Onte 546: A toda máquina!

Acompañamos a Jacobo Fernández Serrano no obradoiro de banda deseñada que impartiu no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O veterano salón pontevedrés é desas convocatorias que sabemos nunca decepciona. A pesar da considerable rebaixa do seu orzamento e da mudanza do seu equipo de xestión, mantén un máis que aceptable nivel e número de actividades de animación e de presenza de público familiar. Chamoume moito a atención as exposicións arredor do tema das máquinas («A toda máquina!» é o monográfico desta edición) e, sobre todo, a excelente mostra biográfica arredor da nosa admirada Marilar Aleixandre, a autora que será homenaxeada, tan merecidamente, esta edición, na sesión matinal do sábado 21 de marzo.

A pesar de que cultural e educativamente resulta incomprensible a falta de colaboración institucional doutras administracións públicas, como a Xunta ou a Deputación, é unha ventura que esta décimo cuarta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a pesar de contar con menos recursos, manteña o seu pulo e a súa capacidade para sorprender e innovar. Parabéns ao concello de Pontevedra por manter aceso este facho de ledicia infantil e esperanza para toda a comunidade lectora.

Gazpacho por Antonio Seijas

Gazpacho artwork by Antonio Seijas from Antonio Seijas on Vimeo.

Este traballo de ilustración de Antonio Seijas para os cedés do grupo noruegués Gazpacho paréceme excepcional. Parabéns para un dos nosos ilustradores con maior proxección internacional.

Onte 519: O Garaxe Hermético

Acompañar a Antonio Seijas na presentación da súa novela gráfica en Pontevedra permitiume coñecer as instalacións d’ O Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración dirixida por Kiko Da Silva. O Garaxe Hermético é, por incrible que pareza, outra desas fantasías posibles en Galicia. Un proxecto formativo privado que se está desenvolvendo grazas ao compromiso e o risco asumido por profesionais como Kiko Da Silva que cre nas posibilidades da industria cultural en Galicia. A calidade do cadro de profesorado, a excelencia dos seus cursos, a novidade das súas exposicións, as magníficas instalacións e recursos didácticos, todo está dirixido na escola pontevedresa a formar novos creadores gráficos. Gustoume a claridade coa que Da Silva definíu o seu proxecto formativo na presentación das Cartas de inverno de Seijas: «O Garaxe Hermético é un lugar onde se aprende e onde se ensina a contar historias utilizando os recursos da ilustración e da Banda Deseñada». Beizóns para Kiko e o seu cadro de profesorado. Longa vida para a fantasía d’ O Garaxe Hermético!

Onte 473: O Apalpador

Na nosa casa non chegou o Apalpador xa que non hai picariños para lle agarimar a barrigola. Porén, moito me prestaría que pasase pola nosa porta para nos contaxiar o seu espírito xeneroso, ventureiro e inconformista. Fronte os repunantes que cuestionan os saberes do pandingueiro, son dos que cre que é unha grande fortuna contar coa posibilidade de contribuír a acuñar e reinventar unha tradición laica de noso, capaz de convivir con outras arraigadas na nosa sociedade para celebrar o solsticio de inverno. Longa vida para o Apalpador!

A preciosa ilustración do Apalpador é de Antonio Seijas.

Onte 413: Na Casa dos Poetas

Dixo Celso Emilio Ferreiro que «Celanova ten a dimensión exacta para ser andada». No serán chuvoso de onte puidémolo comprobar, antes de participar na presentación do libro de Ramón Nicolás Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro na Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez. Antonio Piñeiro foi o agarimeiro anfitrión co que percorremos as salas todas dunha das casas museo máis xeitosas, dinámicas e visitadas do país. Ademais dos tesouros currosianos alí expostos, coroa poética incluída, a Casa dos Poetas garda no seu segundo andar, onde está instalada a biblioteca, outras pezas de enorme interese. Na galería está unha instalación espectacular que ningún visitante debe perder: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez. Nestes meses é tamén obrigada a visita ás saliñas de homenaxe ao celanovés César Moreiras («Spock» ou «Cesarito»), un dos fundadores do Frente Comixario e un dos pioneiros da banda deseñada galega. Falecido apenas aos vinte e nove anos, Moreiras foi un polifacético artistas urbanos dos oitenta, músico (membro de «Última adevertencia»), xornalista (correspondente en Celanova de La Región), fancineiro e comiqueiro. Gustáronme moito as súas planas axedrezadas e xeométricas, case sempre en branco en negro, como as da da súa particular homenaxe a Longa noite de pedra, o libro publicado por Celso Emilio no mesmo ano que naceu Moreiras. Eis as coincidencias da providencia laica. Esta humilde exposición de Moreiras merece ser divulgada e coñecida.

Imaxe destacada: «Redes Escarlata contra Maquieiro» de María Estarán, Xoaquina Silva, Xosé Carlos de Dios e Oriana Méndez

Onte 411: Chegaron as novelas gráficas

Chegaron os primeiros exemplares da novela gráfica de Toni Seijas baseada en Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Creo que Seijas fixo unha adaptación formidable, moi pegada ao espírito do texto de Agustín. Están conseguidísimas tanto a creación das atmosferas do medo e do terror, en base a un traballo soberbio da cor, como a fluidez engaiolante dun relato construído ao xeito das monecas rusas, cartas dentro de cartas. Unha novela gráfica que se engade a Marcopola. A illa remeira de Jacobo Fernández Serrano, o título co que iniciamos este mesm a serie “Merlín comic” dirixida aos primeiros lectores de banda deseñada. Quedamos moi satisfeitos co resultado de ambas as dúas entregas coas que recuperamos en Xerais a continuidade publicación de banda deseñada, un xénero que sempre crimos fulcral para a edición galega. Sabemos que, a pesar do tránsito cara a comunicación dixital, hoxe este é o xénero editorial impreso que máis lectores e lectoras gaña no mundo.

Onte 343: «Contrato con Deus», un piar da novela gráfica en galego

Dentro do excelente labor de ampliación da oferta de obras traducidas para o galego realizado dende 2005 por Rinoceronte Editora, a colección de novela gráfica dirixida por Breixo Harguindey é un dos seus maiores acertos. Tras a publicación de Persépole e Na procura de Ed o Riseiro, a do Contrato con Deus de Will Eisner, en magnífica tradución de Eva Carrión, supón a consolidación do proxecto e a súa apertura a un público amplo. As catro historias protagonizadas por un tenement da Avenida Dropsie, un edificio de inmigrantes do Bronx novaiorquino, constitúen un espectacular retrato da loita pola vida dos máis humildes durante aqueles sucios anos trinta. A morte, o amor, a cobiza, a gloria efémera, o fracaso son algúns dos temas das historias que se desenvolven entre os límites deste «barco aboiando sobre o comento». Como La ciudad de Frans Masereel, esta de Eisner é obra fundacional dun xénero que o autor das tiras de The Spirit bautiza como «novela gráfica», o relato literario de vidas humildes combinando palabras e imaxes. Hoxe, en pleno proceso de tránsito entre soportes, a novela gráfica representa un dos xéneros máis punxentes na industria internacional do libro. Un fenómeno ao que non é allea a edición en galego, tanto polo esforzo de editoras especializadas como El Patito Editorial, Demo editorial, BD Banda ou Retranca Editora, como polas coleccións específicas das editoras xeralistas como esta de Rinoceronte ou a que abriremos en Xerais en outubro coa publicación de Cartas de inverno de Antonio Seijas e a primeira entrega da serie infantil Marcapola de Jacobo Fernández Serrano.

Onte 333: Viñetas desde o Atlántico

Antes da sesión de presentacións e da asinatura de Agustín na Feira do Libro, visitamos a animadísima  feira de «Viñetas desde o Atlántico». Un fervedoiro de xente, unha marabilla! Tras quince de anos, o evento coruñés de promoción da banda deseñada, dirixido por Miguelanxo Prado, a pesar dos ventos da crise, está plenamento consolidado. Funciona a fórmula de convidar a figuras internacionais e darlle, tamén, visibilidade aos talentos galegos. Como funciona a coexistencia de actividades para profesionais coas de promoción para un público interxeracional. Neste momento de tránsito entre os paradigmas impreso e electrónico, a banda deseñada, a novela gráfica e o libro ilustrado viven un apoxeo, tamén en Galicia e tamén en galego. Semella que a banda deseñada optou polo modelo de edición expandida, onde coexisten con naturalidade os soportes analóxicos e dixitais. Parabéns aos organizadores e longa vida paro cómic galego.

Magñífico o cartel de Kim.