Belén Regueira, a súa confesión como neofalante

Neofalantes. Belén Regueira from Sr. Verme on Vimeo.

Intervención memorable de Belén Regueira na charla-coloquio organizada polo colectivo A nave das ideas na Casa da Cultura de Vigo o 10 do nadal de 2010. Recoméndoa moi vivamente.

Don Paco del Riego e o zume da terra

[…] Don Paco, que acaba de publicar da man de Caixanova un magnífico volume titulado Vigo sentimental, conclúe mañá un mandato brillantísimo no que conseguiu revitalizar a institución proporcionándolle unha capacidade descoñecida de relación co mundo cultural e social e de independencia do poder político. En a penas catro anos de traballo febril e de centos de horas de taxi percorrendo Galicia toda, del Riego conseguiu aprobar os novos estatutos da institución, recabar axudas das administracións que permitisen un funcionamento digno da entidade, reordenar os arquivos e fondos bibliográficos, poñer en marcha os traballos dunha comisión de literatura, comezar a redacción dunha gramática, e, sobre todo, cubrir as vacantes da institución cun espírito aberto, plural e renovador: duplicando o número de mulleres presentes (coa incorporación da escritora Xohana Torres e da lingüista Rosario Álvarez), e integrando a personalidades, como Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Neira Vilas, a filólogos como Ramón Lorenzo ou Francisco Fernández Rei, ou a científicos como Díaz Fierros.

Non puiden evitar que os ollos se me humedecesen e un arreguizo me percorrese o corpo cando don Paco rematou o seu discurso na homenaxe que recibiu hai dúas semanas [10 de xaneiro] na súa vila natal de Vilanova de Lourenzá. De pé, orgulloso, petou enérxico na mesa cando nos recordou coa voz un chisco quebrada: «din a vida toda por unha única causa: a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra». Diante dos seus, na dozura do horizonte dunha mañá fría de novembro, don Paco fíxonos unha chamada emocionada ás nosas conciencias acomodadas, para continuar no combate por restaurar a cadea de transmisión da fala de noso, desa cifra do que somos, do que fomos e do que queremos ser, recollendo a metáfora do Ferrín.

Don Paco é consciente do valor impagable dese zume da terra cada vez máis escaso e prezado, que mingua con cada nova xeración, nun proceso imparable que non podemos soportar de maneira ningunha, a menos que admitamos unha agonía lenta e complaciente para a nosa lingua, convertida en peza arqueolóxica da futura Casa das Palabras. Detrás do chamamento de don Paco, que me recordou o que fixo Álvaro Cunqueiro na súa homenaxe de Samil, aquelas «Mil primaveras máis para a lingua galega», están os máis recentes datos proporcionados polas investigacións sobre a nosa traxedia lingüística: nos municipios de máis de 50.000 habitantes os rapaces que utilizan o galego como a súa lingua vehicular son “rara avis”; nos últimos vinte anos, a pesar do ensino obrigatorio do galego, perdéronse o vinte por cento dos falantes; ou o incumprimento escandaloso da normativa sobre o uso do galego nos centros escolares, denunciado novamente esta semana, diante do triunfalismo da administración do PP. […]

Pareceume que pagaba a pena rescatar un fragmento dun artigo que publiquei en Faro de Vigo, o 25 de xaneiro de 2001. Esta frase pasará á historia: «din a vida toda por unha única causa: a de que os galegos falasen a fala que rezumaba da súa terra».

Yu Ming is ainm dom

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/qA0a62wmd1A" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Recoméndáronmo esta mañá. Dá que pensar sobre o futuro que nos agarda.

A memoria da lingua

A memoria da lingua from as candongas do quirombo on Vimeo.

Recomendamos moi vivamente este documental (39 minutos) no que son entrevistadas vinte persoas que achegan a súa memoria histórica da lingua galega. Beizóns ás Candongas do Quirombo.

Gas Natural Fenosa fala catalá e castelán agalegado

É moito máis triste ca unha brincadeira. Non acredito diante de semellante imaxe tópica de nós. A lingua galega existe para esta empresa que foi galega algunha vez?

«A memoria da lingua», trailer

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/sTvqD0kN4XI" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Avance do documental A memoria da lingua realizado polas Candogas do Quirombo. Semella que será moi interesante. Como tamén é imoi recomendable esta anotación de Carta xeométrica, «A lección de dona Pepita», sobre o vídeo de «Vivir cada día» recuperado polo blog Friol.

Día da Ciencia en galego, 4 de novembro

Recibín hoxe a noticia de que un grupo moi numeroso de entidades, asociacións, sindicatos, universidades e centros educativos de toda Galicia celebrarán  o día 4 de novembro o primeiro Día da Ciencia en Galego. A efémeride estará dedicada a Ramón María Aller, Afonso X e James Clerk Maxwell. Os organizadores propoñen  facer actividades divulgando a Ciencia e unha actividade común, construír papaventos en cada centro, carteis e exposicións .

Polo momento as organizacións convocantes desta xornada son AGAPEMA, ENCIGA, APETEGA, A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), IGACIENCIA, SGAPEIO coa Universidade da Coruña, o Instituto da Lingua Galega (ILG),  CIG-Ensino, STEG, Nova Escola Galega, AS-PG, Universidade de Santiago, A Mesa pola Normalización Lingüística, a Deputación de Lugo. Os organizadores agardan que outras entidades decidan a sumarse á proposta.

A xornada ten unha páxina de Facebook.

O pregón de Joan Margarit

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/rCSuwNVXR0Y" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Recomendo moi vivamente a lectura devagariño do pregón que o poeta Joan Margarit pronunciou o pasado 23 de setembro  con motivo das Festas da Mercé. O poeta salienta algunhas reflexións moi atinadas arredor das linguas: «Un cop la vida es desenvolupa al voltant d’una llengua necessitem veure-la respectada a tot arreu, però d’una manera ineludible en el seu territori.» Margarit aborda sen medo as posibilidades futuras da relación de Cataluña con España: «Potser la necessitat de supervivència, de progrés material i espiritual que té Catalunya en aquest moment crític de canvis en l’equilibri social i econòmic del món fa que avui s’hagi de renunciar al tipus d’unió que fa segles va convenir a les dues parts.» Aínda que ben sei que semella quedar lonxe, é bo tomar nota por onde discorren os debates na sociedade catalá, que tarde ou cedo, inflúen sobre nós.

O texto (moi fermoso literariamente) pode baixarse aquí en pdf e a lectura completa do pregón e un extraordinario recital poético (41 minutos) pode verse en vímeo.

«A forza do libro galego será a dos lectores»

Moito debe agradecer a Teresa Cuíñas a entrevista que me fixo para as páxinas da edición de Galicia de El País na que se abordan algunhas das nosas análises sobre a actual situación da edición en Galicia.

Os medios en galego importan

Apoiamos o texto deste manifesto a prol dos medios de comunicación en galego:

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.

Agradécese a difusión do manifesto na rede.