Onte 14: Galicia quedou sen caixa

Lin que García de Paredes, o director adxunto de Novacaixagalicia prexubílase con 51 anos. Durante un anaco quedei conmocionado, xa que é a primeira vez que sei de algúen que se «prexubila» sendo máis novo ca min, o que debería supoñer outro síntoma de que me estou facendo maior. Mais comprendín que esa «saída» ben pouco tiña que ver co devalo da idade, como hai días sucedeu coa do seu compañeiro José Luís Pego (54 anos), xa que con certeza irá acompañada dunha indemnización elevada, pagada cos fondos públicos do FROB. A esta altura xa ninguén pode negar o fracaso do proxecto de fusión da caixa galega que eles dous conduciron, titorizada por Blanco e Feijóo. Galicia, magoadamente, quedou sen caixa. Como tampouco se pode negar que Pego e Paredes non tiñan espazo ningún no proxecto de Castellanos, que deixou os aforros de milleiros de galegos en apenas o 15% do capital dunha entidade, hoxe de capital público, mais que será privatizada no futuro. Mentres, Julio Fernández Gayoso participa na inauguración doutro auditorio «de la caja» co mesmo sorriso daquel día no que acompañou a Portanet a visitar os primeiros pisos de Coia. E, grazas ao Faro, sabemos que o Banco de NCG vai ser conducido a toda velocidade. Todo vai ir ben.

1 comentario
  1. Maeloc
    Maeloc Dice:

    Un servidor sente moita carraxe e impotencia. Os banqueiros de “alto tronío” obrigan a retirarse os outros o máis tarde posible e eles fano aos 50 e poucos anos, recibindo un lote de cartos. Por riba o proxecto Castellanos saldou o aforro dos galegos, deixándoo nun raquítico 15 por cen. Nótaselles o oficio, xogan cos números como queren.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará