Feira do libro na Alameda
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Feira do Libro que dende hoxe está aberta na Alameda:
A relación da Alameda como espazo público co sector do libro iníciase en 1942 cando se instala na praza de Compostela nº 22 baixo, a Biblioteca Popular de Vigo, á que en agosto de 1945 se lle deu o nome de Jaime Solá, vigués de 1873, prolífico novelista popular, xornalista, fotógrafo notable, a quen se lle debe a gran obra que foi a revista Vida Gallega. A cativa biblioteca municipal en 1979 foi trasladada de forma «provisional» a uns baixos da rúa Romil, onde funcionou durante década e media, ata que no ano 1995 foi inaugurada no edificio Ferro da rúa Joaquín Compañel a chamada «Biblioteca Pública Central de Vigo».
En 1969 foi cando se celebrou a que pode ser considerada como primeira feira do libro de Vigo. Até entón, as mostras do libro eran organizadas de forma ocasional polo Ministerio de Información y Turismo e o Instituto Nacional del Libro Español (INLE), que instalaba na rúa do Príncipe diante do Pazo de Xustiza e cárcere os seus postos. Robles Piquer, presidente do INLE, quixo que o circuíto profesional de feiras do libro de España pasase por Galicia, alternándose, con carácter bienal, entre Vigo e A Coruña. A primeira edición celebrouse a finais de xullo de 1969 na Alameda, con cincuenta casetas. Na segunda de 1971, participaron corenta expositores, dos que unha ducia eran librarías viguesas. A terceira, de 1973, modificou o seu calendario para facela coincidir coa celebración da Exposición Mundial da Pesca, a instancias de don Antón Patiño Regueira, o inesquecible libreiro de Librouro e animador da feira dende a súa primeira edición.
Patiño e os libreiros vigueses do seu tempo, sendo alcalde de Vigo Joaquín García Picher, desexos de levar á rúa os aires de liberdade, galeguismo e democracia dos que eran portadores os libros, tiveron a coraxe de conseguir que a partir da cuarta edición, a de 1975, a convocatoria fose xa anual. Dende entón, os libros ocuparon o corredor lateral da Alameda, onde colocaron os seus postos, coa intención de facelos visibles diante de toda a cidadanía que, en moitos casos, nunca se atrevera a franquear a porta da libraría, concibida daquela como un templo sagrado destinado só ás minorías de intelectuais e afeccionados á lectura. Naquela edición, na que venderon case doce millóns de pesetas, asinaron na feira da Alameda Celso Emilio, Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro, sendo o autor máis solicitado Gonzalo Torrente Ballester.
Daquela, nos anos difíciles do Tardofranquismo e da Reforma Política, o libro constituía unha ferramenta de afirmación cívica e galeguista indispensable para conquistar as liberdades, a democracia e a recuperación da lingua e cultura galegas. Como xa fixera Coruña antes, Vigo incorporábase ás cidades pioneiras que contaban con feiras do libro organizadas por libreiros locais, recuperando así iniciativa e o espírito que en 1933 os libreiros madrileños tiveran de levar ao Paseo de Recoletos a luz dos libros.
O libreiro don Antón Patiño Regueira, figura cultural esencial e memoria cívica de ferro, a quen a cidade de Vigo aínda debe un recoñecemento, axudou a descubrir que camiñar devagar a Alameda viguesa, seguindo a liña conformada polas casetas da feira do libro, permitía ignorar o estrondo de automóbiles e, porén, identificar o canto dos paxaros. Para el, así o contaba, pararse diante dos mostradores facilitaba descubrir os múltiples matices da luz que reflicten as edificacións pétreas que rodean este rectángulo natural.
Con semellante sintaxe, durante catro décadas a Feira do Libro de Vigo se celebrou na primeira decena do mes de xullo no paseo lateral, a que semanas despois continuaba a Feira do libro vello e de ocasión. O libro protagonizaba o verán da Alameda coa montaxe das casetas de García Olloqui a Concepción, nas edicións que chegaron a participar cincuenta expositores. Como arredor da fonte deseñada por Bugallo se fixeron centos de actividades literarias, coa presenza das firmas máis acreditadas das nosas letras.
Coincidindo coa crise de 2008 e coa Covid 19, que provocou un descenso do número de expositoras, a Feira do Libro desenvolveu unha traxectoria errática buscando acubillo na Porta do Sol, na rúa do Príncipe, na rúa Progreso até o paseo do Calvario, que nunca resultou suficiente e atractiva para o lectorado e para a cidadanía. Por ventura, en 2024, a Feira do Libro de Vigo regresou con éxito á Alameda abrindo unha nova etapa de entusiasmo. Mañá abre a LIIª edición cun atractivo programa de presentacións e sinaturas dun cento de escritoras e escritores. Excelente noticia para o lectorado vigués como para a propia Alameda, que recupera un dos seus paseos laterais arborados para usos estritamente culturais, espazo amable de encontro de autores e autoras co seu lectorado, tamén de acougo e frescor, o que co bochorno que vai é unha beizón.



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir