Listado de la etiqueta: marea_de_vigo

Fálame galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao uso do galego por parte da actual corporación viguesa:

A saída do colexio escoito no coche o informativo local de Radio Vigo no que comprobo que na alocución diaria da alcaldía dende o concello utiliza de forma habitual a lingua castelá e só de forma moi excepcional a galega. Un patrón lingüístico castelanófono seguido nas intervencións ocasionais nos medios radiofónicos e escritos locais pola gran maioría dos membros do goberno local do PSdeG-PSOE como do grupo municipal do Partido Popular. Un retroceso do uso público do galego por parte dos membros da actual corporación con escasos precedentes no período democrático que, coa honrosa excepción dos membros de Marea de Vigo e BNG, fan caso omiso do establecido na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística, aprobada en 1988 e entrada en vigor dende a súa publicación no BOP o 17 de maio de 1989.

Unha ordenanza pioneira na promoción do galego por parte das entidades locais, a primeira do país que desenvolve o artigo 6 da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade sendo alcalde o socialista e galeguista Manuel Soto Ferreiro, que fixa no seu artigo I.1. «o galego como o idioma oficial do concello de Vigo» e, entre outros compromisos, que será utilizado nas intervencións dos cargos do concello, «sempre que a intervención sexa por razón do propio cargo» (artigo X). Patrón castelanófono da actual corporación reforzado tras a aprobación dunha modificación do Regulamento Orgánico do Pleno (1 de xuño de 2016), promovida no mandato anterior polo goberno municipal, que establece que se ben «o galego é a lingua do Pleno e de toda a súa documentación» «nos debates utilizarase o galego ou o castelán».

Quizais este lamentable abandono do uso público do galego por parte da gran maioría dos corporativos socialistas e populares vigueses non é alleo nalgunha medida á estratexia de confrontación asumida tanto pola alcaldía de Vigo como pola presidencia da Xunta como o seu mellor xeito de facer política en Vigo. Cos resultados electorais na man este enfrontamento político continuo entre o concello vigués e a Xunta, no terreo emocional entre Vigo e o resto de Galicia, beneficia ás dúas instancias participantes  e monopoliza os contidos da axenda viguesa. Xaora como se dun inevitable dano colateral se tratase, neste contexto moi polarizado ambas asumen o prexuízo de asociar o emprego público do galego co autogoberno e coa identidade política galega defendida polo pensamento nacionalista. Prexuízo que como as lentes embazadas levan a unha lectura defectuosa da situación do galego na primeira cidade de Galicia, onde segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística fala de forma habitual apenas o 15,21% da poboación, a cifra máis baixa das sete cidades. Unha situación de emerxencia para o futuro dunha lingua milenaria que desde Vigo,  berce literario de Martín Codax e Mendiño, emite este 17 de maio o seu teimoso «mayday» de socorro: «fálame galego», «fálame galego», «fálame galego».

Escribía Xela Arias en verso luminoso que «tiña o idioma inclinado nas entrañas». E abofé que non lle falta razón a nosa poeta cubista, todos os vigueses e viguesas temos o galego inclinado nas entrañas, tanto os que o falamos de forma habitual e en todos os contextos privados e públicos como aqueloutros que o fan de forma ocasional cando mellor lles peta como os que deciden non utilizalo nunca. Toda a veciñanza viguesa, volvendo a acudir ao manancial de versos de Xela Arias, «despois de recortar os verbos» queda coa lingua que respira en calquera dos espazos e barrios da cidade como primeiro punto de encontro. Como a autora de «Denuncia do equilibrio» lembrou naquel memorable pregón das Letras Galegas, encargado hai agora vinte anos pola alcaldía, o galego é a primeira forma de recoñecérmonos no pouso dos afectos. O galego é o primeiro patrimonio que herdamos os veciños desta cidade de fronteira, tanto os que aquí nacemos como aqueloutros que aquí decidiron facer as súas vidas.

E todos e todas somos responsables do que aconteza co futuro do galego en Vigo, unha tarefa cívica de recuperación imprescindible á que estamos convocados a participar e na que os nosos representantes, os membros da corporación moito poden contribuír co seu compromiso de utilizalo decote nas súas intervencións públicas. Volver a recuperar o compromiso exemplar que o concello de Vigo mantivo noutrora co galego supón apenas ter en conta os acordos recollidos na Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, como obriga a incrementar a presenza da lingua e cultura galega na actividade municipal, sexa nas festas, na programación de espectáculos musicais ou na programación cultural, hoxe a todas as luces insuficiente para unha cidade que durante moito tempo liderou o renacemento cultural galego.

Onte 1336: O caso Caballero

A vitoria esmagadora de Abel Caballero non se debeu só ao carácter viguista da súa posición política (un xeito de cantonalismo decimonónico, non exento dalgúns argumentos comprensibles sobre a «marxinación» do Vigo metropolitano actual) nin sequera polos programas de transformación do viario urbano con criterios de xardinaría familiar. Por razoables que semellen estas cuestións non abondan para explicar unha maioria tan ampla que deixará ao alcalde vigués coas mans máis libres para profundizar nos seus programas e liderar o socialismo municipalista español.

caballerogaleria-2Entendo que sobre o resultado vigués operaron tamén outros dous condicionantes: a feblísima candidatura presentada polo PPdeG e a batalla cainita da esquerda nacionalista viguesa, que deteriorou un pouco máis a un BNG atrincherado sobre o seu entorno sindical e impediu o desenvolvemento dun proxecto cidadán máis atractivo para a Marea de Vigo. Circunstancias que facilitaron a entrada de Abel Caballero no espazo do electorado conservador, sobre todo nos distritos do Centro, onde probablemente chegou a roubarlle ao PPdeG até 25.000 votos, unha terceira parte dos seus apoios. Xaora, se comparamos os resultados de 2015 cos de 2011, é doado aventurar que o BNG e Esquerda Unida, despois de catro anos, intercambiaron as súas cifras e boa parte do seu electorado (3 actas con 16.000 votos e máis de 6.000 sen representación ao non chegar a superar a barreira do 5,00 %.), En definitiva, os arredor de 25.000 votos, teito inferior do nacionalismo e da esquerda viguesa (que comparten o mesmo espazo electoral), apenas influíron no triunfo de Caballero.

Non é doado entender as razóns de Feijoo para retirar da cabeza do cartel popular a Xosé Manuel Figueroa cando case estaba o control pechado. Sabemos que Figueroa, o concelleiro máis veterano da corporación, bo coñecedor da cidade popular e do seu perirubano, non superaría a Caballero, mais cremos que tería aguantado moito mellor o resultado, o que permitiría hoxe aos populares conservar a Deputación de Pontevedra. Elena Muñoz nin coñecía Vigo nin a coñecían nin daba un chío en galego nin tiña experiencia política máis alá das intrigas da moqueta de San Caetano. O seu foi un fracaso anunciado ou, quen o sabe?, premeditado.

O BNG pagou a prezo de ouro a súa estratexia de apoiar os tres primeiros orzamentos do segundo mandato de Caballero e ao mesmo tempo non participar no seu goberno. Unha contradición, que non entendeu boa parte do seu electorado. Coa excepción do último ano e medio, cando Caballero e Figueroa xa pactaran os orzamentos 2014, o BNG mantivo a ambigüidade de se pertencía ou non á oposición. Ao BNG faltoulle claridade na súa mensaxe e o diálogo aberto coa cidadanía a través de políticas sectoriais, como as culturais e de igualdade, onde tanto destacou no primeiro goberno Caballero.

Xaora, a pesar das súas tres actas, a Marea de Vigo quedou moi lonxe das porcentaxes das súas homólogas de Compostela ou A Coruña. Obtivo un resultado discreto. Entendo que motivado pola sua incapacidade de converterse en espazo de encontro entre a esquerda partidaria e a esquerda social, tamén por non conseguir o apoio da organización viguesa de Podemos e mesmo por manter un vínculo estreito de máis coa organización local de Esquerda Unida, que tamén dirixe Rubén Pérez. o seu candidato á alcaldía. Á Marea viguesa faltoulle desta primeira volta máis pluralismo e maior capacidade transversal para agrandar o seu perímetro cidadán.

A escritora Berta Davila preguntaba onte con retranca no Facebook, «Que lle poñen en Vigo á auga?», quizais para expresar a perplexidade polo resultado electoral de Vigo, tan afastado das tendencias abertas noutras cidades atlánticas do país  Máis alá de afirmar que Vigo é sitio distinto, non sei contestarlle cal é a composición da abelina utilizada por Aqualia. En todo caso o resultado asombroso de Abel Caballero, cualificado como histórico polo Faro, non foi alleo aos deméritos dos seus competidores, á dereita e á esquerda.