Modesta proposición

No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío do primeiro de maio e do día das letras galegas, reflexiono sobre as características da crise actual e da prosa vindicativa que lle fai fronte, poñendo como exemplo anticipatorio os textos da Modesta proposición de Lois Pereiro.

A última Enquisa de Poboación Activa amosa que en España hai cinco millóns de persoas (o 21,29%) paradas. Unha cifra que non é menos desacougante para Galicia, onde o número supera xa as 226.000, situando a taxa de paro nun alarmante 17,33%, que na cidade de Vigo chega ao 20,8%; sendo case 70.000 os fogares galegos nos que todos os seus membros carecen de traballo e máis de 20.000 os que non reciben xa ningún tipo de axuda. Cifras que no caso da poboación xuvenil, a comprendida entre os 16 e os 29 anos, acadan en Galicia a inaudita taxa do 31%, a pesar do aumento do número de emigrantes e do notable alongamento da permanencia no sistema educativo, característico deste tramo de idade. Dende 2007 triplicouse en Galicia o número de parados e descendeu de forma significativa a poboación activa, o que constitúe un pésimo balance para a conxunto da economía nosa. Cifras que non poder considerarse alleas ao fracaso sen paliativos tanto da recente reforma laboral, promovida polo Goberno, como das chamadas “políticas activas de emprego”, competencia da Xunta de Galicia.

Sen dúbida, a situación é moito mellor para os traballadores que contamos con emprego, mais non por iso menos desalentadora, xa que a política feroz de axustes e de redución do déficit acometida polas administracións públicas, motivada pola crise da débeda soberana española nos mercados financeiros, provocou o aumento da idade de xubilación e outras subtracións dos avances e conquistas sociais gañados nas catro décadas anteriores. Se a iso engadimos a usurpación da democracia, realizada por políticos de diversas cores e países que actúan baixo a disciplina das axencias de cualificación e dos chamados de forma enigmática como “mercados”; se lle sumamos as dificultades das caixas de aforro para acometer o seu proceso de privatización e saneamento, que pagaremos a escote os seus clientes e todos os cidadáns durante uns cantos anos; se consideramos a clara tendencia inflacionista que comezamos a sufrir, cun IPC xa preto do 4%, á que non son alleas cuestións como a subida dos prezos das materias primas (alimentos) nos mercados internacionais de futuros, a dependencia dos carburantes fósiles ou o incremento dos intereses das hipotecas, é moi difícil para calquera cidadán, mesmo para o máis optimista, enxergar unha xanela de luz para saír da crise.

Máis alá da utilización apocalíptica da situación por parte dos voceiros mediáticos conservadores, que identifican esta xanela coa desaparición de Zapatero do escenario e a entrada de Rajoy no Goberno –simplificación interesada e falaz motivada pola proximidade das municipais– non hai dúbida que vivimos inmersos nunha crise moi profunda, non só económica, tamén social e política. Unha auténtica crise civilizatoria que pon en cuestión a viabilidade do modelo europeo acuñado tras a Segunda Guerra Mundial, tanto do seu proxecto de unión política e monetaria, como do modelo democrático de participación e de redistribución da renda, o da “sociedade do benestar”, baseado na tributización fiscal progresiva, na existencia de pensións ao remate da vida laboral e no acceso universal aos servizos de sanidade, dependencia, educación e acceso á cultura. Unha crise que hoxe comeza a poñer en cuestión a estabilidade e viabilidade destas conquistas, mais que sobre todo constitúe unha ameaza para a xeración dos nosos mozos e mozas, esa “xeración perdida” ou “xeración sacrificada” (xeración “rasca” en Portugal) cuxo futuro semella cada vez máis incerto.

Neste contexto comezan a aparecer textos vindicativos que rescatando o valor das palabras denuncian con indignación estas ameazas e propoñen o compromiso de non resignarse. Este é o caso do panfleto de Stéphane Hessel Indignádevos! (publicado en galego por Factoría K), que nuns poucos meses leva espallado en Francia mais de dous millóns de exemplares contendo unha mensaxe insurxente, incardinada na insurrección pacifista de Martin Luther King. Chamamento semellante realizaba en 1996 Lois Pereiro, o autor deste 17 de maio, na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia (Xerais 2011), o noso Indignádevos!. Un texto vindicativo anticipatorio no que Pereiro denuncia a inocente indiferencia e reclama o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente: «Quen desexe realmente facer algo, a medida das súas forzas, talento e influencia, que se poña xa mans á obra e axuda a exercer a sabotaxe. Inda que un non consiga aspirar máis que a transformar o seu espírito, a mellorarse tan sequera a súa alma e a súa vida en cada un dos seus actos, só con iso elevará o nivel da súa propia e dormida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo».

Caixa, a nosa

No artigo da semana de Faro de Vigo propoño unha análise sobre o futuro de Novacaixagalicia, ao fío do noso decreto que establece a bancarización das caixas. Un desafío, tamén, para o autogoberno galego.

A maioría das caixas de aforros deixarán de selo antes do verán. O anuncio da ministra de Economía de introducir novos e moi esixentes criterios de solvencia non deixa lugar a dúbida ningunha: rematado o proceso de concentración que reduciu en 2010 o número de caixas, iníciase a segunda fase, a de bancarización. Péchase así un planificado proceso de reconversión que transformará a estas entidades territorializadas de economía social en bancos. Amparado o Goberno, e contando co apoio da oposición conservadora, nos argumentos da crise da débeda soberana española e das dificultades do conxunto do sector financeiro (tanto de bancos como de caixas) –sen dúbida, froito dos excesos da década da burbulla inmobiliaria, en boa medida ignorados pola laxitude no seu control por parte das autoridades do Banco de España– acádase o obxectivo perseguido polo “lobby” bancario privado de desfacer unha rede de caixas que na actualidade supón unha durísima competencia para o seu negocio, xa que conta coa metade do mercado en España.

Semella que neste proceso privatizador das caixas, un dos obxectivos é reconducir as fusións intrarrexionais, como a que supuxo a creación de Novacaixagalicia (NCG). É cada vez máis evidente que ao Goberno e ao Banco de España do poderoso MAFO non lles chistan estas novas caixas fusionadas sen acudir a fórmula do SIP desterritorializado, e polo tanto, á creación dun banco. Razón que explica a actual esixencia a estas novas caixas duns criterios para o seu capital de calidade moi superiores aos requiridos aos bancos e aos asumidos nos seus protocolos de fusión ao abeiro dos acordos de Basilea III. Unha decisión que compromete o futuro de NCG, mais tamén unha medida que supón un retroceso para o autogoberno galego, xa que esta bancarización da nosa caixa deixaría en papel mollado unhas das competencias exclusivas recoñecidas no artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Sería para botarse a chorar que Galicia quedase sen un sector financeiro propio, xa que este é unhas condicións indispensables para a súa vertebración de país. Como sería dramática a exclusión financeira que podería provocar a desaparición da rede territorial da caixa, mesmo en prazas onde sabemos as súas sucursais non son rendibles, unha función social esencial que achega servizo a milleiros de libretistas humildes, pensionistas, comerciantes, pequenos emprendedores dos máis diversos sectores económicos e pequenas e medianas empresas moi pegadas á economía cotiá de cada comunidade local. Como sería terrible para o funcionamento dos nosos aínda precarios servizos sociais de atención aos maiores, dependentes ou persoas con descapacidade prescindir do apoio da súa obra social. Como sería brutal para o sector da cultura non contar co soporte da Fundación Novacaixagalicia e da programación das diversas expresións das artes, da nosa lingua e da nosa cultura ofrecida na completísima rede de centros culturais da entidade. Se a nosa caixa deixa de selo e se converte noutro banco máis, afastado do territorio e sen outro corazón que obter o máximo beneficio, quen e como se cubrirán as súas funcións actuais?

No marco das esixencias ineludibles requiridas polo Goberno e polo Banco de España, compételle aos xestores de NCG a responsabilidade de artellar coa maior premura unha solución que atenda tanto a dimensión financeira e política como social e cultural que ten a entidade. Unha solución que asegure a súa galeguidade e solvencia permitíndolle así continuar co seu papel esencial na nosa economía social. O xestores de NCG poderán escoller entre varios camiños. O primeiro e máis desexable, apostar por continuar sendo unha caixa, abrindo o seu capital a cotas participativas suscritas por entidades privadas (empresas e particulares) e públicas (mesmo a Xunta de Galicia). O segundo e máis complexo, promover a creación dun novo banco e unha fundación para a xestión da súa obra social e cultural, unha solución semellante á anunciada por “La Caixa”. Dúas saídas en clave galega, que non deberían ser imposibles nun país que conta con cinco das maiores fortunas privadas de España, que, até agora, teñen recibido bastante máis do país dos galegos do que elas lle teñen achegado. De non seren viables estes dous escenarios orientados con sentido galego, á NCG quédalle a posibilidade de integrarse nunha SIP con outras caixas, o que suporía a súa desterritorialización e bancarización, ou agardar a ser nacionalizada despois do verán e, máis tarde, vendida xa ao mellor postor. Neste difícil e complexo proceso, o papel facilitador e integrador da Xunta de Galicia e dos partidos políticos é vital para xerar apoio cidadán e confianza nos investidores. Estamos diante doutro reto determinante para o futuro do noso autogoberno.

What is Catalonia?

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/-HIo7br7cI4" width="750" height="448" wmode="transparent" /]

Vía Carta xeométrica.

Auditorio VPA

No artigo da semana de Faro de Vigo propoño que o Auditorio de Vigo, que se inaugurará nos vindeiros meses, leve o nome do emprendedor galeguista Valentín Paz Andrade.

A piques de finalizar as obras do Auditorio de Vigo, esa formidable caixa de ferro e cristal que César Portela ergueu detrás dos peiraos de Beiramar, a Alcaldía convoca á cidadanía a propoñer denominacións para bautizar un edificio que será icona do noso tempo. Eu a este teor non teño dúbidas. Como fixera hai máis dunha década nesta mesma tribuna, propoño que leve o nome do emprendedor galeguista Valentín Paz Andrade. Máis especificamente, entendo que «Auditorio VPA» debería ser a marca comercial e o emblema dun contedor concibido para funcionar como motor da actividade cívica, cultural, congresual e turística do Vigo de comezos do século XXI. Hai razóns abondas que xustifican unha proposta coa que, por fin, Vigo saldaría ás débedas que mantén con VPA, unha das figuras máis senlleiras, polifacéticas e influíntes da historia da nosa cidade durante o pasado século.

O 23 de maio de 1986 don Valentín recibiu a primeira Medalla de Ouro da cidade concedida polo concello de Vigo. Pontevedrés de nación, naceu na parroquia de Lérez, VPA fixou en Vigo a súa residencia dende os anos vinte, coincidindo coa fundación aquí, en 1923, de Galicia. Diario de Vigo –o xornal liberal de opinión galeguista do que foi director–, e en 1927, de Industrias Pesqueras, o quincenal dedicado aos temas do mar, inspirado por José Barreras, no que colaborará dende o número inicial e do que sería director a partir de 1942.

«Se algo son a Vigo llo debo e fólgome moito en recoñecelo así. Vigo reveloume o camiño polo que eu debía marchar, ata queimar as enerxías pola prosperidade de Galiza», foron as súas palabras de agradecemento da condecoración, nun dos seus últimos discursos, xusto un ano antes do seu falecemento nesta cidade de sal. Xa sesenta anos antes anunciara, nun dos seus múltiples artigos anticipatorios, «El porvenir de Vigo en el porvenir de Galicia», esta tarefa que o moveu ao longo da vida toda: facer Galicia dende o mar de Vigo. Para o noso «Mareiro», pseudónimo co que VPA asinou moitos dos seus artigos, escritos con grande agudeza e rigor, Vigo constituía o motor principal, o músculo empresarial, obreiro e mariñeiro necesarios dunha Galicia consciente de que «a súa frontalidade marítima debía converterse en lei de vida e clave do seu destino».

Don Valentín, empresario de talante tan práctico como imaxinativo, desenvolveu un labor hercúleo na modernización do noso sector pesqueiro dende 1927, ano no que comeza a asesorar a Sociedade de Armadores de Bouzas. Como xa dixemos, empurrou da revista Industrias Pesqueras; publicou estudos e investigacións de referencia no sector; asesorou, por encargo da FAO, a diversos gobernos de Latinoamérica e África en cuestións de ordenación pesqueira; promoveu a creación da empresa Pescanova S.A. (1960), a dun Banco Industrial de Galicia (1964) e a celebración en Vigo da Exposición Mundial da Pesca (1973), proxectos que tiveron fortuna e continuidade até hogano.

VPA foi un modelo de integración de inquedanzas e saberes, unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia, publicado hai agora corenta anos por siglo veintiuno. VPA uniu todo o seu percorrido vital ao de «Galicia como tarefa», emulando o título dun dos seus ensaios máis emblemáticos, que publicou en 1959 a editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.

VPA foi home de entrecruzamentos, mantivo un talante tan emprendedor como romántico, tan tolerante e solidario como arriscado, tan moderno e cosmopolita como observador nos seus silencios, asumindo sempre os riscos da coherencia entre o seu discurso rico e matizado cunha acción tan intensa como diversa. Concibiu a súa vida ao servizo de Galicia como tarefa, insistindo no presente que é unha insistencia no cambio, na modernización, no progreso. VPA demostrou que a posición atenta de escoita e a contradición son unha enorme riqueza que permite facer avanzar os proxectos colectivos.

Non é doado atopar en Vigo unha nómina maior de méritos que a acreditada por VPA para bautizar este novo auditorio alicerzado no que foron os areais de San Sebastián e, máis tarde, nos terreos ocupados pola factoría de Casa MAR (Motopesqueros de Altura Reunidos), cuxos barcos trazaron tantos ronseis atlánticos soñados por don Valentín. Dificilmente poderíamos homenaxear mellor a un dos promotores das fazañas do Lemos en Sudamérica e do Andrade en Sudáfrica, embarcacións que dende o porto de Vigo abriron a finais de 1961 da súa man a etapa de expansión pesqueira de Galicia. Eis a proposta: «Auditorio VPA».

Algo vai mal

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación da tradución española do derradeiro ensaio de Tony Judt, Algo va mal, reflexiono sobre o malestar cidadán expresado pola ampla folga xeral do pasado 29S.

54%

A polémica sobre a supresión das axudas públicas ao funcionamento do Noitebús ou o peche de determinados comedores escolares é unha manobra de engano para agochar a máis crúa realidade: a Xunta de Galicia en 2011 rebaixará todas as aplicacións orzamentarias de todos os seus departamentos deica o 54% (a conselleira de Facenda dixit). A Feijóo fátanlle para 2011 nada máis e nada menos que 1.000 millóns de euros, pouco pode adiantar suprimindo eses catro ou cinco do pobre Noitebús que poden salvar algunhas vidas dos nosos mociños. Ben sabemos o rendemento que lle proporcionou a Feijóo a estratexia dos audis ou das cadeiras do consello da Xunta (que agora utiliza sen problema ningún), mais esta retórica demagóxica ten os seus límites, como queda ben claro na lamentable persecusión do Noitebús, unha conquista indiscutible e exitosa do anterior goberno de coalición. 54% de redución nos investimentos, esa é a dura realidade á que se enfronta á cidadanía galega (insisto, son previsións da conselleira Currás).

O curso da crise

No artigo da semana propoño un esquema de análise da actual crise económica coa que se inician en realidade as mudanzas do novo século, que pasou da doutrina inicial da «refundación do capitalismo« á actual de «redución radical do déficit» que culpabiliza ás políticas públicas como cuasantes da crise. A posibilidade dun adianto das Eleccións Xerais, provocado pola incapacidade de Zapatero para aprobar os Orzamentos de 2011, sería a guinda pola que agarda Mariano Rajoy en Sanxenxo.

«Galicia, unha xeración perdida?»

No artigo da semana volvo sobre un dos fíos apuntados no artigo anterior, o da crise demográfica e o fenómeno da emigración dos mozos e mozas. Foime moi útil o Informe Mocidade e Emprego do Gabinete Técnico de Economía da CIG (recoméndoo, organiza os datos demográficos, educativos e de emprego).
Actualización (10-08-2010): Agradecemos esta carta do señor Manuel Reinoso Domínguez que publica hoxe Faro de Vigo.

Educación, Sanidade e Servizos Sociais

Irene Bascoy, xornalista de Faro de Vigo, tiroulle da lingua ao presidente Feijóo e conseguiu algunhas importantes concrecións sobre o que serán os vindeiros recurtes do orzamento autonómico. Como é adoito en Feijóo fachendea na entrevista de ser o primeiro defensor da austeridade e dos recortes de políticas públicas, a pesar de que agocha coidadosamente que o seu goberno vai gastar máis de 800.000 euros nunha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade en Galicia e outro millón longo de euros en facer publicidade da posición do seu goberno sobre o Decreto de Plurilingüismo, unha campaña que agoira converterse nun dos seus maiores desacertos (a verdade que xa comezou metendo a zoca na convocatoria do «concurso» no DOG considerando de forma disparatada o castelán como lingua propia de Galicia).

Sen pasar por alto o ofrecemento aos nacionalistas de consensuar a reforma do Estatuto («Sería bueno que por primera vez se uniesen al pacto de convivencia») e o ataque frontal e duro que realiza á RAG (un apartado moi amplo da entrevista recollido só na edición en papel) pareceume que o máis interesante e clarificador da peza foi este intercambio de pregunta e resposta:

El conselleiro de Cultura ya se ha quejado de que el recorte que sufrirá su departamento será escandalosamente alto. ¿Cuáles serán las consellerías más afectadas?
–Educación, Sanidad y Servicios Sociales tendrán un especial tratamiento. No tenemos otra posibilidad. También hacen ajustes las familias y las empresas.

Efectivamente, esta semana escoitamos a intervención de Roberto Varela na que recoñecía con desacougo (a súa cara era todo un poema) uns «recortes escandalosamente grandes» para a súa consellaría. Agora, diante desta resposta contundente e clarísima do presidente aínda quedamos moito máis preocupados, xa que o orzamento da Consellaría de Cultura (pasado o actual «Ano da Lectura» e o Xacobeo) non merece nin sequera ser citado (do cativiño que quedará). Con estas declaracións, o futuro das políticas e servizos sociais, educativos e culturais en Galicia éstá moi comprometido, sendo aínda máis grave que a desculpa utilizada para minimizar estes servizos sexa a negativa do Goberno de Zapatero de renegociar con Galicia a débeda dos 2.600 millóns (unha cuestión estritamente política, que sen dúbida, con capacidade negociadora podería ser resolta satisfactoriamente).

En definitiva, para non levar desengano ningún, xa sabemos a que atermos no que queda de lexislatura Feijóo: ademais de máis publicidade institucional e menos galego na escola e na administración dependente da Xunta, haberá menos educación pública, menos servizos sociais públicos, menos teatro público, menos espectáculos públicos, menos lectura pública, peor sanidade pública, menos apoio á dependencia, menos políticas de igualdade… Desta volta, Feijóo avisounos ben avisados, el vai a cumprir o seu programa e satisfacer aos membros do seu partido.