Onte 1183: 40 anos de «Cuadernos de Pedagogía»
/en Educación, Medios, Novidades, Onte/por bretemasRecibimos onte o número de decembro de Cuadernos de Pedagogía, no que a revista celebra os seus 40 anos de existencia e fai balance de catro décadas de educación en España. Un número monográfico extraordinario, que cómpre debullar moi amodiño, no que participan as principais figuras da pedagoxía contemporánea, como Puelles, Viñao, Xurxo Torres, Gimeno, Enguita, Tiana, Benejam, Imbermón, entre outros nomes de relevo. Os membros da miña xeración de profesionais da educación debémoslle moito a Cuadernos, a revista que nos formou, onde descubrimos libros e autores esenciais, na que forxamos o noso modelo de educación, democrática e inclusiva e sobre a que acuñamos a proposta de renovación pedagóxica. Fose na heroica etapa fundacional, dirixida polo inesquecible Fabricio Caivano até 1997, fose na posterior de profesionalización, dirixida por Jaume Carbonell, o coordinador deste monográfico e alma mater do proxecto durante toda a historia da publicación, Cuadernos de Pegadogía soubo acompañar o proceso de mudanza educativa de forma independente e insubornable, deitando sempre luz e enxergando a esperanza da educación como panca transformadora da sociedade. Longa vida a Cuadernos de Pedagogía!
Vigo desmemoriado
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Historia, Memoria, Vigo/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do conflito sobre o destino do Bernardo Alfageme, fago unha reflexión sobre a conservación e posta en valor do patrimonio marítimo e industrial en Vigo.
Hai doce anos publiquei neste espazo un artigo titulado “Chapa de mar” (Faro de Vigo, 3-2-2002) no que reclamaba ao concello de Vigo a salvación do Bernardo Alfageme, un arrastreiro de chapa remachada, construído por Barrerras en 1944 para o Grupo Mar, cando non se empregaba aínda a soldadura. Tras a mobilización de diversos sectores cívicos e colectivos que traballaban na recuperación da cultura mariñeira na ría, o buque fora doado dous anos antes polos seus propietarios ao concello e aceptado pola corporación co voto unánime dos seus membros para pasar ao inventario municipal e ser aproveitado para usos educativos e culturais.
Magoadamente, transcorrida máis dunha década, catro corporacións e alcaldías distintas, pertencentes a tres grupos políticos, o concello de Vigo foi incapaz de salvar e poñer en valor esta peza senlleira do noso patrimonio industrial e cultura marítima que agora pretender ser chantada na rotonda de Coia como unha peza ornamental. Tras o despece a finais do século pasado do petroleiro Campaláns, o primeiro vapor de ferro construído por Barreras na década de 1930, e do alxibe Roberto, vapor construído en madeira que servía aos portos do Morrazo, como doutras moitas embarcacións tradicionais da nosa carpintaría de ribeira, semellaba que o indulto do Bernardo Alfageme e a súa conversión en buque-museo significaría o inicio dun modelo de conservación do patrimonio da nosa industria naval.
A fasquía alongada do seu casco de chapa de ferro de 15 milímetros e de 24 metros de eslora anunciaba o que serían as proas de esparaván dos arrastreiros vigueses dos sesenta, admirados en todos os portos do mundo. A elegante popa semicircular, ferrada a soplete e macho, a situación un chisco atrasada da ponte e do guincho, tamén chamado “perro volado”, sobre a regala de estribor, e a robustez do seu motor principal –un Barreras Werkspoor, antecedente dos míticos Deutz que montaba a factoría de Beiramar– fixeron do Bernardo Alfageme unha peza emblemática da capacidade construtiva da industria naval viguesa de hai setenta anos. Un arrastreiro, que inicialmente formaba parte do “sexteto pequeno” de Casa Mar, tripulado por catorce persoas e que durante case cinco décadas realizou no Gran Sol heroicas mareas de trinta días na procura de pescada e peixe sapo. Xaora, ao longo de máis dunha década nunca chegou a concretarse un modelo para acometer a restauración integral do barco, que lle permitise volver a navegar pola Ría e integrarse no Museo do Mar de Alcabre, como foi a intención inicial, e nin sequera para a súa museificación, como máis tarde se pretendeu.
O do Bernardo Alfageme é síntoma dun fracaso en toda a regra para unha cidade impregnada de sal e maruxía, que moito se gaba de posuír un dos primeiros portos pesqueiros do mundo e unha industria naval de seu, mais que continúa permanecendo de costas ao seu patrimonio industrial e marítimo. O mesmo sucede coa posta en valor do patrimonio da industria conserveira e metalgráfica, disperso e en boa medida desaparecido, nunha cidade onde se instalaron as máis grandes factorías de tratamento de peixe do país. Carencias conservacionistas ás que non son alleas a anemia desesperante do Museo do Mar de Alcabre, incapaz de atopar un modelo expositivo atractivo para a cidadanía, sostible para as administracións públicas e integrado co funcionamento actual e as innovacións dos sectores da industria naval e pesqueira da Ría. Outrosí acontece coa pegada do tranvía e da súa rede de transporte metropolitano, cuxo ano do centenario pasou para a vergonza de todos sen pena nin gloria, coa excepción da publicación dun libro visual magnífico Los tranvías de Vigo en el recuerdo (Instituto de Estudios Vigueses, 2014) de Antonio Giráldez e Evaristo Pereira. Xaora, pode suceder o mesmo no futuro inmediato coa industria da automoción, o noso primeiro sector económico e de emprego, instalada dende hai cincuenta anos arredor de Citröen que, canto menos, merecería contar cunha sala museo onde os vigueses máis novos puidesen coñecer cada un dos modelos construídos na factoría de Balaídos e os procedementos utilizados polos seus avós e maiores.
Lonxe de saudades, a recuperación do patrimonio marítimo e industrial é un tema estratéxico para o Vigo do futuro, concibido como cidade portuaria atlántica e da automoción, unha desas cuestións que deberíamos acuñar como posición orixinal común, asumida por todos os sectores sociais e políticos. Nun Vigo tan desmemoriado e conformista como o actual, o concello non pode renunciar a liderar un proxecto conservacionista do noso patrimonio industrial que implique a outras administracións públicas e sectores privados. Con esa vontade aínda sería posible salvar de novo o Bernardo Alfageme.
Onte 1182: Cara á edición híbrida
/en Libro de texto, Libro_electrónico, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Novidades, Onte, Tecnoloxías, Xerais/por bretemasEstivemos onte facendo balance da oferta dixital de Xerais e levamos algunhas sorpresas. Acadamos os 186 títulos no catálogo dixital da editorial dos que 153 son libros literarios en formato epub (81 de Narrativa, 1 de poesía, 8 de ensaio e 63 infantís e xuvenís) que distribuímos en librarías dixitais (Amazón, Itunes, Casa do Libro, El Corte Ingles e na propia tenda en liña de CGA) e no programa de préstamo bibliotecario dixital «Galicia le». Oferta dixital que completamos con 15 títulos literarios e educativos en formato pdf, correspondentes a obras xa descatalogadas en papel, que se ofrecen en liña e de forma gratuíta e outros 17 educativos, distribuídos en liña e, nalgún caso, en soporte pendrive. Unha oferta que constitúe apenas o 10 % do catálogo vivo de Xerais, mais que neste ano incrementamos moi decididamente, xa que acadaron as 84 referencias (80 literarias en epub e 4 educativas), cifras moi semellantes ás edicións de novidades impresas que foron 94. A produción editorial de Xerais xa é híbrida, a pesar de que este catálogo dixital supoña neste 2014 apenas o 1,14% das nosas vendas. O tránsito cara esta edición híbrida acentuouse neste ano que estamos a piques de rematar. Unha tendencia a ter en conta no conxunto do sector da edición en galego.
Onte 1181: «Mr. Turner»
/en Artes Visuais, Cine, Críticas, Novidades, Onte, Recurso_didáctico, Vídeos/por bretemasGustoume Mr. Turner, o retrato cinematográfico que Mike Leigh fixo de Joseph Mallord William Turner, a gloria da pintura paisaxistica inglesa do século XIX. Cun guión lixeiro, enfiando unhas poucas situacións dramáticas, componse unha película fermosa na que a paisaxe e a pintura son protagonistas e o retrato humano dun artista rosmón, fanfurriñeiro e ás veces violento funciona apenas como contrapunto. Xenial pintor da luz, Turner introducía durante uns minutos aos seus clientes nun cuarto escuro para logo pasalos ao seu estudio onde quedaban decontado abraiados pola luz dos seus cadros. Un xogo de contraste entre luz e escuridade que se mantén ao longo de toda a metraxe, nun xogo de recorrencias e detalles engaiolantes. Algunhas escenas memorables, como a do pintor atado ao mastro dun galeón, vivindo a experiencia da luz da tormenta na noite ou a da daguerrotipo, na que o pintor ironicamente pregunta se a cámara capta as cores, axudan a compoñer este fermoso cadro cinematográfico.
Campo do Fragoso CLIX
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasPor moito que doa recoñecelo, o Celta chegou fundido á parada invernal. Tras un comezo de tempada marabilloso, onde amosou un nivel físico ideal, unha óptima concentración táctica e unha capacidade goleadora moi elevada, o cadro de Eduardo Berizzo foi perdendo fol até amosar de forma dramática as súas feblezas nos tres últimos partidos en Balaídos diante de rivais que se presentaban como teoricamente inferiores. Tras a proeza histórica no Camp Nou do día de santos, o Celta caíu nun profundo devalo na eficacia do seu xogo que, a pesar da súa envexable posición na táboa clasificatoria, mais ollando con realismo ao calendario do vindeiro mes de xaneiro, non convida a optimismo ningún.
Fronte ao Deportivo Almería, os seareiros celestes tivemos a impresión de asistir a un encontro que xa víramos co Granada e co Eibar. Unha abrumadora posesión da bóla, probablemente de máis do 75 %. Incontables saques de recanto, executados de forma rutineira, sen apenas variantes. Unhas cantas ocasións de gol estragadas, mesmo co coiro batendo nos paus. Un dominio tan abrumador coma ineficaz, xa que todo o partido naufragou tras o erro colectivo dun contraataque visitante que a cobertura celeste non soubo evitar. Así roubou o Eibar a carteira ao Celta, tras un tanto de Manu del Moral, á media hora de xogo. Así tamén o fixo un pobrísimo Almería que na súa primeira xogada de ataque, tras un erro de Krohn-Dehli na cobertura defensiva dun saque de recanto, marcou o seu gol de auténtica potra, contando coa colaboración involuntaria de Fontás enviando ás redes o seu torpe despexe. Unha xogada fatídica, froito dun lamentable erro colectivo celeste, no que participaron até catro xogadores, que transcorrido apenas un cuarto de hora enterrou toda a intensidade dun Celta que saíra a liquidar o partido pola vía rápida. A partir de aí, coma tamén sucedera co Eibar e co Granada, o Celta non tivo imaxinación nin fortuna para atopar a fenda que fendese a muralla andaluza.
Como tamén sucedera nos partidos anteriores, o Celta perdeu unha marcha e a esa menor velocidade transformouse nun equipo moi previsible, cunha saída de balón lenta, incapaz de crear superioridades. Unha situación á que non parece allea o baixón físico que sofren algúns dos seus xogadores esenciais, como Radoja ou Krohn, ou a baixa forma alarmante dos laterais da canteira ou de Fontás e Augusto, nalgúns momentos moi desacertados. Só as cabezadas de Cabral, o venres o mellor dos nosos, como as aparicións intermitentes de Orellana rachaban co ton gris no que se instalou o xogo celeste. Tras a reanudación, cando un saque de falta de Orellana bateu no longueiro e as incorporacións de Álex López e Nolito deron por fin sentido ao ataque polas bandas, a remontada semellaba inminente. Porén, tras o penalti errado (de forma inexplicable) por Nolito, o partido quedou pechado. A partir destoutro erro os nosos volveron quedar fundidos e Balaídos enmudeceu durante uns poucos minutos, como adoita facer cando o equipo recibe unha forte mazada.
As dúas derrotas recentes en Balaídos, como as cinco xornadas consecutivas sen marcar, obrigan a baixarnos da nube de entusiasmo e da fantasía europea na que vivimos instalados até comezos de novembro. Hoxe recoñecemos a este Celta como un equipo moito máis fráxil do que aparentou. Xaora, non estaría de máis aproveitar o nadal para que o cadro de xogadores collese acougo e recuperase alento, para que o cadro técnico reflexionase sobre a orixe dos seus fracasos recentes e para que os responsables do club intentase dentro das posibilidades dun modesto tapar algún buraco. Por ventura, a comodidade na táboa permite afrontar con tranquilidade esta primeira crise da tempada do que hoxe é un equipo fundido.
Onte 1180: «Tita», o documental
/en Cine, Educación, facebook, Lingua, Memoria, Novidades, Onte, Twitter, Vídeos, Vigo/por bretemasMiguel Piñeiro está filmando en Muras Tita, un documental sobre a nosa admirada Antía Cal. A raíz da publicación hai uns meses d’ O libro dos nenos galegos, o que foi un material didáctico en galego, inédito dende 1958, utilizado nas aulas do colexio Rosalía de Castro de Vigo e no que Antía Cal contou coa colaboración de Antón Beiras, o seu home, Piñeiro desenvolve un proxecto de documental longo no que pretende recuperar a memoria e o pensamento crítico dunha das figuras emblemáticas da renovación pedagóxica en Galicia durante a segunda metade do século XX. O proxecto pode seguirse dende os seus perfís en facebook e twitter, nos que se publican testemuñas da gravación. Recomendo compartir unha vídeonadaliña sobre o idioma publicada onte. Xaora, Tita alerta que o galego sofre e en 2015 cómpre responsabilizarse, «faille na túa vida sitio ao galego».
Onte 1179: Morreu Paco Porrúa
/en Cultura, Edición, Editores, In memoriam, Onte/por bretemasSoubemos onte do pasamento de Paco Porrúa. Precisamente, o xoves pasado, o día no que morreu, Xosé Pérez Mondelo, o autor dun gran artigo en Alén da chuvia sobre as raíces do noso editor emigrante, deume o seu teléfono para o que chamase en nome de Galicia e dos editores galegos. Magoadamente, chegamos tarde, non sabiamos que había quince días que estaba internando, Con Porrúa vaise o editor literario galego máis internacional, o primeiro tradutor e editor en castelán de Bradbury e Tolkien, o editor que en Sudamericana se ocupou de Rayuela ou apostou pola publicación de Cien años de soledad. Comprometido coa edición literaria como indagación da vida e da linguaxe, Porrúa pertenceu a unha xeración de editores do século XX que fixeron da nosa profesión unha forma de creación e transformación do mundo. A nosa lembranza e gratitude.
Onte 1178: «Alén da chuvia», revista literaria do Instituto Eusebio da Guarda
/en Artes Visuais, Editores, Educación, Lingua, Medios, Onte, Recurso_didáctico/por bretemasNa visita que onte fixemos ao Instituto Eusebio da Guarda, instituto histórico coruñés onde na sála de profesorado está instalado o mural de Felipe Criado «Lucubración para una dinámica Espacio-Tiempo», fomos agasllados cuha colección da revista Alén da chuvia. Cadernos escolares de literatura. Non podo agochar a sorpresa e entusiasmo que me produciu esta revista literaria de coidadísima diagramación de fasquía clásica, con textos variados e de gran calidade de investigación, crítica e creación literaria do alumnado e profesorado do instituto. Nunha lectura apresurada reparei no interese de artigos sobre as raíces galegas do editor Francisco Porrúa do número 5, a intervención no centro de Isaac Díaz Pardo, recollida no número 4 (un texto que será fulcral na documentación sobre os primeiros anos coruñeses de Isaac) ou nas traducións para o galego do «Brinde pola poesía» de García Marquez, da «Liberté» de Paul Éluard e de «Il n’y a pas d’amour heureux« de Louis Aragon, publicadas no número 6, correspondente a este 2014. Quedan aínda moitos artigos e textos por debullar nos vindeiros días nesta magnífica publicación literaria. Toda unha marabilla que nos enche de fachenda aos que cremos na calidade e rigor no ensino público galego. Parabéns para os seus coordinadores, Xosé Pérez Mondelo e Rosario Soto Arias, e para o seu deseñador, Xulio Cuba Orosa, como para o alumnado e profesorado do Eusebio da Guarda que participa nesta modélica revista escolar.
Onte 1177: bretemas.gal
/en Blogs, Lingua, Onte, Recurso_didáctico, Tecnoloxías/por bretemasDende onte estas brétemas funcionan co dominio punto gal. Accédese, pois, como bretemas.gal, aínda que aquelas persoas que accedan dende bretemas.com serán redireccionadas sen maior problema ao novo dominio. Unha mudanza para min imprescindible, a pesar de ser consciente que os prezos do dominio galego aínda son moi elevados, o que pode prexudicar a popularización dos seus rexistros. Xaora, finalizadas as fases iniciais de Pioneiros e Abrente, a popularización do dominio para a lingua e a cultura galegas en Internet chegou ao seu momento decisivo. Ben paga a pena facer un esforzo.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.