Vigo e a cultura contemporánea

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á desparición do Festival ALT de artes escénicas no marco da actual política cultural en Vigo:

antes_metralla_matarile_alt_vigo

A pasada fin de semana celebrouse a derradeira edición de ALT, o festival alternativo das artes escénicas de Vigo, que dende 2002 desenvolveuse na nosa cidade. Reducido nesta edición a seis actuacións, este ALT 2017, bautizado como “FinALT”, ofreceu no Marco os catro espectáculos integrados no “ALT procrea en feminino”, programa de apoio ás creadoras galegas da AGADIC, onde se presentou “bailarina”, o traballo da catalá Sonia Gómez, reinterpretado pola galega Begoña Cuquejo na súa peza “bailarina hipnótica”, ademais das performances “sujeto visible – sujeto invisible” de Masu Fajardo e “Wakefield Poole” de Celeste González. Un programa escénico que se completou no auditorio do concello co espectáculo de Matarile Teatro “antes de la metralla” e no Instituto Camoens co espazo gastronómico “La cuina furtiva, chegado dende Valencia.

Organizado pola asociación Noescafé Teatro e nacido cando en Vigo non existía nin o Teatro Ensalle (2003) da rúa Chile nin fora creada a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD, 2005), o festival ALT apostou cada ano por traer as propostas máis innovadoras da danza e teatro contemporáneos. Máis de duascentas compañías e medio milleiro de artistas participaron nestes dezaseis anos nunha programación que se desenvolveu en instalacións culturais como o Marco ou o Auditorio Municipal, mais tamén nos espazos públicos transformados en escena, dende escaparates de comercios, rúas e prazas até hoteis, a lonxa ou os propios vitrasas. Sempre coa intención, segundo palabras de Lola Correa, a súa directora, de ofrecer “un festival de corte alternativo en pleno século XXI, onde cómpre seguir experimentando, exhibindo, invadindo os terreos desolados dos escenarios polos menos contestatarios para enchelos de irreverencia, que é a fin de contas o lugar onde deben estar os/as artistas”.

Segundo os seus responsables, o festival ALT vese obrigado a despedirse pola falta de apoio económico do seu principal patrocinador, o concello de Vigo, cuxa achega diminuíu de forma traumática nas últimas edicións, dende os 60.000 euros dispoñibles en 2012 aos 10.000 da última edición, cantidade á que se sumaban no orzamento as achegas aínda moito máis cativas da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia asociación organizadora, ademais dos ingresos por taquilla daqueles espectáculos de pagamento. Unha redución que provoca finalmente o colapso económico do festival e obriga aos organizadores, a pesar do seu voluntarismo entusiasta e de contar cun público incondicional, a abandonar a organización do festival ou a procurarlle unha sede alternativa. Redución orzamentaria que non é allea, tampouco, ao contexto de recortes do sector das artes escénicas que de 2009 a 2015 diminuíu en Galicia os seus orzamentos nun 70 % inviabilizando a actividade dun sector xa de por si moi precarizado, onde apenas o 6 % dos seus integrantes pode vivir do seu traballo.

O ALT engádese a esa longa lista de festivais e eventos culturais vigueses desaparecidos nos últimos anos, dende a inesquecible Fotobienal ao Vigo a Escena, dende o Festiclown ao Vigo Transforma. Como esoutra lista de festivais en perigo de desaparición como o Sinsal de novas músicas, o Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea ou o Imaxina Sons de jazz, que cada ano emiten o seu desesperado s.o.s. Citas todas elas de referencia, nacidas dende a cerna da creación cultural, xestionadas con poucos cartos e cos criterios de calidade e independencia como sinais de identidade. Eventos que proxectan a Vigo no panorama internacional como referente das diversas expresións das artes contemporáneas, afastados dos modelos de espectacularización da industria cultural e do lecer, que sabemos tan efémeros como anodinos.

Cómpre atallar este devalo cultural tan desacougante. Vigo precisa definir de vez o seu modelo cultural estratéxico no marco metropolitano, que oriente a medio e longo prazo as programacións de eventos e o funcionamento das súas redes de bibliotecas, museos e centros culturais. Un modelo onde as expresións da cultura contemporánea, como o ALT ou a Fotobienal, teñan recoñecido o seu peso e a súa viabilidade. Como é imprescindible que as persoas, empresas e institutcións vencelladas á creación, difusión e xestión cultural expresen con liberdade e independencia a súa opinión e orienten nun Consello Municipal de Cultura un proxecto asumido de forma corresponsable polas diversas administracións con competencias na cultura viguesa (Concello, Universidade, Deputación, Xunta e Goberno de España). De non facelo con urxencia e con esa altura de miras, Vigo corre o risco de caer na irrelevancia cultural.

Onte 1844: James Rhodes en Compostela

rhodes_compostela_09-03-2016

«Boas noites, galegos», foron as primeiras palabras que James Rhodes pronunciou no seu concerto de onte no Pazo de Congresos de Compostela, ás que seguiron as súas desculpas polo Brexit e a súa declaración de animadversión a Donald Trump. Un adianto do que sería o ton dun concerto onde o londiniense trufou as súas interpretacións virtuosas de fragmentos de Bach (marabilloso o adagio do concerto número 3), Beethoven e Chopin coas súas intervencións orais nas que reivindicou o papel da música como salvadora das vidas e a posibilidade de que todas as persoas con vontade puidésemos ser pianistas, Antes da apoteose ritual das catro derradeiras pezas, foi a interpretación de «Chaconne», a peza de Bach, o momento máis intenso dun concerto cuxa escenografía e pulsión respondía máis ás convencións do pop cas da música clásica.

O pianista, autor de dous libros de éxito, o famoso Instrumental. Memorias de música, medicina e locura e o máis recente Toca el piano: interpreta a Bach en seis semanas, demostrou que na cultura contemporánea as expresións do creador son cada vez máis híbridas  e transversais. Un pianista clásico en vaqueiros e camiseta negra, reivindicando en Compostela a Chopin, interpretando a Bach e Beethoven, monologando en inglés diante dun milleiro de galegos, asinando despois centos (si centos) de exemplares da súa autobiografía publicada en castelán, onde dá conta dos abusos sufridos na infanciaa, deume moito que pensar na viaxe de regreso a Vigo.

Grazas a Ángeles Feijoo pola foto.

Onte 1838: O Vindel vai a Vigo

1280px-Martim_Codax_Cantigas_de_Amigo-1024x742

Merece os maiores parabéns o acordo da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura que permitirá expoñer o Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Alcabre entre outubro de 2017 e marzo de 2018. Péchase así, felizmente, a xestión iniciada pola Asociación Cultural Pertenza de Vigo que solicitou á Pierpont Morgan Library de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio literario galego e icona da cidade e da ría de Martín Codax. Unha exposición e un programa de actividades literarias, musicais e artísticas que convertirá a Vigo durante uns meses en capital literaria da lusofonía, ademais de importante atracción do turismo cultural portugués. Mágoa que o o concello de Vigo renunciase a participar nun fito histórico para Galicia e para a propia cidade. Apenas outra doa perdida máis no triste devalo cultural dunha cidade deitada nos brazos do conformismo cesarista. Beizón para os responsables da Universidade de Vigo e da Consellaría de Cultura pola súa xenerosa colaboración interinstitucional, unha cultura de acordos que tanto precisamos en Vigo.

Onte 1831: Manuel Lourenzo Honoris Causa da ESAD de Galicia

Manuel_Lourenzo-ESAD_15-02-2017

Foi unha honra ser convidado pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia para facer a laudatio de Manuel Lourenzo no día no que foi investido coa mención honorífica de Profesor Honoris Causa deste centro público de educación teatral. Un acto moi emocionante no que moito aprendimos do mestre do teatro galego, unha das figuras actuais de referencia da cultura galega contemporánea.

Non é doado resumir a intervención de case unha hora de Manuel Lourenzo, falando, entrando e saíndo da escena, contando e cantando. Un discurso inesquecible tanto polo dito como pola forma de expresalo (recomendo ollar a galería de fotos tirada no acto). Definiuse Lourenzo como «un traballador do teatro» e lembrou unha pintada que vira pola mañán á saída de casa: «Calla y compra»: «Quero entender a sociedade na que vivo, saber como é. Esta frase é un retrato perfecto. Nós seguimos comprando, mentres continúa a fragmentación da nosa lingua, un proceso que non cría que se fose producir de forma tan rápida. Reparástedes en que a maioría dos nomes actuais dos rapaces son bisílabos, Hugo, Daniel? Repárastedes que nas aldeas dise “Chao” e xa está todo dito. Esta inmobilidade do pensamento choca coa literatura. Cando fun interno á Coruña comprei Hamlet, na miña vila só vendían tebeos, non había literatura. E lin aquel Hamlet á luz da lanterna, case ás escuras.»

Lembrou Lourenzo os seus primeiros contactos coa linguaxe teatral: «A primeira referencia que tiven foron esas compañías móbiles que chegaban a miña vila para representar Genoveva de Brabante e nalgunha zarzuela na que participei na casa do cura. Logo na Coruña comecei con Pancho Pillado facendo algunhas gamberradas». «Na Sociedade da Gaiteira vin a un señor que falaba cos brazos abertos e namoroume, Ramón Otero Pedrayo. Oín unha lingua que aínda non sabía escribir ben. Daquela era difícil para un rapaz escribir con soltura sen medo a meter a pata. Naquela conferencia había xente da rúa entusiasmada, a pesar de que quizais non entedese todo. Outra vez fun a unha conferencia de Cunqueiro sobre a metáfora na asociación de artistas. Cunqueiro falaba situándose por riba do resto, cunha certa solemnidade. Era un desvergonzado. Gardo del un artigo sobre a invasión viquinga no que recordo falaba de que na zona de Riotorto quedara un viquingo lanceado baixo un carballo, estaba desolado por aquel camiño polo que non pasaba ninguén, xa que non podía dicir as súas últimas palabras para incorporalas á saga; aprendín que non se pode morrer sen deixar memoria e gardar a nosa palabra».

Pasou depois Manuel Lourenzo a falar do seu contacto co teatro independente: «En 1970 contactamos con Los Goliardos, que representaban con moito éxito Historias del desdichado Juan de Buenalma con textos de López de Rueda. Angel Facio, o director, era home de ideoloxía libertaria, tiña moita graza. Eles foron o noso modelo de itinerancia. Co Teatro Circo comezamos a ir a Asturias e a calquera outro lugar de España onde eramos recibidos como irmáns. Esa maneira de excitar a imaxinación do público obrigábanos a traballar moito. Mesmo chegou a haber unha certa trasposición do teatro independente cara o teatro comercial. Despois veu a profesionalización, chegaron as subvencións dándolle importancia a elementos externos como a iluminación e a escenografía, que eu non uso.»

«Hoxe o corpo pídeme máis guerra. Co tempo os actores simplifican o seu traballo, precisamos claridade e simplicidade, afinación física e vogal. O teatro é gritos nunha praza, cans nunha praza. Chegas a unha praza, onde a xente se reúne, e chamas a atención sobre o que che pasou, ti es a máscara.» «Eu quixera dicirvos que aquel teatro foi autoxestionado por asociacións que nos contrataban por ser militantes da lingua, logo tiñamos a posibilidade de ir a Portugal. Aquel teatro autoxestionado pasou a ser protexido. Houbo xente que se aproveitou e non achegou moito ao noso teatro. Sempre lembro unha frase que dixo Schiller: “o día que haxa teatro alemán haberá nación alemá”. Cada cidade creaba o seu teatro e aquel lugar era un espazo de encontro, unha forma de ver os seus retratos e as súas liviandades. Convidaba aos espectadores a tomar parte e deixalos falar».

«Tocoume unha época de teatro moi politizado, que pasou a ser moi interesado e pouco politizado. Por haches ou por bes comezou un desinterese por crear estruturas máis fortes. Nos anos 80 e nos comezos dos 90 houbo fracasos do teatro independente en Madrid e Barcelona. Eu cerrei con el cando creei o Clube de Teatro Elsinor, a aventura sigue en pé, facendo o teatro que queremos, introducindo un pouquiño de alegría nas vidas. Descubrín que ser actor era marabilloso por que inventaba o espazo. Vino a través dos alumnos de CasaHamlet, sendo actor estás inventando a túa propia máscara, o espazo somos nós e sóbranos de todo».

Rematou Manuel Lourenzo referíndose a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia: «Quero agradecer a creación desta institución e teño que agradecerllo a Manuel Vieites que tivo a insistencia necesaria para crear este proxecto. Este é un lugar onde acudir».

O texto da miña intervención pode lerse en pdf aquí.

Galicia cen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición Galicia cen organizada polo Consello da Cultura Galega en Vigo.

e227c46_logonegro_inicio_1No actual panorama cultural vigués non pode pasar desapercibida a exposición “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura” aberta até o 25 de marzo na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo (o popular Teatro García Barbón). Organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), contando coa colaboración de Afundación e ABANCA, esta mostra ensaia unha fórmula de divulgación histórica, inserida na tradición museística anglosaxona, coa que se pretende un achegamento novidoso ao relato da historia de Galicia.

Manuel Gago, o comisario da exposición, contando coa asesoría dun grupo moi prestixioso de historiadores e documentalistas vinculados ao CCG, procurou centos de obxectos históricos (pezas arqueolóxicas e artísticas, documentos impresos, ferramentas, armas, máquinas, vehículos, roupas…) e entre todos eles escolmou (o que non debeu ser unha tarefa doada) cen pezas icónicas capaces por si mesmas de contar a historia do noso país. Ordenounas cronoloxicamente e agrupounas por grandes e pequenos temas, procurando suscitar o diálogo entre elas a través dos séculos e suscitar o interese do propio visitante.

Artelláronse así os contidos dun proxecto divulgativo multisoporte que ofrece ao público unha exposición itinerante, inaugurada en Compostela o pasado mes de maio; un catálogo, que se pode adquirir en formato de libro impreso ou descargar gratuitamente en pdf; unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web na que se poden consultar modelos 3D e animacións. Ademais, o público adulto ten a posibilidade de participar en visitas guiadas á exposición todos os xoves (ás 7 da tarde) e os escolares de todos os niveis educativos nos obradoiros (“A cápsula do tempo”, “Galicia nun quebracabezas de cen pezas” ) concertados con seus centros.

“Galicia cen” admite unha lectura cronolóxica, criterio co que está ordenado o catálogo. Unha viaxe no tempo iniciada coas Ferramentas líticas de Porto Maior preto do Miño, correspondentes ao Paleolítico Inferior; o Colar da Chousa Nova da cultura megalítica feito de variscita, e  a “Estela antropomórfica” de hai seis mil anos, a primeira representación do trasmundo. Un periplo que remata coas Reixas do pazo Baión, un dos primeiros trazos do empoderamento das mulleres do noso tempo, o Cartel de festas dunha verbena de 2015 e o Xabarín de Miguelanxo Prado, a número cen, icona das xeracións nacidas nas décadas de entre séculos.

Xaora, o visitante poderá facer unha lectura transversal, artellada arredor de sete espazos temáticos da exposición. Non faltarán sorpresas nas pezas que pode atopar en cada un deles. No Territorio: a Moeda do rei suevo Requiario, o Mapamundi do Beato de Osma ou o Teodolito co que Domingo Fontán deseñou o seu mapa. No Poder: A Mariscala, a cadea asociada ao mito de Pardo de Cela, ou o Mosquetón do guerrilleiro Foucellas. No trasmundo: un xugo do século IX, o máis antigo do que se ten noticia. Nas Transicións: o Machado de talón, as premoedas de finais do Bronce ou Traxe de feira de comezos do século XX. Nos Códigos: o “Códice Calixitino” (nunha edición facsimilar de 1993) ou a Máquina de escribir utilizada por Emilia Pardo Bazán. Nas Redes. A Ámboa de cerámica de Gundivós ou o baúl dun emigrante. E na Comunidade: a Campá do Hospital do Santo Antonio ou unha vaixela de Sargadelos.

A exposición admite tamén unha lectura por territorios. Entre as pezas procedentes do Vigo metropolitano identificamos a Ara ao deus Berobreo (século III-IV), procedente do Morrazo; unha páxina do manuscrito de “Cantares Gallegos”, que Rosalía de Castro entregou a Juan Compañel; algúns exemplares da revista “Vida Gallega” (1909-1938) de Jaime Solá; a portada de “El Pueblo Gallego” do día que se plebiscitou o Estatuto; latas de conservas de principios do século XX; a bicicleta de Delio Rodríguez, dos anos 60; a botella verde de Auga de Mondariz; a máquina de coser de Refrey (1952) ou os petos da Caja de Ahorros Municipal de Vigo (os populares “porquiños”) de comezos dos oitenta.

Inevitablemente, o visitante pode botar en falta algunhas pezas tamén emblemáticas como considerar irrelevantes algunhas das expostas. Non lle faltará razón. Porén, estes son riscos asumidos polos promotores desta exposición concibida para espertar a autoestima e o orgullo e provocar a curiosidade polo relato do país. Obxectivos acadados de longo por un proxecto innovador na divulgación histórica en Galicia que abre vieiros para a súa emulación noutras mostras. Unha exposición moi recomendable para pequenos e maiores, que achega doses de emoción, sorpresa, memoria, humor e coñecemento.

Mes de Rosalía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebración do Día de Rosalía.

Diseno-previsto-Norwegian-Rosalia-Castro_ECDIMA20170204_0003_21Febreiro é o mes de Rosalía. A celebración do seu nacemento no Camiño Novo de Compostela o 24 de febreiro de 1837 estende cada ano a mobilización rosaliana. Máis alá das iniciativas da sociedade literaria galega, que continúa ampliando a súa actividade crítica, xentes ben diversas, dende os picariños das escolas de infantil aos maiores dos centros sociais, celebran actividades de exaltación da nosa escritora. Lecturas dos seus poemas, recitais, concertos, conferencias, murais, roteiros, accións virais nas redes sociais, actividades gastronómicas, sucederanse ao longo deste mes polos recunchos do país, organizadas por centros educativos, asociacións culturais, feministas e veciñais.

Froito deste carácter emblemático da figura de Rosalía, considerada polo profesor Fernando Pereira, estudoso da iconografía rosaliana, como “a primeira marca galega” e a “imaxe máis universalizada de Galicia”, foi neste 180 aniversario do seu nacemento a escolla do nome de Rosalía de Castro para nomear o aeroporto de Lavacolla. Unha proposta nacida do goberno municipal de Santiago, apoiada pola Xunta de Galicia e aprobada polo Ministerio de Fomento. Como tamén é outra magnífica noticia que a aeroliña Norwegian, considerada como unha das compañías de baixo custe punteiras en Europa, acordase pór o nome de Rosalía de Castro a un dos seus avións e decorar a súa cola coa súa imaxe, tirada do debuxo que Antonio Portela preparara en 1902 a partir da fotografía que Luis Sellier fixera á autora. Unha excelente iniciativa de Norwegian Air Shuttle ASA, que xa ten 85 avións dedicados a outras persoas de relevancia, entre as que están Miguel de Cervantes, Clara Campoamor ou a poeta Gloria Fuertes. Mágoa que no caso de Rosalía de Castro non apareza polo momento anunciada pola compañía escandinava coa denominación de “Galician Author”, como mellor lle acaería.

Aniversario o deste 2017 que coincidirá, ademais, co centenario da instalación do monumento pétreo a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago de Compostela, inaugurado cun cortexto cívico o 30 de xullo de 1917. Estatua dunha Rosalía pensativa, feita por Isidro de Benito e Francisco Clivilles, cuxo custe de 30.000 pesetas foi sufragado con achegas individuais e colectivas, onde foron moi significativas as doazóns de comunidades galegas emigrantes de Buenos Aires, a Habana, México ou Madrid. Monumento compostelá que formou parte esencial daquela pelerinaxe rosaliana do 25 de xullo de 1951 polas terras de Iria e Ortoño, na que en tempos difíciles participaron un bo fato de galeguistas e un cento de persoas anónimas, recollida nunha película documental dirixida por Antón Beiras García e cuxo guión preparou o poeta Celso Emilio Ferreiro. Un monumento diante do que interviron aquel día Ramón Cabanillas e Ramón Otero Pedrayo, que con afouteza fixo unha referencia pública ao pasamento de Castelao.

Como é adoito, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía que ese día agasalle un libro e unha flor e solicita aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, como xa fixeron até agora medio cento de concellos, entre eles o de Vigo, e as deputacións de Lugo e da Coruña, ao tempo que recollan esta celebración nas súas programacións culturais. Ademais de propoñer ás comunidades educativas que se impliquen na celebración por medio de actividades de difusión colectiva da obra rosaliana, entre as que destaca este ano a gravación dun Mannequin Challenge cuxos vídeos serán compartidos na rede coa etiqueta #RosalíaTe.

A Fundación Rosalía de Castro, presidida polo incansable Anxo Angueira, ademais das iniciativas e exposicións que promove este ano, entre as que destaca a edición dunha nova revista de estudos rosalianos dirixida por Xosé Luis Axeitos e unha colaboración coa asociación puntogal para promover o uso do dominio galego de internet, continuará coa celebración gastronómica amical de compartir o 24 de febreiro un “Caldo de groria”, utilizando a receita do bolo do pote que a propia Rosalía dá en “Follas novas”: “Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar / e ca fariniña munda / xa tiña para cear. / Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar”.

Iniciativas todas que demostran o feito de que Rosalía continúa sempre viva e constitúe un capital simbólico decisivo para o país de noso. Rosalía interesa a xeracións diversas e, por ventura, a sociedade galega atopa na súa figura moral un punto de encontro e de autoestima. Aproveitémolo. Rosalía une, proxecta e mobiliza a galegos e galegas este mes de febreiro.

Onte 1817: Un plan para a cultura galega

O anuncio do presidente Feijoo polo que o seu goberno se comprometía a elaborar un plan para a cultura galega foi onte moi ben recollido polos medios. Se é unha proposta crible, algo que esta altura non podemos asegurar, con certeza suporía a entrada, por fin, da problemática do sector cultural galego nos contidos da axenda pública, a que manexan as administracións e os medios de comunicación. Suporía recoñecer que en Galicia existe a cultura como sector económico con dimensións significativas no eido do emprego e da súa achega ao PIB galego (como tan retranqueiramente salientaron o pasado luns os membros de NUMAX). Como tamén sería crible o anuncio se os diversos sectores da creación e da industria cultural reciben convites para expresar as súas opinións e participar na confección dun plan (estratéxico), unha condición indispensable para a súa posta en marcha e funcionamento satisfactorio. O modelo de participación e pluralismo co que foron elaborados o PXNLG de 2004 e a Lei do libro e da lectura nos dous últimos anos do derradeiro Goberno Fraga podería agora ser emulado. Con todo, somos prudentes diante dun anuncio que, insisto, pode ser tanto esperanzoso como unha nova frustración.

Onte 1816: Premios da Cultura Galega 2016

Acompañei a María Xosé Queizán na entrega dos Premios da Cultura Galego 2016 outorgados pola Xunta de Galicia. Unha cerimonia institucional que resultou elegante, tanto pola excelente condución da presentadora Noelia Otero e da percusionista Lucía Martínez (para min sempre, a alumna de Agustín Fernández Paz), como pola presenza visual da caligrafía, reivindicando así a beleza e a pulsión da palabra manuscrita. Nas dúas horas do acto houbo tres momentos nos que reparei. O primeiro, a magnífica intervención dos membros da cooperativa NUMAX que reivindicaron o recoñecemento das empresas de traballo asociado e a súa importancia na creación de emprego no sector cultural. O segundo, a intervención de María Xosé Queizán, que investiu os dous minutos que lle concederon para ler “Caduco”, un poema contundente contra case todo. O aplauso intenso e longo, moi longo, recoñeceu o teimoso compromiso vital de María Xosé Queizán co feminismo e coa literatura, onte moi emocionada e arroupada polas súas amizades. E o terceiro, o anuncio que fixo Feijoo no seu discurso de promover un plan para a Cultura Galega. Un anuncio agardado, despois de oito anos de severísimos recortes, que abre un horizonte esperanzoso para reorientar as políticas públicas no que respecta a nosa creación e industria cultural.

Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Onte 1810: Déficit lector

A presentación onte do magnífico informe da Federación de Gremio de Editores sobre o estado da lectura en España volveu desvelar o importante déficit lector que pexa a nosa sociedade. O 60% das maiores de 14 anos poden ser consideradas como persoas lectoras, o que sería unha porcentaxe elevada se a lectura puidese ser considerada apenas como un hábito do tempo de lecer, como a afección polo fútbol, polo cinema ou a pintura. Porén, na sociedade actual, sometida ao proceso de hibridación dixital, a lectura debe ser concibida como unha competencia que deben posuír todos e todas as cidadás, de todas as idades, dende as máis novas ás maiores, un hábito saudable que a todas as persoas beneficia e que todas implica. A lectura é unha competencia cívica, non só un hábito de lecer ou unha preferencia artística.

Eis a cerna de calquera valoración sobre o déficit lector que arrastramos, ao que non é doado poñer remedio. Un problema grave de cultura pública. Con todo, non deixa de ser unha chiscadela irónica que onte, cando o secretario de estado de Cultura anunciaba a intención do goberno de Rajoy de pór en marcha un plan de lectura, con incidencia especial sobre o sistema educativo e as bibliotecas públicas, celebrásemos en Galicia o décimo aniversario da publicación da Lei do Libro e da lectura de Galicia, un texto normativo excelente, plenamente actual, máis nunca desenvolto polos gobernos de Feijoo, coa excepción do excelente programa de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. Xaora, benvidos sexan os bos propósitos de promover a revolución lectora que tanto precisamos. Sen lectura para todas, sen lectura en todos os formatos e soportes, dificilmente poderemos falar dunha sociedade en liberdade e igualdade.