Onte 1358: Libraría Biblos de Betanzos

Biblos_Club_de_lectores_Betanzos

Acompañei onte a Xesús Alonso Montero na presentación que fixo na Biblos de Betanzos da súa biografía de Xosé Filgueira Valverde. Como é adoito nesta casa dos libros de Betanzos foi moi numeroso o público que seguiu a conferencia do presidente da Academia Galega, o que sempre é unha grata noticia. A libraría de Tucho Calvo e Carmela González, un desenvolvemento do seu proxecto editorial e de distribución do libro galego, Biblos Clube de Lectores, constitúe xa un referente en Galicia, tanto pola continuidade e diversidade da súa programación cultural (reunións do club de lectura, presentacións, debates, conferencias, cursos, obradoiros, exposicións…) como pola coidada escolla do seu fondo bibliográfico sobre tres alicerces: infantil, galego e libro literario en castelán. Biblos amosa a necesidade de reinventar o modelo de pequena libraría cultural, transformándoa en centro cultural e cívico da súa comunidade lectora. Parabéns e azos para continuar para Tucho e Carmela.

Onte 1357: Sobre a cultura da Autonomía

2015061410433628798Sermos Galiza publicou onte na web unha parte da entrevista que Belén Puñal me fixo para o «A fondo» dedicado á cultura da Autonomía. Nas miñas respostas insisto na importancia que creo tivo para o sector editorial en lingua galega o proceso de normalización lingüística, tanto no seu desenvolvemento como nos recentes anos escuros. Abordo tamén a forte dependencia do noso sector ediitorial con respecto da edición educativa e paraescolar, o que na miña opinión axuda a explicar as razóns polas que o chamado «sistema literario galego» nunca chegou a funcionar como tal nin foi capaz de ampliar de forma significativa o seu perímetro integrando a novos públicos. A miña gratitude aos responsables de Sermos Galiza pola súa deferencia por contar coas miñas opinións.

Onte 1356: Luís Seoane no Marco

15_Seoane

A nova exposición do Marco, Luís Seoane. Retrato de esguello, pareceume unha marabilla. Coma fixeran hai uns meses coa obra pictórica de Francisco Mantecón, os responsables do museo de Príncipe contribúen agora a recuperar e poñer en valor a obra dun dos grandes artistas galegos do século XX, quizais a figura máis internacional e transgresora das nosas artes. Trescentas pezas de diversos soportes e expresións utilizados por Seoane ao longo de cincuenta anos (dende portadas de libros, carteis publicitarios, debuxos, gravados, pinturas, xilografías, tapices, deseños cerámicos, até fotografías dalgúns dos seus murais de Buenos Aires) ofrecen un percorrido moi completo pola obra visual deste artista xenial e polifacético.

Volveremos devagariño sobre os contidos dunha exposición esencial que demostra a oportunidade da colaboración estable entre Marco de Vigo e a Fundación Luís Seoane da Coruña. Contando só cos medios imprescindibles e cun traballo moi rigoroso de selección do comisario David Barro,  o resultado do relato visual deste Retrato de esquello é excelente. Na exposición atopei a dous bos amigos que me expresaron o seu entusiasmo desbordado polo que estabamos vendo: «Se Seoane fose catalán, estaría a unha altura moi superior a Tapies como pintor e a Mariscal como deseñador», dixome un deles. Un comentario que dá moito que pensar sobre o valor e proxección das nosas artes e creadores máis destacados. Recomendo vivamente visitar a exposición que estará aberta até finais de setembro. Parabéns moi merecidos ao comisario e ao equipo do Marco.

Onte 1355: «Teoría cuasi transcendental da velocidade»

premio_losada_13-06-2015

Non vai ser doado esquecer o que sucedeu onte no Pazo de Moldes, minutos antes que Ana Acuña e Diego Ameixeiras recibisen o Premio Losada Diéquez 2015 de creación e investigación. Avelino Muleiro, catedrático de Filosofía e director do Instituto de Estudos Carballineses, que actuou como presentador e mantedor literario, sufriu un desvanecemento xusto cando rematou o seu discurso. Durante un longuísimo cuarto de hora foi atendido por dous médicos, o doutor Cipriano Caamaño, o alcalde Boborás que copresidía o acto xunto con Francisco Fumega, o seu colega de Carballiño, ambos os dous nomeados unha hora antes, e o doutor Chema Ferreiro, concelleiro do concello organizador, que unha vez recuperado dixeron que Muleiro sufrira unha lipotimia froito da calor e do esforzo da situación.

E abofé que o discurso de Avelino sobre »Antón Losada Diéguez filósofo» fora tan sorprendente e memorable coma inusualmente longo para un acto de carácter non académico. Nun texto lido con enerxía e paixón, Muleiro afirmou que «a filosofía foi cerne do resto dos quefaceres de Losada, a raíz sobre a que alicerzou o seu pensamento galeguista». Xaora, o miolo do discurso foi a análise dun dos ensaios fulcrais do filósofo de Moldes, a Teoría cuasi transcendental da velocidade, inserida na súa concepción realista da filosofía, con afinidades co pensamento de Bergson sobre a idea de duración e coa teoría da substancia de Spinoza. Muleiro non perdeu oportunidade de cualificar Conduce rápido, a novela premiada de Ameixeiras, como metáfora da Teoría cuasi transcental da velocidade de Losada: «a velocidade está unida inexorablemente co poder físico e co económico. Hoxe como sinala  Zygmunt Bauman, a pirámide do poder está baseada tamén na velocidade.»

Tras semellante sobresalto, Diego Ameixeiras e Ana Acuña, cando finalmente recibiron cadanseu premio, expresaron con brevidade e elegancia a súa gratitude emocionada. Dificilmente, ambos os dous, coma o medio cento de persoas que acudimos ao Pazo de Moldes, esqueceremos o discurso excepcional de Avelino Muleiro sobre Losada e a velocidade.

Onte 1354: «Solución Príncipe»

lara_mendezA última hora, o PSdeG-PSOE optou en Lugo pola «solución Príncipe», aquela que hai vinte e catro abriu as portas da alcaldía viguesa ao pediatra Carlos Príncipe e fixo posible unha das primeiras experiencias de goberno tripartito entre socialistas e nacionalistas. A demisión in extremis de Orozco  permitirá que Lara Méndez sexa alcaldesa e o grupo socialista continúe gobernando a cidade da muralla.

A solución é un exercicio de pragmatismo político, xa que o veterano profesor de Filosofía, dende o momento que a súa non foi a lista máis votada, sabía que non recuncaría na alcaldía, máis aínda cando Lugonovo e BNG insistiran en campaña que nunca o votarían. Lembro moi ben as longas negociacións da «solución Príncipe» e do seu programa que deron paso a un dos mellores gobernos de coalición vigueses, capaz de abrir o planeamento estratéxico e urbanístico, realizar as primeiras peonalizacións, comezar a rehabilitación integral do Casco Vello, ampliar a Fundación Penzol e a Casa Galega da Cultura, abrir a Biblioteca Central, entre outras actuacións no marco dunha situación económica difícil. Agardo que en Lugo sexa tamén fecunda a etapa liderada por Lara Méndez, que será a única alcaldesa das sete cidades, o que constitúe outro motivo máis desta remuda.

Onte 1353: Juan Rof Codina

XG00240301Presentamos onte no Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña o libro de Diego Conde Gómez sobre Juan Rof Codina, o gran reformador da gandaría galega do século XX. Froito dunha tese de doutoramento e dunha investigación de máis dunha década, esta biografía profesional contribúe a entender a memoria da profesión veterinaria en Galicia e o inicio do proceso de modernización do sector gandeiro iniciado hai un século. Coma hai dúas décadas fixera o historiador Lourenzo Fernández Prieto con Labregos con ciencia, o libro de Diego Conde desbota a vella idea do atraso do noso sector agrogandeiro, ao tempo que demostra que profesionais como Rof Codina alentaron importantes progresos e melloras técnicas neste eido. Como sinalou onte o autor, a figura de Codina foi a dun «gran divulgador dos adiantos do seu tempo», «Codina foi unha personalidade capaz de conectar co labrego galego e contaxialo para que puxera en marcha a innovación na gandaría.»

Onte 1352: Vigo cidade lectora

lectoresvigoChamáronme onte de Faro de Vigo para solicitar a miña valoración sobre a enquisa de Amazon que sitúa a Vigo como a sexta cidade lectora de España. Non puiden agochar a miña sorpresa sobre o caso dunha cidade que até agora, tanto polos seus índices baixos de uso de bibliotecas públicas como polos datos da súa rede libreira, ocupaba posicións precarias en temas de lectura. Xaora, a pesar de que quizais sexan interesados os datos da multinacional estadounidense da distribución cultural, constitúen un aliciente para tirarlle partido, máis aínda cando facilitan que a lectura se incorpore como unha das preocupacións da axenda pública cidadá utilizada polos medios de comunicación e poderes públicos. Sempre acreditei que Vigo ten posibilidades de incorporarse á rede de cidades lectoras, sexa polo volume da súa poboación urbana, fose polo seu carácter de capital editorial de Galicia e cidade literaria onde se localizan hoxe algunhas das obras literarias en galego que contan con maior número de lectores e lectoras. Desta volta, aínda que sexa de forma excepcional, facémoslle caso a Amazon.

Onte 1351: Pola Unión

Pola_UnionPublicouse onte as redes sociais o manifesto «Pola Unión: Galicia existe e quere exisitir», reclamando que «partidos e movementos cívicos deben xuntar as súas forzas nun proxecto representantivo común». Adhirome co maior entusiasmo a esta iniciativa de «rexeneracion cívica da sociedade galega» cuxo proxecto non é outro que o de constituír «unha alianza aberta e participada directamente pola cidadanía». Penso que por unha vez, e a pesar das desconfianzas inevitables, esta proposta de unidade galega pode ter éxito. Difúndámola e traballemos por facela posible.

Onte 1350: «Unha parábola verniana»

miguel_vazquez_e_chiqui

Recomendo moi vivamente a lectura do discurso que Miguel Vázquez Freire pronunciou nos Premios Xerais 2015. Seguindo o fío da obra de Jules Verne, dende o famoso capítulo VIII da segunda parte de Vinte mil leguas de viaxe baixo o mar, localizado na ría de Vigo, Miguel analizou varias aporías relacionadas coa literatura infantil e xuvenil, facendo nalgúns casos referencias á escrita na nosa lingua. Particular interese tivo a súa análise da relación entre mito e logos, deténdose sobre o exceso de «sentimentalización» presente na tradición literaria galega, na liña do salientado pola profesora Helena Miguélez. Tamén luminosa foi a explicación da falsidade da aporía existente entre a «literatura infantil» e a dirixida a persoas adultas, citando a autoras como Ana María Matute ou Sophia de Mello Bryner Andersen finadas recentemente. Xaora, o máis espectacular foi a súa defensa do «poder sempre vivo da palabra» como esencia da literatura co que de forma teatral finalizou o seu discurso axudado por Chiqui, o actor de Berrobamban: «son só palabras, son só palabras…» Excelente, Miguel!!!

Onte 1349: Unidade galega

unidade_galegaTras o ditame dos Premios Xerais, durante a merenda falouse moito de política, tanto do futuro dalgúns gobernos locais en litixio como das posibilidades de artellar unha candidatura de unidade galega, que conte co apoio de nacionalistas e non nacionalistas. Son dos que acredita esperanzado nesta opción electoral, a pesar de coñecer as dificultades para sentar nunha mesa ao BNG, Anova, Compromiso por Galicia, Cerna, Esquerda Unida, Podemos e outros movementos sociais e cívicos coa intención de fixar un programa de mínimos en defensa do autogoberno galego.

Ten razón Aymerich: para as forzas políticas da esquerda, do nacionalismo e do galeguismo é tempo de escoller entre a unidade ou a irrelevancia. A cidadanía galega non entendería unha candidatura presentada como de unidade sen a presenza do BNG. Como tampouco outra con idéntica pretensión na que non estivesen as forzas e a cultura política xerada nas exitosas mareas atlánticas da provincia da Coruña. Non queda apenas espazo para filigranas. Xaora, a posibilidade de contar con colectivos cidadáns locais de apoio a esta candidatura de unidade galega podería decantar de forma positiva o proceso de converxencia electoral. Non parece imposible atopar unha fórmula política coxuntural que, respectando a autonomía e diversidade das organizacións políticas, sexa doadamente recoñecible como a opción da unidade galega para o Congreso e o Senado. Non son admisibles nin as exclusións nin os mesianismos. Nas vindeiras Xerais, Galicia como suxeito político xógase a posibilidade de continuar existindo ou desaparecer como tal.