Despois da rotonda

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito da rotonda de Coia.

2015021904052467807As fotografías do Bernardo Alfageme escoltado pola policía cando era trasladado dende as gradas de Beiramar á rotonda de Coia formarán parte das historias tristes de Vigo. Esta pintoresca travesía nocturna por terra é un caso insólito en Vigo, onde os barcos nunca precisaron de ser protexidos por dotacións policiais, onde son benqueridos pola cidadanía fondeados no anfiteatro natural da ría, atracados nos peiraos ou colocados sobre as gradas dos estaleiros. Os vigueses fomos educados, e continuamos educando ás novas xeracións, no respecto polos barcos e polas persoas que neles traballan. Vigo é unha cidadebarco, unha cidade portuaria capaz como abella da ribeira de construír dende hai máis dun século as embarcacións máis diversas que, como lembrou Valentín Paz Andrade, abriron as rotas do mar de Galicia.

Vigo ten o seu ADN na ría. Os guindastres e os barcos en movemento, as buguinas das factorías da Beiramar, por ventura, aínda marcan o latexar da cidade. A cidadanía viguesa ama os barcos, sabe do seu valor, transmitido na memoria familiar de milleiros de obreiros das factorías e dos mariñeiros que participaron en longas e perigosas mareas dos mares do alén. Xaora, en Vigo chantar un pesqueiro de 24 metros de eslora nunha rotonda non semella unha boa idea. Non serve para convertela en icona da cidade nin tampouco para poñer en valor unha peza do patrimonio da nosa industrial naval e cultura marítima, que hai unha década foi incorporada ao patrimonio municipal por unanimidade de todos os grupos políticos para ser conservada como “buque-museo” e utilizada con finalidades educativas e culturais. Quen tivo a ocorrencia (non sei chamala doutra forma) de chantalo para adornar a rotonda de Coia, ademais, non comprendeu que isto era un disparate nunha cidade onde a arquitectura móbil dos transatlánticos e ferries, que se cruzan decote entre os edificios e as torres da Colexiata, si forma parte da súa identidade.

Alleo a este tipo de ideas e aos argumentos do movemento veciñal e de entidades sociais de Coia, que consideraban innecesaria esta actuación ornamental e faraónica nun barrio con importantes carencias sociais e un elevado nivel de desemprego, Abel Caballero impuxo contra vento e marea o seu criterio de chantar o barco na rotonda, mesmo en contra do criterio da maioría da cidadanía viguesa, representada na corporación polo Partido Popular e o BNG, e expresada en dúas votacións plenarias. Transformouse así o conflito da rotonda de Coia en expresión dunha forma que criamos superada hai décadas da xestión dos problemas veciñais, onde os responsables do concello non deixaron espazos ningúns para a participación das entidades do barrio nin para un debate cidadán sereno nos medios onde se confrontasen argumentos nin sequera para a negociación sobre o caso por parte das forzas políticas. O despregue de numerosos efectivos da policía local e algúns excesos verbais dos responsables do equipo de goberno queceron aínda máis un conflito que se foi convertendo en expresión do malestar cidadán polos déficits das políticas sociais do concello e polas formas da alcaldía de entender a xestión do espazo público. Sorprende que o equipo de goberno socialista non identificase que este conflito é apenas o síntoma, se queremos chamalo “a anécdota”, das doenzas sociais provocadas pola crise nun barrio/cidade coma Coia que, ademais, tras case cinco décadas da súa apertura precisa de actuacións urxentes sobre as súas infraestruturas e servizos básicos.

Sei que moitas veces os datos estatísticos son tan antipáticos coma clarificadores. Segundo o ránking publicado polo Ministerio de Facenda, os 66,8 euros de gasto en protección social por habitante sitúan a Vigo no posto 2.945 (por detrás da Coruña) entre arredor de cinco mil localidades. Unha posición que explica as carencias neste eido denunciadas de forma reiterada pola asemblea de movementos sociais de Vigo, como non abonda coa actual política de axudas municipais de emerxencia social que non sempre chegan ás persoas que as precisan.

Xaora, o máis decepcionante do conflito da rotonda foi a incapacidade dos responsables municipais, sobre todo do alcalde Abel Caballero, de tender unha man de diálogo co veterano movemento veciñal de Coia, cuxa traxectoria ética, compromiso cos problemas do barrio e coas persoas máis desfavorecidas é incuestionable. Os problemas políticos abórdanse nas mesas de negociación. Non hai outro camiño. Nun marco democrático o exercicio do goberno require sempre dun esforzo continuo de interlocución interinstitucional e da existencia de canles de diálogo coa cidadanía. Sen esquecer que non hai maior icona para unha cidade que a calidade de vida de toda a súa veciñanza. Algo a considerar tras o conflito da rotonda.

Vigo retrocede

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo o retroceso actual que sofre Vigo e a súa área metropolitana.

rua_elduayen_arredor_da_decada_1920A pesar do meu natural optimista non podo negar que a situación de Vigo e a súa área metropolitana é crítica nos eidos económico, social e cultural e confusa no político. A estabilización das cifras do desemprego por riba das trinta mil persoas na cidade e das corenta mil na área metropolitana, a pesar do certo repunte da industria naval e da contención da crise dos sectores do automóbil e da pesca, sitúan a milleiros de familias viguesas nos umbrais da probreza e da exclusión social, expresando así un moi preocupante devalo. Desde comezos do século actual Vigo comezou a retroceder, perdeu o liderado sobre o proxecto de Galicia como país, que viña exercendo co seu dinamismo económico e iniciativa cultural durante a maior parte do século XX, derrubándose tamén a sua centralidade na articulación da rexión europea Galicia e Norte de Portugal sobre o chamado “Eixo Atlántico”, proxecto político estratéxico acuñado durante a última década do século pasado.

Un retroceso económico e social cuxa orixe é anterior aos efectos da actual crise económica, ao que non foron alleas unhas élites políticas e económicas viguesas ensimesmadas nas súas interminables loitas de Rande para adentro, cuxas máis dramáticas consecuencias foron a perda da caixa de aforros, unha entidade centenaria de crédito popular ao servizo do desenvolvemento local, e o atraso na modernización das infraestruturas básicas portuarias, aeroportuarias, ferroviarias e sanitarias, en permanente proceso de ser finalizadas ou sequera coordinadas coas existentes no Norte de Galicia, mais que continúan ofrecendo un servizo precario ou moi caro, o que hoxe supón un lastre para a competitividade das empresas viguesas. Un retroceso económico e social de Vigo ao que non se remedia acudindo á existencia dun inimigo exterior, un ser maligno unhas veces vestido de picheleiro outras de cascarilleiro, destinado a magoarnos pola nosa condición de ghichiños que non sabemos se miramos ou vemos pola xanela.

Un retroceso que se produce tamén no liderado cultural, onde a nosa cidade foi tantas veces hexemónica, dende os proxectos do diario “Galicia” de Valentín Paz Andrade na década dos vinte, pasando polos anos máis difíciles da ditadura, cando aquí se creou a editorial Cíes de Eugenio Barrientos e comezou a funcionar a Galaxia de Paco del Riego, até os anos oitenta da creatividade postmoderna da movida e da creación das actuais industrias culturais, que converteron a Vigo en capital editorial e musical de Galicia, cun peso identificable no panorama peninsular. A incapacidade para dotarse dunha biblioteca pública do estado, unha infraestrutura cultural básica coa que contan todas as capitais de provincia, a imposibilidade de soster unha rede museística especializada e para públicos diversos, como a falta dunha programación musical e de artes escénicas á altura dunha área metropolitana de medio millón de habitantes constitúen outros síntomas deste preocupante retroceso dunha cidade que foi berce da innovación e transgresión no eido cultural.

Vigo retrocede, tamén, pola súa incapacidade para desenvolver o seu proxecto metropolitano, inserido nun novo mapa territorial de Galicia. A incapacidade de poñer en marcha sequera un servizo de transporte intermodal, terrestre e marítimo ou dun servizo de abastecemento e depuración de augas ou sequera do servizos de bombeiros e protección civil, como de recollida e tratamento de residuos sólidos a nivel metropolitano condiciona de forma negativa as posibilidades de mobilidade e de calidade de vida de medio millón de persoas. Tras catro mandatos municipais sen atopar solución ningunha para a cuestión metropolitana viguesa, os responsables políticos do concello e da Xunta de Galicia están obrigados a ofrecer explicacións á cidadadanía que vaian moito máis alá de culpabilizar aos seus contricantes políticos da súa incapacidade para atopar un marco de acordo. Sen un deseño dun Vigo metropolitano non haberá posibilidade ningunha de recuperar o liderado perdido.

Nunha situación tan crítica non semella que a solución máis sensata sexa continuar coas prácticas do vello cesarismo localista. Vigo precisa fixar un proxecto estratéxico de desenvolvemento metropolitano, canto menos para as dúas próximas décadas, enxergando o horizonte de 2035. Un proxecto apoiado por unha ampla maioría social e política, que fixe unha posición orixinal que permita a súa continuidade por riba de coxunturas e liderados políticos efémeros. Deseñar este proxecto requirirá firmeza para facerse respectar polas diversas administracións, máis tamén da capacidade dos seus promotores para reinventarse, abandonando os modelos da vella política e forxando acordos amplos arredor de proxectos novidosos.

A batalla dos aeroportos

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o conflito aeroportuario no marco da campaña electoral.

AeropuertoSomos moitos os cidadáns da área metropolitana viguesa que utilizamos Alvedro para viaxar a Londres. A excelente combinación diaria de Vueling co aeroporto de Heathrow, apenas unha hora e media de voo á primeira hora da tarde, permite despois poñerse en apenas media hora na estación de Paddington, enlazar con calquera outro voo intercontinental, transoceánico ou coller un transporte terrestre cara outro punto do Reino Unido, dado o carácter de nodo intermodal de comunicación da terminal londiniense. O mesmo sucede cando empregamos Peinador para trasladarnos a París, grazas a conexión diaria que Air France mantén dende hai tempo co Charles de Gaulle, ou cando usamos a portuense de Sa Carneiro para ir a Frankfurt con Lufthansa ou a Ámsterdam con Portugalia, aeroportos europeos que permiten conexións con destinos de todos os continentes, o que supón unha alternativa ao modelo de comunicación radial con Madrid característica tradicional do tráfico aeroportuario galego.

Xaora, a diferenza entre estas conexións do noroeste peninsular con estes nodos aeroportuarios do norte de Europa radica no feito de que a primeira, a londiniense, está fortemente subvencionada polo concello da Coruña, como tamén os voos de Air Europa a Madrid ou o de TAP a Lisboa dende Alvedro, ao abeiro dunha voluminosa partida do goberno municipal de Carlos Negreira de “promoción turística”, o que sen dúbida desvirtúa a competencia aeroportuaria entre as catro terminais do Eixo Atlántico e mesmo entre as compañías aéreas que manteñen as conexións. Mais outro tanto sucede con boa parte das de Lavacolla convertida por mor das subvencións millonarias do concello de Santiago en terminal de auténtico luxo para compañías low cost, que a utilizan como base de operacións. Agustín Hernández, actual alcalde popular da capital, tras a nefasta xestión dos seus dous predecesores do seu partido nun mesmo mandato, unha marca dificilmente superable, negocia agora unilateralmente con diversas compañías novos destinos, esquecendo aquelas boas intencións de coordinación aeroportuaria expresadas cando era conselleiro de Infraestruturas.

Por desgraza, o alcalde Abel Caballero tamén sucumbiu a esta nefasta febre da dopaxe ás compañías aéreas, sen dúbida coa intención de contribuír a mitigar ás pobres cifras de tráfico do aeroporto de Vigo que, a pesar da ampliación das súas instalacións, continúa á cola das catro terminais do noroeste peninsular. Mais non nos enganemos. A pesar das novas conexións subvencionadas desta primavera e das comprometidas para os dous vindeiros anos, tras o concurso convocado polo concello de Vigo, é difícil que Peinador recupere de forma significativa os tráficos anteriores á crise. Nin a conexión con Luton, a máis incómoda das terminais londinienses, nin as novas rotas transversais con Sevilla, Málaga ou Gran Canaria, van solucionar as carencias aeroportuarias viguesas. Novos destinos que constituirán apenas un parche publicitario en tempada preelectoral mais incapaces de agochar un problema moito máis grave, o da alarmante diminución e deterioración horaria das conexións áereas con Madrid e Barcelona e o inevitable aumento dos prezos dos billetes, destinos claves para os viaxes de traballo das empresas da nosa área metropolitana. Unha tendencia á baixa que previsiblemente se intensificará nos vindeiros meses coa apertura do eixo atlántico ferroviario.

Chegada a carreira electoral, as alcaldías da Coruña, Santiago e Vigo recuperaron a batalla dos aeroportos e das a todas luces insostibles subvencións municipais como a máis xenuína das súas vocacións e dos seus compromisos “en defensa dos intereses da cidade”. Ninguén está disposto a dar un paso atrás nesta disparatada batalla de axudas que confronta a tres aeroportos en crise, cuxos tráficos a pesar das subvencións municipais están moi por baixo das previsións efectuadas cando foron ampliados por AENA. No baúl dos bos propósitos quedou arrombado calquera matiz do discurso da cooperación e complementariedade entre as tres terminais galegas e a necesidade de ofrecer unha oferta común capaz de competir coa portuense de Sa Carneiro, cada vez máis atractiva para os galegos que viaxan fóra da península. Xaora, particularmente patética nesta lamentable batalla é a inacción do Goberno Galego e do seu presidente que prefire os réditos do despregue emotivo dos localismos dos seus alcaldes ca apostar pola racionalidade e o rigor das políticas de concertación territorial.

No eido da política aeroportuaria, como en tantos outras, Galicia é un país á deriva, sen goberno de seu e sen proxecto estratéxico que o oriente, sometido á improvisación e ao curtopracismo dos localismos. De non mudar o rumbo, agoiro dificultades.

Mantecón, pintor xeómetra

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura do pintor Francisco Mantecón con motivo da súa antolóxica no Marco.

Francisco Mantecón_foto MagarDespois de catorce anos do falecemento de Francisco Mantecón, a pasada semana foi inaugurada no Marco a primeira antolóxica da súa obra pictórica. Comisariada por Alberto González Alegre e Ángel Cerviño, dous grandes coñecedores da obra do pintor e deseñador gráfico vigués de espírito renacentista, a mostra ocupa toda a planta baixa do museo de Príncipe recollendo con grande fidelidade o seu espírito transgresor e racionalista. As noventa obras, correspondentes á produción das décadas dos oitenta e noventa, nas que está presente unha calculada exploración xeométrica, foron organizadas con moi bo criterio polos comisarios por secuencias e ritmos gráficos de cor, a xeito dunha peza jazzística. A pesar da súa aparente frialdade, a rotundidade e limpeza primixenia da proposta expositiva deixounos unha fonda pegada emotiva.

É ben coñecido en Vigo que Mantecón compartiu as súas actividades artísticas co seu labor docente no Instituto da Guía como profesor de debuxo. Con menos de vinte anos, participaba nas exposicións colectivas ao aire libre da Praza da Princesa, onde expoñían sen criterios previos de carácter xeracional nin estilísticos outros pintores vigueses, como Lodeiro, Xavier Pousa, Xosé Guillermo, Armando Guerra, Antón Patiño, Ánxel Huete ou Manolo Moldes, cos que “Mantecas” (así era coñecido polas súas amizades) axiña empataría. Despois de celebrar a súa primeira mostra individual na sala de exposicións da Caixa de Aforros, hoxe desaparecida, situada nas galerías Durán, marchou a Barcelona a estudar na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi, onde profundizou no coñecemento do fenómeno abstractivo e dos seus procesos históricos e no desenvolvemento da súa destreza debuxística, que serían decisivas no desenvolvemento da súa obra futura. Cando volveu a Vigo, a comezos dos oitenta, se integrou no grupo “Atlántica” creando unha obra pictórica singular, afastada de calquera espontaneísmo e expresionismo á moda daquela, constituíndo en palabras do comisario Ángel Cerviño “un verso libre da xeración Atlántica”.

A pictórica de Mantecón enlazou coa corrente do formalismo soviético, cando aquí estaba oculta até a caída do Muro. A abstracción conceptual, empregando técnicas sinxelas sobre papel, levouno a xogar coas formas e cos matices da cor, coas transformacións xeométricas, desmembrando planos, xogando coa percepción e coa espacialidade. Velaí a esencia da pictórica manteconiana presente no Marco: ofrecer unha arte meditada, lenta, silenciosa, esencial, simple, produto dunha reflexión permanente sobre o papel do creador, sobre o espazo e sobre as capacidades perceptivas do espectador. O de Mantecón é un abstraccionismo xeométrico onde “a regra corrixe a emoción”, escollendo unha frase de Georges Braque da que el se apropiou, onde todo ten forma e onde toda forma ten significado. Como sinalou o poeta Ramiro Fonte, “toda a obra de Mantecón está guiada por esa necesidade de tirar lastre, de desfacerse de contidos accesorios para propor unha poética de síntese”. Eis a esencia presente na mostra do Marco.

Esta mesma concepción levou a Mantecón a interesarse, a comezos dos anos oitenta, polo deseño gráfico, desenvolvendo un traballo continuado no eido do deseño de libros, da cartelaría, do deseño de anagramas, logotipos e da imaxe corporativa de entidades públicas e privadas. Outra actividade artística hercúlea, que os comisarios decidiron deixar fóra desta antolóxica, por merecer unha futura abordaxe monográfica. Debemos a Mantecón moitos elementos desta nosa segunda natureza urbana: as etiquetas das botellas de Terras Gaudas, empresa que convoca anualmente un concurso internacional de deseño gráfico na súa memoria; algúns packs de conservas Alfageme, as fachadas de Frinova e de Adega das Airas, ou o logotipo do Metropol do Areal. Este traballo comercial non lle impediu realizar o deseño, cunha vontade cívica e comprometida e sempre de esquerdas, da cartelaría de organizacións políticas e sindicais. A súa elegancia impregnou o deseño das coleccións de todo o sector editorial galego. Colaborou con Manuel Janeiro nos deseños de Galaxia; deseñou coleccións para Edicións do Cumio, Sotelo Blanco, Ir Indo edicións e Xerais. Realizou o deseño base de revistas como “A Trabe de Ouro”, o “Anuario de Estudios Literarios Galegos” ou do libro colectivo “Construír a paz. Cultura para a paz” (Xerais, 1996), un dos froitos máis logrados da súa concepción do deseño editorial, conseguindo un libro limpo, case diáfano, onde brilla o texto sobre a simplicidade da elección tipográfica.

Recomendo visitar esta exposición na que se lembra un dos artistas vigueses máis importantes do século XX. Sen dúbida, será unha das máis importantes do ano en Vigo.

Campo do Fragoso CLXI

berizzo_31-01-2015A AFOUTEZA DE BERIZZO

Berizzo sabía que o sábado xogaba a súa continuidade como técnico celeste. E abofé que nunha noite moi fría o adestrador arxentino actuou con intelixencia, afouteza e corazón. Interpretou o partido coma se dunha final de copa se tratase. Saíu só a gañar. Arriscou moito no cadro inicial, onde dispuxo na lameira do seu maior poder atacante, incorporando, por fin, ao canteirán Santi Mina para que abrise a banda dereita, colocando a Orellana na mediapunta, detrás de Larrivey, como enganche e deixando a Nolito que enfiase pola esquerda. Para contar con catro dianteiros, sacrificou a Radoja no centro do campo, onde dispuxo dun dobre pivote inédito formado por Krohn-Dehli e Augusto.

Con esa proposta cen por cen atacante (4-2-3-1), durante a primeira parte o Celta arrasou a un Córdoba ordenado e batallador, onde comeza a notarse a boa man de Miroslav Djukic. Porén, foron os andaluces os que abriron o perigo nas áreas. Transcorridos apenas dous minutos dispuxeron dunha oportunidade de ouro para marcar, grazas a un fermoso taconazo de Heldon que o noso Sergio despexou con apuro. Mais o Celta axiña reaccionou e gozou de ata media ducia de boas posibilidades de mover a táboa de marcas. O Celta recuperou o poder do seu xogo combinativo. Ben chantado atrás coa disciplina dos seus tres centrais, reforzado defensivamente por Augusto, que aseñoraba o centro do campo nunha actuación memorable, e dirixido por Krohn-Dehli sinalando o seu tempo máxico sobre os catro dianteiros foron sucedéndose os ataques. Mina, cada vez máis maduro, afiaba pola dereita amosando que o seu obxectivo é sempre o gol. Orellana abría espazos para Larrivey e Nolito cos seus caneos e mil e unha reviravoltas. Mais coma aconteceu noutros partidos tanto ben tecer non abondaba para conseguir meter o gol no cesto.

No medio do vendaval celeste, un xute de Bebé, rexeitado in extremis por Sergio, avisou que os de Djukic non viñeran a Vigo de excursión. Pouco despois, o claro penalti a Nolito, agoirou unha arbitraxe polémica. Como tampouco presaxiaba nada bo para os nosos que Larrivey estragase até tres remates claros, demostrando que aínda non recuperou o seu mellor punto. Cun panorama un chisco sombrizo, bo xogo, mais ausencia de gol, rematou para o Celta o primeiro acto.

Por ventura, na reanudación axiña chegou o gol. Unha peza para gardarmos na memoria. Dende o centro, Krohn-Dehli desprazou a bóla á dereita sobre Mina, o canteirán cun caneo soberbio gañoulle espazo ao seu marcador, avanzou dous pasos dende o recanto da área e enviouna en horizontal sobre Orellana, que saltou sobre ela para que Nolito, dende a esquerda, xutase coa perna dereita imprimíndolle unha traxectoria de dóce parábola sobre o pao dereito para que entrase ás redes. Un gol extraordinario propio das Belas Artes.

Coa táboa de marcas por diante, a pesar de que o medo axexou na lameira e na bancada, Berizzo xestionou os cambios con maior rapidez e intelixencia ca en xornadas anteriores. A incorporación de Álex López e Radoja mudou o debuxo a un 4-4-2, que deu maior consistencia defensiva para termar dos ataques dun Córdoba que non se dobregou. Xaora, a vitoria estivo a piques de malograrse tras o incrible barullo que se produciu faltando apenas dez minutos cando Teixeira Vitienes sinalou primeiro xogo perigoso a prol do Celta e despois penalti en contra. A reacción de Berizzo sinalando sobre o propio terreo onde se producira a xogada expresa a importancia do que alí se estaba dirimindo. Os apupos da bancada e, probablemente, a cordura do cuarto árbitro axudou por fortuna a corrixir tremendo trasacordo. Unha xogada que marcou o partido e, quizais, a carreira do afouto Berizzo.

U-la biblioteca de Vigo?

No artigo da semana en Faro de Vigo reclamo que se retome o proxecto da construción en Vigo dunha biblioteca pública do estado e propoño que se estude a posibilidade de ubicala no edificio da Metalúrxica.

vancouverDende hai dúas décadas, diversos sectores cidadáns levamos reclamando a construción dunha biblioteca pública do estado en Vigo. Consideramos imprescindible contar con esta infraestrutura cultural e informativa básica, existente xa en todas as capitais de provincia e noutras grandes cidades, como Santiago de Compostela, que paliase de vez as carencias bibliotecarias viguesas, ao tempo que servise de nodo referencial para a creación dunha auténtica rede bibliotecaria que facilitase á poboación metropolitana o acceso en igualdade a todo tipo de información (textual, sonora ou audiovisual) e a toda clase de soporte documental (impreso, dixitalizado ou en liña).

Un proxecto que despois de tirapuxas políticas quedou recollido en diversos orzamentos xerais do estado, tanto dos gobernos de Zapatero coma de Rajoy, mais que decaeu pola imposibilidade dos responsables do concello de Vigo de ofrecer un espazo municipal para ubicala. Despois de terse barallado diversas posibilidades, dende algunha das plantas baleiras do Auditorio Mar de Vigo até a propia Escola de Artes e Oficios, o alcalde Abel Caballero expresou de cando en vez a súa convicción de que a Panificadora sería o espazo ideal para construír a que debera ser a primeira biblioteca viguesa. Porén, non é segredo ningún que a recuperación para o espazo público da nosa catedral industrial e laica é un proxecto moi difícil nas circunstancias políticas e económicas actuais, polo que moito tememos que de seguir así as cousas a biblioteca pública do estado na Panificadora quedará en auga de castañas.

Xaora, esta imposibilidade (arrastrada dende hai unha década) de ofrecer unha ubicación para unha gran biblioteca pública, que sería construída con fondos estatais e xestionada despois pola Xunta de Galicia no marco da súa rede de bibliotecas nodais, expresa o dramático fracaso da política cultural dos poderes públicos en Vigo, tanto do concello coma da Xunta e do Goberno do Estado, incapaces de artellar acordos mínimos sobre as infraestruturas culturais esenciais da área metropolitana, sexa a rede de bibliotecas e arquivos como a rede de museos (eis o caso do Marco), cuxas portas permanecen abertas cada día de auténtica milagre, sometidas a unha precariedade orzamentaria asfixiante. Ningunha das administracións públicas que operan en Vigo, nin o Concello nin a Deputación nin a Xunta nin o Goberno, como ningún dos seus líderes, consideran que as políticas culturais formen parte das súas prioridades estratéxicas e, polo tanto, teñan peso nos seus orzamentos. Semella que para os responsables destas administracións as políticas culturais e de promoción da lingua galega carecen de importancia na axenda electoral, xa que probablemente son consideradas como propias de culturetas e xente aborrecida, especies doutro tempo en inevitable devalo.

Porén, noutras moitas cidades do mundo, estas políticas culturais públicas, sobre todo as relacionadas coa lectura, son consideradas como esenciais na proposta municipalista. É un feito que as modernas bibliotecas públicas estanse convertindo nos espazos públicos máis intensamente utilizados en cada comunidade local, consideradas como portos seguros para a convivencia interxeracional e a educación permanente. Máis aínda cando no marco do actual proceso de hibridación da lectura, o futuro das bibliotecas aparece máis vinculado ao seu carácter de centro comunitario interxeracional facilitador do acceso e alfabetización dixital que coa conservación e préstamo de libros impresos, até agora parte esencial do ADN das bibliotecas. Concibida así, a biblioteca é un espazo hibridado, no que conviven soportes analóxicos e accesos dixitais, central en cada comunidade local como lugar de encontro, sendo o bibliotecario un promotor comunitario especializado en facilitar á cidadanía o acceso á información.

Neste novo contexto, onde a biblioteca pública asume centralidade como espazo comunitario, moito pagaría a pena que antes das eleccións municipais se recuperase o proxecto da biblioteca pública do estado para Vigo. Sobre todo cando semella posible atopar unha ubicación axeitada no espazo da Metalúrxica, na rúa García Barbón, onde a Tesourería da Seguridade Social anunciou o seu proxecto de construír as súas novas oficinas. Non sería posible que a Tesourería ocupase as plantas do Hospital Xeral da súa propiedade, que nuns meses quedarán baleiras, cedendo a Metalúrxica para construír a biblioteca que a área metropolitana de Vigo precisa? Unha posibilidade que de ser viable dende o punto de vista técnico e urbanístico requiriría apenas dun acordo político interinstitucional entre o goberno municipal de Vigo e o do Estado. Queremos ou non unha gran biblioteca para Vigo?

A proxección de Parga Pondal

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a figura do científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, homenaxeado polo Foro Enrique Peinador.

isidro_parga_pondalA pasada semana, o Foro Enrique Peinador organizou unha homenaxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, a quen en 2014 dedicou o “Día da Galeguidade Empresarial”. Coa celebración dun acto académico presidido polos tres reitores, co descubrimento dun seu busto, colocado ao pé da que foi a primeira Facultade de Ciencias compostelá, onde Parga Pondal foi profesor até 1936, e coa publicación dunha valiosa biografía, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal” (2014), preparada por Ricardo Gurriarán Rodríguez, a entidade presidida por Xosé González Martínez chanta sólidos alicerces para a recuperación do esquecemento de quen para moitos foi o científico galego con maior proxección do século XX, tanto pola súa vizosa produción científica nos eidos da Xeoquímica e Xeoloxía, coma pola súa participación na comunidade investigadora internacional nestas disciplinas.

Nacido en Laxe en 1900, dende os 14 anos educouse en Santiago co seu avó, o médico Isidro Pondal Abente, quen lle arranxou no xardín da casa o primeiro laboratorio. Parga Pondal confesou nunha longa entrevista que lle fixo a Radio Galega en 1986, poucos meses antes do seu pasamento, que contara coa axuda do químico José Casares, amigo do seu avó, que lle ensinou “naquel laboratorio a facer as primeiras reaccións por vía húmida, a manexar o soplete e, sobre todo, a procurar sempre o descoñecido”. Afán científico que o levou a estudar Químicas en Madrid e unha vez rematada a carreira opositar a unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica da recén creada Facultade de Ciencias. Coa volta a Compostela, abrazou a causa galeguista e incorporouse ao proxecto cultural do Seminario de Estudos Galegos onde presentou o seu primeiro traballo sobre o contido en iodo das principais algas mariñas das costas de Galicia, inxerido metodoloxicamente xa no marco da Xeoquímica, disciplina incipiente daquela. Anos de entusiasmo que o levaron a percorrer cos seus colaboradores o país noso na recollida de mostras de rochas e minerais e a participar en excavacións arqueolóxicas con espírito interdisciplinar.

Unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos permitiulle en 1930 profundidar durante un ano no Instituto de Mineraloxía e Petrografía de Zúric na súa formación xeolóxica e publicar os seus primeiros artigos en alemán. En 1932 viaxou a Alemaña para investigar na Escola Técnica Superior de Berlín sobre a química do cemento, material sobre o que chegaría ser un grande coñecedor e sobre o que publicaría diversos traballos. As súas ideas políticas galeguistas e “manifestamente de esquerdas”, o seu posicionamento progresista no mundo universitario, no que defendeu a incorporación das mulleres aos equipos de investigación, definidas por Parga apenas como “ideas avanzadas”, provocaron tras o alzamento militar de 1936 a súa depuración como profesor e a súa prohibición de pisar os claustros da universidade e acudir ao laboratorio de Xeoquímica que montara.

Castigado como investigador, arruinada a súa carreira docente e obrigado a coller o camiño do exilio interior, atopou refuxio na vila natal onde tivo a fortuna de poñerse á fronte da empresa Kaolines de Laxe, na que tiña participación a súa familia. Xaora, na Costa da Morte recuperou o seu pulo investigador que desta volta, debido á precariedade de medios, dirixiu cara a Xeoloxía e onde crearía en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, unha universidade popular desde a que desenvolveu unha intensa actividade científica durante catro décadas. Durante este autoexilio, Parga compartiu o seu labor de investigación, que o levou a colaborar con numerosos científicos e universidades estranxeiras e a publicar centos de traballos, entre eles o “Mapa xeolóxico de Galicia” (1963) ou mapas de Galicia en relevo, coa actividade empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López en empresas como Zeltia, Sial ou Cementos Noroeste, a primeira cementeira galega que produciu cemento artifical tipo Portland, instalada en Oural, nas que se ocupou da dirección técnica e científica.

Por ventura, Parga Pondal foi rehabilitado pola Universidade de Santiago en 1983 e investido doutor honoris causa. Desde 1997 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está integrado na Universidade da Coruña como Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Co seu nome sinálase un dos programas máis importantes da Xunta de Galicia para a contratación de doutores para a súa incorporación a organismos de investigación públicos e privados. O nome de Parga Pondal referénciase hoxe con I+D+I, fórmula da que (sen sabelo) foi un pioneiro na nosa terra. Eis atopamos a proxección de futuro desta gran figura científica galeguista.

Perfil lector

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre os datos do Barómetro do CIs do mes de decembro sobre a lectura e as preferencias culturais.

lectura_13-01-2015A publicación do barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do pasado mes de decembro achega, entre outros temas sobre os que foron consultadas 2.447 persoas de 49 provincias, datos valiosos para coñecer o perfil lector e as preferencias culturais da sociedade española actual, sometida ás dificultades dunha situación económica mala ou moi mala para o 82 % das persoas preguntadas e inmersa nas incertezas provocadas polo tránsito entre os modelos de comunicación cultural impresa e dixital.

O primeiro que chamou a miña atención foi o dato do 65 % da poboación lectora de libros, situado xa bastante preto do 70 % da media europea (Islandia acada o 85 %) e lixeiramente por riba do 63 % do último dos estudos sobre hábitos de lectura e compra de libros da poboación maior de 14 anos, publicado pola Federación de Gremios de Editores de España a comezos de 2013. A pesar de que un 35 % das persoas consultadas polo CIS confesen que non len nunca ou case nunca un libro, hai pola contra un 29,3 % de cidadáns que len todos os días, como hai un 69,1 % que len decote os xornais, e un 82 % que len textos longos en Internet (webs, blogs ou redes sociais), porcentaxes elevadas que demostran que o hábito lector comeza a chantar raíces na nosa sociedade.

A lectura como actividade cultural interesa a un 61,7 % dos cidadáns consultados, porcentaxe só superada pola música (73,4 %) e polo cine (67,8 %). Como tamén é moi salientable que para o 61,6 % das persoas lectoras a distración e o goce sexan as razóns principais polas que dedican tempo á lectura, sendo o 23, 4 % as que len por estar máis informadas ou mellorar a súa cultura e o 15 % as que o fan obrigadas, sexa por razóns de estudo ou de traballo. Cifras desmitificadoras que sitúan o perfil lector actual no terreo das actividades de lecer e que quizais expliquen as razóns polas que a novela, e os seus diversos subxéneros (histórica, negra, romántica…), é o xénero preferido para o 72,4 % das persoas que se declaran lectoras. O que parece coherente co feito de que a elección do libro de lectura corresponde nun 58,4 % a un criterio personal, aínda que un 27,1 % confesa seguir as recomendacións de familiares e amizades, sendo para o 64 % dos enquisados o tema do libro o seu criterio principal de escolla.

Retrato do perfil lector que se completa con outro dato non menos relevante: o 91 % das persoas lectoras escollen a súa casa como o seu espazo preferido de lectura, e xa noutro rango moi inferior no traballo e nos transportes públicos, o que redunda no carácter da lectura como actividade cotián vencellada ao ámbito familiar e ás actividades que se realizan no tempo de descanso. O que quizais explique que só o 28,6 % recoñeza ter visitado nalgunha ocasión a biblioteca pública no último ano, mesmo a pesar da relevancia que estas institucións culturais están tendo na dinamización da lectura nas comunidades locais.

Outro dato significativo deste barómetro do CIS é a estimación de 8,6 como o número de libros lidos en España por habitante e ano, unha cifra que queda moi lonxe da doutros estados europeos con maior febre lectora como Finlandia (47), Islandia (40), Noruega (18) ou Alemaña (15). Como tamén é sorprendente que só o 50 % das persoas consultadas mercase algún libro no último ano, sendo 5,96 a cifra media de libros mercados por habitante e ano. Como non deixa de semellar chamativo que o 41,8 % das enquisadas declare que utilizou un libro como agasallo nalgunha ocasión.

No entorno actual de tránsito entre os soportes do libro impreso e dixital, é salientable que o 80 % das persoas lectoras expresen a súa preferencia polo libro impreso, o 11,1 % polo electrónico, e o 8,7 % utilice ambos os dous formatos, sendo o 22,70 % os que recoñecen contar na súa casa cun e-reader e o 38,7 % cunha “tableta”. Xaora, a porcentaxe aumenta no caso da lectura dixital dos xornais até o 28,2 % e até o 33 % o das persoas que consideran que no futuro o electrónico será o principal soporte de lectura, aínda que un 42 % cren que convivirán os libros analóxicos e os dixitais. Datos que convén relacionar co feito de que o 77 % das persoas consultadas recoñece conectarse todos os días a Internet sexa polo seu ordenador ou teléfono móbil. Comportamentos que expresan a consolidación da hibridación da lectura, como denominamos á coexistencia de soportes impresos e electrónicos, aínda que o modelo dixital se continúe concibindo polos lectores máis como un futuro inevitable ca como unha realidade en transformación.

En definitiva, o barómetro do CIS presenta un perfil lector que vincula á lectura coas actividades culturais de lecer, como a música e o cine, sometidas todas á fraxilidade dun modelo que no caso do sector do libro aínda está moi lixeiramente hibridado. Mágoa que non contemos cun estudo galego no que se teña en conta a lectura na nosa lingua.

Campo do Fragoso CLX

celta-plantaSAÍR DO ATOLEIRO

Tras 726 minutos, o Celta saíu do atoleiro onde quedara confundido tras o histórico gol de Larrivey no Camp Nou. Traballando a pano, cunha intensidade xenerosa, o equipo de Berizzo por fin saíu a flote, recuperando anotación na táboa clasificatoria e, o que é máis importante, afastando as meigas que comezaban a axexar entre o neboeiro dunha serie de resultados nefasta e inquedante, seis derrotas consecutivas e dous meses sen puntuar nin marcar.

Mais saír deste trance tan complicado non resultou doado. Durante o encontro co Valencia a afección celeste estivo sometida a unha auténtica vertixe emocional. Outra experiencia de celtismo en estado puro. No recibimento ao cadro de xogadores inxectou doses de orgullo. Na media hora inicial gozou do optimismo do dominio no xogo. Chimpou de ledicia cando o árbitro sinalou o punto de penalti e pouco despois enmudeceu cando errou Orellana. Cadora, calou cando Rodrigo marcou. Xaora, recuperou a euforia tras o descanso coa incorporación de Nolito e co gol estoupou tanta adrenalina contida. No treito final, entre o medo a perder o recuperado con tanto esforzo e a clara posibilidade de acadar o triunfo soñado, os corazóns dos seareiros e seareiras sempre tan prudentes non tiñan acougo.

Acertou Berizzo dispoñendo unha defensa de tres centrais, á que se incorporaba Radoja, un xogador esencial para proporcionar unha saída de balón máis fluída e ordenada. Con este novidoso esquema de cobertura e co traballo incansable de Augusto e Krohn-Dehli no centro e Mallo e Jonny nas bandas, o Celta dominou a un Valencia decepcionante que apenas gozou de dúas oportunidades para poñer a proba a Sergio. Na primeira, o porteiro de Arbo salvou in extremis, cunha gran estricada, unha perigosa cabezada de Paco Alcácer. Na segunda, a do gol valencianista, pola contra, estivo moi pouco afortunado, para chapar un esquerdazo de Rodrigo, o que fora canteirán da factoría Ureca, que antes debuxara unha fermosa diagonal aproveitando unha pelota de Fontás, noutro deses erros de saída de pelota que semellan evitables.

Mais con anterioridade, os célticos ben puideron marcar en dúas oportunidades nas que Alves, o gran porteiro brasileiro, gañoulle a partida a Orellana. A primeira, apenas transcorridos oito minutos, tras unha parede de Charles, que facilitou ao noso extremo superioridade para xutar dende a dereita. A segunda no lanzamento da pena máxima, moi ben forzada entre Mallo e Charles, que o chileno lanzou a media altura sobre a esquerda onde xa agardaba o parapenaltis fluminense. Transcorría o minuto 29 e, como xa sucedera cando Nolito errou outra diante do Almería, foi inevitable dende a bancada verlle o cú á carriza.

Porén, na segunda parte, o Celta tirou das súas reservas de orgullo e saíu decidido a abandonar o foxo. Desta volta foi o propio Orellana o que emendou o seu erro anterior e marcou cun gran remate no que dende preto da área pequena aproveitou un saque de recanto moi ben peiteado no primeiro pao por Radoja. Tras gol tan terapéutico, que pechaba feridas e malfados de invernía, o Celta mereceu polo menos outro tanto, que estivo no minuto final nas biqueiras de Charles tras outra das combinacións de banda a banda de Nolito e Orellana.

No derradeiro e moi emocionante treito do partido, a pesar do malladiños que estaban algúns xogadores, Berizzo renunciou a realizar un terceiro troco. Quedaremos sempre coa dúbida se a incorporación de Álex López ou de Santi Mina non tería achegado ese alento que faltou para conseguir unha vitoria máis que merecida. En todo caso, o empate abondou para recuperar o vieiro positivo e a ilusión na que o Celta se instalara durante os dous primeiros meses da competición.

Límites da cidade bonsai

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o modelo de cidade ornamental presentado pola alcaldía viguesa coa intención de renovar o seu mandato.

alcaldiaO éxito popular do arranxo urbano deste Nadal levou ao concello a decidir prolongar algúns dos seus elementos lumínicos máis espectaculares, como paraugas e arcos de lucería, até a celebración dos desfiles do Entroido da metade do vindeiro mes de febreiro. Outrosí sucederá, neste caso de forma definitiva, coas xardineiras da porta do Sol e da praza da farola de Urzaiz e as colocadas en Príncipe, diante do Marco, coa intención “de mitigar o predominio das losetas”, a pesar de que a humanización destes espazos urbanos é recente. Con estas medidas, anunciadas cando se inauguraron de forma imprevista as escaleiras mecánicas da rúa da Segunda República (a pesar de non estar rematada a totalidade da obra proxectada), a alcaldía profundiza no seu modelo de cidade bonsai, esa cidade fermosa e ornamental, que a súa comunicación popularizou como a das “humanizacións”, durante os seus dous mandatos en minoría. Modelo co que levado a súa máxima expresión pretende recuncar un terceiro e mesmo un cuarto con maioría absoluta.

Coma se de Campos de Jordão se tratase, a cidade bonsai da Serra da Mantiqueira no estado de São Paulo, chamada a capital da Suíza brasileira, en Vigo estendemos sen problema ningún a celebración lumínica das festas de inverno case outros dous meses, alleos a austeridades e estreiteces deste tempo de devalo no que moito se ampliaron as desigualdades. E o peor do caso non é o dispendio que a continuidade da lumareira vai ocasionar, que aposto será defendido polos seus promotores coma un “importante” aforro, nin os efectos contaminantes provocados por este consumo enerxético, que aventuro serán considerados como marxinais, se non, e sobre todo, o pobre exemplo que, ás portas das eleccións municipais de maio, supón para a cidadanía viguesa o modelo político deste conformismo dominante.

Mais non nos enganemos, no Vigo de 2015 non existe outra primacía política que non sexa a establecida pola alcaldía. Hai tempo que Abel Caballero carece de oposición, abandonándose no Campo de Granada o diálogo, a concertación e a planificación estratéxica como criterios para o arranxo dos asuntos do común. Razón pola que pouco importa contradicir o calendario gregoriano, trasacordar os costumes do noso ciclo anual de festas ou esquecer o carácter austero e laborioso dunha cidade atlántica industrial nacida coma abella da ribeira.

Sempre tan antipáticos, os datos sobre a situación económica e social de Vigo e a súa área metropolitana ao remate de 2014 non son para botar máis foguetes que os imprescindibles nos votos de esperanza do aninovo. A pesar do seu descenso, as taxas de desemprego mantéñense moi por riba do 20 %, o que supón máis de 31.000 persoas inscritas en Vigo nos servizos públicos de emprego, cerca de 45.000 nos concellos da área metropolitana, e das que practicamente a metade non reciben ningún tipo de prestación. Co agravante de que se ven reducindo tamén a poboación activa, mesmo a pesar da (aínda) lixeira reactivación do sector naval e do anuncio do novo modelo da furgoneta de Citröen, que obrigará a unha diminución dos costes sociais da factoría matriz e das empresas do sector da automoción, coas consecuencias que iso suporá para os salarios dos seus traballadores.

Coma tampouco son para facer grandes alardes os datos publicados polo Ministerio de Facenda sobre os gastos en servizos públicos básicos que con 371,5 euros por veciño sitúan ao concello de Vigo na posición 2.212 do ránking estatal (por detrás dos da Coruña e Pontevedra) ou sobre o gasto en protección social por habitante que con 66,8 euros o sitúan no posto 2.945 (por detrás da Coruña). Nin tampouco o tan cativo desenvolvemento do planeamento de vivenda social e equipamento público previsto no PXOM nin as cifras de viaxeiros de Peinador que medraron un pouco no último ano, mais que continúan deixando a nosa terminal como a pechacancelas das tres galegas.

Datos todos que obrigan a recoñecer a fraxilidade, cando non precariedade, económica e social na que se atopan tanto a cidade, como a súa área metropolitana, esoutro proxecto estratéxico varado en mar de ningures pola incapacidade dos responsables do concello e da Xunta de chegar a un acordo institucional, sequera para poñer en marcha o imprescindible servizo de transporte metropolitano.

Sei que nas próximas municipais a cerna do debate xirará arredor do engado do modelo de cidade bonsai presentado con fita de agasallo pola alcaldía. Xaora, non estaría de máis darlle unha volta de torca e lembrar se non sería viable unha cidade fermosa nas súas beirarrúas e espazos públicos, mais tamén inclusiva nas políticas sociais, educativas e culturais, capaz de artellar o seu entorno metropolitano como cidade industrial atlántica. Pagaría a pena ampliar os límites da cidade bonsai.