A edición en galego entre a resistencia e a hibridación

En 2013 publicabamos nestas páxinas de Tempos novos un informe sobre a situación da edición en galego ao fío dunha crise gravísima na que o sector perdera unha cuarta parte da súa facturación e volume de edición, ao que daquela non foran alleos os recortes das políticas públicas de lectura. Unha década despois pretendemos radiografar o estado da máis veterana industria cultural en lingua galega, que continúa reclamando a recuperación do seu carácter estratéxico, recoñecido pola Lei do Libro e a Lectura de 2006.

O marco da edición española, a hibridación e a recuperación do crecemento

Segundo o avance do informe de Comercio interior do libro de 2023, presentado a finais do mes de xullo pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), da que forma parte a Asociación Galega de Editoras (AGE), o pasado ano publicáronse en galego 1.937 títulos, o que supón un incremento do 4,4 % con respecto a 2022. Un crecemento superior ao dun sector que publica 85.677 títulos, dos que 64.622 foron en castelán, 11.842 en catalán e 1.927 en éuscaro. Conxunto da edición privada en España que despois do parón da pandemia recupera o crecemento en todas as súas grandes cifras, dende a facturación a prezos de capa, 2.856,95 millóns de euros (un 5,1 % máis ca en 2022), dos que 2.700, 79 millóns corresponden a libros en papel (tamén un 5,1 % máis) e 144, 13 millóns a libros dixitais (un 3,5 % máis); pasando polo número de exemplares vendidos en papel (un 3,3 % máis) e descargas en soporte dixital; até de títulos vivos en oferta, unha cifra mareante de 894.652 (un 6,3 % máis respecto a 2022).

Un sector que parece saír beneficiado da Covid-19, mais que xa dende 2019 a 2023 medrou a súa facturación un 18 % e o número de exemplares vendidos en papel un 13 %, consolidando o proceso de hibridación da súa oferta, iniciado co comezo da segunda década de 2000, de xeito que o 70 % corresponde aos títulos editados en papel e o 30 % as versións dixitais. Unha oferta editorial na que en 2023 en España a «ficción de persoas adultas» (eufemismo comercial utilizado nos informes de edición para referirse á literatura e a todos os seus xéneros) supuxo un 20,9 % dos títulos e o 21,8 % da facturación; a «literatura infantil e xuvenil», o 16,1 % dos títulos e o 17,4 % das vendas; o «libro de texto», o 17,8 % e o 27,9 % da facturación, mentres a «non ficción» (referida as materias de investigación e divulgación, eixos da edición cultural), representou o 40,3 % dos títulos e o  29,7 % das vendas.

Datos da edición española do pasado ano, que medra en todas as materias, sinalando unha inequívoca recuperación comercial do sector, como amosan as cifras de facturación de novela, 571,90 millóns de euros; de literatura infantil e xuvenil, 497,30 millóns; de cómic, 66,78 millóns; de libro de texto, 796,57 millóns e de non ficción, 849,84 millóns de euros. Cifras que, ademais, permiten identificar as tendencias do mercado, no que circula nas marxes o libro en galego, no que entre 2019 e 2023 se produciu un incremento espectacular da literatura infantil e xuvenil dun 59,30 % e da ficción do 25,30 %, fronte ao libro de texto que diminúe en 2,80%, a pesar de manterse como punteiro da edición española.

Como necesarias para entender o carácter do sector editorial en España resultan as cifras de venda por canles de comercialización que en 2023 manteñen ás librarías, tanto as independentes como as cadeas, como principal espazo de facturación de 1.567,34 millóns de euros (o 54,90 % do mercado), sendo apenas o 2,10 % os libros en papel vendidos por Internet. Cifras da venda en libraría, incrementadas nos cinco últimos anos nun 20 %, a pesar da diminución do libro de texto.

Retrato dun mercado no que a edición dixital supón 144,13 millóns de euros (o 5,00 % da facturación total) e conformou ao longo de case tres lustros un catálogo de 194.370 títulos, do que en 2023 se produciron 14,86 millóns de descargas, o 76,90 % en plataformas dixitais, cifras que testemuñan a existencia dunha comunidade de lectorado usuaria deste soporte.

Por último, cómpre referirse ao pagamento de dereitos de autoría que ascenden a 220,50 millóns de euros, sendo a venda de dereitos de 24,10 millóns, cifra que amosa a dificultade do sector editorial en España para proxectar os seus textos no resto do mundo.

Os datos máis recentes da edición galega

Os datos máis recentes da edición galega, publicados no informe de Comercio Interior do Libro de 2022, indican que se publicaron 1.754 títulos en galego, dos que 1.271 (72,50 %) corresponden aos editados en Galicia e 483 (27,50 %) noutras comunidades, o que consolida a tendencia de que arredor dunha cuarta parte do libro en galego se publica en Madrid, Cataluña e Valencia, sobre todo de literatura infantil e xuvenil e libro de texto. Cifras, ademais, semellantes ás de 2018, cando se publicaron en galego 1.708, e mesmo de 2005, cando se fixeron 1.706, que expresan un certo estancamento do volume de edición nas dúas últimas décadas, a pesar dalgúns picos periódicos (como os 1.937 que se anuncian para 2023). No entanto cómpre reparar, para valorar os datos en perspectiva, no feito que nos últimos vinte e cinco anos este número de títulos medrou en galego un 30 %, mentres que en éuscaro o fixo nun 43 % e en catalán o 35 %.

Dos títulos editados en galego polas editoras privadas do país, 781 foron en papel (61,45 %) e 490 en formato dixital (38,55 %), o que supón unha porcentaxe de hibridación moi elevada, superior ao da edición española en 2023. Desta edición en papel imprimíronse 942.000 exemplares, o que supuxo unha tirada media de 1.206 exemplares, moi inferior aos case tres millóns de exemplares e tirada media de 1.580 de 2008, ano considerado récord para o sector editorial privado galego no que atinxe a volume de edición. O que amosa a consolidación da tendencia de diminución do número de exemplares impresos e o incremento do número de versións dixitalizadas; estratexia que permitiu ás editoras galegas ofrecer en 2022 un catálogo vivo de 17.051 títulos, fronte aos 11.642 de 2008, o que supuxo un incremento de 33,00 % nos últimos quince anos.

É significativo que a facturación dos libros en galego das editoras da AGE sexa de 16,80 millóns de euros, o que supón o 62,00 % das súas vendas totais, 27,10 millóns, o que amosa o peso cada vez máis elevado da edición noutras linguas e da ampliación cara a todos os mercados españois, con singular importancia no caso da literatura infantil e xuvenil. Cifra de negocio das editoras galegas que dende 2028 medrou case nun 9,00 %, ao que non foron alleas as tensións inflacionistas, manténdose sempre superiores aos 25 millóns de euros.

Datos que expresan a tradicional resiliencia dun sector con dificultades de crecemento, que se viu obrigado nos últimos tres lustros a reducir de forma radical os seus custes de persoal, contando na actualidade con 176 empregadas (4 por empresa) fronte aos 308 (7 de media) do ano 2008. Tendencia de diminución de empregos e de estabilización do número de editoras arredor da corentena, formando parte a metade delas de grupos editoriais.

Como axuda a comprender o estado do sector e desbotar prexuízos e imaxes falsas, diferenciar as cifras segundo as materias de edición. Así, en 2022 a ficción en galego (lembremos, todos os xéneros literarios) supuxo o 40,80 % dos títulos en papel (319), o 36,50 % dos exemplares impresos, o 34,80 % do catálogo e 15,20 % da facturación do sector (2,50 millóns de euros), o que indica a aposta por diversificar a oferta literaria das editoras, a pesar do reducido do seu mercado.

Cifras que contrastan coas da literatura infantil e xuvenil que representa o 35,10 % dos títulos (274), o 34, 30 % dos exemplares, o 32,90 % do catálogo e o 35,20 % das vendas (5,90 millóns de euros), converténdose no sector máis destacado da edición en galego.

Como é do maior interese analizar os datos da edición do libro de texto, a materia sobre a que se desenvolveu o sector nas últimas catro décadas, hoxe con cifras máis modestas, pero aínda relevantes, xa que supón o 17,10 % dos títulos en papel, o 20,90 % dos exemplares, o 22,90 % do catálogo e o 33,80 % da facturación (5,70 millóns de euros).

Cifras sorprendentes, tamén, as da non ficción, na que se inclúen as obras de referencia, investigación e divulgación, que a pesar de representar o 4,90 % dos títulos, o 7,20 % dos exemplares, o 8,30 % catálogo, factura o 15,20 % (2,50 millóns).

Como é importante coñecer que na última década o pagamento de dereitos de autoría situouse no millón medio de euros, o que permite entender a cativa capitalización que supón para autores e autoras.

Algunhas conclusións sobre o estado da edición en galego

Primeira: os tipos de edición promocionado na canle escolar supuxeron en 2022 o 69,00 % das vendas do sector, o que supón de que cada dez libros en galego, sete son adquiridos no entorno educativo, unha liña que se mantén dende hai tres décadas. É moi significativo que dende 2003 os tipos de edición promocionados nesta canle (libros de texto e literatura infantil e xuvenil) non fixeron máis ca incrementarse: 46,70 % (2003), 67,80 % (2007), 71,80 % (2011), 68,00 % (2021) e 69,00 % (2022). Porcentaxes nas que non incluímos o libro literario prescrito nos centros escolares, que podería superar o 70,00 %.

Segunda: a edición de literatura infantil e xuvenil comeza a superar ao libro de texto como primeiro subsector en galego, tendencia (que podemos bautizar como «efecto Kalandraka») consolidada se consideramos as cifras da edición das empresas da AGE, xa que coas súas vendas de 12 millóns de euros conforma o 44,11 % dun mercado de 27,10 millóns, o 44,00 % dos exemplares (712.000) dunha produción en papel de 876 títulos e 1.609.000 de exemplares e unha tirada media de 2.488.

Terceira: a estabilidade comercial da edición literaria, que ven supoñendo na última década arredor dun 15,00 %, unha porcentaxe no entorno do da edición española. Así a todo pode chamar a atención o reducido do mercado literario galego, apenas 2,5 millóns de euros, que por xéneros literarios aínda pode resultar máis sorprendente xa que a Narrativa monopoliza o sector cos seus 206 títulos e 1,90 millóns de facturación, fronte aos 103 títulos e 700.000 euros das vendas de poesía, ensaio e teatro.

Cuarta: a oferta de títulos ten a tendencia a reducirse, o que estatisticamente ocultan a cifra elevada de versións electrónicas, a maioría en formato epub, como tamén a tirada media, situada arredor dos 1.200 exemplares, feito ao que non é allea a utilización pola maioría de empresas do sector dos procedementos de impresión dixital en tirada reducida, facilitada pola posibilidade de reimprimir se houbese rotura do stock.

Quinta: o libro de texto perde progresivamente peso, sobre todo no que atinxe a impresión de exemplares e a súa facturación, ao que non son alleas as políticas de educación dixital da Xunta de Galicia, singularmente o programa E-dixgal, que deixaron fóra ás editoras da AGE, como o modelo de reutilización destes materiais didácticos durante seis cursos e o modelo de educación plurilingüe que nos últimos quince anos descapitalizaron o sector e frearon as súas posibilidades de crecemento.

Sexta: o estudo de Comercio Interior non diferencia entre obra orixinal e traducida, que nas dúas últimas décadas varía entre o 15,00 % e o 20 %, polo que estimamos en 150 os títulos traducidos en 2022, cifra moi cativa, como a das reedicións, que non deben ser identificadas como reimpresións, agora máis habituais ao empregar impresión dixital, estratexia utilizada como reclamo de márketing de editoras e autorías nas redes sociais.

Sétima: cando comparamos estes datos anteriores cos da edición en éuscaro e catalán, comprobamos que despois de catro décadas a edición catalá continúa quintuplicando a galega, mentres que no número de títulos se mantén a par da euscalduna, cunha media de 1.500 títulos, nas dúas últimas décadas.

E cal é a cota de mercado do libro galego?

Os datos anteriores e outros proporcionados polo informe de Comercio Interior de 2022 permiten estimar cal é a cota de mercado actual do libro en galego.

Así sendo en 2022 as vendas do libro en Galicia o 6,30 % das totais do estado, 171,20 millóns de euros, os 16,80, millóns de euros, supoñen un 9,44 %, estimación que case corresponde coa de hai tres décadas.

Con todo se queremos matizar esta cota por canles comercialización, cómpre atender primeiro a que as vendas en librarías independentes e cadeas, representaron en 2022 para o libro en galego 9,65 millóns de euros (o 57,44 %), mentres que as realizadas a institucións e bibliotecas son de 4,57 millóns (27,20 %), mentres que as das plataformas dixitais acadan os 800.000 euros (4,89 %). Cifras que permiten estimar que sendo as vendas en librarías de Galicia de 98,61 millóns de euros, a cota do libro galego en libraría sexa de 9,75 %. Porcentaxe que se retiramos o peso do libro de texto, obteriamos unha porcentaxe do 6,40 %, inferior ao 8,00 % utilizado pola AGE e aceptado pola propia Consellaría de Cultura, lingua e deportes na presentación Lemos +, o seu plan de lectura. En resumo, o libro en galego representa en 2022 no mercado unha porcentaxe entre o 6,40 % e o 10,00 %, o que supón un retroceso con respecto as medias de décadas anteriores.

E as axudas públicas que recibe o sector?

Ao longo das dúas últimas décadas o sector editorial galego tivo que facer fronte ao prexuízo de ser considerado como un «sector subvencionado». Axudas necesarias para dotar de novidades o servizo público de lectura, apoiar a edición de obras de interese cultural, ampliar  o catálogo de obra traducida para o galego como para dotar de materiais didácticos impresos e dixitais ao centros educativas. Recoñecidas na Lei do Libro e da Lectura de 2006, que dende 2009 cos gobernos populares de Feijoo e Rueda sufriron un recorte severísimo de cuxos datos recollemos no seguinte cadro:

Axudas da Xunta de Galicia que no período 2007/2022 sufriron un recorte de 68,67 % e supuxeron no ano 2022 apenas o 4,76 % da facturación do sector do libro en lingua galega.

Publicado en Tempos novos 329, outubro 2024.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *