Escaparate 9/2014: Libraría Pedreira (Santiago)
Escaparate da Libraría Pedreira de Santiago.
Foto tirada do Facebook de Miguel Moreira o 6 de abril de 2014.
Escaparate da Libraría Pedreira de Santiago.
Foto tirada do Facebook de Miguel Moreira o 6 de abril de 2014.
No magnífico auditorio de Rianxo entregáronse onte os premios Irmandade do Libro 2014 da Federación de Libreiros de Galicia. Ouvirmos, Galaxia, Rosa Aneiros, Chus Pato, a libraría Ramón Cabanillas de Cambados, a biblioteca de Redondela e a do CEIP do Rosal foron as gañadoras dun serán onde apenas se fixeron referencias á situación precaria da libraría e do libro en Galicia. Por ventura as palabras de Pilar Rodríguez Álvarez, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, lembraron que existen dificultades para o libro de texto, motivadas pola competencia dos contidos dixitais, así como a necesidade de formación do sector libreiro para afrontar as mudanzas do novo paradigma. Non obstante, nas conversas durante o viño, respirábase entre moitos libreiros o alento do medo sobre a incerteza da vindeira campaña de texto, da que todos sabemos depende a sobrevivencia da libraría de proximidade. Confeso que saín de Rianxo moito máis preocupado do que cheguei.
Escaparate da librería Aldova, instalada no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense, con motivo da presentación de Sete Caveiras de Elena Gallego.
Fotografía tirada por Elena Gallego o 4 de abril de 2014.
Foi interesante a experiencia de presentar onte a novela Sete Caveiras de Elena Gallego nos corredores do Centro Comercial Ponte Vella de Ourense. A proposta naceu da librería Aldova, instalada alí dende o novembro pasado, unha das poucas librarías existentes en Galicia neste tipo de centros, coa intención de facer visible o libro nun entorno de consumo ao que parece alleo este ben cultural. A experiencia foi exitosa, ao chamado acudiron lectores e numerosos medios de comunicación, que deixaron constancia da novidade.
O libro, especialmente o libro editado en galego, ten que dar a batalla da súa visibilización, gañar o espazo público, sexa o dos escaparates, o da súa presenza nas prazas (como cada sábado fai Couceiro en Cervantes), o das rúas (nas feiras do libro que comezarán este mes de abril) ou nos corredores dos centros comerciais de lecer e consumo interxeracional (como o Consorcio editorial fai en Área Comercial de Santiago dende hai tempo). Sei que non é doado gañar esa presenza para o libro, nin tampouco consolidar a utilización vehicular da nosa lingua nese tipo de espazos e establecementos, mais promovela é outra tarefa á que os galeguistas estamos convocados.
Grazas a Raquel Feijoo (a presentadora da novela) pola súa magnífica entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer, da que tiramos tres fotos da galería.
Escaparate de novidades galegas da Libraría Couceiro de Santiago.
Foto tirada por Manuel Bragado o 3 de abril de 2014.
Escaparate de Andel do libro galego e portugués de Vigo.
Foto tirada por Manuel Bragado o 2 de abril de 2014.
Escaparate da Librería Cronopios de Santiago (Alfredo Brañas 24) arranxado con motivo da presentación de Maternosofía de Inma López Silva publicado por Galaxia.
Fotografía tirada do Facebook de Cronopios, 1 de abril de 2014.
Escaparate da Libraría Suévia da Coruña con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2014.
Fotografía tirada do Facebook da Libraria Suévia o 1 de abril de 2014.
Escaparate da Libraría Biblos de Betanzos con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2014.
Fotografía publicada no perfil de Facebook de Biblos o 1 de abril de 2014.
Escaparate da Librería Cronopios de Santiago (Alfredo Brañas 24) instalado con motivo da presentación d’ A memoria da choiva de Pedro Feijoo.
Fotografía tirada por Pedro Feijoo o 14 de febreiro de 2014.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
