Boys into books 11-14

Un espazo web moi interesante para coñecer os títulos recomendados e as estratexias de fomento da lectura para a etapa 11-14 polas autoridades educativas inglesas. O documento en PDF merece ser estudado de vagar (proporciona vieiros moi xeitosos para a dotación da biblioteca escolar e tamén para o traballo de editores, profesorado e responsables de bibliotecas públicas).
Via: Alcameh
Etiquetas: Lecturas_11-14

Animación á lectura

Ver para leer

Grazas a Débora Campos descubro esta auténtica marabilla para o fomento da lectura que é o programa de Telefe Ver para leer. Con só tres espazos emitidos (aconsello revisar a fondo a web), combinando momento de ficción con outros de divulgación de contidos literarios, é un modelo do moito que aínda pode facer a televisión pola lectura.
Un formato “descartonado” e divertido, un condutor xenial e crible, serve para axudar a desmitificar a lectura e propoñer os libros como obxecto de gozo e coñecemento. Os episodios ficcionais son paverísimos, as recomendacións das lectoras emocionadas e verosímiles… Que máis dicir desta marabilla (tamén visual, cun xogo de imaxe e grafismo moi suxestivo)? Un modelo a emular polas nosas televisións públicas. Grazas, grazas, Débora, pola recomendación. Seguiremos o programa dende a rede. Algo para non perder.

Etiquetas: Ver_para_leer

Produción editorial 2006

Xa aparecen os primeiros informes sobre a produción editorial en 2006. Os datos amosan que en Galicia continúa o aumento do número de títulos editados e diminúe a tirada media, as dúas variables que caracterizan o estado do sector. Se comparamos estes datos cos da semana pasada é doado concluír que vivimos instalados no paradoxo da inflacción editorial na indixencia lectora.
Eis a reportaxe de Faro e o informe do Correo sobre a cuestión.

Máis lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2006, do que demos conta hai uns días.

Magnífico o cartel de Óscar Villán para a campaña de lectura en centros escolares 2006 da Consellaría de Educación.
Etiquetas: ,

Índice de lectura: seguimos penúltimos

Segundo o máis recente Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en 2006, Galicia continúa nas últimas posicións entre as Comunidades Autónomaas, a pesar de que no último ano (coincide co primeiro do goberno bipartito) aumentou en catro puntos o seu índice lector que pasa a constituír o 53% da súa poboación. No entanto, no período 2004-2006, a porcentaxe de persoas lectoras en Galicia sitúase no 51%, na antepenúltima posición das CC.AA. (só superamos a Estremadura) e aínda moi lonxe do 56% da media española e do 65% da Comunidade de Madrid ou do 59% de Navarra e da Rioxa, as tres comunidades máis lectoras. Saír do faroliño vermello da indixencia lectora é un acicate para continuar o proceso de recuperación que precisamos neste eido. Hoxe celebramos que demos un paso adiante (catro puntos), unha boa noticia.
Etiquetas: ,

El nacimiento de la nueva "literacidad"

En día tan sinalado como o de hoxe, aparece publicado un meu artigo no ABCD (“Las Artes y las Letras), o interesante suplemento cultural de ABC, ademais dunha referencia a este blog no mesmo medio. No artigo reflexiono sobre a cuestión da literacidade electrónica, tema que xa abordamos aquí en diversas ocasións.

Etiquetas: ,

A lectura para Elfriede Jelinek

Xa sinalamos aquí que acabamos de publicar o primeiro libro de Elfriede Jelinek en galego. Recomendo moi vivamente este artigo recente da premio nobel austríaca no que fala da súa concepción da lectura. Aí unha das frase dun artigo magnífico:

La lectura es para mí el vestido elegante de la vida: se me ajusta y va conmigo. Los demás pueden clavársenos como una espina, pueden destruirnos y, sin embargo, podemos mantenernos con vida siempre y cuando mantengamos ante nuestros ojos la falsa sentencia de las letras. Esto es un juicio.

Etiquetas: ,

Colombia e o fomento da lectura

Parolei en dous momentos diferentes do día con senllos amigos que me relataron a súa alegría diante do esforzo de animación lectora que viviron en Colombia, especialmente en Bogotá, Cali e Medellín, cidades que dedican un parte significativa do seu orzamento á lectura. Xa a pasada semana escoitara dúas entrevistas radiofónicas a Sergio Fajardo, o alcalde de Medellín, un político atípico (el autodenominábase “político do seculo XXI”), nas que explicaba que o proxecto de rexeneración cívica e democrática no que estaba comprometido o seu equipo (Compromiso Ciudadano) baseábase na educación e, moi especialmente, no fomento da lectura e das bibiotecas. Mágoa que este discurso esperanzado aínda non calara o suficiente na nosa clase política que considera a lectura como unha parte máis das políticas culturais. Debemos insistir, emulando o lema do Plan Nacional de lecturta do país de Gabo: “GALICIA tamén debería medrar lendo”.

Etiquetas: ,