Onte 309: «El niño perdido» de Thomas Wolfe
No último mes merquei dous libros da colección «Largo recorrido» da editorial Periférica: El niño perdido de Thomas Wolfe e La librería ambulante de Christopher Morley. Dúas novelas que me fascinaron de senllos autores norteamericanos (descoñecidos para min) da primeira metade do século XX. Dous libros aparecidos nos últimos meses, máis xa ambos os dous na terza edición, un éxito conseguido, probablemente, grazas á complicidade de libreiros curiosos, crítica e lectores xenerosos que utilizando a«técnica do rumor» («novelas que paga a pena ler») as foron compartindo e dacendo visibles. A miña experiencia de lectura da noveliña (apenas 96 páxinas de Wolfe) foi moi gratificante. El niño perdido está moi preto da perfección literaria (se é que iso existe). Wolfe relata a morte do seu irmán de doce anos dende catro puntos de vista. Constrúe así un prisma fascinante onde escintila a emoción polo agromar da vida nos territorios fráxiles da adolescencia (para Grover o protagonista, apenas a praza e as tendas do seu barrio), mais tamén unha reflexión moi intelixente sobre a complexa construción da memoria familiar e sobre a fugacidade do «estraño e amargo milagre do Tempo» (representado por Wolfe con maiúscula). O equilibrio entre emoción e razón, entre o narrativo e o poético, entre as catro voces diferenciadas do relato, mesmo entre a progresión dunha trama moi liviá e a fondura da introspección fan desta noveliña unha peza dunha beleza moi infrecuente. O remate da súa lectura quedamos suspendidos nunha fragrancia que convida a relela, algo semellante a ese «retrogusto» dos viños máis longos. Parabéns aos editores de Periférica. Demostran que tamén dende Cáceres é posible desenvolver, neste difícil tempo de tránsito, un proxecto literario orixinal e de calidade capaz de facerse viable polo apoio da sociedade lectora. Eis o camiño que están explorando selos da chamada «nova edición española» (Nórdica, Impedimenta, Periférica, Libros del Asteroide, entre os que eu máis frecuento). Recomendo vivamente a lectura de El niño perdido e visitar o catálogo de Periférica, onde hai outros textos que pagan moito a pena. De La librería ambulante haberá tempo de falar devagariño.