida, un gran éxito colectivo da nómina de autores e autoras de Fóra de Xogo, mais tamén (e sobre todo) dos seus lectores e lectoras («Xeración Fóra de Xogo»), ao que sabemos non foi alleo o papel esencial dos mediadores, sobre todo o profesorado de ensino secundario, que creron no valor destes libros e da proposta literaria da colección. Coincidindo co título 150 aparecen este verán os primeiros títulos de Fóra de Xogo en E-pub, un formato electrónico que a partir de agora compartirán todas as novidades en papel e na que iremos recuperando unha parte significativa do catálogo da colección. Beizóns a todas as persoas que compartiron e comparten o esforzo de Fóra de Xogo, un espazo transgresor da lectura en galego.
Onte 660: «Raro»
/en Autores, Críticas, Literatura infantil e xuvenil, Novidades, Onte, Recurso_didáctico/por bretemas
Marcos Calveiro amosa no seu libro máis recente, Raro, que xa non existen temas inabordables para a literatura infantil. Publicado na serie vermella da colección Ala Delta, a que Edelvives recomenda a partir dos cinco anos, Raro aborda un dos medos infantís máis complexos, o da agorafobia, o medo aos espazos abertos ou públicos. Tomás é un rapaz que vivía agochado na súa casa pendente da man do medo até que na súa vida irrompiu Ana, unha veciña do seu tempo. Amigando con ela desenvolverá outra ollada sobre o seu mundo e sobre si mesmo. Eis o eixo dunha historia de aparente sinxeleza e grande fondura humana.
Calveiro reivindica en Raro outra ollada sobre a diversidade, sobre a diferenza, sobre as consideradas como «persoas raras», que son persoas todas iguais, mais todas diferentes. Este é un libro que vindica aos raros, superando os prexuízos (eses anteollos tan difíciles de tirar) e as falsas crenzas sobre estas persoas decote estigmatizadas sexa polas súas doenzas, diferenzas ou pola mera aparencia física. Parabéns a Marcos Calveiro por ofrecernos este libro tan necesario que nos lembre a propostas dos mellores traballos sobre a diversidade de David Mckee. Mención á parte merece o excelente traballo de ilustración de Ana Pez, sobre todo no deseño dos espazos urbanos, dos que ofrece unha ollada rara e moi orixinal. Un libro moi recomendable.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
A batalla invisible18 de Marzo de 2026 - 7:45 a.m.
Fernando Franco17 de Marzo de 2026 - 7:36 a.m.
O noso principiño14 de Marzo de 2026 - 6:35 a.m.
Non a guerra, pola paz e a democracia13 de Marzo de 2026 - 5:12 a.m.
Like a prayer9 de Marzo de 2026 - 6:32 a.m.




