Listado de la etiqueta: biblioteca_juan_compañel

Feira do libro na Alameda

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á Feira do Libro que dende hoxe está aberta na Alameda:

A relación da Alameda como espazo público co sector do libro iníciase en 1942 cando se instala na praza de Compostela nº 22 baixo, a Biblioteca Popular de Vigo, á que en agosto de 1945 se lle deu o nome de Jaime Solá, vigués de 1873, prolífico novelista popular, xornalista, fotógrafo notable, a quen se lle debe a gran obra que foi a revista Vida Gallega. A cativa biblioteca municipal en 1979 foi trasladada de forma «provisional» a uns baixos da rúa Romil, onde funcionou durante década e media, ata que no ano 1995 foi inaugurada no edificio Ferro da rúa Joaquín Compañel a chamada «Biblioteca Pública Central de Vigo».

En 1969 foi cando se celebrou a que pode ser considerada como primeira feira do libro de Vigo. Até entón, as mostras do libro eran organizadas de forma ocasional polo Ministerio de Información y Turismo e o Instituto Nacional del Libro Español (INLE), que instalaba na rúa do Príncipe diante do Pazo de Xustiza e cárcere os seus postos. Robles Piquer, presidente do INLE, quixo que o circuíto profesional de feiras do libro de España pasase por Galicia, alternándose, con carácter bienal, entre Vigo e A Coruña. A primeira edición celebrouse a finais de xullo de 1969 na Alameda, con cincuenta casetas. Na segunda de 1971, participaron corenta expositores, dos que unha ducia eran librarías viguesas. A terceira, de 1973, modificou o seu calendario para facela coincidir coa celebración da Exposición Mundial da Pesca, a instancias de don Antón Patiño Regueira, o inesquecible libreiro de Librouro e animador da feira dende a súa primeira edición.

Patiño e os libreiros vigueses do seu tempo, sendo alcalde de Vigo Joaquín García Picher, desexos de levar á rúa os aires de liberdade, galeguismo e democracia dos que eran portadores os libros, tiveron a coraxe de conseguir que a partir da cuarta edición, a de 1975, a convocatoria fose xa anual. Dende entón, os libros ocuparon o corredor lateral da Alameda, onde colocaron os seus postos, coa intención de facelos visibles diante de toda a cidadanía que, en moitos casos, nunca se atrevera a franquear a porta da libraría, concibida daquela como un templo sagrado destinado só ás minorías de intelectuais e afeccionados á lectura. Naquela edición, na que venderon case doce millóns de pesetas, asinaron na feira da Alameda Celso Emilio, Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro, sendo o autor máis solicitado Gonzalo Torrente Ballester.

Daquela, nos anos difíciles do Tardofranquismo e da Reforma Política, o libro constituía unha ferramenta de afirmación cívica e galeguista indispensable para conquistar as liberdades, a democracia e a recuperación da lingua e cultura galegas. Como xa fixera Coruña antes, Vigo incorporábase ás cidades pioneiras que contaban con feiras do libro organizadas por libreiros locais, recuperando así iniciativa e o espírito que en 1933 os libreiros madrileños tiveran de levar ao Paseo de Recoletos a luz dos libros.

O libreiro don Antón Patiño Regueira, figura cultural esencial e memoria cívica de ferro, a quen a cidade de Vigo aínda debe un recoñecemento, axudou a descubrir que camiñar devagar a Alameda viguesa, seguindo a liña conformada polas casetas da feira do libro, permitía ignorar o estrondo de automóbiles e, porén, identificar o canto dos paxaros. Para el, así o contaba, pararse diante dos mostradores facilitaba descubrir os múltiples matices da luz que reflicten as edificacións pétreas que rodean este rectángulo natural.

Con semellante sintaxe, durante catro décadas a Feira do Libro de Vigo se celebrou na primeira decena do mes de xullo no paseo lateral, a que semanas despois continuaba a Feira do libro vello e de ocasión. O libro protagonizaba o verán da Alameda coa montaxe das casetas de García Olloqui a Concepción, nas edicións que chegaron a participar cincuenta expositores. Como arredor da fonte deseñada por Bugallo se fixeron centos de actividades literarias, coa presenza das firmas máis acreditadas das nosas letras.

Coincidindo coa crise de 2008 e coa Covid 19, que provocou un descenso do número de expositoras, a Feira do Libro desenvolveu unha traxectoria errática buscando acubillo na Porta do Sol, na rúa do Príncipe, na rúa Progreso até o paseo do Calvario, que nunca resultou suficiente e atractiva para o lectorado e para a cidadanía. Por ventura, en 2024, a Feira do Libro de Vigo regresou con éxito á Alameda abrindo unha nova etapa de entusiasmo. Mañá abre a LIIª edición cun atractivo programa de presentacións e sinaturas dun cento de escritoras e escritores. Excelente noticia para o lectorado vigués como para a propia Alameda, que recupera un dos seus paseos laterais arborados para usos estritamente culturais, espazo amable de encontro de autores e autoras co seu lectorado, tamén de acougo e frescor, o que co bochorno que vai é unha beizón.

 

Vigo cidade da literatura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a propoñer a candidatura de Vigo como cidade da literatura da Unesco:

A declaración como Patrimonio da Humanidade foi a estratexia que seguiron quince cidades españolas, entre elas Santiago de Compostela, para conservar o patrimonio monumental dos seus cascos históricos. Tamén a UNESCO desenvolveu unha rede de cidades creativas, hoxe máis de 250, coa intención de promocionar o desenvolvemento local dende o eido da creación e da diversidade das artes. Nesta rede naceu o programa «Cidade da literatura da UNESCO», dedicado as cidades que ofrecen un espazo de intercambio literario e de creación cara o mundo dos seus autores e autoras. Distinción que recoñece a excelencia literaria e apoia os proxectos editoriais que contribúan a acadar públicos lectores máis amplos e diversos posibles, tanto a nivel local como internacional. Iniciada en Edimburgo, primeira cidade da literatura 2004, recoñecía a ampla nómina de autorías da capital escocesa, mais tamén os seus cafés literarios, o seu Festival Internacional do Libro, o maior do mundo, e a súa rede de bibliotecas e librarías. Seguiron á cidade de Robert Louis Stevenson, entre outras, Granada (2014), Barcelona e Óbidos en 2015, Rio de Janeiro (2023) e Lund e Aberystwyth o pasado 2025.

Para outorgar o nome «Cidade da literatura», a UNESCO valora o cumprimento dunha serie de requisitos. Primeiro, contar cun catálogo de autorías e títulos enraizados ou localizados na cidade. Segundo, tratarse dunha cidade do libro e da lectura, entendendo como tal a que mantén unha actividade editorial destacada, tanto en calidade, cantidade como diversidade de oferta. Terceiro, desenvolver unha actividade literaria relevante para a vida cultural da cidade, por medio de clubs de lectura, presentacións ou lecturas de novidades formando parte da axenda local. Cuarto, dispoñer dunha rede de bibliotecas, librarías e centros culturais, públicas e privadas, onde se faga visible decote a literatura local e foránea. Quinto, organizar festivais literarios, feiras do libro, residencias literarias e outros acontecementos coa presenza de autorías destinados a promover a literatura propia e a traducida. Por último, a UNESCO valora a implicación dos medios de comunicación locais, impresos e dixitais, na promoción da lectura e na consolidación dun mercado para produtos literarios dirixidos a públicos diversos, dende o infantil e xuvenil ao do lectorado adulto.

Lendo estes requisitos é inevitable preguntarse que posibilidades tería Vigo de ser declarada «cidade da literatura UNESCO» e integrarse na selecta rede mundial de cidades creativas no eido do libro e da lectura, hoxe con cincuenta e tres membros. Nunha lectura devagar de cada un deles, non parece disparatado que Vigo preparase a súa candidatura. Primeiro, o carácter literario forma parte do ADN de Vigo, creado polo poeta Martín Codax, iniciando así un mapa literario cuxa versión máis actualizada identifica 153 autores e autoras, 285 títulos narrativos e máis de 3.300 referencias. Segundo, chamado pola crítica académica «Vigo noir» e «Vigo literario», este fenómeno casa cunha actividade editorial desenvolvida dende hai dous centos anos, indiscutible capital do libro en galego, dende hai setenta e cinco, ademais de oitava cidade española por número de títulos editados e libros impresos. Terceiro, Vigo conta co Hematofesti, festival de literatura infantil e humor e cos premios Carlos Oroza de poesía e co anunciado Ángeles Terrazo de novela, ademais dunha oferta de librarías culturais, con máis de catro décadas de experiencia, como Librouro e Cartabón, distinguidas pola Federación de Editoras de España pola súa actividade de promoción literaria. Cuarto, os medios vigueses dedican atención continuada ao feito literario, con especial relevancia Faro de Vigo, xornal decano que dende hai máis de dúas décadas publica en galego o suplemento Faro da Cultura.

Certo é que Vigo posúe o hándicap da precariedade da súa oferta bibliotecaria, por carecer dunha biblioteca do estado, como pola errática política municipal que, tras a apertura da Biblioteca Xosé Neira Vilas, optou por instalar salas de estudo en Navia, Beiramar e Teis, identificándoas como bibliotecas públicas, aínda que non o son. Se crease unha rede de bibliotecas municipais, como centros de fomento da lectura e da actividade literaria, e integrase nela as bibliotecas especializadas da Fundación Penzol, do Instituto de Estudios Vigueses, da Universidade de Vigo e do Arquivo do Porto de Vigo, esta candidatura viguesa tería moitas posibilidades de saír adiante. Sería posible facer coincidir en 2030 esta designación da UNESCO coa apertura prevista da biblioteca pública do estado? O sector privado do libro debería colaborar co concello na preparación desta candidatura que proxectaría o Vigo literario no mundo.

Sen bibliotecas públicas

Sendo capital editorial de Galicia dende hai 75 anos, Vigo padece unha grave carencia bibliotecaria. Con apenas dúas bibliotecas públicas, a Juan Compañel (1995), no edificio Ferro, xestionada pola consellaría de cultura, e a municipal Xosé Neira Vilas (2011), no barrio do Calvario e de xestión privada, Vigo padece un inédito negacionismo bibliotecario das autoridades locais que identifican as salas de estudo con acceso a Internet, sen libros nin outros fondos, coas bibliotecas públicas. Doutrina coa que se abriron os espazos de estudio do Auditorio e de Navia, que cumprindo un valioso servizo público a estudantes e opositoras, non poden entenderse de xeito ningún coma bibliotecas. Abonda con consultar o dicionario da Academia para saber que «unha biblioteca é un conxunto elevado de libros destinados á lectura do público», ao que cómpre engadir o seu carácter interxeracional e  a súa responsabilidade no fomento da lectura. Carencia que podería ser mitigada pola apertura dunha Biblioteca Pública do Estado, prometida dende hai dúas décadas polo ministerio de cultura, que por liortas entre Concello e Xunta, que por desgraza continúan, nunca acaba de arrincar. O de Vigo sen bibliotecas é unha anomalía que, por desgraza, desmerece a calidade de vida da propia cidade. Conviña revisala.

Publicado en A Movida, abril 2025.

Museo de Vigo na Panificadora

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño a creación do Museo de Vigo na Panificadora:

Vigo precisa un museo de historia da cidade. Unha vella reclamación do Instituto de Estudios Vigueses e doutras entidades culturais que dende hai décadas reclaman a creación dun museo municipal que contribúa a conservación do patrimonio histórico e cultural vigués e a memoria dunha cidade portuaria bicentenaria. Un museo de Vigo para o que por ventura podería contarse cunha localización de privilexio dentro do proxecto de recuperación da Panificadora, catedral laica da cidade, situada no corazón do Vigo Vello, a carón do Campo de Granada e do paseo de Afonso, entre o Berbés e o monte do Castro, ambos os dous espazos de orixe da propia cidade. Unha oportunidade extraordinaria, probablemente única, que tras catro décadas de abandono podería transformar as arruinadas edificacións de panificación centenarias, deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi, nun moderno centro de interpretación dirixido tanto ao desfrute da veciñanza viguesa, con atención preferente a súa utilización educativa por escolares e persoas maiores, como a procurar a atención das visitantes, tanto as que fan noite en Vigo como aqueloutras que fan escala durante unhas horas na Estación Marítima.

Sei que hai quen pensa que ese Museo de Vigo xa existe en Castrelos, desde que o 12 de decembro de 1924 o Marqués de Alcedo cedeu ao concello de Vigo o pazo e parque da súa propiedade para «transformalo en museo de arte rexional». Mais quen teña visitado o Pazo Quiñones de León, aberto en 1935 e xestionado durante catro décadas por Ángel Ilarri Gimeno, comprende axiña o estado precario da extraordinaria colección da sala de Arqueoloxía, inaugurada en 1959 e ampliada a partir das escavacións do Castro de 1970, que precisa de máis espazo e dos recursos da moderna museoloxía dixital para presentar os seus fondos de Prehistoria, Cultura Castrexa e Romanización. Unha sala de arqueoloxía, celme do Vigo castrexo e romano, na que pezas tan senlleiras como o cipo púnico de Toralla ou as estelas e aras romanas da necrópole do Areal descubertas en 1953 non reciben o tratamento que merecen estas iconas viguesas. Como é moi cativo o departamento de historia do Museo de Castrelos, que non ofrece un relato cronolóxico completo da historia viguesa, mesmo de episodios tan destacados como as guerras con Portugal, a batalla de Rande ou da Reconquista, a pesar de conservar pezas emblemáticas como o sabre do Mariscal Soult ou a bandeira das alarmas do Fragoso.

Vigo precisa un museo histórico potente que entre as súas finalidades figure a de recuperar o patrimonio vigués espallado polo mundo en diversos museos. Unha lista de pezas, outras tantas iconas viguesas, onde non pode faltar o tímpano de pedra da igrexa gótica de Santa María de Vigo, hoxe no Museo de Pontevedra; a imaxe de Cristo Salvador da igrexa románica de Santiago de Vigo, hoxe no Museo Arqueolóxico de Madrid; o estandarte e a aguia napoleónica da fragata Atlas, hoxe no Museo Naval de Madrid; o pergameo Vindel coas cantigas musicadas de Martin Codax, hoxe na The Morgan Library de Nova York; o arquivo fotográfico Llanos, hoxe en Ribadavia, entre outras. Museo de Vigo que reunise a decena de grandes arquivos fotográficos vigueses, dende Pacheco a Magar, como o catálogo esencial do monumental Vigo granítico e dos seus arquitectos do século XX, con interese especial ao Patrimonio Arquitectónico Industrial e ao Vigo de vontade metropolitana deseñado polo tranvía (1914-1968). Museo de Vigo que debería ser centro de interpretación do oppidum do Castro e do mito fundacional da Reconquista. Museo de Vigo que é tamén o do seu porto e das súas actividades pesqueiras e industriais, tamén das súas liñas transoceánicas e de visitantes destacados, dende Verne a Einstein, tamén o da súa actividade editorial e o seu asociacionismo empresarial, sindical e social.

A proposta da instalación do Museo de Vigo na renovada Panificadora non obedece só a cuestións de oportunidade, como tamén do deseño ao seu arredor dunha rede de institucións e entidades municipais próximas vinculadas coa investigación e conservación do patrimonio: o Arquivo municipal na Casa do Concello, a Biblioteca Penzol na Casa Galega da Cultura, a Biblioteca Juan Compañel no Casco Vello baixo, o Instituto de Estudios Vigueses no Berbés, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego no Casco Vello alto, o Marco en Príncipe, a Casa das Artes en Policarpo Sanz… Un Museo de Vigo concibido como estratexia de acción cultural compartida e preferente no horizonte de 2050, que liderada polo concello debería implicar ao resto das administracións (Unión Europea, Zona Franca, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia) e ao tecido asociativo e á industria cultural viguesa. Toca remar a todos polo Museo de Vigo.

Competimos no Centenario

Foi o do venres un serán celtista cento por cento, tanto na previa musical do Centenario coa participación no palco de Dakidarria e Keltoi, trobadores do celtismo contemporáneo, como despois co agre resultado no tapiz do Fragoso cun Madrid rochoso que por riba contou cos suplementos decisivos do equipo arbitral e da deusa Fortuna. Apenas outra páxina de ledicias celestes e padeceres celtistas combinados na semana na que as expectativas da celebración do histórico vinte e tres de agosto de mil novecentos vinte e tres quedaron case en augas de bacallau, reducidas apenas a instalación dunha pequena placa conmemorativa no interior da sala de lectura da Biblioteca Juan Compañel, con grallas ortotipográficas incluídas, contando só coa presenza da directiva e o secretario xeral de Cultura da Xunta, e a celebración posterior dun acto en Mos con escaso argumento. Celebracións institucionais nas que provoca vergonza allea o escaso peso outorgado polo club á participación da afección e a ausencia do alcalde de Vigo, que representa a toda a veciñanza celeste e a cidade razón de ser do equipo, ademais de xenerosa propietaria dun estadio en completa reconstrución. Outro despropósito institucional de Carlos Mouriño mitigado de xeito informal polo celtismo que no serán do vinte e tres quedou polas redes ás portas de Balaídos para celebrar con cánticos e bengalas a proeza centenaria da fusión do Fortuna e Sporting de Vigo como club dunha cidade e dun país.

Unha semana decepcionante tamén no eido deportivo, na que despois dun xiro de guión imprevisto rematou a telenovela do traspaso de Gabri Veiga finalmente á liga de Arabia Saudí. Unha oferta desas que din imposibles de rexeitar que fará millonario ao rapaz do Porriño ao tempo que anulará por unhas cantas temporadas o seu crecemento como xogador, o que podería ser considerado como un fracaso formativo da canteira da Madroa. Outro de tantos paradoxos dese maldito fútbol moderno, un camiño saudita, por outra banda escasamente novidoso, transitado xa polos odiosos Santi Mina e Luis Rubiales, que levou alí a Supercopa española por unha millonada. Un traspaso o de Veiga que dende hai tempo precisaba Carlos Mouriño para que Luis Campos parchease –certo que con tres ou catro semanas de atraso e co Celta nos postos de pechacancelas dunha liga comezada– o cadro de celestes debilitado en cada unha das catro liñas, carencias na que insiste o adestrador Rafael Benítez na súas comparecencias coa súa admirable claridade didáctica.

Neste contexto tan celtista, un espazo híbrido entre a ilusión e a decepción, máis de vinte mil voces celestes compartiron o himno de C. Tangana, provocando unha reacción emocional irresistible que contaxiou aos de Benítez dende o minuto inicial. Co empurrón de Mingueza pola banda o Celta conseguiu marcar en apenas tres minutos, grazas a un taco de Larsen que desviou un xute de Beltrán dende a frontal. Ledicia estrondosa da bancada viguesa interrompida polo árbitro tras a consulta coa pantalla VAR, que polo seu xesto interpretamos obedeceu a que noruegués tirou da camisola ao gardameta, sen considerar (abonda ver a repetición da xogada) que o visitante antes agarrara o celeste polo brazo para incomodarlle o remate. Un misterioso erro de apreciación arbitral que condicionou completamente o partido e, o que aínda foi máis lamentable, iniciou unha serie de decisións polémicas que prexudicaron ao Celta, sobre todo o penalti (inexistente para o ollo humano) sinalado na segunda parte nunha entrada a Rodrygo por parte de Iván Villar que o porteiro de Aldán pararía despois. Pouca cousa se lembramos que na visita anterior a Balaídos foron tres os penaltis a prol do Madrid noutra arbitraxe esperpento, na que ao Celta tamén lle anularon un gol.

A pesar deste condicionante, o Celta competiu moi ben, amosando que o traballo de Benítez, a pesar das carencias nalgunhas posicións, comeza a callar. Froito dun traballo defensivo admirable e dunha paciencia encomiable os nosos tiveron máis oportunidades de marcar cos visitantes. Mágoa que a Aspas, Larsen, Bamba, Beltrán ou Mingueza lle faltase esa puntería diferencial, esa pausa duns segundos que antecede ao gol. Como faltaron eses segundos de concentración a Aidoo para poder evitar a arteira cabezada de Bellingham (fanfurriñeiro como o primeiro Cristiano Ronaldo) que noqueou aos celestes faltando apenas dez minutos para chegar a porto. Así e todo, a bancada agradeceu un bo partido dos nosos e unha mellora apreciable da súa capacidade competitiva que debe consolidarse en vindeiras xornadas contando coas chegadas das fichaxes anunciadas.

Faro de Vigo: 27/08/2023

 

Día das bibliotecas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día internacional da biblioteca e a situación da rede de bibliotecas municipais de Vigo

O pasado sábado celebrouse o Día Internacional da Biblioteca destacando o papel decisivo que xogan estas institucións culturais e educativas especializadas en lectura ofrecendo acceso libre á información, á cultura, ao coñecemento e ao lecer en calquera lugar e circunstancia. Unha efeméride conmemorada dende 1997, a proposta da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura e polas diversas CC.AA., en lembranza do incendio e posterior destrución da Biblioteca Nacional Bosnia de Saraievo en 1992, tras un ataque das milicias serbias con proxectís de fósforo destruíndo dous millóns de libros, incluídos máis de 700 manuscritos e incunables e 150.000 rarezas bibliográficas e tesouros da cultura bosníaca.

Celebrada en todo tipo de bibliotecas (públicas, escolares, privadas e especializadas), este día pretende salientar a importancia da biblioteca como espazo de encontro de lectores e lectoras de todas as idades coa cultura e coa información, sexa cos textos (libros, xornais ou revistas) publicados en soportes impresos ou accesos dixitais, fose con contidos musicais, audiovisuais ou xogos interactivos, ademais dun instrumento de mellora e formación da convivencia humana.

Día das bibliotecas nas que a pesar das restricións obrigadas pola etiqueta sanitaria do Covid-19 centos de bibliotecas escolares abriron en Galicia as súas portas, nunha emocionante mobilización lectora sen precedentes que na actual contorna da pandemia enche os depósitos de esperanza dos que cremos na lectura como panca de cidadanía.

Como tamén serviu a xornada, no actual contexto de hibridación da lectura, no que o libro impreso comeza a compartir o seu protagonismo cos accesos dixitais, para reabrir o debate sobre o futuro das bibliotecas públicas e súa necesidade de reinventarse nos cinco continentes como células culturais básicas que atraen milleiros de usuarias sexa pola súa arquitectura singular como por deseñarse como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e mocidade, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros posibles servizos.

Mágoa que en Vigo, a pesar de ser a capital editorial de Galicia e unha das cidades do estado máis destacadas na edición de libros, a celebración do día das bibliotecas obrigue a lembrar as cifras que representan a anemia bibliotecaria que a cidade padece dende hai tres décadas. Vigo continúa sendo a cidade galega pechacancelas no que atinxe ao seu número de libros en bibliotecas públicas en relación ao seu censo de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño, moi lonxe dos 2,54 da Coruña e 2,60 de Pontevedra); como conta só con dúas bibliotecas públicas (a Juan Compañel da Xunta de Galicia e a Xosé Neira Vilas de titularidade municipal), unha dotación moi insuficiente fronte á tupida rede dunha ducia de centros cos que conta a cidade da Coruña, dez deles sostidos polo concello herculino.

Vigo necesita máis libros e máis bibliotecas que faciliten o encontro da veciñanza e o acceso á información e á cultura nos diversos formatos. Vigo precisa tecer a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables desta anemia bibliotecaria. Un proxecto que, en primeiro lugar, pasa por abandonar o disparatado modelo municipal actual das salas de lectura, «bibliotecas sen libros e sen persoal bibliotecario», como as abertas no edificio do auditorio Mar de Vigo, en Bouzas e Navia, adoptando con carácter xeral, xa dende a prevista para Teis, o modelo dinamizador da moi exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade aberta para facer efectivo o compromiso do Goberno de España de construír a devecida Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración de arquitectura singular, concibida como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro. Agardemos que a posibilidade de recuperar o proxecto das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.

Onte 2056: A reinvención da biblioteca pública en Vigo

O mesmo día que Faro de Vigo publicaba que Vigo é a cidade galega menos dotada de libros, en relación ao seu número de habitantes (apenas 0,7 exemplares de publicacións impresas por veciño), lin unha reportaxe moi suxestiva na edición electrónica de La Presse (Québec) sobre como as bibliotecas públicas se reinventan en todo o mundo como ágoras que atraen cada vez un maior número de usuarios. Outro paradoxo deste Vigo puro milagre que necesita máis libros ca luces. Producida en tempos  de hibridación dixital e da ameaza de Amazon de monopolizar a distribución do libro (tanto impreso como dixital), esta reinvención do modelo de biblioteca pública pretende convertela nun espazo arquitectóinico singular que facilite o encontro cidadán e o acceso á información nos diversos formatos.

Novas bibliotecas, das que existen moitos modelos nos Estados Unidos e Canadá, mais tamén en Europa, concibidas como espazos de socialización interxeracional, accesibles e gratuítos para todos, dende os bebés ás persoas maiores, abertas en horarios alongados (algunhas até as 24 horas), que contan con salas de lectura, escritura, impresión e formación, espazos especializados para crianzas e para adolescentes, ludotecas, mediatecas, salas de videoxogos ou cinema, salas de exposicións e até cafetaría, entre outros servizos.

Vigo precisa reinventar a súa inexistente rede bibliotecaria pública, unha demanda cidadá non atendida dende hai tres décadas polos diversos gobernos municipais e as administracións do estado e autonómica, corresponsables da anemia bibliotecaria viguesa. Unha reinvención que pasa por abandonar o actual modelo municipal das salas de lectura,  “bibliotecas sen libros e sen bibliotecarias” (como a que abriu en Navia e como a que está previsto abrir en Teis), adoptando con carácter xeral o da exitosa Biblioteca Xosé Neira Vilas do Calvario, a mellor noticia para a cultura bibliotecaria viguesa da última década.

Mais pasa tamén por non estragar a posibilidade que abre o novo goberno de Sánchez no Goberno de España e facer efectivo o seu compromiso de construír a Biblioteca do Estado nos terreos cedidos polo concello no Chouzo. Unha biblioteca de nova xeración, concibida como as canadianas como espazo comunitario de acceso á información e á lectura hibridada. Unha gran biblioteca, xestionada pola Consellaría de Cultura, que substituiría como central á actual Juan Compañel, que debería integrarse na rede bibliotecaria municipal para dar servizo á cidadanía do Vigo Vello e do centro da cidade. Agardemos que nesta lexislatura a imprescindible reinvención das bibliotecas públicas viguesas non quede en auga de castañas.