Campo do Fragoso III

PRIMEIROS PROBLEMAS
A felicidade dura moi pouco na casa dos pobres. Os de Vázquez perderon sen paliativos por que nin tiveron a posesión da pelota nin amosaron ideas atacantes valiosas para desbordar a un Rácing que sempre quixo a vitoria. E ben se sabe que no fútbol, xeralmente, gaña o encontro quen posúe maior determinación. E o Celta non tivo onte esa convicción imprescindible. Houbo que agardar media hora para que os bos desprazamentos de Iriney e un par de centros magníficos de Núñez permitisen albiscar algunha esperanza de gol. Apenas quince minutos foron todo o fútbol con sentido que os celestes ofreceron. Na reanudación as cousas foron a peor: a febleza defensiva e unha incomprensible apatía de Oubiña na recuperación e distribución da pelota deixaron ao líder espido e a mercede dos caneos de Antoñito pola banda esquerda e do empuxe de Óscar Serrano polo centro. Tras o golazo cántabro, non abondou o paradón do penalti de Pinto para evitar o primeiro naufraxio. Por riba, Vázquez cos trocos, deixou ao equipo con menos banda e menor profundidade atacante, amosando a incapacidade de conseguir sequera o empate. Estes primeiros problemas demostran que o Celta precisa recuperar tensión e humildade (os valores das dúas primeiras xornadas), ademais de retocar un esquema de xogo que pareceu moi fráxil diante dun equipo de entidade semellante á nosa. O máis emotivo da tarde foron os acordes de “Negra sombra” en lembranza de Hermidita, autor, hai cincuenta anos, de máis dun centenar de goles celestes.

Teatro municipal

No artigo da semana propoño a recuperación do antigo “Cine Vigo” como teatro municipal. Na cidade onde comezará a funcionar este mes a Escola de Arte Dramática a carencia de infraestrturas teatrais, coa excepción do magnífico Teatro Ensalle (de carácter privado), é vergonzosa.

Campo do Fragoso II

DISCIPLINA E PACIENCIA
Vázquez demostrou no Bernabeu que, contando con doses suficientes de concentración e paciencia no control do tempo de xogo, esta tempada o Celta fóra do Campo do Fragoso tamén pode ser un equipo temible. A proeza de batir na propia casa ao Madrid foi posible grazas a un primeiro cuarto de hora primoroso no que os de Fernando amosaron a súa vontade inequívoca de despregarse con valentía sobre o terreo, fuxindo de calquera táctica medúlica de achantarse diante de Pinto agardando as temibles xenialidades dos galácticos. A partir do primeiro gol de Contreras (daba xenio velo tan entusiasmado), o ritmo criterioso na distribución da pelota de Borja Oubiña (a pesar da súa escasa participación no encontro, cando tocou o fixo dunha banda a outra cunha autoridade asombrosa) e o traballo defensivo infatigable de Iriney e Sergio (o mellor dos celestes, impecable na colocación e no corte), permitiron as trasnadas intermitentes de Canobbio e facilitaron as constantes subidas ata o córner de Núñez, que toleou ao pobre de Roberto Carlos. Os medios capitalinos –embobados polas bicicletas espectaculares de Robinho (a verdade é que o rapaz paulista xoga de marabilla)– recorren vergonzosamente á actuación arbitral para xustificar o desconcerto do seu millonario equipo, incapaz (sobre todo dende a saída de Gravesen “o leñador”) de facerlle fronte á disciplina táctica e á convicción dun cadro humilde como o noso. En Chamartín, o teimoso traballo en equipo arruinou a xenialidade das estrelas da radio.

Alameda centenaria

No artigo da semana lamento a triste situación provocada polas obras na Alameda viguesa. Magóa o estado de total abandono dun xardín histórico centenario, de importantísimo valor botánico e patrimonial, que merece protección.

Conservación da microtoponimia

No artigo da semana defendo a necesidade de conservar a microtoponimia. A iniciativa d’ “As Teixugueiras“, a primeira rúa do novo polígono de Navia, creo que debería constituír un interesante modelo para desenvolver en todo o país.

Campo do Fragoso I

DEBUT PROMETEDOR
Dous alustros de xenialidade foron suficientes para intuír que neste regreso do inferno da segunda podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria daquel equipo que tanto nos fixo soñar, e un cacheirón de tiraliñas do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez, abondaron para noquear a un ordenado e teimoso Málaga. Porque o domingo gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico polo que apostou Fernando Vázquez (4-2-3-1), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medios pivotes, onte Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña), para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos adoito en Balaídos a rianxeira.

Ardemos

Así titulei o artigo da semana. A verdade é que lendo as noticias de hoxe creo que me quedei curto e moi piadoso cos pirómanos.
Revisando nas seccións de opinión, tanto dos medios impresos como dos dixitais, non atopo ningunha outra referencia a este problema. Ardemos e queremos mirar para outro lado?

De volta

Seguindo o sabio consello de María non vou fardar do medio milleiro de fotos que fixen da viaxe nin enumerar o número de xeados, frapés, esprumatas e pizzas que catamos con entusiasmo.
De volta, o primeiro que fago para poñerme ao día é ler os faros atrasados e os bloglines de toda a semana. Atopo algunhas moi boas noticias (sobre todo a do nomeamento de Luis) e outras moi decepcionantes.
No artigo da semana intento chamar a atención sobre a alarmante situación da sinistralidade laboral, un tema do que, a pesar da súa gravidade, se fala moi pouco.

Cambio para Vigo

Hoxe no artigo semanal decidín abrir o debate cidadán sobre a necesidade dunha moción de censura. Touriño e Quintana deben tomar cartas no asunto, se non queren ter aberta unha perigosa vía de auga para o seu goberno.

Alborada