Un ano para a lectura

Cincocentos escritores e intelectuais británicos dirixíronse ao seu primeiro ministro para solicitarlle, diante dos fracos resultados en comprensión lectora dos estudantes británicos no informe PISA, que se dedique o ano 2008 á lectura. Idéntica preocupación comparte Channel 4, unha das canles privadas de televisión de maior audiencia, que na súa franxa de prime time decidiu emitir “Lost for words. The Fight To Help Kids read” (“A loita para axudar aos nenos a ler”), un orixinal e entretido programa no que aparecen coñecidas figuras (deportistas, músicos ou actores) en actitudes lectoras. En Galicia, como no resto do Estado, a pesar de ocupar o posto número trinta no desenvolvemento desta competencia de comprensión lectora (o Reino Unido, o décimo noveno) este dato non alarma en exceso nin aos intelectuais nin aos programadores das televisións nin á maioría dos nosos responsables políticos. Porén, é innegable que, como amosan o informe PISA e outros moitos datos estatísticos sobre hábitos culturais (onde continuamos na cola das CC.AA., sexa na compra de publicacións impresas, nos índices de lectura de libros ou na frecuencia na visita ás bibliotecas públicas), temos un serio problema de lectura. Máis aínda, cando os índices de lectura son hoxe indicadores parellos aos de benestar, civilidade, igualdade, competitividade e innovación empresarial. Inmersos xa de cheo na sociedade da información, a lectura xa non pode ser identificada como un hábito de lecer de minorías ou élites vencellado ao goce das obras literarias impresas. A lectura na sociedade do século XXI debe ser considerada como unha competencia imprescindible, adquirida por todos os cidadáns, que permite comprender criticamente un mundo saturado de textualidade, sexa impresa ou dixital. A lectura, concibida con esta radicalidade de ferramenta crítica, e o seu fomento –vencellado, tamén no caso noso, á potenciación dos procesos de alfabetización informacional e normalización lingüística– entre todos os sectores sociais e segmentos de idade debería transfórmase na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. En Galicia tamén precisamos un ano para a lectura.

Publicado na revista Tempos Novos, “Obertura”, número 128, xaneiro de 2008

Etiquetas: