Fálame galego
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao uso do galego por parte da actual corporación viguesa:
A saída do colexio escoito no coche o informativo local de Radio Vigo no que comprobo que na alocución diaria da alcaldía dende o concello utiliza de forma habitual a lingua castelá e só de forma moi excepcional a galega. Un patrón lingüístico castelanófono seguido nas intervencións ocasionais nos medios radiofónicos e escritos locais pola gran maioría dos membros do goberno local do PSdeG-PSOE como do grupo municipal do Partido Popular. Un retroceso do uso público do galego por parte dos membros da actual corporación con escasos precedentes no período democrático que, coa honrosa excepción dos membros de Marea de Vigo e BNG, fan caso omiso do establecido na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística, aprobada en 1988 e entrada en vigor dende a súa publicación no BOP o 17 de maio de 1989.
Unha ordenanza pioneira na promoción do galego por parte das entidades locais, a primeira do país que desenvolve o artigo 6 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade sendo alcalde o socialista e galeguista Manuel Soto Ferreiro, que fixa no seu artigo I.1. «o galego como o idioma oficial do concello de Vigo» e, entre outros compromisos, que será utilizado nas intervencións dos cargos do concello, «sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo» (artigo X). Patrón castelanófono da actual corporación reforzado tras a aprobación dunha modificación do Regulamento Orgánico do Pleno (1 de xuño de 2016), promovida no mandato anterior polo goberno municipal, que establece que se ben «o galego é a lingua do Pleno e de toda a súa documentación» «nos debates utilizarase o galego ou o castelán».
Quizais este lamentable abandono do uso público do galego por parte da gran maioría dos corporativos socialistas e populares vigueses non é alleo nalgunha medida á estratexia de confrontación asumida tanto pola alcaldía de Vigo como pola presidencia da Xunta como o seu mellor xeito de facer política en Vigo. Cos resultados electorais na man este enfrontamento político continuo entre o concello vigués e a Xunta, no terreo emocional entre Vigo e o resto de Galicia, beneficia ás dúas instancias participantes e monopoliza os contidos da axenda viguesa. Xaora como se dun inevitable dano colateral se tratase, neste contexto moi polarizado ambas asumen o prexuízo de asociar o emprego público do galego co autogoberno e coa identidade política galega defendida polo pensamento nacionalista. Prexuízo que como as lentes embazadas levan a unha lectura defectuosa da situación do galego na primeira cidade de Galicia, onde segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística fala de forma habitual apenas o 15,21% da poboación, a cifra máis baixa das sete cidades. Unha situación de emerxencia para o futuro dunha lingua milenaria que desde Vigo, berce literario de Martín Codax e Mendiño, emite este 17 de maio o seu teimoso «mayday» de socorro: «fálame galego», «fálame galego», «fálame galego».
Escribía Xela Arias en verso luminoso que «tiña o idioma inclinado nas entrañas». E abofé que non lle falta razón a nosa poeta cubista, todos os vigueses e viguesas temos o galego inclinado nas entrañas, tanto os que o falamos de forma habitual e en todos os contextos privados e públicos como aqueloutros que o fan de forma ocasional cando mellor lles peta como os que deciden non utilizalo nunca. Toda a veciñanza viguesa, volvendo a acudir ao manancial de versos de Xela Arias, «despois de recortar os verbos» queda coa lingua que respira en calquera dos espazos e barrios da cidade como primeiro punto de encontro. Como a autora de «Denuncia do equilibrio» lembrou naquel memorable pregón das Letras Galegas, encargado hai agora vinte anos pola alcaldía, o galego é a primeira forma de recoñecérmonos no pouso dos afectos. O galego é o primeiro patrimonio que herdamos os veciños desta cidade de fronteira, tanto os que aquí nacemos como aqueloutros que aquí decidiron facer as súas vidas.
E todos e todas somos responsables do que aconteza co futuro do galego en Vigo, unha tarefa cívica de recuperación imprescindible á que estamos convocados a participar e na que os nosos representantes, os membros da corporación moito poden contribuír co seu compromiso de utilizalo decote nas súas intervencións públicas. Volver a recuperar o compromiso exemplar que o concello de Vigo mantivo noutrora co galego supón apenas ter en conta os acordos recollidos na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, como obriga a incrementar a presenza da lingua e cultura galega na actividade municipal, sexa nas festas, na programación de espectáculos musicais ou na programación cultural, hoxe a todas as luces insuficiente para unha cidade que durante moito tempo liderou o renacemento cultural galego.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir