Escaparate 11/2014: Libraría Suévia (A Coruña)
A Libraría Suévia da Coruña preparou este escaparate coas súas recomendacións literarias para estas vacacións de semana santa.
A foto foi tirada do Facebook de Miguel Moreira o 10 de abril de 2014.
A Libraría Suévia da Coruña preparou este escaparate coas súas recomendacións literarias para estas vacacións de semana santa.
A foto foi tirada do Facebook de Miguel Moreira o 10 de abril de 2014.
A Librería Miranda de Bueu ofrece outro escaparate monográfico de libro galego, o dedicado ao libro disco de Pablo Díaz Toc Toc publicado pola editorial Galaxia.
Foto tirada do Facebook da Libraría Miranda o 9 de abril de 2014.
Subimos outro excelente booktrailer, o do libro de Xabier P. Docampo A illa de todas illas, no que as ilustracións de Xosé Cobas e as imaxes dalgunhas das películas de aventuras sintetizan en pouco máis dun minuto o contido dunha obra que reivindica os grandes libros de aventuras como fulcrais na conformación da lectura literaria.
Sei que é unha fortuna contar con estas pezas audiovisuais xa que como onte chiaba Javier Celaya o seu uso ten un impacto directo na venda dos libros, segundo un ponente dunha sas actividades previas de The London Book Fair que abrirá hoxe as súas portas. O booktrailer é outra xanela de visibilidade para o libro galego. Paga a pena promovelos e viralizalos.
Espectacular é o booktrailer preparado por La Cosa Gráfica para o libro As meigas de Lupa de María Solar. Sobre a base da BSO de David Alonso Garzón, o equipo de Julio C. Seijas utilizou a técnica do teatro de sombras e dos libros pop up para recrear algunhas das secuencias da novela. Sobre fondos de papel recortado, os actores do grupo Achádego de Lugo recrearon os personaxes da obra. Poucas veces a edición dun libro (en papel e epub) convocou tantos elementos que contribúan a súa visibilización, unha banda sonora orixinal completa, un booktrailer con participación de actores e coidado tratamento da imaxe e unha exposición de espírito didáctico sobre este proceso no Museo Interactivo de Lugo. É difícil para o editor atopar as palabras para expresar a súa gratitude pola xenerosidade e o talento creativo de tantas persoas participantes nos tres proxectos arredor deste libro de María Solar. Beizóns.
Escaparate da Libraría Pedreira de Santiago.
Foto tirada do Facebook de Miguel Moreira o 6 de abril de 2014.
Escaparate da librería Aldova, instalada no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense, con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.
Fotografía tirada por Elena Gallego o 4 de abril de 2014.
Foi interesante a experiencia de presentar onte a novela Sete Caveiras de Elena Gallego nos corredores do Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. A proposta naceu da librería Aldova, instalada alí dende o novembro pasado, unha das poucas librarías existentes en Galicia neste tipo de centros, coa intención de facer visible o libro nun entorno de consumo ao que parece alleo este ben cultural. A experiencia foi exitosa, ao chamado acudiron lectores e numerosos medios de comunicación, que deixaron constancia da novidade.
O libro, especialmente o libro editado en galego, ten que dar a batalla da súa visibilización, gañar o espazo público, sexa o dos escaparates, o da súa presenza nas prazas (como cada sábado fai Couceiro en Cervantes), o das rúas (nas feiras do libro que comezarán este mes de abril) ou nos corredores dos centros comerciais de lecer e consumo interxeracional (como o Consorcio editorial fai en Área Comercial de Santiago dende hai tempo). Sei que non é doado gañar esa presenza para o libro, nin tampouco consolidar a utilización vehicular da nosa lingua nese tipo de espazos e establecementos, mais promovela é outra tarefa á que os galeguistas estamos convocados.
Grazas a Raquel Feijoo (a presentadora da novela) pola súa magnífica entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer, da que tiramos tres fotos da galería.
Escaparate de novidades galegas da Libraría Couceiro de Santiago.
Foto tirada por Manuel Bragado o 3 de abril de 2014.
Escaparate de Andel do libro galego e portugués de Vigo.
Foto tirada por Manuel Bragado o 2 de abril de 2014.
Celebramos onte un novo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha das datas de referencia do noso calendario do libro e da lectura. Nesta edición resulta significativo, como salientou Francisco Castro, presidente de Gálix, a boa saúde en Galicia deste subsector da edición, sendo maior o seu peso na nosa comunidade (13 % da edición global) ca no medio do sector (7 %). Ademais das súas cifras alentadoras, o libro infantil e xuvenil galego é sinónimo de calidade e excelencia, tanto na tipoloxía do álbum ilustrado, no cómic, como na dos textos literarios e coleccións graduadas de lectura. No entanto, lonxe de calquera tipo de compracencia, o subsector infantil e xuvenil galego ten que afrontar os retos do proceso de hibridación do soporte (a oferta dixital aínda é reducida) coma da súa entrada decidida nos territorios da non ficción, onde a actual oferta presenta importantes carencias. Parabéns, pois, ás autoras, ilustradoras, tradutoras, editoras, bibliotecarias e outras persoas mediadoras por esta angueira compartida.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
