Onte 1336: O caso Caballero

A vitoria esmagadora de Abel Caballero non se debeu só ao carácter viguista da súa posición política (un xeito de cantonalismo decimonónico, non exento dalgúns argumentos comprensibles sobre a «marxinación» do Vigo metropolitano actual) nin sequera polos programas de transformación do viario urbano con criterios de xardinaría familiar. Por razoables que semellen estas cuestións non abondan para explicar unha maioria tan ampla que deixará ao alcalde vigués coas mans máis libres para profundizar nos seus programas e liderar o socialismo municipalista español.

caballerogaleria-2Entendo que sobre o resultado vigués operaron tamén outros dous condicionantes: a feblísima candidatura presentada polo PPdeG e a batalla cainita da esquerda nacionalista viguesa, que deteriorou un pouco máis a un BNG atrincherado sobre o seu entorno sindical e impediu o desenvolvemento dun proxecto cidadán máis atractivo para a Marea de Vigo. Circunstancias que facilitaron a entrada de Abel Caballero no espazo do electorado conservador, sobre todo nos distritos do Centro, onde probablemente chegou a roubarlle ao PPdeG até 25.000 votos, unha terceira parte dos seus apoios. Xaora, se comparamos os resultados de 2015 cos de 2011, é doado aventurar que o BNG e Esquerda Unida, despois de catro anos, intercambiaron as súas cifras e boa parte do seu electorado (3 actas con 16.000 votos e máis de 6.000 sen representación ao non chegar a superar a barreira do 5,00 %.), En definitiva, os arredor de 25.000 votos, teito inferior do nacionalismo e da esquerda viguesa (que comparten o mesmo espazo electoral), apenas influíron no triunfo de Caballero.

Non é doado entender as razóns de Feijoo para retirar da cabeza do cartel popular a Xosé Manuel Figueroa cando case estaba o control pechado. Sabemos que Figueroa, o concelleiro máis veterano da corporación, bo coñecedor da cidade popular e do seu perirubano, non superaría a Caballero, mais cremos que tería aguantado moito mellor o resultado, o que permitiría hoxe aos populares conservar a Deputación de Pontevedra. Elena Muñoz nin coñecía Vigo nin a coñecían nin daba un chío en galego nin tiña experiencia política máis alá das intrigas da moqueta de San Caetano. O seu foi un fracaso anunciado ou, quen o sabe?, premeditado.

O BNG pagou a prezo de ouro a súa estratexia de apoiar os tres primeiros orzamentos do segundo mandato de Caballero e ao mesmo tempo non participar no seu goberno. Unha contradición, que non entendeu boa parte do seu electorado. Coa excepción do último ano e medio, cando Caballero e Figueroa xa pactaran os orzamentos 2014, o BNG mantivo a ambigüidade de se pertencía ou non á oposición. Ao BNG faltoulle claridade na súa mensaxe e o diálogo aberto coa cidadanía a través de políticas sectoriais, como as culturais e de igualdade, onde tanto destacou no primeiro goberno Caballero.

Xaora, a pesar das súas tres actas, a Marea de Vigo quedou moi lonxe das porcentaxes das súas homólogas de Compostela ou A Coruña. Obtivo un resultado discreto. Entendo que motivado pola sua incapacidade de converterse en espazo de encontro entre a esquerda partidaria e a esquerda social, tamén por non conseguir o apoio da organización viguesa de Podemos e mesmo por manter un vínculo estreito de máis coa organización local de Esquerda Unida, que tamén dirixe Rubén Pérez. o seu candidato á alcaldía. Á Marea viguesa faltoulle desta primeira volta máis pluralismo e maior capacidade transversal para agrandar o seu perímetro cidadán.

A escritora Berta Davila preguntaba onte con retranca no Facebook, «Que lle poñen en Vigo á auga?», quizais para expresar a perplexidade polo resultado electoral de Vigo, tan afastado das tendencias abertas noutras cidades atlánticas do país  Máis alá de afirmar que Vigo é sitio distinto, non sei contestarlle cal é a composición da abelina utilizada por Aqualia. En todo caso o resultado asombroso de Abel Caballero, cualificado como histórico polo Faro, non foi alleo aos deméritos dos seus competidores, á dereita e á esquerda.

3 comentarios
  1. Mitago
    Mitago Dice:

    Estimado Manuel, paréceme un pouco simplista explicar a rotunda e magnífica vitoria de Caballero e do PSOE en Vigo soamente polo tema ornamental – un cualificativo algo tendencioso e cun retintín despectivo rememorando a maquillaxe que si fixo no seu momento Corina, cando agora se trata de moito máis, dunha renovación máis profunda e seria das tripas deterioradas das rúas: canles, cableado, pluviais etc cunha proposta de cidade d máis longo alcance e que afecta a todo o termo municipal – O mesmo que atribuír tanto peso no triunfo do domingo aos deméritos dos demais tal como argumentas no teu artigo.
    Tanto o PP como o Bloque – as mareas son outra cousa disfrazada para ocultar a verdadeira natureza dos seus compoñentes – non souberon entender o que é Vigo en realidade, sempre estiveron supeditados a outros ditados – O PSOE tamén o estivo en tempos – no que o importante para a dereita eran outras áreas de Galicia e Vigo tan so para facer negocios, mentres que para os nacionalistas a cidade olívica foi sempre un medio para lograr uns obxectivos nacionais con Santiago no centro de esa patria.
    A cidade actual xa non é o Vigo aquel cheo de xentes que viñan aquí tan so en busca do seu sustento – os pais da maioría de nós – pero que no a tiñan como súa nin se sentían vinculados a ela. Agora é unha cidade nova chea de vigueses e viguesas de nacemento sen outras raíces que non teñen outra Arcadia ou paraíso ao que fuxir. Unha cidade que quere estar orgullosa de si. Unha cidade para vivir, para disfrutar e para traballar apegada ao progreso e a solidariedade cos máis débiles a partes iguais. Unha cidade que quere o seu, o que lle pertence e que se deixe de facer país sempre a costa dela e da súa xenerosidade.
    En realidade Caballero, con todas os seus defectos persoais, ofreceunos xestión responsable e eficaz gobernando en minoría e pactando cando tiña que pactar con uns e con outros. Combinou atención social con inversións e potenciación da cidade en múltiples aspectos. Estivo defendendo a cidade, ás veces certamente con certo tinte localista, contra tirios e troyanos, pero hai momentos en que é necesario dicir baste e ata aquí chegamos, aínda que sexa necesario sobreactuar para espertar e aglutinar as conciencias durmidas. E non vou a enumerar o feixe de asuntos nos que o alcalde se chantou contra as “agresións” – si, agresións sen número a esta cidade – o mesmo que el mesmo chantou o fermoso barco Alfageme no medio de Coia pasando por riba das demagoxias baratas e as argumentacións falaces de grupos que intentaron converter o asunto nun Gamonal como o de Valladolid. Un disparate que case chegou ao ridículo. O reconto de votos neste barrio combativo e obreiro que sempre foi Coia puxo as cousas no seu lugar. É non estou falando do tema estético, que iso vai en gustos e se trata dun tema moi particular.
    En definitiva e resumindo, un goberno co alcalde á cabeza que fixo unha defensa acertada da cidade na gran maioría dos temas – mellorable quizás en canto as formas, pero eu busco un servidor público eficaz e honrado e non un tipo ocorrente e simpático – e sobre todo un equipo xestor magnífico, tamén no social, que foi quen de reducir a débeda pública a cero conseguindo o que non conseguiu ninguén nesta cidade que todos sabemos como funcionou e que personaxes a gobernaron.
    Ah, e non quería esquecer un detalle que rematou por convencerme de todo, por se tivera algunha dúbida, de que este alcalde non se deixaría manexar sen máis, e que foi a defensa que fixo o goberno municipal da cruz do Castro ata as últimas consecuencias fronte a demagoxias oportunistas dalgúns grupos e asociacións. E fala un socialdemócrata que tivo ao seu avó detido na guerra por republicano e estivo a piques de ser “paseado” e fusilado na Pasaxe.

    Responder
  2. Mitago
    Mitago Dice:

    Soamente unha precisión ao meu comentario anterior, cando falaba do Gamonal mencionado polo comentario de “tronos”, quixen dicir de Burgos, por suposto. E que se me cruzou nese momento a actitude impresentable do alcalde de Valladolid, a capital castelá leonesa. Cousas da mestura de datos que nestes días tan apaixoantes politicamente falando.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *