Acompañei a Fran Alonso na presentación no IES de Teis de A punta de pistola, a súa novela máis recente, gañadora do Premio La Voz de Galicia de novelas por entregas 2012. Tras unha presentación moi didáctica do autor sobre o proceso de escrita desta obra, unha ducia de alumnos e alumnas de 3º de ESO mantiveron con el unha conversa arredor da novela que se alongou durante case unha hora.
Fran Alonso desvelou que novela nacera hai anos dunha noticia que lera en Faro de Vigo sobre o secuestro duns rapaces a cargo dos seus pais. «Daquela escribín un artigo de opinión sobre aquel feito tan estraño». Preguntado sobre se os personaxes ou os feitos da novela eran reais, Fran contestou que «se ben, a maioría dos personaxes, non existían como tales, todos tiñan algo real. No obstante, si é real a figura de Celia Rivas, a primeira muller que sacou o carné para conducir camións en 1932». «Como tamén foi real o secuestro dos xemelgos co que se inicia a novela. O que facemos os escritores é reescribir a realidade, reinventámola, cuspímola sobre o papel e cando o facemos a realidade xa non é a mesma. Sometémola a nosa mirada e distorsionámola».
Preguntado sobre cal consideraba o personaxe máis chamativo da novela, Alonso non dubidou en «que o máis lle custou traballar foi a parella de pais, Varas e Rica, lévanse mal, discuten, mais están indisociablemente unidos. Tratei de retratalos nos seus diálogos, que fosen moi vivos. Definir esa parella foi o maio reto da novela». Sobre os nomes de Pixie e Dixie, a parella de xemelgos, confesou «que en todas as miñas obras quero que os nomes dos personaxes expresen algo. «Pixie» e «Dixie» son nomes que amosan o comportamento impulsivo dos seus pais, escasamente reflexivo, que se deixan levar polos medios de comunicación. Ningún dos nomes das miñas obras pretendo que sexa arbitrario».
Alonso tamén foi interrogado sobre a utilización da segunda persoa nalgúns capítulos da novela. «Ao longo da novela utilicei as tres persoas. A terceira para os capítulos protagonizados pola parella dos pais, coa intención de ser o máis obxectivo posible. A primeira para os capítulos protagonizados pola camioneira, para facer o relato máis intimista. E noutros, a segunda persoa, xa que permite un achegamento á intimadade da primeira, ao tempo que axuda a diferenciar as voces narrativas, un recurso técnico que guía ao lector». A cuestión da brevidade do texto tamén foi suxeito de curiosidade doutro dos lectores: «Tiven que respectar unha extensión de 3.500 caracteres en cada un dos trinta e cun capítulos, xa que así o exixían as bases do premio de novela por entregas. Foi unha auténtica tortura, mais tamén unha beizón para escritor, xa que debe incluír o máximo contido coas mínimaspalabras posibles. É unha beizón para depurar o texto». Tamén foi consultado sobre a relación entre as distintas historias da obra, que Fran xustificou no «traballo de ensamblaxe das diferentes pezas. Como a novela parte dunha fuxida moi tola nun coche foi un pouco máis doado introducir a historia dun camión».
Cando foi preguntado sobre se pretendía denunciar a situación dos nenos que viven en centros de menores, Alonso reflexionou sobre a intencionalidade do traballo do escritor. «A literatura ten que entreter, enganchar ao lector para que pase un bo rato. É un reto. Mais tamén o é que a novela obrigue a pensar, a reflexionar, a vivir situacións que doutra forma nunca viviría. Podemos vivir a través dos personaxes. Nesta novela quixen que os lectores puidesen meterse na pel dunha persoa que viviu o maltrato. Quixen axudar a reflexionar sobre o maltrato, machismo, quixen propoñer un camiño cara un mundo mellor. A literatura permite utilizar a panorámica de altura, global, coma a que temos cando vemos dende un avión».
Concluíu o que foi unha sesión moi intensa, seguida con grande atención por máis de douscentos alumnos e alumnas, falando sobre outros temas como a condición de Fran Alonso como escritor galego («tomei a conciencia da lingua na adolescencia»), sobre a importancia da lectura («a lectura achéganos criterio, coñecemento, para tomar decisións en liberdade»), sobre o carácter autobiográficos das súas obras («todos os meus libros teñen un pouso que ten que ver coa propia vida, mais ningún é autobiográfico»), coas súas obras favoritas («por todos os meus libros teño unha querenza especial») e polos proxectos nos que está traballando («estou cun libro infantil, mais teño abertos arredor de vinte proxectos en distinto estado de evolusión. Son moi disperso, non son capaz de concentrarme cun proxecto até que está moi avanzado»).
Foi esta do IES de Teis unha presentación literaria de gran interés. Un modelo a ter moi en conta. A nosa gratitude para todas as persoas que participaronn, os lectores e lectoras que protagonizaron a conversa con Fran, aos seus compañeiros e compañeiras que a seguiron con atención e respecto e ao equipo docente que preparou con todo detalle o evento. Beizóns para todas elas.