Alborada do fútbol vigués

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao coloquio organizado polo Instituto de Estudios Vigueses sobre os albores do fútbol en Vigo entre 1873 e 1923:

Rematada a gran campaña do Celta, con clasificación europea do primeiro equipo como sexto na Liga e playoff de ascenso do Celta Fortuna como subcampión de 1ª RFEF, a tempada deu tamén bos froitos para incrementar o acervo da cultura celtista. Entre as publicacións destaca o libro de Xavier Sánchez Pazos, Un equipo para un país. O Celta e a galeguidade (Rio 1923), coidada edición da que é a primeira historia social do Celta. Obra monumental de lectura aditiva, moi recomendable, froito dunha investigación que rescata numerosos datos de erudición celtista sobre un equipo potente creado para transcender o local e representar a Galicia nos campionatos de liga. Libro fonte de 464 páxinas supera aos catro volumes de Historia del Celta (Faro de Vigo 2012) de Fernando Gallego Arzuaga, referentes até agora.

Idéntica orientación de incrementar a nosa cultura futbolística tivo o animadísimo coloquio do Instituto de Estudios Vigueses sobre «Football e o Vigo moderno. Do Exiles ao Celta», na que intentamos reconstruír os cincuenta anos de fútbol vigués, anteriores a creación do Celta como fusión do Real Vigo Sporting CF (1913) e o Real Fortuna (1905). Ramón Cabanelas abordou a protohistoria do fútbol vigués. Defendeu o carácter de Vigo como porto onde primeiro se xogou ao fútbol en España, en base a noticia de Faro de Vigo de 8 de xuño de 1876 que anuncia «os ingleses [refírese aos empregados do Cable Inglés chegados en 1873] xogan a pelota»; no mesmo ano no que se funda o Académica de Coímbra, o club de fútbol máis antigo da península que está celebrando o seu sequiscentenario. Con todo, será o 7 de decembro de 1880 cando aparece en Faro de Vigo a que pode considerarse a primeira mención concreta ao fútbol en Vigo: «Moitos ingleses pasaron a tarde de onte xogando á pelota nos Cadros do Malecón». Noticias posteriores e fotografías identifican o Exiles F.C. (1903) de empregados do Cable Inglés como primeiro club de fútbol de Vigo.

Nos albores futbolísticos vigueses teñen importancia decisiva as dúas primeiras décadas do século XX, cando Vigo se industrializa como porto atlántico, duplica a súa poboación até os 78.000 mil habitantes, conta cun servizo metropolitano de tranvía, numerosas publicacións periódicas, unha punxente actividade do sport en diversas modalidades e ximnasios e dun asociacionismo de lecer diverso, expresión do movemento moderno. Non é de estrañar que fose na Escola de Artes e Oficios, prendesen en 1903 os dous primeiros gromos do Celta, o equipo Macht e despois Arte y Sport, do que nacería o primeiro club noso, o Vigo Football CF (1903-1905), semente de arte, cultura e fútbol, onde reside o ADN do Celta actual, que foi integrando a varios clubs, o News, o Español (1910) e o Sporting Vigo (1911), que formaron o Real Vigo Sporting Club (1913). Coa creación do Fortuna (1905-1906), só un ano despois da anexión de Bouzas polo concello de Vigo, aparecerá unha rivalidade interlocal entre os dous mellores equipos no campionato galego.

No proceso de fusión entre estes dous rivais, houbo xenerosidade e altura de miras de persoas diversas. Manuel de Castro «Handicap», xornalista conservador de Faro de Vigo, que dende 1915 a defendía nas súas columnas. Pepe Bar Vilaboa, auténtico modelo de sportman, presidente do Fortuna e facilitador do proceso. Xoán Baliño Ledo, o executor xurídico da fusión, probable responsable do nome, das cores da indumentaria e da orientación galega do club do que foi o primeiro secretario, como sería secretario do concello de Vigo o 18 de xullo de 1936, cando foi fusilado o alcalde Gregorio Espiño, sendo depurado e apartado das súas funcións durante unha década.

O historiador José Luis Mateo propuxo no coloquio engadir ao tridente (Castro, Bar e Baliño) de fundadores a figura de José Sobrino González «Pepe de Vincios», xornalista e presidente do Real Vigo FC en 1910, fotógrafo do Eco de Galicia de Avelino Rodríguez Elías. Como eu reivindico no proceso de fusión o papel de Miguel Bezares Sillero, secretario do Fortuna, veterinario rioxano chegado a Vigo en 1912 para ocuparse do laboratorio municipal, xornalista de ideas progresistas, promotor da Asociación da Prensa, creador de Galicia Sportiva, cronista futbolístico do diario Galicia, La Concordia e Pueblo Gallego, mesmo participante no xuntoiro galeguista da Barxa (1930), abandonou Vigo dous anos despois.

Diante do interese por este tema clave na cultura celtista, podería facerse unha edición facsímile do libro de Celso González Villar Los albores del fútbol vigués 1905-1923 (Faro de Vigo 1959), precedida por un limiar contextualizador desta crónica, tamén gráfica, que contribuíu a fixar un relato dos primeiros clubs de fútbol autóctono. Unha edición asumible e reveladora, que poderían compartir o Instituto de Estudios Vigueses e Río 1923, editora do Celta.

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *