Onte 1842: María Reimóndez, premio Xohana Torres de ensaio

Na gran mobilización feminista de onte en Vigo, (a maior dun 8 de marzo que recordo), tiven oportunidade de parabenizar a María Reimóndez polo premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual que viña de recoller en Compostela. Un recoñecemento da concellaría de Igualdade para o seu ensaio “Corpos exorbitantes, Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erin Moure”, inserido na súa liña de investigación sobre feminismo, tradución e postcolonialismo, temas abordados na súa tese de doutoramento pola que recibiu o pasado mes de xaneiro o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Vigo. Incansable escritora, investigadora e activista, Reimóndez vai conformando dende diversos ámbitos unha das obras culturais e políticas máis estruturantes e decisivas da Galicia do noso tempo. Ás portas da publicación de dúas novas novelas, Corredora en Fóra de Xogo e a cuarta da serie “O ciclo dos elementos”, continúa incesante tecendo novos proxectos comprometidos co proxecto feminista e coa superación da discriminación de xénero como base de desenvolvemento perdurable.

Onte 1282: «Pride»

Pride forma parte desa bendita tradición do cine británico de comedias sociais, como Billy Elliot ou Full Monty, dirixidas a todos os públicos. O que se presenta coma unha reconstrución ficcional dun «caso real», o do apoio dun grupo de gays e lesbianas á folga mineira de 1984 de Gales e Yorkshire, grazas a unha moi notable interpretación coral e a unha memorable banda sonora, convértese nunha película digna e interesante. A pesar de que transcorridas tres décadas non cuestiona os alicerces daquela sociedade sometida a onda neoliberalizadora de Margaret Thacher, Pride acada momentos moi emocionantes nos que é capaz de contaxiar o valor da solidariedade. Situacións que Matthew Warchus, veterano director de musicais, manexa as mil marabillas cando utiliza tres grandes himnos do movemento obreiro para convencer ao espectador: «Solidariy for ever», interpretada por Pete Seeger ao comezo; «Bread and roses» no cénit emotivo do film, interpretada polo galesa Bronwen Lewis; e «There is power in a union», interpretada por Billy Bragg, xa no seu remate. Tres escenas memorables que abondan para recomendar unha película capaz tanto de facer rir como axudar a desfacer prexuízos homófobos.

Onte 1069: Violencia machista

violencia_machistaAnóxame a violencia, mais indígname moito máis a violencia machista, ese terrorismo doméstico de aparente baixa intensidade, xerado nos espazos do privado, que este verán se intensificou de forma brutal en Galicia. Fronte a casos como o asasinato de Monica Lorenzo en Barro ou o tiroteo sofrido por Sonia F.D. en Chantada, requírese unha resposta moito máis enérxica ca que esta ofrecendo a sociedade galega. Xaora, combater a violencia machista require de medios e compromiso das administracións públicas para protexer de forma efectiva ás vítimas e sensibilizar a mulleres e homes de todas as idades que este é un comportamento absolutamente reprobable. Porén, non esquezamos que os colectivos feministas denuncian que os recortes están afectando ás políticas para combatela, así como tamén os efectos que, tras a retirada de competencias aos concellos, provocou o desmantelamento da rede de axuda de primeira instancia e a baixada do número de denuncias. Como tamén son moi preocupantes a influencia que sobre a mocidade actual teñen eses modelos nefastos do amor romántico que ao fin e o cabo fomentan esta violencia e maltrato. Erradicalas aínda é un reto.

Onte 945: 14 de abril

Vigo_14-04-2014Ademais da crítica á ilegalidade do golpe de estado do 18 de xullo, de denunciar a impunidade do franquismo coas súas vítimas, de criticar os privilexios da figura de El-Rei e do proceso de restauración borbónica iniciado coa Reforma Política, mal chamada Transición, como do esgotamento do actual marco constitucional, interésame da efeméride do 14 de abril, sobre todo, a posibilidade de enxalzar os valores e as luces da Segunda República. Unha oportunidade para poñer en valor os principios republicanos emanados da Revolución Francesa e do constitucionalismo posterior acuñados como «liberdade, igualdade e fraternidade». Mais tamén daqueloutros forxados a partir do 14 de abril arredor da democracia, da participación e, sobre todo, da educación publica e do laicismo. Principios e valores tan vixentes como necesarios cando padecemos un sistema político caracterizado pola mediocridade moral e unha desigualdade social inadmisible. Reclamar un novo proceso republicán constituínte baseado nestes valores xa non é unha utopía de catro tolos con bandeiras tricores. Como cada 14 de abril acendimos na Porta do Sol as luces da República.

Onte 219: Elmer republicano

Non imaxinaba que no día da República rendiría homenaxe a Elmer, o noso elefante preferido. Cando en 1997 publicamos en galego en Xerais o primeiro álbum de David Mckee presentabamos ao simpático elefante de cores como a expresión da diversidade e a mellor gabanza da diferenza para os lectores máis noviños. «Elmer vive na manda de elefantes pero síntese diferente porque é de retallos: é amarelo, laranxa, vermello, rosa, lila, azul, verde, negro e branco, pero, Elmer, non era da cor do elefante». Hai catro anos, recuperabamos Elmer con Negros e brancos, un libro que constitúe un alegato plenamente vixente en contra da guerra, a prol da educación para a paz e a convivencia entre persoas e mundos diferentes. Onte, tras coñecer a patética cazaría de El-Rei en Botsuana, sabemos que o elefantiño Elmer, coma mesmo Dumbo o torpón de Disney, expresa, ademais, a dignidade dos valores republicáns de igualdade, liberdade e fraternidade. Sempre Elmer!!!

Día dos Dereitos Humanos

Magnífico traballo de Francesco Tonucci sobre os dereitos dos nenos e nenas. Un clásico.

Vía Ronseis.

Onte 79: Día das librarías

A pesar de estar sometidas aos azoutes da crise económica e da ventoleira da concentración comercial, a pesar de vivir ameazadas pola mudanza irreversible do paradigma da comunicación cultural e da súa revolución dixital, as librarías, como primeiros espazos comerciais especializados en lectura, amosan a súa vontade de RESISTIR. A pesar destas mudanzas e das incertezas sobre as caracteristicas do proceso de convivencia do libro impreso e dos produtos de lectura dixitais, hoxe o ecosistema da lectura, e aínda moito máis o da literatura, continúa alicerzándose sobre a libraría cultural, concibida como o espazo cultural de lectores e lectoras. No entanto, o mundo da libraría independente precisa dunha profunda modernización, que pasa, entre outras accións, pola necesidade de apertura cara ao seu entorno, mesmo pola creación dunha comunidade de clientes/lectores, tanto física como virtual. A celebración deste primeiro Día das Librarías asume ese compromiso. Consolidar esta cita do derradeiro venres do mes de decembro como día de portas abertas das librarías, coincidindo coa apertura da campaña de nadal, é un fermoso reto de futuro para CEGAL e para a Federación Galega de Libreiros, ao que non debemos permanecer alleos ás asociacións de editores e autores. Parabéns aos promotores, como o noso libreiro Xurxo Patiño, por este primeiro pulo.

Salma: "A miña vida", un interesante texto autobiográfico para descargar

Hoxe no blog de Xerais ofrecemos dous textos para descargar en pdf sobre a novela Despois da medianoite, da escritora tamil Salma: un adianto do primeiro capítulo e outro texto no que relata a súa propia vida.

Eis o comezo deste interesantísimo texto autobiográfico (un documento extraordinario sobre a pulsión da escritura e o valor liberador do libro e da literatura na procura da igualdade):

A miña familia púxome de nome Rajathi. Nacín nunha aldeíña onde prevalece unha atmosfera opresiva que impide que as nenas musulmás vaian á escola. Para todas as nenas que nacen na nosa aldea, a escola remata aos trece anos. Os meus días pasaban co medo de que ese día chegase tamén para min.

Os textos para descargar:

1) O adianto do primeiro capítulo (28 páxinas), que inclúe tamén a introdución da tradutora, María Reimóndez. Descargar.

2) «A miña vida»: Un texto de Salma no que relata a súa propia vida, traducido tamén por María Reimóndez e que non se inclúe no libro. Descargar.

O calendario de presentacións , encontros e actividades de Salma en Galicia pode consultarse aquí. Acontecementos, organizados por Implicadas/os no desenvolvemento, que merecen a nosa maior atención.

1 de 200

No artigo da semana de Faro de Vigo presento a iniciativa de Implicadas no Desenvolvemento e reflexiono arredor do Pacto Galego contra a Pobreza, asinado polos tres grupos parlamentarios coa Coordinadora Galega de ONG polo desenvolvemento.