Onte 1024: Librosbanco en Londres

looking_glass

Quedei engaiolado coa reportaxe de The Guardian sobre os librosbanco en Londres, «Books about Town», unha desas marabillas ideadas polos poderes públicos no Reino Unido para o fomento da lectura. 50 bancos en forma de libro, dedicados cada un deles a un autor ou personaxe literario relacionado con Londres e ilustrados por un artista diferente, expóñense por toda a cidade durante os meses de xullo e agosto para ser poxados a comezos de outubro coa intención de obter fondos para The National Literacy Trust. Os promotores desta iniciativa, que lembra a Cowparade, pretenden que os londinienses e os visitantes gocen da experiencia de sentar nun libro cun libro na man. Os espazos públicos transfórmanse en espazos de lectura, a cidade nunha grande biblioteca ao aire libre, onde descubrir títulos, autores e ilustradores. Unha iniciativa para pasear polos parques públicos e sorprenderse cos libros e a literatura.

Coma no Reino Unido é adoito, os librosbanco poden ser patrocinados polas empresas privadas, sobre todo por editoras como Andersen Press que patrocina o bancoelmer de Mkee, ou Penguin que o fai co personaxe de Jacqueline Wilson. O catálogo de librosbanco é amplo, hai títulos do século XX como 1984 de Orwell, Febre nas bancadas de Horby, A máquina do tempo de Wells, outros clásicos como Os contos de Canterbury ou a  Alicia de Carroll. Hai rotas e concursos para localizalos, un completo programa de actividades literarias, ademais dun concurso promovido por The Guardian para escoller o librobanco número 51, ese que falta nunha escolma moi dificil de pechar, que será patrocinado polo propio xornal. Os librosbanco é outra desas iniciativas británicas de promoción lectora das que tanto temos que aprender. Paga a pena tirar dese fío.

Onte 938: «A illa de todas as illas», o booktrailer

Subimos outro excelente booktrailer, o do libro de Xabier P. Docampo A illa de todas illas, no que as ilustracións de Xosé Cobas e as imaxes dalgunhas das películas de aventuras sintetizan en pouco máis dun minuto o contido dunha obra que reivindica os grandes libros de aventuras como fulcrais na conformación da lectura literaria.

Sei que é unha fortuna contar con estas pezas audiovisuais xa que como onte chiaba Javier Celaya o seu uso ten un impacto directo na venda dos libros, segundo un ponente dunha sas actividades previas de The London Book Fair que abrirá hoxe as súas portas. O booktrailer é outra xanela de visibilidade para o libro galego. Paga a pena promovelos e viralizalos.

Onte 937: «As meigas de Lupa», o booktrailer

Espectacular é o booktrailer preparado por La Cosa Gráfica para o libro As meigas de Lupa de María Solar. Sobre a base da BSO de David Alonso Garzón, o equipo de Julio C. Seijas utilizou a técnica do teatro de sombras e dos libros pop up para recrear algunhas das secuencias da novela. Sobre fondos de papel recortado, os actores do grupo Achádego de Lugo recrearon os personaxes da obra. Poucas veces a edición dun libro (en papel e epub) convocou tantos elementos que contribúan a súa visibilización, unha banda sonora orixinal completa, un booktrailer con participación de actores e coidado tratamento da imaxe e unha exposición de espírito didáctico sobre este proceso no Museo Interactivo de Lugo. É difícil para o editor atopar as palabras para expresar a súa gratitude pola xenerosidade e o talento creativo de tantas persoas participantes nos tres proxectos arredor deste libro de María Solar. Beizóns.

Onte 912: Incitar á lectura

BitjzaiIYAEw9DgA presentación de onte en Librouro d’ A illa de todas as illas, o libro escrito por Xabier DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas, constituíu outra sesión memorable de incitación á lectura. Tras as palabras limiares da editora Helena Pérez, foi o crítico Ramón Nicolás quen de forma maxistral presentou a obra coas doses exactas de brevidade, rigor e gratitude, como corresponde a este subxénero da oratoria. Nicolás lembrou ao comezo cun chisco de saudade a presentación que na Coruña fixera d’ O libro das viaxes imaxinarias e adiantou que consideraba A illa de todas as illas como «unha auténtica alfaia literaria». Tras afirmar que «na literatura infantil e xuvaniel estamos na vanagarda», o crítico salientou catro aspectos fulcrais do libro. O primeiro, a contención e mesura da escrita: «Xabier domina a oralidade e contense na narrativa escrita, ofrecendo unha prosa áxil no que todo está no seu lugar. Traballa a palabra coma ourive. Nada nestas páxinas é secundario, todo é substancial». O segundo, está é unha novela de aventuras nas que se homenaxea ás novelas de aventuras de todos os tempos: «Xabier acada unha alquimia perfecta na narración, conseguindo que o lector se vaia enguedellando nun texto, onde se mesturan os espazos e os tempos de obras de Verne e Stevenson con personaxes como o Capitán Nemo ou John Silver» Outrosí, salientou Nicolás, coa alquimia perfecta acadada entre o texto  de Docampo e a ilustración de Xosé Cobas. O terceiro, a reivindicación da lectura e o seu concepto, para o que Moncho citou unha das frases máis luminosas do texto: «Cando estás a ler un libro, cando les sen atender a cousa ningunha que non sexa a historia que estás lendo, todo canto alí sucede, pásache a ti. E todo canto aconteceu na túa cabeza, mentres lías, acaba por aparecer no libro. ler é iso». E catro, Nicolás gabou o epílogo, «Viviremos, se queremos, nunha illa deserta», un corolario moi valioso que pode ser utilizado como ferramenta didáctica para incitar a lectura, xa que –afirmou Nicolás– «comparto con Xabier a convicción de que non hai bo lector que non teña que pasar pola literatura infantil e xuvenil».

Onte 869: Gandhi e Castelao

Coincidiu onte por vez primeira o Día Escolar pola Non Violencia e a Paz, celebrado na data do aniversario do pasamento de Gandhi, co Día da Ilustración en Galicia, data de nacemento de Castelao. Enfíase así nas aulas e bibliotecas do país noso a lembranza de dous personaxes moi relevantes na historia do século XX, contemporáneos (morreron cunha diferenza de apenas dous anos), pacifistas até o lirismo e defensores teimosos das súas comunidades e de toda a humanidade. Lembranza destes persoeiros universais inserida no marco da exaltación da creación gráfica e artística e da actividade lectora. Parabéns aos numerosos centros escolares galegos que con actividades moi diversas artellaron esta xornada transversal de lapis, cores e pombas.

Onte 824: «A illa de todas as illas»


No serán de luns participamos na Coruña na presentación d’ A illa de todas illas, o libro escrito por Xabier DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas, no que reivindican o relato de aventuras como eixo da formación do criterio do lector literario.

Foi unha grande beizón contar coa presenza de Agustín Fernández Paz que pronunciou un fermoso discurso (Tati Mancebo gravou a hora e vinte do acto, mil grazas) sobre illas, viaxes, libros de aventura e lectura, compoñentes esenciais d’ A illa de todas as illas de DoCampo e Cobas. Unha obra que Agustín cualificou como «un libro de libros, un libro porta, un libro canle, que ten a pretensión de engaiolarnos e levarnos a outros libros, a algúns deses libros do xénero de aventuras». «É unha invitación afervoada a visitar, ou a revisitar a quen xa o fixeramos, os libros que tan felices nos fixeron nalgunha das etapas da nosa vida. Unha invitación que os autores realizan a través dunha dobre vía. Primeiro a través dun relato que conta con todos os ingredientes da novela de aventuras: unha illa deshabitada, non moi lonxe de costa; unha illa co seu aquel de misterio, xa que existen lendas; unha viaxe a esa illa, a bordo do Andoriña; tres persoas adultas, unha delas mulleres, tres persoas situadas na etapa da infancia, unha delas nena; un feito extraño, que nos vai permitir transitar do real ao fantástico, a néboa altera a percepción das cousas, e o sentido das distancias e a orientación…» «Atrapados nesa néboa os tres rapazas vivirán unha aventura marcada por unha serie de encontros que paso a paso os emparentará cunha serie de aventuras que os lectores nalgúns casos nos soarán ou que identificaremos no epílogo, extenso e intenso, onde se explican de onde saíron os personaxes  e onde se produciron as aventuras presentes en libros e películas». «Unha obra que hai que lela e sentir, sentir o que un dos rapaces lle di ao outro, “eu so sei que calquera cousa pode pasar nun libro, cando estás a ler un libro, cando les sen atender a cousa ningunha que non sexa o que estás lendo todo o que alí sucede pásache a ti, e todo o que che pasou pola túa cabeza mentres lías acaba por aparecer no libro. Ler é iso”. Unha versión curiosa, como vedes, da teoría da recepción» Agustín rematou o seu discurso do seguinte xeito: «Se este libro é unha porta construída con imaxes requintadas e palabras poderosas, só me queda dicir, abre as portas e entra».

Xabier Docampo comezou as súas palabras recollendo o fío daqueloutras de Agustín, «A illa de todas as illas é un libro que nace dos libros. Lin vinte e seis novelas das que seleccionei sete». «Primeiro foi un conto para publicar en castelán. É un tributo ás illas que todos habitamos na adolescencia, os libros que contribuíron a conformar o imaxinario que nos mantivo, as obras coas que soñamos con soños marabillosos e con pesadelos, as obras que limos entusiasmados e cando as limos despois comprendimos doutra maneira». «Quixen facer un tributo ás novelas que a todos nos marabillaron. O tema do libro é a lectura. Os que estamos na LIX estamos participando no proceso de formación do lector literario. O que pretendo é que os rapaces lean as sete novelas que cito». «Tiña que suceder algo que sucede na illa do tesouro, os rapaces ao final da novela tiñan que ser distintos ao comezo, para min iso é a lectura». «Este é un libro sobre a lectura. Pretendín que os lectores vaian aos libros. Esta é a razón pola que non traducín os fragmentos dos diarios de Robinson». Referiuse DoCampo a súa fascinación por A illa do tesouro, «a mellor novela que se ten escrito». «Desque a descubrín aos oito anos, fascinábame John Silver, atraíame o mal, o que me obrigou a confesar co Braña vello, que só falaba castelán: ˝Ya lo sabía yo. Eso pasa por leer los libros que no hay que leer. Se lo voy a decir a tu madre”. Entón comprendín que os libros falaban de min, que ler é buscar nos libros o que falan de ti, ler é procurar ese libro toda a vida». «O momento de máximo esplendor dun libro é cando ti o les. E o momento de máximo esplendor da literatura de aventuras é o da adolescencia». Docampo insistiu na idea de que «somos os lectores os que damos o adxectivo ao libro», «os libros son para o momento que unos le». Rematou o seu parlamento falando da súa experiencia con Xosé Cobas, «participar con el na ilsutración é un momento de gran felicidade».

Pechou as intervencións Xosé Cobas que percorreu con detalle as trinta e cinco imaxes do libro proxectadas na pantalla. Comezou salientando que, ademais do rexistro propio do libro ilustrado, utilizou o doutras especialidades, «como o narrativo do cómic e o do álbum ilustrado». «Bolboretas e O libro das cidades imaxinarias foron libros con carga poética e con ilustración metafórica, porén A illa de todas as illas é fundamentalmente narrativo, a pesar de que hai elementos metafóricos como os da cuberta, onde se concentra a esencia do libro». «Na ilustración da portada as velas fan referencia á navegación; as atmosferas, á brétema na que están inmersos os tres personaxes, esa dualidade crea un conflitivo compositivo, o libro está cheo de retos; a arquitectura da propia torre, con escaleiras que non conducen a ningures. remite aos camiños que percorren os rapaces na propia narración».

A nosa gratitude a Tati Mancebo pola gravación da presentación e a Daniel Bello pola fotografía.

Onte 773: Cos dous Antonios en Pontedeume

É un feito esperanzoso o relevo xeracional que comeza a producirse na nosa produción cultural. Onte presentamos en Pontedeume, a que para min sempre será a vila d’ Os meus ollos de Ramiro Fonte, O Castañeiro de Abril, o premio Merlín 2013. Os dous Antonios nacidos na ría de Ares no ano 1976, Fraga, o autor deste magnífico texto, e Seijas, o ilustrador e membro do xurado, amosaron que a LIX galega ten unha extraordinaria canteira. Os máis dun cento de participantes na presentación quedamos axiña engaiolados co discurso profesional de Seijas relatando a súa experiencia na procura da alma dun texto que dende a súa primeira lectura considerou moi rico visualmente. E abofé que Seijas conseguiu que o seu trazo persoal e a súa maxistral utilización emotiva da cor e da luz impregnasen unha tan fermosa historia de superación e de dignidade persoal. Secasí sucedeu coa de Fraga que presentou con moita retranca os ingredientes principais –o deseño do protagonista (o cego Baltasar) e das antagonistas (as malvadas tías Garabullo), así como a elección do narrador (o inesquecible Buto, o cirurxián do calzado– utilizados nun relato que pretendeu que os lectores identificasen coma «un conto moi conto». Unha historia que salienta e reivindica a importancia das cousas miúdas, aquelas ás que aparentemente non lle concedemos importancia, «aínda que adoitan ser a principal orixe dos nos desgustos e satisfaccións». Dúas excelentes intervencións á altura dun libro deses que van quedar; unha obra que aventuro terá unha grande acollida de crítica e lectores nos vindeiros meses. Saín moi satisfeito da vila eumesa cruzando os ollos da ponte, aínda que non puiden evitar un leve recendo de saudade.

Onte 683: Desgraza

O sucedido en Angrois amosa que o horror forma parte das nosas vidas. A pesar de que cremos ser conscientes desta finitude, a desgraza das vítimas do tren colleunos a contrapé, instalados na aparente comodidade das nosas rotinas. Enfrontándonos a hemorraxia de dor, que intuimos en cada unha das familias rotas pola traxedia, non podemos máis que celebrar o seguirmos vivos, agarimados polas persoas queridas. Ven ao fío o que escribiu Suso de Toro no seu artigo luminoso de onte: «a morte é a única e verdadeira medida das cousas da vida, esmaga as trivialidades, anula as distancias, devólvenos o sabor atroz de vivir e devólvenos ao que é primeiro, o asombro de estar vivos aquí. E o agradecemento por estalo». A de Angrois foi, sen dúbida, unha desgraza moi grande provocada por un terrible accidente que debe ser explicado. Con todos os abrazos para as vítimas e as súas familias e amizades, a nosa gratitude para os heroes de Angrois que intentaron mitigar tanta dor.

Grazas a Toni Seijas pola fermosa ilustración de homenaxe ás vítimas e heroes de Angrois.

Onte 677: Amnesty International 50 years

Grazas a Rafael Antón, extraordinario ilustrador vigués radicado en São Paulo (unha figura a recuperar para o país noso), descubrín esta peza marabillosa dirixida por Carlos Lascano e creada con motivo do cincuenta aniversario de Amnistía Internacional. Eis algunhas posibilidades creativas da stop motion. Magnífico recurso didáctico tanto polos seus contidos coma pola súa feitura.

Onte 619: Das Cousas de Xoán Balboa

O amigo Xoán Ramiro Cuba, responsable do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, agasalloume un exemplar de Das Cousas de Xoán Balboa, un magnífico catálogo da mostra antolóxica sobre a obra do ilustrador, esmaltista, e fotógrafo lucense falecido en 2009. Vinculado profesionalmente como restaurador ao Museo Provincial de Lugo, Balboa ilustrou trinta libros, a maior parte de autores lucenses, como Paco Martín, Darío Xohán Cabana ou Lois Diéguez. No obstante, como ilustrador quedará para sempre na miña memoria como a man que lle puxo cara e ollos frontais (e tamén pombas) a Ramón Lamote, ese xenial profesor de chairego e debuxante de soños co que Paco Martín fundou a nosa actual literatura infantil e xuvenil. Pola súa banda, Balboa contribuíu a fundar a ilustración galega contemporánea, tanto por este traballo alboral (1985) coma polo que realizou entre 1974 e 1975, tamén ao carón de Paco Martín e Ulises Sarry, para aquel soño que foi Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento infantil de La Región. Como tamén axudou, moi ao comezo dos anos setenta, á renovación do portadismo editorial galego con algunhas capas (de fasquía popeira) de Ediciones Celta de Lugo. Agardo que na nosa historia da edición galega do século XX, aínda por facer, figuras como Xoán Balboa sexan valoradas coa relevancia que merecen. Non hai dúbida que este ilustrador que «soñou pombas lixeiras, cálidas, co esperanza de aniñasen nos corazóns mozos» (palabras do seu amigo Paco Martín) debe ser incluído dentro da Xeración Lamote. Das Cousas de Xoán Balboa é un catálogo que moito merece a pena gardar na biblioteca.