Campo do Fragoso LI

BOA CAROLADA
O Celta rematou este seu “annus horribilis” cunha contundente carolada fronte a un moi frouxiño Granada 74. Catro caroliños –como diría Derviche paseando con Roquiño polas Avenidas– en senllas catro bonitas chegadas dun equipo que ten moitísima calidade diante e carencias importantes de medio campo para atrás. Os incombustibles afeccionados que aínda acudimos ás matinais de Balaídos xa estamos afeitos ao esquema do paciente López Caro: un equipo sempre ordenado (4-2-4) que deixa a iniciativa no medio do campo ao rival, agardando o momento preciso para sacudilo nunha das galopadas dos extremos ou nunha pelota longa matada por algún dos seus dous dianteiros. Así sucedeu aos nove minutos cando Perera aproveitou un servizo preciso de Larena para bater a Jaime, o gardarredes do equipo andaluz. Como xa é adoito co marcador por diante, os galegos entregaron o control e, dende entón, o partido transcorriu dunha forma desesperadamente aburrida para os espectadores. Sen medio campo celeste ningún, as continuas chegadas de Aranda (os seus caneos tolearon a Rubén), o mellor dos granadinos, mereceron algún gol. Mais coa reanudación, chegou a avalancha do equipo celeste, apupado polas alancadas á inglesa dun espléndido Núñez, un futbolista tan honrado coma xeneroso no seu esforzo; deste xeito chegaron varias oportunidades clamorosas e o formidable remate de Quincy, aproveitando o entrebote, que sentenciaba o encontro co segundo gol. Tras o troco do internacional ghanés por Diego Costa, chegaron os mellores momentos do xogo celeste. En vinte e cinco minutos o mozo brasileiro destilou pingas da súa calidade de xogador de alta escola: agasallou un balón precioso para que Perera volvese marcar no minuto trinta e realizou unha xogada enorme (desas inesquecibles), con tres caneos consecutivos nun espazo pequecho e unha cesión precisa na frontal, para que Mario Suárez clavase cun pexegazo o seu primeiro gol coma celeste. Unha marabilla! O Celta demostrou onte que ten moito, moito ataque, e calidade abonda para afrontar a decisiva segunda parte da campaña coas maiores aspiracións. Celebremos esperanzados esta moi boa carolada que pecha un ano celeste que é mellor esquecer.

Etiquetas:

Vivenda digna

No artigo da semana analizo as “medidas 40” da Consellaría de Vivenda que dirixe Teresa Táboas. O traballo desta conselleira do BNG e do seu equipo paréceme modélico e, na miña opinión, como na expresada por outros, merece ser destacado e recoñecido.
Etiquetas:

"A Nosa Terra" centenaria

No artigo da semana sintetizo o texto da laudattio sobre o centenario d’ A Nosa Terra que preparei para A Noite da Edición 2007. Non teño dúbidas do papel esencial desta publicación: “O centenario proxecto editorial e xornalístico A Nosa Terra representa –pola súa insólita permanencia e capacidade de innovación e adaptación a cada momento histórico, pola súa inquebrantable lealtade co noso idioma e cos anceios de autogoberno– o papel esencial que nos corresponde aos editores en lingua galega: facer país promovendo a civilidade e a galeguidade dende a lectura na lingua de nós.”

Etiquetas: ,

Campo do Fragoso L

REMONTADA HEROICA
Os dez últimos minutos abondaron para que o Celta resolvese un encontro que dende a bancada dabamos por perdido. A expulsión no minuto dezaseis de Diego Costa (un xogador de indubidable calidade, mais que precisa madurar moito profesional e humanamente) malogrou o devir dun partido que o Celta comezou moi ben, apupado por cada unha das galopadas desequilibrantes pola banda de Quincy Owusu. En inferioridade, os de López Caro foron deixándose dominar polos pícaros sevillistas que, a piques de finalizar a primeira parte, sen buscalo atoparon un gol de falta nunha das cantadas ás que xa nos ten afeitos esta tempada Pinto. Coa reanudación, a pesar de modificar o esquema táctico (Canobbio subiu á media punta), non melloraron moito as cousas, transcorrían os minutos cun Celta desesperante na súa actitude indolente e incapaz de introducir un certo sentido no seu xogo atacante, semellando que marraría outra vez as posibilidade de engancharse na loita polo ascenso. Afortunadamente, foron as saídas de Guayre e Perera as que revolucionaron a temperatura anímica celeste. Unha gran xogada do canario permitiu que o estremeño cazase (no seu mellor estilo de bota de ouro) a igualada. O tanto espertou a un Quincy xenial que nunha das súas intentonas, cando faltaban só dous minutos, marcou o segundo tanto. Perera aínda tería outra oportunidade clarísima, salvada polo gardarredes andaluz, para aumentar o marcador. Dez minutos de coraxe, electrizantes, xogados co corazón, foron suficientes para devolvernos a ilusión. Con todo, esta primeira e importantísima vitoria (desas de seis puntos) de López Caro en Balaídos non pode ocultar as evidentes carencias que amosaron os celestes: a portaría está frouxa, a defensa sen Lequi e Contreras é moi fráxil, os medios centros son por agora interesantes proxectos de futuro (especialmente Mario Suárez), a dianteira sen Okkas (lesionado) e cun Canobbio e Núñez descentrados ten escasa pegada, e a dirección do adestrador (o que nos parece moi inquedante) tan ríxida como vacilante nos momentos máis decisivos. Celebremos con prudencia esperanzada esta ledicia, aínda que este Celta non está para botar moitos foguetes.

Etiquetas:

Ler para comprender o mundo

Inevitablemente no artigo da semana comento os resultados do Informe PISA 2006. Como son consciente das limitacións do informe (mais vale que a ministra fose, tamén, máis prudente), pretendín facelo dende a perspectiva da oportunidade que ofrece para enfrontar o reto da mellora da comprensión lectora e da alfabetización informacional. Estou convencido, como teño salientado noutras moitas ocasións, que conseguir que o alumnado acade unha competencia aceptable en lectura comprensiva e crítica, tanto sobre os soportes impresos como sobre os dixitais, é o gran desafío do noso sistema educativo non universitario. Hoxe o dilema xa non está entre “ler ou non ler”, o envite do futuro é “ler para comprender de forma crítica o mundo coas palabras de outros”.

Etiquetas:

Urbano R. Moledo

No artigo da semana fago unha semblanza da figura de Urbano R. Moledo, o dramaturgo galeguista de ideas socialistas que protagoniza Cardume, a novela de Rexina Vega. Tamén recupero do esquecemento os nomes doutras doce persoas que, coma el foron, fusiladas o 10 de decembro de 1936 no castelo do monte do Castro. A literatura como memoria resistente.

Etiquetas:

Campo do Fragoso IXL

IN EXTREMIS
Non hai dúbida de que ao Celta se lle atragoan as mañás en Balaídos. Tres matinais e senllos empates, sete encontros na casa e só dúas vitorias, son un pobrísimo balance para un equipo que pretende ascender, incapaz de enganchar dúas vitorias consecutivas. Saíu como é adoito, desque López Caro tomou as rédeas do plantel, moi ordenado, despregándose sobre o terreo cun impecable 4-2-4; un esquema que resultou claramente ineficaz diante dun Nástic que se plantou cun so punta, mais que soubo tecer unha malla tupidísima con catro mediocampistas feroces –o que impediu a fluidez e perigosidade dos toques e máis toques dos nosos dous apáticos estilistas (Larena e Canobbio)– agardando que un roubo de balón lles permitise sorprender por algunha das bandas. E así o conseguiron os cataláns no minuto dezaoito. Antonio López superou a Lukas e rematou dende o lateral esquerdo con moita intención un balón que Pinto rexeitou inocentemente cara adiante para que Calle (un pesadelo para a defensa nosa) rematase a pracer. Co encontro costa arriba e cos cataláns pechados, dende entón, a cal e canto, os celestes dominaron con claridade intentando unha e outra vez chegar á porta de Roberto (soberbio porteiro, o mellor xogador tarraconense). Houbo oportunidades a moreas, algunhas moi claras (como as de Canobbio, a porta baleira, varias dun Quincey bastante centrado ou unha de Lequi nun córner); outras malogradas por Perera, a quen lle ven grande a responsabilidade de ser primeiro dianteiro. Na reanudación, foron os trocos de Suárez, Costa e Okkas (preguntámonos se non deberon saír os tres dende o inicio?) os que permitiron aumentar a intensidade e profundidade do noso ataque. Tras a expulsión de Lequi e despois de que o arbitro embarullase o encontro de tarxetas, iniciado o desconto, chegou o remate de Rubén nunha das súas arroutadas atacantes. Tal como estaban as cousas de atoadas, o gol do defensa picheleiro foi celebrado como se dunha vitoria se tratase. A este Celta de López Caro, tan ordenadiño, como pouco organizado, faille falta un chisco máis de coraxe e xenialidade no remate, xusto o que lle permitiu a Rubén evitar in extremis unha derrota cantada dende a bancada.

Etiquetas:

O viño fala galego II

No artigo da semana volvo sobre a proposta de consumir viño etiquetado en galego, aproveitando, tamén, para falar da renovación do sector vitivinícola galego producida nas dúas últimas décadas (un modelo, por certo, do que se poden tirar algunhas experiencias na promoción exterior do libro galego).

Etiquetas:

Chispas de Quesada

No artigo de semana fago unha breve semblanza do traballo de Quesada en Faro de Vigo con motivo da presentación da súa antoloxía, o xoves 22 de novembro en Vigo.

Etiquetas:

Nunca Máis

Ao fío da anotación anterior, penso que debo recuperar para o blog o artigo publicado o chuviñento domingo 1 de decembro de 2002 en Faro de Vigo, o mesmo día que se celebrou a grande manifestación do Obradoiro. Repasando, agora o texto (e sen modificar nin unha coma nin a ortografía anterior á da reforma de 2003), despois de cinco anos, os argumentos que manexaba foron abondo premonitorios. Eis o texto titulado NUNCA MÁIS:

Cando escribo, nesta tarde grisenta de venres, a nova marea negra, a segunda, esa temible das once mil toneladas, aínda non chegou á costa galega. Horas antes, escoitei na Radio Galega a Enrique López Veiga, o conselleiro de Pesca, que advirte con voz preocupada que “Galicia se debe preparar para o peor” xa que a mancha de fuel está só a trinta quilómetros de Fisterra. Quince días despois do naufraxio do “Prestige” e, por vez primeira, un dos responsables da Xunta de Galicia expresa o seu temor diante do inevitable vento de poñente e da imposibilidade que teñen os sete barcos internacionais en continuar a súa loita contra esa enorme marea que conmociona a todo o planeta. A alerta de López Veiga é inmediatamente desmentida polo presidente da Xunta que na cadea Cope, logo de sinalar “a perfecta coordinación de todas as administracións” en relación co accidente, asegura que “os afectados poden respirar tranquilos diante do Nadal” xa que axiña terán as compensacións aprobadas polo Congreso dos Deputados. Noticias que se completan coa publicación do informe da Axencia Internacional de Investigación do Cancro que anuncia que os estudios epidemiolóxicos demostran que hai evidencias de abondo de que o fuel da Prestige contén substancias canceríxenas ou das declaracións dos técnicos franceses do CEDRE ao diario Liberation poñendo en dúbida as posibilidades de que o fuel se solidifique nas profundidades mariñas (unha evidencia incuestionable para o vicepresidente Mariano Rajoy).
Noticias todas elas –e non nos estendemos nin nas bochornosas cacerías dalgúns mem-bros do goberno galego, a pesar de que o seu presidente asegure que aforrou uns cantos cartuchos, nin nos exercicios de prepotencia de Aznar e dos seus ministros– que demostran que a catástrofe do “Prestige” vai deixando claras unhas cantas cousas. Primeira, a gravidade sen precedentes desta marea negra, o maior desastre ecolóxico provocado no planeta por un petroleiro, que devasta e devastará durante moito tempo a nosa beiramar, un patrimonio de toda a Humanidade. Segunda, a catastrófica xestión política (por utilizar unha palabra elegante e un ton de expresión moderado) desta crise por parte do goberno español e do “desaparecido” goberno galego, que unhas veces eludiron sen a penas inmutarse a súa responsabilidade, e outras tentaron agochar a información que posuían, deixando así orfos, impotentes e desasistidos aos habitantes deste país milenario que chamamos Galicia. E isto doe, isto desacouga, isto indigna.
Por que afectados pola marea negra son os percebeiros, os mariñeiros e as súas familias (máis de sete mil, ata o momento) que loitan cómo mellor poden contra o chapapote tóxico que estraga o seu medio de vida e rouba o seu porvir e o dos seus fillos. Por que afectados son todos os veciños dos concellos da beiramar coruñesa (Muxía, xa é outra das nosas vilas asolagadas) que comproban como a morte habita nas súas praias e pasea polos cantís. Por que afectados somos, tamén, o resto dos galegos que vemos cómo se arruína este noso patrimonio natural: dende os areais de Corrubedo aos de Baldaio e Barrañán, dende as nove parellas de arao común dos illotes de cabo Vilán ata os milleiros de aves gorecidas nos areais da Costa da Morte, pilladas no seu emigrante devalar; dende o percebe das rochas do Roncudo ata os criadeiros de fitoplancton, marisco e peixe.
A marea negra do “Prestige” está provocando, sen embargo, outro efecto imprevisto. Os galegos desta volta non calaron, transformaron a súa indignación nunha nova conciencia crítica mobilizadora que emerxe en múltiples iniciativas cívicas: dende os crespóns que comezan a verse sobre a bandeira nos balcóns da cidade, os peches de artistas, as roldas de correo electrónico, ata o xeneroso traballo dos voluntarios nas praias. Unha mobilización da sociedade civil que foi capaz de tirar dos adurmiñados partidos da oposición parlamentaria e, afortundamente, tamén dalgúns xornais e emisoras privadas que sitúandose coa opinión pública están seguindo de forma admirable o desenvolvemento da catástrofe e da crise política que esta provocou.
A cidadanía galega semella que estes días quere desatar os seus nós e saír do seu conformismo esixindo que nunca máis se repita esta catástrofe humana perfectamente evitable. Sabemos que coa marea do “Prestige” nos estamos xogando o noso futuro e a nosa dignidade colectiva. A esperanza para afontalo é non ceder á resignación nunca máis. ¡Nunca máis!

Etiquetas: