Onte 1418: Encontros cívicos

OY4Wk-mN_400x400Nesta fin de semana celébranse dous encontros cívicos que poden ser esenciais para acadar unha candidatura de unidade galega para as eleccións Xerais que sexa capaz de constituír un grupo parlamentario de seu. O Encontro Cidadán por unha Marea Galega e o Banquete de Conxo 2.0 comparten o chamamento á unidade de acción e o inequívoco protagonismo cidadá, así como a necesidade de apoio posterior de todos os partidos sen exclusións previas. Como salientaron os promotores do Banquete de Conxo 2.0 o traballo desta fin de semana ten por obxectivo fundamental poñer as bases para «a construción dun movemento cívico de sensibilidades plurais que teña como fin inmediato elaborar unha candidatura que logre que os intereses da inmensa maioría da sociedade galega estean representados nas próximas Cortes do Estado». Esta é, pois, unha fin de semana decisiva para abrir un proceso de unidade cívica ampla e plural dirixida a alentar a construción dun novo suxeito político capaz de conformarse como alternativa á inanidade conformista que goberna un país que se vai esmiuzando. Galicia precisa abrir unha xanela para enxergar un tempo de relevancia, para percorrer novos vieiros e contar con pés para camiñalos. Paga a pena intentalo.

Onte 1417: Alto do Fiouco

fioucoRegresando de Santander pola A8, o paso polo temible Alto do Fiouco, entre o lusco e fusco posterior ao solpor, coincidiunos cun moi espeso neboeiro. A experiencia foi ameazadora, propia dunha película de medo para a que non sacamos entrada ningunha no despacho de billetes. A pesar do túnel de luz creado polos sinalamentos laterais e na propia vía, a situación deste treito de dez quilómetros da A8 entre a Xesta e o Arroxo, vixiado por un radar de tramo, é absolutamente inconcebible, xa que continúa sendo unha inadmisible ameaza para a seguridade vial. Máis alá das razóns que levaron ao Ministerio de Fomento a trazar tan alta a autovía, nunha zona onde, sexa verán ou inverno, o contraste de temperaturas entre a Corda e a Mariña e o vento nordés provocan unha espesa néboa, é imprescindible procurar unha solución, que non sexa a de interrumpir decote o tráfico e evitar que os condutores e condutoras leven durante un cuarto de hora o corazón na man.

Onte 1416: Galicia celta

sargadelos_pont_avenNo Pont Aven, o ferri bretón no que onte navegamos de Portsmouth a Santander, hai varias vitrinas dedicadas a pezas de Sargadelos e abondosa cartelaría das primeiras edicións do Festival de Lorient, a comezo dos anos setenta dedicado a Escocia, Irlanda e Bretaña. Pareceume unha excelente promoción de Sargadelos nun barco utilizado cada ano por milleiros de viaxeiros británicos. No bulir desta travesía entre fisterras atlánticas, onde ollamos arroaces e mesmo o rastro dalgunha balea, falamos da excelente oportunidade que para Galicia supón ser recoñecida como nación celta. Máis alá do debate histórico sobre esa posible orixe do país, no que non vou entrar, esta marca europea celta, identificada no mundo enteiro pola música de raíz, constitúe unha tarxeta de presentación á que Galicia non pode renunciar en ningunha das expresións da súa cultura. A celta é unha fortaleza da nosa cultura que debemos poñer en valor. Non teñamos medo a considerarnos un país celta, claro que non.

Onte 1415: «Charlotte» de Foenkinos

Charlotte_gallimardGocei coa lectura de Charlotte de David Foenkinos, a biografía sobre a xove pintora xudía gaseada en Auschwitz en 1943. O grande acerto do autor está na elección dunha narración minimalista, sen descricións nin acoutacións, construída con frases que non ocupan nunca máis dunha liña, na que se insire como unha segunda voz a do narrador para expresar o seu asombro no proceso de escritura desta autobiografía de Charlotte Salomon. Foenkinos consegue un poema narrativo de 200 páxinas, unha novela do holocausto que o lector le conmovido coma se se tratase dun himno de exaltación das artes (pintura, teatro e música) que cultivou a artista durante os anos da ocupación nazi. Ademais do impacto do relatado, unha historia familiar na que se desvelan dolorosos segredos, o narrador rende ao lector coa elección acertadísima do punto de vista e o xogo de voces narradoras. Charlotte é unha novela de lectura aditiva e cativadora. Unha lectura moi recomendable para a formación de novos lectores e lectoras literarios.

Onte 1414: «Pontes co diaño» de Ignacio Castro

O filósofo compostelán Ignacio Castro recompilou en Pontes co diaño (Corsárias 2015) as súas entrevistas recentes, as que ofreceu entre a publicación de Votos de riqueza (2007) e as súas intervencións do pasado ano. O tema que enfía de forma transversal o libro é o da ruptura co moralismo do político, asumindo que o universal nace do continxente e o local da recreación que cada comunidade fai do descoñecido. No libro interesoume a reflexión sobre «o común», concepto tan reiterado na «nova política», que para Castro «vén sempre despois dunha pequena mutación que fai agromar algo novo a través da codia da historia». Xaora, a intencionalidade de Castro é poñer en cuestión o concepto do privado e reivindicar «un absoluto mortal que permita vivir con certa ironía a escena pública». Nun volume denso, que require de lectura atenta e demorada, é esencial a conversa con Marcos Lorenzo, «O que queda dos montes», a raíz da publicación da reedición de Roxe de sebes, a peza clave do proxecto filosófico de Castro. Un libro moi recomendable para repensarmos.

O Vigo de Julio Camba

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura do xornalista Julio Camba, a raíz da publicación do libro Galicia (Fórcola 2015), no que Francisco Fuster recompilou medio cento dos seus artigos de temática galega.

9788416247417-217x345A publicación dunha antoloxía de artigos de Julio Camba de temática galega co título Galicia (Fórcola 2015), preparada por Francisco Fuster, permite coñecer a polémica ollada do xornalista de Vilanova da Arousa sobre a realidade do noso país hai un século. Estes artigos, publicados en cabeceiras da prensa madrileña como “El Sol” e “El Mundo”, durante o período máis rebelde de Camba, mesmo afín a ideas anarquistas, expresan, en palabras de Ramón Villares, prologuista do libro, “a súa identificación co humorismo galaico, construído a partes iguais de retranca e descrenza relixiosa”, mais tamén toda a súa animadversión ao pensamento galeguista e á política autonomista e os seus prexuízos máis vulgares sobre a lingua galega, que el falaba e consideraba “limitada” e “familiar”, útil só para que os galegos puidesen comunicarse “cos paxaros e coas árbores, co mar e co vento”. Xaora, isto non impide que nestes artigos, escritos con pluma aceirada, emerxa o seu celtismo visceral, a súa defensa da modernización, a súa crítica á emigración, ao caciquismo político e ao pintoresquismo co que se pintaba a Galicia en Madrid.

Escritos coa determinación e o humor, característicos da súa prosa xornalística, neste medio cento de artigos Camba toma o pulso a un país “de campesiños resignados e melancólicos”, onde escoita tanto “o alalá nostálxico como o aturuxo guerreiro”, reclamando nun inequívoco aceno rexeracionista “acender un gran lume de Ideal para que esas pupilas dormidas na fantasía, espertaran á vida” (“El País” 1905). Noutras pezas, como “El arte pirotécnico” (“El Sol” 1924), ensaia co celme costumista, recreando esta práctica das nosas festas populares e cualificándoa como “unha das principais manifestacións da lírica galaico-portuguesa, e quizais a máis pura de todas”. Outro tanto sucede con “Mares bravíos e mares sumisos” (“El Sol” 1924), no que explica os traballos do marisqueo na súa Arousa natal, onde “o mar é algo así como unha finca de propiedade colectiva”; ou na súa apoloxía da vieira (“El Sol” 1929), para el o marisco máis ilustre, “case sagrado”. Como considera aos promotores do Balneario da Toxa como modelo de emprendedores capaces de aproveitar os recursos do mar da Arousa e as súas posibilidades turísticas.

Julio Camba fala de Vigo en varios destes artigos, case sempre ao fío da súa rivalidade con Pontevedra, a capital da provincia. Ten moita retranca o titulado “El señor García no ha muerto” (“El Sol” 1919) no que relata a visita que George H. Borrow fixo en 1835 ao notario de Pontevedra señor García, que resultou ser un patriota pontevedrés de moitos estralos, capaz de cualificar aos vigueses de bandidos e dubidar que a ría de Vigo fose a mellor do mundo. Anécdota con tintes literarios e algún exceso que lle sirve a Camba para propoñer a Vigo como o centro de comunicacións máis importante entre Europa e América, ao tempo que aconsellar aos vigueses que considerasen a Pontevedra como un barrio do Vigo futuro. Acreditaba nas prestixiosas páxinas de “El Sol” na idea do Vigo cosmopolita, unha cidade portuaria que comezaba a medrar a velocidade de vertixe. Idea que xa adiantara en 1908 nun artigo publicado en “El Mundo”, no que ao fío da polémica de Vigo con Pontevedra, a comparaba coa existente entre Barcelona e Madrid. Para Camba daquela en Pontevedra predominaba o elemento oficial, o que levaba a que vida alí fose “pequena, pintoresca e branda”, o que a imitaba moito a de Madrid. Mentres a vida en Vigo era febril, grazas a que o seu porto era un dos mellores de Europa, “os vigueses souberon explotalo e foron construíndo diante unha cidade magnífica”. E aí Julio Camba non agocha o seu entusiasmo por Vigo: “o primeiro foi o porto e o segundo, a cidade que é como debe ser: facer as cidades para os portos que as merecen, e non os portos para as cidades, que non as merecen nunca”. Adiantaba así o xornalista do Palace o mito de Vigo como Barcelona atlántica, que se sería utilizado máis tarde polos galeguistas como Castelao e Otero Pedrayo ou polo arquitecto Palacios no seu plan urbanístico durante a Segunda República.

A pesar da súa admiración por Vigo, Camba agoiraba os perigos dunha gran cidade enriquecida de súbito, sobre todo aqueles referidos ao seu desenvolvemento urbanístico, nos que identificaba “edificios modernos tan caros coma os mellores edificios modernos de Madrid”, cheos de alardes e fantasía arquitectónica. Xaora, o arousán remataba cunha frase retranqueira que despois dun século continúa tendo utilidade: “Eu imploro dos vigueses un pouco de indulxencia por terlle aplicado a un pobo de negocios un criterio artístico tan exixente. Con este criterio, en vez de ir a Vigo, debería marcharme a Atenas, aínda que non fixen estafa ningunha que xustificase a miña viaxe, á vez que a pagase”.

Onte 1413: Viñetas na Coruña

Cartel-Vinetas-desde-o-Atlantico-2015-A-Coruna-723x1024

Rematou onte a Feira do Libro e a uns pasiños inaugurouse Viñetas desde o Atlántico, o salón da banda deseñada da Coruña. A recuperación dos espazos do Kiosko Alfonso e a presenza de numerosas autoras son dúas das novidades do evento máis internacional da cultura do libro dos que se celebran cada ano en Galicia. Nesta edición pareceume moi acertada a instalación da Rúa da BD, na que libreiros e editores poñen a venda as súas novidades e onde tamén se realizan actividades de animación e numerosas e sempre moi concorridas sesións de autógrafos. As exposicións e os encontros profesionais cos autores e autoras convidados supoñen outro aliciente para esta intensa semana de exaltación do cómic e do libro ilustrado, que se ven organizando dende 1998. En tempos de hibridación e confusión dixital, a aposta polo soporte impreso de Viñetas desde o Atlántico é para ter moi en conta, como tamén a súa capacidade para dialogar con públicos diversos. Parabéns e azos para Miguelanxo Prado, alma mater do evento, Manel Cráneo e o resto dos organizadores.

Onte 1412: Incendios forestais

arde_galicia

Cando regresamos onte de Aldán, unha nube mesta de fume adiantaba o solpor sobre a ría. Os incendios no Baixo Miño durante toda a xornada, en ambas as dúas beiras do Miño, engadíanse á relación de 74 lumes da fin de semana en Galicia. Particulamente graves foron os lumes que rodearon outra vez Compostela e a provincia de Ourense, como os que afectaron a espazos protexidos da rede Natura como Toques, Corrubedo ou o monte de Santa Tegra no esteiro do Miño. Porén, para o actual Goberno Galego os incendios forestais xa non forman parte da axenda pública galega. Queda xa moi lonxe a indignación de Feijoo cos lumes daquel verán de 2006, onde culpaba da súa orixe ao goberno de Touriño. Os recurtes nos medios de extinción e prevención, denunciados con retranca polo Bichero de Davila, como a recente mudanza lexislativa aprobada polo Partido Popular sobre a posibilidade de recualificación de terreos queimados poden estar afectando tamén aos incendios forestais deste verán tan seco en Galicia.

Onte 1411: O suco do Marisquiño

ADRIAN IRAGO. 08.08.2015. PARQUE AS AVENIDAS. Marisquiño

ADRIAN IRAGO. 08.08.2015. PARQUE AS AVENIDAS. Marisquiño

Vigo é un Marisquiño. O centro está abarrotado de rapaces e familias chegadas á cidade co reclamo do festival de acrobacias, motos, bicis e patíns que se celebra esta fin de semana no Náutico e nas Avenidas. A pesar das dificultades e do apoio desigual das administracións, xa non hai dúbida que este Marisquiño abriu fenda, consolidou, foi capaz de crear suco e tradición. Grazas ao Marisquiño Vigo forma parte do mapa global dos deportes e da cultura urbana. Grazas ao Marisquiño a hostelaría e restauración viguesa teñen o mellor fin de semana do ano. Quen podía pensalo hai quince anos cando comezou coma unha iniciativa duns toliños do skate? Mágoa que a lingua galega non teña apenas presenza no evento nin sequera na súa web. Xaora, parabéns aos promotores pola súa paciente teimosía. Non é doado consolidar novas tradicións nunha cidade que tantas outras veces adorou o efémero e as aves de paso.

Onte 1410: Verán literario en Sanxenxo

sanxenxo_07-08-2015

Presentamos onte no concello de Sanxenxo a biografía intelectual de Xosé Filgueira Valverde preparada polo profesor Xesús Alonso Montero. Organizado pola Librería Nós de Sanxenxo dirixida polo noso admirado Xaime Corral, o acto formaba parte do ciclo «Verán literario 2015» e pretendía iniciar unha nova tradición, a de celebrar na cidade de Silgar a comezos do mes de agosto o Día das Letras Galegas. Unha programación de nove presentacións e sinaturas de libros, realizadas ao longo de cinco semanas en diversos lugares de Sanxenxo (Hotel Justo, Adega Eidos de Padriñán, casa do concello e a propia libraría), no que cun gran esforzo se mesturan novidades editoriais e autores e autoras moi diversas. Con esta magnífica oferta cultural, que se remonta a máis dunha década, como coa organización do premio Luis Cuadrado de cultura, investigación e historia sobre o concello de Sanxenxo, o libreiro Xaime Corral amosa o papel dinamizador da libraría cultural independente que dialoga coa súa comunidade lectora. Xullo e agosto son tamén meses magníficos para as actividades literarias. Unha experiencia que merece ser emulada e recoñecida.