Campo do Fragoso XII

COLEXIADO GALÁCTICO
Unha das razóns polas que me gusta acudir aos estadios de fútbol é porque sei que alí sempre se representa un drama lonxanamente parecido ao da vida, onde os actores interpretan papeis que en parte están escritos e en parte son improvisados. Así sucedeu onte en Balaídos onde un magnífico Celta interpretou ao longo dos noventa minutos todas as escenas poéticas de maior beleza física e de virtuosismo futbolístico, provocando emocións a eito, facendo vibrar á bancada como ata agora nunca sucedera na tempada, monologando a pracer coa pelota no campo contrario, fartándose de amendrentar a un rival que esquecera totalmente o seu papel de prima dona e que impotente e avergonzado pedía a cada pouco a axuda do intelixente colexiado, que apuntaba sempre na súa dirección. Eis o paradoxo deste espectáculo, onde pode suceder, como lle aconteceu onte á noite aos celestes, que os que mellor xogan e máis merecen a vitoria acaden só ao remate do encontro unha fermosa e dóce derrota. Quizais esta sexa a razón pola que a pesar do resultado adverso e de que o gol marabilloso de Silviña non subise ao marcador, a afección celeste marchase satisfeita e se reconciliase co xogo seu equipo e coa valentía dos cambios do seu coraxudo adestrador. Do papel representado polo Real Madrid apenas se pode dicir que, coa excepción dalgúns detalles técnicos de Zidane e dos eficaces contragolpes brasileiros, interpretou un xogo tosco, lento, aburrido, defensivamente durísimo e moi antideportivo, débendolle o resultado a un colexiado galáctico que non o quixo nunca incomodar.

Memoria histórica

No artigo da semana, a raíz da publicación recente de dous libros magníficos, propoño tres tipos de accións claves para a recuperación da memoria histórica sobre a represión.

A fotografía corresponde a Volta dos Nove de Baiona.

Rosas murchas

No artigo da semana atrévome a propoñer unha reflexión, a partir do asasinato de Águeda González, sobre o insidioso fenómeno do terrorismo contra as mulleres. Teño unha certa perplexidade que sobre este tema se debata tan pouco nos nosos blos.

A tremenda viaxe da ministra

No artigo da semana recordo a viaxe que a ministra de Cultura fixo a Galicia a semana pasada.
Foto: La Opinión da Coruña.

Campo do Fragoso XI

SEGUNDOS DE OURO
Ao longo desta primeira volta a bancada de Balaídos sabe que as primeiras partes do Celta noso son, xeralmente, gozosas e de excelente xogo atacante e as segundas, case sempre, tan agónicas como decepcionamente defensivas. Non foi o encontro fronte a Real Sociedad unha excepción. Comezou cun recital de control no medio do campo a cargo de Borja Oubiña (un xogador incansable que medra en confianza e soltura) e Iriney (menos atolado que noutras ocasións), que permitiu que Placente e Baiano estragasen senllos goles practicamente feitos. Minutos despois, un potente pexegazo raso de Fabián Canobbio, precedido dun caneo seco e maxistral na fronte da área donostiarra, permitiu que os de Vázquez se adiantasen no marcador. Nesa acción xenial e marabillosa do uruguaio estivo o miolo dunha vitoria, tan merecida como sufrida na media hora final, que volve colocar aos celestes na loita polas posicións europeas. Johán Cruyff dixo que naquel Barsa do “dream team” quería xogadores que puidesen facer movementos decisivos en espazos pequenos, deportistas que traballasen o menos posible para aforrar enerxía de cara a esa acción decisiva. Non hai dúbida que Fabián Canobbio, que nos ten afeitos tanto a alustros de xogo marabilloso como a longas páxaras e ausencias no xogo, é desa clase tan escasa de xogadores artistas (Mostovoi foi o último do que gozamos no Celta) que lle prestan tanto a Cruyff. Paga a pena acudir a Balaídos para presenciar o milagre deses segundos de ouro con que nos pode agasallar.

Lingua de proximidade

No artigo da semana reflexiono sobre a necesidade de que os poderes públicos impulsen máis decididamente unha nova política lingüística.

Campo do Fragoso X

DEVALO
Nin os bos propósitos do ano novo, nin a presenza máxica dos tres magos e a alegría contaxiosa dos ranchos de reis sobre o terreo, nin a intensidade competitiva que se presupón aos partidos de Copa, nin os numerosos cambios no once habitual (case medio equipo novo), nin sequera as modificacións do esquema táctico vazquiano (xogou con dous dianteiros) foron onte capaces de parar o devalo no que caeu o Celta nos dous últimos meses. Como é adoito, o encontro comezou de forma esperanzadora: os celestes ordenados e moi disciplinados en defensa controlaban con autoridade o centro do campo, agardando que a velocidade de Perera e os caneos e pases interiores de Canobbio permitisen gañarlle as costas á defensa bética. Abondaron vinte minutos desa estratexia ofensiva para adiantarse no marcador e outros tantos para, cun pouco de fortuna no remate, ter unha cómoda vantaxe para asegurar a eliminatoria. Porén, e como tamén é adoito, tras a rigorosa expulsión de José Enrique, e faltando media hora para o remate do encontro, os de Vázquez viñéronse abaixo de forma estrepitosa e agasallaron totalmente o control do xogo a un Betis moi frouxo. Un preciso cabezazo de Lequi en propia meta e o protagonismo innecesario de Megia Dávila, que sacou de quicio coas súas arbitrariedades á bancada e o banco galegos, foron as inevitables consecuencias da impotencia céltica e da súa estratexia meduliana e acomplexada. É decepcionante que este Celta de inverno sexa totalmente incapaz de repoñerse das adversidades e avatares do xogo. Cómpre parar o devalo canto antes.

Campo do Fragoso IX

CAMBIOS URXENTES
Aos siareiros dóenos no corazón a humillante goleada que o Coruña endosou a un Celta incapaz de encarar o derby con algunhas garantías de éxito. Coa súa decepcionante actuación, a máis ruín e desganada que lle temos visto ultimamente, liquida a súa magnífica arrincada de tempada e contémplase impotente no espello da tristeza da bancada do Fragoso que soubo encaixar con enorme enteireza outro desastre fronte os nosos maiores competidores. Os problemas motivados pola falta de alternativas tácticas para remontar un resultado adverso, arrastrados nas segundas partes dos últimos partidos, agraváronse o sábado fronte a un rival tan antipático e ordenado defensivamente como consciente de que obter un bo resultado en Balaídos permítelle gañar moita credibilidade diante da súa afección durante varias semanas. A esta altura da liga, o Celta de Vázquez é un equipo fisicamente endeble e tacticamente moi previsible; un conxunto fráxil a quen os rivais xa lle pillaron a agulla de marear baseada nas intermitentes aparicións máxicas de Baiano e Canobbio. O Celta precisa cambios urxentes para evitar unha perigosa caída en barrena: Sergio non pode continuar un encontro máis no centro da defensa nin Iriney no medio pivote nin, sequera, Núñez na banda, xa que os tres amosaron unha alarmante baixa forma. Por moito que lle custe a Fernando modificar o seu once ideal, chegou o momento de comezar as rotacións e ofrecer oportunidades para Méndez, Jorge Larena, Roberto de Sousa, Aspas, Ridder ou Gustavo López. Fronte ao Barsa da marabilla podería ser un bo momento para inicialas.

Museos futuros

A partir da noticia do anuncio do traslado do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía á Coruña, no artigo da semana reflexiono sobre a rede museística viguesa e o papel dos museos futuros.

Indixestión editorial, indixencia lectora

No artigo da semana, a raíz da tramitación do anteproxecto da Lei do libro e da lectura, amplío a reflexión que fixera estes días sobre a conspiración lectora.