Onte 1396: «A Cacería» de Amadeo López Cobas, premio cidade centenaria

amadeo_lopez_cobasParticipamos onte no concello de Ribeira no acto de entrega da V edición do concurso de novela curta «cidade centenaria» do que resultou gañador a obra A cacería de Amadeo López Cobas. Consolídase así este certame de noveliña galega, do que xa resultaron gañadores Begoña Paz, Ignacio Silva, Goretti Fariña e David Pobra. A Cacería é unha novela de aventuras, localizada nun tempo e espazo míticos, onde un pobo loita pola súa supervivencia, da man dun guerreiro que vemos evolucionar de neno a heroe. Unha proposta de narración épica, no que respectando as convencións do xénero de fantasía heroica, proponse unha reflexión sobre a conformación da identidade do heroe. O premio supón a reaparición en Galicia do noiés, afincado hoxe en Vigo, Amadeo López Cobas, que debutara na narrativa galega en 2002 con Contos de viaxe e que seis anos despois publicara As pantasmas sodes do que non hai. A Cacería será publicada por Xerais o vindeira ano.

Onte 1395: Na Feira de Rianxo

Rianxo_23-07-2015

Viaxei onte a Rianxo para acompañar a Ledicia Costas e ás autoras de Historia da literatura infantil e xuvenil galega na presentación organizada pola asociación Cultural Barbantia na feira do libro de Rianxo. Foi o escritor Carlos Mosteiro que coordinou unha mesa heteroxénea na que comezamos pola presentación de Escarlatina, a cociñeira defunta e Un animal chamado néboa, os dous libros máis recentes de Ledicia Costas, tan diferentes nas temáticas e públicos, mais unidos ambos os dous polo talento da narradora viguesa de crear beleza por medio da linguaxe. Despois foron Blanca Ana Roig Rechou, e as rianxeiras Eulalia Agrelo e Marta Neira, as que presentaron a súa obra, un traballo académico de obrigada referencia que sistematiza e clasifica a panorámica da nosa literatura infantil e xuvenil nas últimas catro décadas, ao tempo que contribúe a superar moitos dos prexuízos sobre este subxénero literario. A feira continúa hoxe coa presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto e mañán da magnífica biografía de Ricardo Losada protagonizada por Faustino Rey Romero.

Onte 1394: Bases para un programa

somos_nos_22-07-2015

Participei onte na presentación que a asociación Somos Nós fixo do documento »O que queremos», no que despois dun proceso de achegas, se propoñen as bases dun programa para un grupo galego nas Cortes. Máís alá dos contidos dun documento aberto e moi sintético, no que se perfilan os obxectivos de Galicia na vindeira lexislatura, na que semella poderán producirse importantes cambios, a importancia da proposta, como salientou Ana Luisa Bouza, está en comezar a traballar os «paraqués» do actual proceso de confluencia cara unha candidatura ou marea galega. Traballar sobre os contidos programáticos, que desenvolvan un modelo de economía política de base territorial e o exercicio efectivo dos dereitos políticos, socais e civís, constitúe unha tarefa ineludible e urxente. Este proceso de confluencia, como constatamos onte, ilusiona a sectores cada vez máis diversos. Paga a pena participar nesta tarefa de construción nacional e empoderamento social. Galicia precisa desta revolución cívica.

Onte 1393: Romaría dos libros

romaria_dos_librosEste 25 de xullo, ademais do Festigal, celebrarase na praza de Mazarelos de Compostela a Romaría dos libros, onde participan editores e libreiros composteláns. Entre as actividades previstas, como a solta de libros e as presentacións express, están o concerto didáctico lúdico Sira e o robot. Adventures on Titan de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira e os concertos de Ariel e Xurxo Souto do seus Contos do mar de Irlanda. Excelente iniciativa de visualización do libro e disco galego no día da patria galega que conta co apoio do concello de Santiago.

Galicia pola unión

Dedido o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de celebración cidadá do 25 de xullo.

a_nacion_galega_25-07-2015Ás portas deste 25 de xullo, “día da nación galega”, no calendario oficial “día nacional de Galicia”, para moitos de nós, tamén, “día da patria galega”, producíronse varias iniciativas cívicas –como o “Manifesto pola Unidade”, asinado xa por máis dun milleiro de persoas de diversas procedencias– orientadas a que esta data sexa por fin unha auténtica festa cidadá, na que por riba das diferentes adscricións partidarias, todos e todas as galegas se sintan convocados a participar na defensa do país e dos dereitos da súa cidadanía. Unha data na que a sociedade civil galega, dende a riqueza das súas asociacións culturais, sociais e profesionais, tamén dende o pluralismo das súas organización políticas e sindicais, una as súas mans e angueiras para afirmar a vontade de Galicia de continuar existindo como suxeito político e de enfrontar os retos do seu autogoberno.

Continuando coa tradición galeguista e nacionalista, os promotores desta convocatoria do 25 de xullo da nación galega manexamos como idea esencial a de que Galicia é unha construción que a todos e todas corresponde e na que todos e todas podemos participar dende a nosa vontade individual, sexa acudindo a manifestación, gozando das convocatorias festivas ou consumindo produtos galegos e etiquetados na nosa lingua. Xaora, a deste 25 de xullo protagonizado polo común, é unha apelación nacida da cidadanía á unidade, consciente de que as divisións e os seitarismos só nos conducen a insignificancia e a lamentar aos soños rotos, mentres que a unión multiplica as nosas forzas e intensifica o noso entusiasmo para procurar os camiños que nos permitan decidir o que queremos ser e o queremos deixar as nosas fillas e netos.

Galicia vive un dos momentos máis difíciles da súa historia recente. Dende hai uns anos, o imparable devalo demográfico, que ameaza con destruírnos como pobo, acentúase coa emigración de toda unha xeración de mozos e mozas formados. A crise ruinosa dalgúns dos nosos sectores produtivos estratéxicos produciuse ao tempo que se desfixeron as institucións financeiras galegas. As taxas de desemprego e índices de pobreza e exclusión social continúan sendo das máis elevadas da nosa historia, mentres as cifras do PIB galego sitúanse á cola do resto das comunidades, por baixo da media española. Como as recomendacións de política estratéxica autocentradas continúan sen ser abordadas, dende as de ordenación do territorio e racionalización das administracións locais, como as das infraestruturas portuarias, aeroportuarias, viarias e ferroviarias. Como tampouco se atenden as relativas á prioridade das políticas educativas e de I+D+I ou ao aproveitamento tarifario da nosa produción de enerxía eléctrica.

Nos últimos anos os problemas económicos de Galicia agraváronse ameazando coa desaparición de sectores que para o noso país son estratéxicos e fundamentais, como o leiteiro, o forestal, o pesqueiro, o eólico ou o da construción naval, mais que para o resto do estado ou da Unión Europea poden ser aquí perfectamente prescindibles. O que amosa que as prioridades produtivas teñen que ser escollidas por nós mesmos. Galicia é hoxe un país que necesita activar todos os seus recursos e todas as súas potencialidades produtivas, rexenerar a súa economía para xerar máis traballo e benestar para a súa cidadanía.

A actual onda recentralizadora prexudica tamén os intereses de Galicia e as posibilidades de contar con financiamento suficiente, no marco da autonomía financeira e da consideración das singularidades territoriais e demográficas da nosa comunidade, para ofrecer os servizos básicos de educación, sanidade e dependencia e atender ao marco competencial recoñecido no noso autogoberno. Outrosí sucede coa valoración da nosa lingua e cultura, o patrimonio da humanidade ao noso cargo, que sofren na intemperie un retroceso que as pode levar a unha perigosa insignificancia decorativa, cando non a súa práctica desaparición.

Neste marco Galicia precisa activar o seu autogoberno en termos políticos, mais aínda cando o que semella inevitable proceso de fragmentación política levará, previsiblemente, despois das eleccións xerais á apertura dun debate decisivo sobre a nova articulación territorial do estado. Xaora, ás portas deste 25 de xullo, Galicia precisa activar o seu proxecto colectivo, actualizar a súa vontade inequívoca de profunda rexeneración económica e política. E precisa facelo co protagonismo e entusiasmo dunha maioría social de cidadáns e cidadás que comparten un sentimento de pertenza a un país, do que se senten orgullosos e identificados. Xa o anunciou Curros Enríquez no poema “Pola unión”, que musicara hai uns anos o cantor Benedicto: “… na unión dos bos galegos / está da patria o porvir!”.

Onte 1392: «Que libro debes ler este verán?»

disquecolRecomendo completar o test «Que libro debes ler este verán?» preparado polas amigas de Disquecool. Por ventura, na literatura galega actual hai oferta diversa e suficiente para axeitar cada personalidade ao libro que mellor lle conveña. Tras completar o test, saíume Se o vello Simbad volvese as illas de Álvaro Cunqueiro, o que moito me compraceu, aínda que tamén (imaxino) me axeitaría algún dos títulos que levo publicado, xa que na proba tanto hai novidades recentes como títulos clásicos. Abeizoo a iniciativa de Cris, coma tantas outras de visibilización para o libro galego que ven realizando nesta magnífica e tan recomendable revista de tendencias sobre literatura, música e tendencias de vida na nosa lingua.

Onte 1391: Sobre as festas de Vigo

julieta-venegasPolo que adiantou onte Faro, o programa de concertos de Castrelos deste verán será moi austero: polo momento están confirmados os madrileños Los Enemigos e a mexicana Julieta Venegas, aos que o 25 de xullo na explanada do Verbum se adiantarán, Hombres G. Vaia elenco! Outro ano máis, Vigo será a cidade galega coas festas máis rotineiras e discretas, onde apenas salienta a celebración do 7 ao 9 de agosto do Marisquiño, que se consolida con quince edicións como un evento de referencia internacional de deportes e cultura urbana. Como sucedeu coa Feira do Libro de Vigo, onde nin sequera compareceu ningún dos 17 membros do equipo do goberno, é moi difícil entender o desinterese de Abel Caballero sobre a organización das festas. Non quero pensar que diría con semellante programa se estivesen en mans doutro partido.

Onte 1390: A nación galega

a_nacion_galega_25-07-2015Mudei onte o avatar de Twitter para colocar o magnífico deseño que Pepe Barro preparou para a convocatoria do 25 de xullo. Como xa fixera co deseño da camiseta da seleccción galega de fútbol, Barro deconstrúe a bandeira para expresar o esforzo de construción colectiva, un sol azul entre o que enxergamos un horizonte esperanzoso. Un deseño que coincide coa exposición do deseñador de Pontedeume na Galería Vilaseco da Coruña baixo o título «Doce miradas», onde expón algúns dos seus cadernos íntimos de artista. O cartel de Barro para este 25 protagonizado polo común é outra excelente achega do seu proxecto de catro décadas de dotar á nación galega dunha imaxe visual contemporánea. Parabéns e gratitude para Pepe Barro.

Onte 1389: O evanxeo bufo de Faustino Rey Romero

Presentamos onte na primeira edición da Feira do Libro de Ribeira a biografía que Ricardo Losada preparou de Faustino Rey Romero, o poeta crego galeguista e antifranquista da Xeración da Tebra. Foi Manuel Cartea que dialogou co autor sobre unha obra que comezou definindo como «informativa e crítica, moi documentada, interpretada e interpretativa» e rematou aconsellando moi vivamente polo seu carácter de «biografía complexa na fronteira entre a verdade e a verosimilitude».

XG00200401Cartea afirmou que nesta biografía atopábase felizmente un protagonista riquísimo e un autor polivalente, eficaz e moi irónico». Na formulación da súa primeira pregunta afirmou que «Faustino foi un crego franciscano postconciliar, antes da celebración do Vaticano II, capaz de enfrontarse na década de 1950 tanto coa igrexa estamental como coa igrexa franquista». Ricardo Losada contestoulle que «Faustino cometeu ao longo da súa vida dous pecados revolucionarios contra o poder: o primeiro, amar aos pobres e identificarse con eles; o segundo, o amor a Galicia, a súa cultura e a sua lingua». «Ao longo da súa vida Faustino apostou sempre pola microrrevolución, xa que para el todo derivaba do evanxeo, pola súa preocupación polas cousas do día.» «Non era unha persoa ideoloxizada que crese en cambios políticos bruscos. Foi un antifranquista por razón do evanxeo. Valoraba máis ás persoas que facían o traballo metódico cada día. Era a súa forma de poder mudar o mundo.»

Cartea e Losada conversaron despois sobre a condición de Faustino como «poeta cura» ou «cura poeta». Losada comentou a afirmación de Xosé Luís Franco Grande que coloca a Faustino como «un poeta que naceu antes de tempo»: «A loita de Faustino foi contra o mundo burgués. A súa poesía ten unha paixón popular, busca unha forma, sobre todo o soneto, para expresar a súa subxectividade persoal.» A seguir abordaron as relacións que mantivo co pai, nas que Losada considerou «existía un conflito, pero non hai culpabilidade», para centrarse despois nas extravagancias do personaxe. Para Losada «Faustino nunca colocou máscara ningunha, adoptou unha forma de vida franciscana, toda a súa vida foi unha reivindicación do humor, o seu histrionismo era apenas un xeito de chamar a atención e dicir as cousas que naquel momento non se podían dicir.» Con respecto a polémica sobre o sexo, onde hai opinións diversas, Losada confesou que para el «Faustino morreu célibe. O que dicía sobre o sexo era unha provocación, un xeito informar de expresar que estaba en contra do celibato. Unha práctica qque encaixa na súa visión franciscana do que é a vida.» «Mais tampouco podemos esquecer que a angustia foi un tema recorrente na súa vida. Faustino decidiu vivir imitando a Francisco nas circunstancias do franquismo en parroquias rurais e acaba atrapado e fracasando no seu proxecto poéticoe familiar, mais tamén no proxecto como crego, entrando nun proceso de autodestrución que o levou a marchar para Arxentina onde morreu.»

Onte 1388: Cifras da edición galega recente

libros_samanthaO Observatorio da Cultura Galega recompilou os datos dispoñibles, procedentes do ISBN e dos estudos de Comercio Interior do Libro, que axudan a comprender o estado da edición en Galicia e en galego recente. Entre tantas cifras saliento o que entendo son algunhas claves e tendencias.

Primeira. Tras unha importante diminución do 47,53 % do número de títulos editados en Galicia e do 43,99% dos editados en galego, entre 2010 e 2013, no pasado ano (2014) produciuse un incremento do 15,4 % da edición galega e do 23,63 % da edición en galego. Incrementos que se deben, sobre todo, aos da edición electrónica que se duplicou no último ano en ambos os dous casos. No entanto, o libro dixital supuxo en 2014 o 20,1 % en Galicia e o 26,37 % do editado en galego. Porcentaxes que acreditan no proceso de hibridación da actual oferta (ca non da facturación) do noso sector editorial.

Segunda. A edición en galego, no entorno do proceso de hibridación (2008 a 2014), mantense en porcentaxes superiores ao 60 % do libro editado en Galicia. Neste contexto no último ano é significativa a importante baixada do número de títulos traducidos do castelán e a continuidade da dependencia do subsector do libro escolar e infantil e xuvenil, aínda que o primeiro xa exprese unha clara tendencia á baixa do número de títulos editados.

E terceira. Que o sector editorial e as persoas relacionadas coas actividades da edición en Galicia ocupen a 5.438 persoas é unha estimación moi a ter en conta, máis aínda nun sector de actividade que perdeu un 35 % do emprego dende 2008.

Mágoa que non contemos aínda cos datos máis desagregados do estudo do Comercio Interior do libro de 2014, que se coñecerán, previsiblemente, a comezos de outubro coincindo coa inauguración de Liber. En todo caso, entendo que estes datos do OCG expresan unha tendencia a un lixeiro repunte da actividade editorial da man do libro electrónico (ca non do libro impreso) e unha diminución da oferta do mercado paraescolar, a pesar de que continúa artellando a actividade de creación e distribución do sector.