Repensar a Piñeiro

A designación de Ramón Piñeiro como figura homenaxeada no 17 de maio 2009 abre un gran debate nacional sobre o papel do teimoso galeguista de Láncara. Unha elección que pouco nos sorprendeu xa que tras a homenaxe deste ano a don Xosé María semellaba case inevitable que a Academia optase pola figura máis destacada do grupo Galaxia e de Realidade Galega.
Polas características da súa obra, máis oral e ensaística ca escrita e ficcional, esta de Piñeiro vai ser unha celebración “dura” e difícil tanto a nivel escolar (onde se mantén o maior pulo da celebración) como de promoción popular. Porén, como membro destacado que foi do Partido Galeguista e promotor primeiro da súa estratexia cultural e política na editorial Galaxia, esta homenaxe nacional contribuirá a repensar e a valorar con xusteza a transcedencia do seu papel. En definitiva, o de Piñeiro vai ser un ano importante para a reflexión do galeguismo e a súa proxección de futuro.

Xosé María Álvarez Blázquez, os actos de Vigo

Onte asistín aos actos en homenaxe de Xosé María Álvarez Blázquez organizados en Vigo pola Real Academia Galega.
O acto institucional, celebrado no auditorio do concello, foi literariamente moi brillante, aínda que coa presenza de menos público do agardado (apenas un centenar de persoas, o que amosa un certo desleixo na realización da convocatoria e un desinterese popular por estes actos académicos). Darío Xohán Cabana abriu os parlamentos cunha intervención potente, enérxica, co punto necesario de emoción, defendendo a figura integral de don Xosé María e o carácter revolucionario da súa actividade como editor. Oportunísima foi a súa proposta de convocar este ano un congreso multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado, fose pola Consellaría de Cultura e Deporte ou pola Universidade de Vigo (unha iniciativa que aínda hai tempo para que fose considerada por estas institucións, pola propia Academia ou por calquera outra entidade que o puidese apoiar economicamente). Logo interviu, Víctor Freixanes que abordou moi fermosamente a actividade editorial de Álvarez Blázquez (o título da súa intervención é moi significativo: “Arte da paquetería”) sinalando o carácter innovador que lle imprimiu á actividade editora, tanto na concepción da creación editorial como da súa promoción e comercialización. Pola súa banda X.L. Méndez Ferrín nun parlamento literariamente memorable describiu os espazos de don Xosé María (a súa descrición das Travesas de XMAB empregando só substantivos foi espectacular) e salientou a sensibilidade literaria e o carácter patriótico do traballo do homenaxeado. Pechou a quenda de intervencións, o presidente da Academia que definiu a don Xosé María como un dos “exiliados na súa propia Terra”.
Despois do xantar institucional no Museo de Castrelos, organizado e pagado pola Academia (un feito inédito na efeméride), se celebrou en Gran Vía 180, na porta do edificio onde Xosé María viviu durante trinta e nove anos, o acto de descuberta dunha praca. Outra vez, apenas cen persoas, asistimos aos parlamentos de Luz Pozo Garza, Alfonso Álvarez Cáccamo (que leu un texto sobre as Travesas en 1946, escrito polo seu pai en 1981, que foi editado nunha fermosa seaparata por Galaxia) e do alcalde de Vigo. Para min, o momento máis emocionante foi a breve intervención, fóra de programa, de Aurora, unha das fillas de Xoán Vidal, inseperable amigo de XMAB (co que fundou Cristal).
Rematado o acto, subimos a Gran Vía cismando na decepción que nos provocou o raquítico entusiasmo amosado polas institucións galegas e locais (ensimesmadas nos intereses partidarios dos seus responsables) a unha celebración cultural tan relevante, por non falar xa do claro afastamento do conxunto da sociedade sobre a efeméride (coa excepción da programación da radio Galega na praza da Constitución, Vigo permaneceu totalmente alleo a estes actos). Se continuamos por este vieiro, o 17 de maio esmorecerá inevitablemente. A figura revolucionaria de don Xosé María merecía máis.

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

A sección do IBBY de Thailandia foi este ano a designada para preparar o texto e o cartel da xornada do 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O autor do texto e do cartel foi Chakrabhan Posayakrit. Traducimos o texto, a partir da versión española de Laura Canteros (Imaginaria):

“Os libros iluminan, o coñecemento encanta
A busca de coñecemento mediante a lectura debe ser unha prioridade e é fundamental estimulala dende a infancia.
Na miña opinión, sobre a base dunha cultura e tradición sublimes, dende tempos inmemoriais inculcouse nos nenos thailandeses o desexo de adquirir coñecemento por medio da lectura. Os pais son os seus primeros mestres e os relixiosos son os seus mentores éticos, os que guían e educan intelectual e mentalmente aos mozos tanto en asuntos terreais como espirituais.
Para crear esta pintura inspireime en recoñecidas tradicións thailandesas, que comprenden dende a narración de contos aos nenos ata a aprendizaxe mediante a lectura de textos escritos sobre follas de palmeira que se colocan sobre pequenas mesas pregables deseñadas exclusivamente co propósito de ler.
Os contos escritos sobre follas de palmeira adoitan provir da tradición budista. Relatan a vida de Buda e transmiten as historias dos “jatakas”* coa noble intención de cultivar as mentes novas e infundir nelas fe, imaxinación e principios morais.

Chakrabhand Posayakrit


* “Jataka” (en pali e sánscrito, “nacemento”): Colección de contos recompilados arredor do século IV a.Xto. cuxos protagonistas son o Buda (en sánscrito, “iluminado”) e os seus discípulos en encarnacións previas. No imaxinario popular considéraselles perlas de sabedoría que abrollaron dos beizos de Buda (Siddharta Gautama) en persoa. Cada conto comeza cunha reflexión sobre o feito que motiva o seu relato e remata coa identificación por parte do Buda dos personaxes da anécdota introdutoria con persoas do pasado. Caracterízanse pola súa diversidade e humor. Divídense en “jatakas” canónicos, que suman 547 e nos que a encarnación previa do Buda é sempre un ser humano, e en “jatakas” non canónicos, relatos folclóricos anteriores á aparición do budismo aínda que os seus personaxes principais se identificaron co Buda e os seus discípulos e nos que o Buda encarnou nun animal durante as súas vidas pasadas. En todos os casos o Buda exemplifica unha virtude que o relato busca inculcar.
Os “jatakas” inspiraron numerosas obras de arte, en especial pinturas e esculturas, en todo o ámbito de influenza do budismo e recoñéceselles como antecedente de obras literarias universais como as fábulas de Esopo.”

Clicando no texto, agrándase a ilustración.

Aniversario do Consello da Cultura Galega

Daniel Salgado publica en Luzes unha reportaxe sobre a traxectoria do Consello da Cultura Galega con motivo do seu XXV aniversario. Recolleu opinións sobre esta traxectoria de Ramón Villares (actual presidente), Luís Álvarez Pousa, Darío Villanueva, Carlos Callón e eu mesmo. Creo que esta efeméride do Consello, lonxe da autocompracencia, debería servir para que tan importante institución do noso autogoberno –non esquezamos, independente do Goberno Galego– reflexionase sobre o seu papel futuro e fose capaz de reinventarse no contexto da actual revolución da creación e comunicación cultural, retos que a obrigan a fuxir da endogamia e da consideración da cultura só dende o seu carácter institucional.

O editor de Castrelos

No artigo da semana continúo a serie sobre Xosé María Álvarez Blázquez editor, abordando, coa brevidade obrigada do espazo do Faro, o seu proxecto de Edicións Castrelos, onde publicou case cen títulos e difundiu 600.000 exemplares de libros en lingua galega.
Nunca está de máis que reiteremos a nosa admiración polo traballo de xigante que XMAB desenvolveu como editor, semente da actual edición moderna en galego.
Aproveito para recomendar a actualización do espazo dedicado a XMAB polo seu fillo Celso (inclúe actualización das novidades editoriais, novas fotografías e gravacións da propia voz de don Xosé María, achegas moi interesantes que recomendo vivamente).

Cen anos de Curros

Hoxe cúmprense cen anos do pasamento de Curros Enríquez. Moi recomendables todos os traballos que con este motivo publica hoxe Luzes. No entanto, abraia o escaso eco institucional de tan importante efeméride (supoño que será pola campaña electoral).

Etiquetas:

Calendario das Letras

Hoxe recibín un exemplar do Calendario das Letras 2008, unha moi boa iniciativa da Consellaría de Cultura e Deporte, que desenvolve dende o pasado ano unha medida prevista na lei do libro e do plan de lectura coa que se pretende situar o mundo da lectura no primeiro plano da vida social de Galicia.
A proposta de calendario é a seguinte:

  • 24 de febreiro: Día de Rosalía.
  • 21 de marzo: Día Internacional da Poesía.
  • 27 de marzo: Día Mundial do Teatro.
  • 2-23 de abril: Mes dos Libros
  • 2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
  • 23 de abril: Día Internacional do Libro.
  • 17 de maio: Día das Letras Galegas.
  • Xullo, agosto e setembro: Meses da Banda Deseñada.
  • 30 de setembro: Día Internacional da Tradución.
  • 24 de outubro: Día das Bibliotecas.
  • 2-11 de novembro: Semana da Tradición Oral.
  • 17 de decembro: Día da Edición.

A proposta pode ser moi útil para todo o sector da lectura galego (bibliotecarios, profesorado, autores, libreiros, editores e medios de comunicación) de cara a visibilizar de forma específica nestas datas ben determinados xéneros, para organizar actividades escolares ou para intentar acadar unha maior presenza social do libro e da lectura.
O traballode ilsutracións de Xosé Cobas nos materiais impresos que coñecemos (folleto, calendario e alamanaque) é sobresaliente, tanto como os textos do almanaque que preparou Xabier P. Docampo. Absolutamente recomendable.

Todos con Laxeiro

Onte acudimos ao chamado do escritor Carlos Reigosa e do pintor Antón Lamazares para asistir aos actos da homenaxe a Laxeiro en Lalín con motivo do centenario do seu nacemento. Sen dúbida, a xornada foi un éxito para os organizadores, xa que conseguiron unha completa presenza institucional de todas as administracións e dos tres partidos parlamentarios (a imaxe daquela mesa quedará para a historia) e unha numerosa presenza de pintores, escritores, xornalistas e editores, unidos todos pola admiración á figura xenial do pintor de Donramiro.
Primeiro celebrouse no Auditorio a homenaxe literaria e musical, logo un xantar de irmandade no Pazo de Bendoiro, onde o noso admirado poeta Carlos Oroza recibiu o premio anual que concede a viguesa Fundación Laxeiro. O concello de Lalín tivo o acerto de editar con motivo da homenaxe un facsímile do “Cuaderno de Arte Gallego” que José Ruibal lle dedicara a Laxeiro en 1951 e publicara en Pontevedra a editorial Benito Soto.
O acto da homenaxe, moi ben conducido por Reigosa, foi inusualmente interesante, pola calidade das intervencións dos nove participantes e polo magnífico peche musical de Xosé Manuel Budiño e Uxía Senlle (o seu himno azoriano “Quen mata a morte son eu” conseguiu emocionar ao auditorio dunha forma estremecedora). Abriuno Reigosa sinalando que a intención da homenaxe era reivindicar que os pintores galegos, coma Laxeiro, como tamén os escritores de noso, ocupen o lugar que lles corresponde tanto a nivel español como universal. Lamazares comezou unha intervención formidable trasladando unha mensaxe de adhesión de Leopoldo Nóvoa e sinalando que Laxeiro “o meu mestre, era a memoria da entraña da Terra”, para rematar coa lectura dun “poema ao xeu xeito” (magnífico!) no que reiteraba a imaxe de “Laxeiro unicornio único! / Ai, Laxeiro, bandido!”.
Continuou a quenda coas intervencións do pintor e crítico Luís Caruncho relatando unha memorable anécdota e de Isaac Díaz Pardo que falou das relacións entre Castelao e Laxeiro, artistas que compartían unha mesma cosmovisión do “do noso ser doce e macizo, resistente, coma a nosa arte románica, como somos os galegos”. Despois interveu de forma maxistral Ramón Villares que comezou contextualizando a figura do homenaxeado dentro da xeración do SEG ou “xeración inoportuna”, salientando que Laxeiro (como outros pintores coetáneos) souberon arraigarse na terra con vocación universal. Rematou Villares afirmando que “Laxeiro foi o pintor do trasmundo, do que está detras da apariencia, que explica o que non pode a racionalidade. A súa pintura do lusco e fusco é a expresión de sentido da xente do común”.
Mediado o acto (que duro máis de dúas horas), comezaron as catro intervencións institucionais. Primeiro foi a do alcalde José Crespo, moi satisfeito de que Laxeiro fose o punto de unión de todos no quilómetro cero de Galicia, mais aínda cando “Laxeiro é a mellor representación da ideosincrasia de Lalín: ser humildes e ao mesmo tempo sentirnos orgullosos do noso”. Despois chegou a de Rafael Louzán, presidente da Deputación, que salientou o que fixera a institución provincial apoiando a Laxeiro (foi becado en varias ocasións, o que lle permitiu a súa primeira estadía en París) e fixo unha interesante proposta de declarar o 23-F como “Día da Arte Galega”.

A intervención da conselleira de Cultura Ánxela Bugallo foi, con gran diferenza, a mellor dos catro parlamentos institucionais. Nun ton lírico moi ben manexado, comezou a conselleira recordando unhas declaracións que fixera Laxeiro en 1974 (“son apenas un gran de area da pintura galega”) para salientar que aquel gran se transformara nunha grande duna. Tras recordar o esforzo que se está realizando para editar o proxecto do catálogo definitivo da obra do pintor, rematou o seu discurso empregando a metáfora do granito como mellor expresión da importancia da obra laxeiriá: “o cuarzo como a forza, o feldespato como amalgama, a mica como o brillo”. Pechou as intervencións, o ministro César Antonio Molina cun discurso longuísimo (entendo que fóra do contexto do resto das intervencións) no que fixo un detallado estudo da obra do homenaxeado a quen definiu como “memoria permanente da Galicia estética”.
No xantar, xa noutro ton menos solemne, tivemos oportunidade de parolar con bos amigos e gozar dun señor cocido, como sabemos lle prestaba ao bo de Laxeiro. Volveremos, con seguridade, sobre a figura de Laxeiro, xa que neste ano están previstas outras importantes iniciativas (exposicións e publicación do catálogo completo da obra en tres volumes).

Actualización (25-02-2008): recomendo a crónica de Perfecto Conde.

Etiquetas:

Álvarez Blázquez, editor de Monterrei

Co artigo da semana inicio unha pequena serie no Faro de Vigo sobre Xosé María Álvarez Blázquez As vindeiras entregas abordarán o seu traballo de editor en Edicións Castrelos e a súa autoría e edición de La ciudad y los días, texto monumental de seiscentas páxinas que estamos rematando de traducir e ocupa moitas das nosas horas de traballo nocturno e da fin de semana.
Precisamente, onte á noitiña, fixemos un descanso na tradución para asistir ao acto de relectura do discurso de ingreso de XMAB na RAG. Foi esta celebración evocativa moi fermosa, e mesmo emocionante ao escoitar as palabras de XMAB e Fermín Bouza Brey pronunciadas polo seu fillos Xosé María e Fermín; como tamén o foron as palabras do alcalde Abel Caballero (que recordou que a RAG non celebraba unha sesión dende 1910 e ofreceu a cidade como unha das sedes da institución) e do presidente Barreiro (que fixo unha homenaxe ás catro xeracións da familia Álvarez polos seus servizos patrióticos ao país). Ao remate comentei con algúns académicos e familiares de don Xosé María as magníficas perspectivas que se están abrindo na celebración deste 17 de maio, chamada pola envergadura poliédrica da figura homenaxeada a converterse nunha das máis brillantes e populares das celebradas nos últimos anos.
Os nosos proxectos editoriais arredor de XMAB seguen o curso previsto. Despois de editadas xa as edicións de Poesía galega completa, a nova para os escolares de Roseira do teu mencer e a extraordinaria biografía e estudo literario de Darío Xohán Cabana (un libro que fixará, sen dúbida, o corpus investigativo da celebración), nestas semanas próximas centrarémonos en rematar as d’ A cidade e os días (para min o proxecto máis complexo) e a da Fotobiografía de XMAB, preparada polo seu fillo Alfonso (recolle case catrocentos documentos gráficos) e na que se inclúen dous ensaios, unha semblanza humana do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo (que sabemos xa entregou outro texto fundamental que editará Galaxia) e outro sobre o eido erudito e investigador de don Xosé María, tamén, preparado por Darío Xohán Cabana.
Só nos queda a espiña da ausencia de noticias sobre a celebración dun congreso sobre a figura de don Xosé María. Descoñecemos se os responsables da Consellaría de Cultura pretenden organizalo. Figura tan decisiva nun tempo menesteroso e díficil merecería maior apoio e atención por parte dos responsables da Xunta de Galicia. Non perdemos a esperanza de que se recupere a iniciativa que estimularía os estudos monográficos sobre unha obra de dimensións xigantescas, como se ven demostrado polos achados que se veñen producindo nos últimos meses. A causa de XMAB na que estamos implicados até as cellas, merece o esforzo e a xenerosidade de todos.

Noticias de don Xosé María

Varias noticias moi recentes sobre don Xosé María Álvarez Blázquez e a celebración da homenaxe nacional no 17 de maio que merecen ser reseñadas:

  • O seu fillo Celso puxo andar un espazo web completísimo dedicado a XMAB, que inclúe árbore xenealóxica, noticias e artigos na Internet, gravacións sonoras, álbum fotográfico (esencial) e bibliografía recente, ademais da edición de “Queixas“, o seu primeiro poema en galego. Un lugar na rede imprescindible que rcomendo moi vivamente.
  • Apareceu o libro de Clodio González Pérez, Xosé María Álavrez Blázquez. 1915-1985, editado por Toxosoutos.
  • En Xerais apareceron estes primeiros días de xaneiro as novas edicións de Poesía galega completa e de Roseira do teu mencer ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico de Darío Xohán Cabana e dirixido a público infantil.
  • O vindeiro sábado, 26 de xaneiro, organizado pola Real Academia Galega e o Concello de Vigo terá lugar ás 20:30 horas, no edificio da Antiga Reitoría a presentación da edición do dicurso de ingreso de XMAB na Academia Galega, correndo a lectura do mesmo a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo e a contestación por Fermín Bouza Álvarez.