Escaparate 3/2014: Libraría Biblos (Betanzos)
Escaparate da Libraría Biblos de Betanzos con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2014.
Fotografía publicada no perfil de Facebook de Biblos o 1 de abril de 2014.
Escaparate da Libraría Biblos de Betanzos con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2014.
Fotografía publicada no perfil de Facebook de Biblos o 1 de abril de 2014.
Escaparate da Librería Cronopios de Santiago (Alfredo Brañas 24) instalado con motivo da presentación d’ A memoria da choiva de Pedro Feijoo.
Fotografía tirada por Pedro Feijoo o 14 de febreiro de 2014.
Escaparate de Librouro de Vigo instalado con motivo da presentación d’ A memoria da choiva de Pedro Feijoo. Probablemente un dos mellores que vin o pasado ano.
Fotografía tirada por Manuel Bragado o 25 de novembro de 2013.
Escaparate da Libraría Miranda de Bueu instalado con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.
Fotografía tirada por Manuel Bragado o 28 de marzo de 2014.
O espectacular escaparate que montou a Librería Miranda con motivo da presentación onte en Bueu da novela de Elena Gallego Sete Caveiras decidiume a promover unha serie de anotacións sobre escaparatismo do libro en Galicia. Estou convencido que o escaparate continúa sendo na maior parte da actividade comercial de proximidade unha das accións principais (desas de toda a vida) da mercadotecnia no punto de venda. O escaparate é un espazo dacabalo entre o interior e o exterior que permite a visibilización dos produtos no espazo público de forma continuada, achegando (en tantas ocasións) un valor engadido á mercadoría exposta.
Nun momento crítico no que o libro galego quedou recluído a algunhas poucas mesas de novidades ou andeis dalgunhas librarías especializadas ou agarimosas co libro galego, reclamar a súa presenza gratuíta nos escaparates é unha acción positiva, tan xusta coma necesaria. Por baixa que sexa a cota de mercado do libro galego é superior á da súa presenza na maior parte dos escaparates libreiros en Galicia.
Agardo que a finais deste anos os lectores e lectoras destas Brétemas outorguemos o Premio Brétemas 2014 ao mellor escaparate do libro galego do ano. Até entón iremos publicando no blog fotografías de escaparates (agradécense os envíos por correo electrónico), indicando nome da libraría, localidade e data da fotografía do escaparate. Hoxe abeizoamos a Libraría Miranda de Bueu polo seu escaparate, o primeiro da galería do noso concurso.
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo o Día de Rosalía.
A pesar de non ser incluído no “Calendario do Libro e da Lectura 2014” da Consellaría de Cultura e Educación, a celebración do Día de Rosalía foi un éxito cívico. Ademais da tradicional ofrenda floral en Compostela, lembrando o seu nacemento no Camiño Novo o 24 de febreiro de 1837, precedida dunha alborada gaiteira instituída o pasado ano pola Fundación Rosalía de Castro (FRC), numerosos actos de lectura pública de poemas rosalianos, recitais poéticos, conferencias sobre a vida e obra da autora, realización de grafitis en espazos públicos educativos na súa homenaxe, roteiros, concertos ou accións virais en internet, promovidas pola FRC, Asociación de Escritores en Lingua Galega, por outras asociacións e colectivos culturais e feministas de base, por editoriais, librarías e panadarías (en Ourense) e por algúns concellos (como os de Vigo e Pontevedra), ás que habería que engadir as actividades organizadas polos centros educativos no seu horario lectivo, amosaron que a memoria rosaliana e o interese polos seus textos mantéñense moi vivos e presentes na sociedade civil galega. Rosalía de Castro interesa e mobiliza.
Tras o pulo que supuxo a celebración do sequiscentenario da publicación de “Cantares Gallegos” no prelo de Juan Compañel na viguesa rúa Real, o que podemos chamar “fenómeno Rosalía” tinguiuse coas trazas do século XXI. Á publicación da extraordinaria edición anotada de “Cantares Gallegos” (Xerais), tanto en formato impreso coma dixital, realizada por Anxo Angueira, actual presidente da Fundación RC, uniuse a publicación da edición ilustrada (El Patito editorial) preparada por Pepe Barro e da tradución inglesa (Small Stations Press) de Erin Moure, ademais da tradución dalgúns dos seus poemas a 27 linguas, cos que se engalanaron algunhas rúas do Casco Vello de Vigo. Ademais, Rosalía presentouse nunha modélica web da súa fundación e dialoga con éxito nas redes sociais xa que está presente en Twitter, Facebook e Youtube. As autofotos con algún motivo relacionado con ela (un dos seus libros, unha das súas camisolas ou outros obxectos nos que esta presente a súa imaxe), coñecidas en internet como “selfie”, compartíronse onte a centos nas redes coa etiqueta #euRosalia. Outro fito xaora para unha autora sempre rabiosamente moderna e avanzada.
Outrosí sucedeu coa publicación no último ano de media ducia de libros cedé de temática rosaliana, unha colleita moi vizosa con froitos tan logrados como “Rosalía pequeniña” (Galaxia) de Uxía, “A miña primeira Rosalía” (Xerais) de Xiana e Xosé Lastra, “Nas tardes escuras” (El Patito editorial) de Narf, “A Rosa d’Adina” (Músicas de Salitre) de aCadaCanto, “Cantares para Rosalía” (Consello da Cultura Galega) no que nove poetas galegas de hoxe dialogan con ela, até o recentísimo “De Cantares hoxe” (“Diario Cultural” da Radio Galega) no que 36 poetas recrean na súa voz os poemas de Rosalía. Sen esquecer a achega que para a popularización da autora supuxeron as exposicións de carácter didáctico e divulgativo, sendo especialmente importante a instalada en Vigo pola Fundación Barrié sobre “Rosalía de Castro e o seu tempo”, preparada por Pepe Barro e visitada por milleiros de persoas.
E entre os libros de temática rosaliana publicados no último ano destacan “Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro” (Alvarellos) da profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, “O epistolario de Rosalía de Castro”, que se pode consultar na web do Consello da Cultura Galega, e a biografía plurilingüe de Manuel Lorenzo Baleirón, “Vida de Rosalía de Castro” (FRC) na que se recollen os avances que nas últimas décadas se produciron na investigación sobre a autora de “Follas Novas”.
Particular interese para entender o “fenómeno Rosalía” ten “Rosalía de Castro. Imaxe e realidade” (Xerais 2014) no que Fernando Pereira Bueno, profesor do IES Carlos Casares, analiza a representación icónica da autora a partir de pinturas, debuxos e outras técnicas artísticas. Tras estudar máis de duascentas pezas nas que aparece Rosalía (dende as sete fotografías conservadas e o retrato que en vida lle realizou Modesto Brocos, cedido hai pouco pola Deputación da Coruña á Fundación Rosalía de Castro, pasando pola presenza da poeta nos billetes de 500 pesetas, nos selos e nas vitolas de puros, até os carteis e as camisolas deseñadas por Rei Zentolo), Fernando Pereira considera que Rosalía de Castro é “a icona máis popular de Galicia”, “a primeira marca galega” e mesmo “a imaxe máis universalizada de Galicia”, o que non deben de estrañarnos tratándose do “personaxe predilecto dos galegos” segundo algunha enquisa. Esa unanimidade interxeracional explica o éxito dunha data literaria con vontade de converterse en efeméride nacional.
Soubemos onte que Palabras de auga de Marcos Calveiro foi incluído na Lista de honra de IBBY do bienio 2012-2013. Outro recoñecemento para unha novela que xa recibira o Merlín 2012 e o Fervenzas literarias ao mellor libro infantil e xuvenil do ano. O máis significativo da obra foi o apoio que lle proporcionaron os lectores novos e mediadores (xa van catro edicións), que non tiveron medo a enfrontarse cunha historia dura e emocionante, escrita con valentía e coñecemento literario. Palabras de auga é un texto modélico para a formación do lector literario, un libro que supón unha conquista para o lector e lectora en formación, coma os textos con vontade de clásicos contemporáneos.
Comezamos onte a espallar pola rede o Calendario profesional do libro e da lectura 2014 preparado en man común pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e pola Asociación Galega de Editores. Unha peza informativa, deseñada por Fausto Deseño Asociados, que pretende axudar a todos os membros do sector do libro en Galicia (autores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesorado…) na súa tarefa de organización e mellora da coordinación das súas actividades de promoción do libro e da lectura. Ademais das efemérides de referencia para todo o sector, como o xa próximo e ilusionante Día de Rosalía, aparece o calendario das feiras do libro de Galicia e de feiras internacionais do libro nas que participa a edición galega, así como as actividades principais promovidas pola AELG e AGE. Agradecemos difusión.
Convidados por Sara Moreno, presidenta de Consejo del Libro Infantil y Juvenil viaxamos a Madrid para participar no «Día de Galicia» do Salón do Libro Infantil y Juvenil de Madrid. Pola mañá Agustín Fernández Paz e Xabier DoCampo en calidade de autores; Xosé Cobas, Xan López Domínguez e Marina Seoane como ilustradores e eu mesmo coma editor participamos nun encontro interesantísimo con alumnado de Bacharelato e de Deseño Gráfico. Pola tarde, xa diante dun público diverso, os autores e os ilustradores presentaron o seu traballo como creadores e a experiencia do seu traballo compartido. Moito pagou a pena compartir esta viaxe, moito.
No serán de onte Xerais celebrou cinco presentacións simultáneas das súas novidades. Pedro Feijoo presentou A memoria da choiva na libraría Libraida de Gondomar, Quique Costas O valego no Museo do Humor d eFene, Manuel Gago e Manel Cráneo Vento e chuvia na Couceiro de Compostela, Xosé Álvarez Pontevedra anos anos do medo na libraría Nós de Sanxenxo e Marina Mayoral ditou unha conferencia sobre O anxo de Eva na Biblioteca Pública de Foz. Actos que coincidiron, ademais, coa cerimonia de entrada na RAG de Fina Casalderrey, a quen tanto queremos na editorial. Un esforzo promocional teimoso e constante (levamos 280 actos en menos de ano e medio) que pretende contribuír a facer o libro galego máis visible nos espazos públicos e nos soportes dixitais. Un programa dirixido a públicos diversos, como pretendemos sexa a nosa oferta, que a vindeira fin de semana centraremos en Culturgal 2013, a gran cita anual da produción cultural galega, dirixida a todos os públicos, con especial atención ao familiar. Abrir espazos máis amplos de visibilidade social para o produto cultural galego é unha tarefa imprescindible, máis aínda en tempos de crise e precariedade das políticas culturais públicas, que convoca o esforzo de creadores, produtores e distribuidores da nosa industria cultural.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
