Escaparate 15/2014: A Tenda dos Libros (Ponteceso)
Escaparate d’ A Tenda dos Libros de Ponteceso con motivo do Día das Letras Galegas. Foto irada do Facebook d’ A Tenda dos Libros.
Escaparate d’ A Tenda dos Libros de Ponteceso con motivo do Día das Letras Galegas. Foto irada do Facebook d’ A Tenda dos Libros.
O título de dous libros literarios malogrou a que fora unha entrevista tranquila para Alberto Nuñez Feijoo en V Televisión. O seu compromiso epidérmico coa literatura galega púxose en evidencia cando (1:05:30) confundiu o título de Cantares gallegos e comparou as obras de Rosalía co título dunha novela. Nada que poida sorprender de quen tan escasamente se ten ocupado da industria editorial en Galicia e do futuro da literatura galega, fóra da lectura dos seus discursos (xeralmente excelentes) nas datas ritualizadas e da rotina dos actos académicos e institucionais. A pesar da situación dramática do sector do libro, da perda de emprego dun corenta por cento, da mudanza de paradigma ou dos proxectos de dixitalización educativa, en cinco anos o presidente da Xunta non atopou razón para recibir á xunta directiva da Asociación Galega de Editores. Un comportamento ben diferente ao dos presidentes Emilio Pérez Touriño e Manuel Fraga cos que o sector editorial mantivo contacto directo e permanente. Ben sei que hoxe se repetirán as gabanzas rituais (e mesmo os ditirambos) a lingua e literatura galegas. Ben sei, mais non abonda.
Afondando na cuestión xeracional, publico no suplemento nº 500 do «Faro da Cultura» (excelente traballo o de Xosé Ramón Pena e o seu equipo) un artigo no que cito os nomes dos que entendo as catro xeracións da narrativa galega contemporánea. Pido desculpas por se queda algún nome fóra, algo inevitable nunha relación de máis de cincuenta persoas. A renovación xeracional e a feminización, a partir do inicio do século, no que aparecen case medio centenar de narradoras, é un xa un feito xeracional incuestionable, que debe ir reflectíndose no conxunto do catálogo da narrativa galega. Unha excelente noticia para celebrar as letras galegas.
A pesar das dificultades que supón definir unha xeración literaria, utilizando criterios cronolóxicos ou socioliterarios, estou convencido que é unha categoría util para identificar continuidades e descontinuidades. Máis aínda no caso galego, onde o esforzo colectivo por desenvolver un proxecto narrativo normalizado remóntase ao texto alboral de Francisco Álvarez de Nóvoa, Pé das Burgas, publicado en 1896.
No caso da narrativa galega contemporánea, aquela publicada nas tres últimas décadas, semella que son tres ou catro as xeracións que están contribuíndo en man común á consolidación dos xéneros e a creación de públicos, un feito inédito e gozoso que merece ser celebrado.
«Xeración de fin de século»
Coa metade da década dos oitenta, tras a aprobación da Lei de Normalización Lingüística, a creación dos premios de novela galega (o Blanco Amor e o Xerais) e doutros especializados (Café de Catro a catro, Cidade de Lugo), e das coleccións Narrativa de Xerais, Literaria de Galaxia, Negra de Cumio, Peto de Nigra, Medusa de Sotelo Blanco, Narrativa de Ir Indo, foi emerxendo a vizosa «Xeración de fin de século», a dos narradores (con escasa presenza de mulleres) que comezaron a publicar en galego arredor de 1985. Un grupo ao que pertencen, entre outros, Carlos G. Reigosa, Xosé Ramón Pena, Manuel Rivas, Suso de Toro, Xelís de Toro, Cid Cabido, Alfonso Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Ramiro Fonte, Román Raña, Gonzalo Navaza, Fran Alonso, Miguel Sande, Darío Xohán Cabana, Miguel Suárez Abel, Xosé Cermeño, Miguel Anxo Murado, Vítor Vaqueiro, Xavier Queipo, Xurxo Souto, Xosé Miranda, Manuel Lourenzo González, Antón Riveiro Coello, Francisco Fernández Naval, Ramón Caride, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Angueira, Aníbal Malvar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Antón Dobao, Luís Rei Núñez, Antón Lopo, Manuel Darriba, Marilar Aleixandre (a primeira muller gañadora dun premio Xerais de novela), Luís García Mañá, Ramón Loureiro, Xesús Marcos, Xavier Manteiga, Xerardo Quintiá, Manuel Núñez Singala, entre outros.
«Xeración Lamote»
Chamamos «Xeración Lamote» a aquel grupo de narradores e narradoras, vencellados co mundo educativo e cun inequívoco afán galeguizador, que entre séculos forxaron a literatura infantil e xuvenil en galego. Denominación tirada de Ramón Lamote, o inesquecible personaxe de Paco Martín, primeiro dos premios nacionais deste grupo, ao que se adscriben Xabier DoCampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey. Xeración moi vinculada premio Merlín de literatura infantil e xuvenil e coa colección homónima de Xerais e coa Árbore de Galaxia, da que forman parte tamén Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Gloria Sánchez, Xosé Antón Neira Cruz, Xoán Babarro, Ana María Fernández, Helena Villar Janeiro, Antón Cortizas, Antonio Reigosa, Concha Blanco, Silvestre Gómez Xurxo, entre outros.
«Xeración do novo século»
Á que o crítico Manuel Rodríguez Alonso bautizou nos seus traballos como «Xeración do novo século» é a daquelas persoas que publicaron o seu primeiro libro en galego arredor do inicio do século XXI. Pertencen a ela narradoras como Medos Romero (2000), Beatriz Dacosta (2000), Rosa Vidal (2001), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Carmen Blanco (2004), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007), Mariña Perez Rei (2007), María Solar (2008), Mar Guerra (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011), Cris Pavón (2012) e Mercedes Leobalde (2014), entre outras.
Outrosí sucede con narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Carlos Quiroga (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Kiko Neves (2001), Alberto Fortes (2002), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004), Xavier Franco (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Jacobo Fernández Serrano (2005), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006), Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Xaime Toxo (2011), Antonio Piñeiro (2011), Fernando Díaz-Castroverde (2011), Fernando Méndez (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Pemón Bouzas (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013) e Pere Tobaruela (2013), entre outros.
«Xeración da esperanza»
Porén, se ademais do criterio de publicar o primeiro libro tras o inicio da pasada década engadimos o feito de contar con menos de corenta anos, o que supón ter nacido na metade da década dos setenta ou ao longo da dos oitenta e ser alfabetizadas xa en galego na escola primaria, conformamos outra relación de narradoras novas da que forman parte Antía Nara (1974), María Reimóndez (1975), Teresa González Costa (1975), Iolanda Zúñiga (1975), Rosa Aneiros, (1976), Mónica Góñez (1977), María Canosa (1978), Inma López Silva (1978), Enma Pedreira (1978), Patricia Janeiro (1978), Ledicia Costas (1979), María Lado (1979), Eva Moreda (1981), Iria López Teixeiro (1981), Sabela González (1981), Alba Payo (1981), Alva Martínez Teixeiro (192), Patricia Casas (1983), María Lorenzo (1986), Adelaida Vidal (1986), Berta Dávila (1987), Andrea Maceiras (1987), Iria Morgade (1988), Elena Veiga Rilo (1991), entre outras.
Xaora na listaxe de narradores con estes mesmos criterios están Santiago Lopo (1974), Pedro Feijoo (1975), Alberto Lema (1975), Xabier Cid (1975), Juan Tallón (1975), Diego Ameixeiras (1976), Antonio Fraga (1976), Alberto Momán (1976), Manuel Gago (1976), Anxo Fariña (1977), Roberto A. Rodriguez (1977), Ignacio Silva (1978), Mario Regueira (1979), Xosé Díaz (1980), Roque Cameselle (1981), David Pobra (1981), Samuel Solleiro (1982), Pablo García Martínez (1985), e Alberto Ramos (1986), entre outros. Unha xeración de idade na que por vez primeira na literatura galega o número de narradoras é superior ao de narradores. En todo caso unha longa nómina de cen persoas, das que corenta e unha son narradoras, o que supón unha profunda renovación da nómina da narrativa galega actual.
Máis alá das diferencias estilísticas e de xénero abordados como das afinidades estéticas entre elas, tanto a «Xeración do novo século» como a «Xeración da esperanza», como o pulo creativo que manteñen os membros da «Xeración de fin de século» e da «Xeración Lamote», aseguran a continuidade e diversidade da narrativa de noso. Unha excelente noticia para celebrar as letras galegas.
Documental ‘Nimbos de poesía’ from Cultura galega – Xunta on Vimeo.
Un retrato entrañable e emocionante de Díaz Castro preparado por Xulio Xiz en 1987. Hoxe paga ben a pena recuperalo.
Escaparate da libraría Pedreira de Santiago con motivo do Día das Letras Galegas 2014. Foto tirada do Facebook da libraría o 15 de maio de 2014.
Escaparate da librería Cronopios de Pontevedra con motivo da presentación d´ A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz o 15 de maio de 2014.
Escaparate da libraría O Trasno Viaxeiro de Cacheiras, Teo, con motivo do Día das Letras Galegas 2014.
Este booktrailer con música de Ataque escampe é unha marabilla!
Os televisores estrábicos, o primeiro libro de relatos de Ramón Vilar, chegará ás librarías o vindeiro 6 de xuño. Promete.
Gran entrevista a que a xornalista de Onda Cero Susana Pedreira mantivo no serán de onte con Agustín Fernández Paz. Unha auténtica conversa literaria, fluidísima, amena, humanamente relevante, arredor d’ A viaxe de Gagarin. Unha hora de xornalismo cultural de calidade na que se convidou ás lectoras, que encheron na libraría Cronopios de Pontevedra, a mergullarse na novela e no blog de documentación que autor publica a xeito de edición extendida.
O primeiro tema abordado foi do papel do escritor, para Agustín «unha persoa que conta», «o que me gusta é contar historias», «en todas as vidas quedan fíos sen tecer». Logo abordouse o paralelismo entre a historia da carreira espacial e a de Miguel Mendiguren, o protagonista d’ A viaxe de Gagarin. «Quería falar dos anos sesenta, enlazando con Non hai noite tan longa, cando a miña xeración foi nova, quixen facer un axuste de contas con aquel tempo. A viaxe espacial sempre me interesou moito. Na noval está sinalada por dous fitos, a viaxe do cosmonauta Iuri Gagarin, a primeira dun ser humano ao espazo, e a chegada a lúa dos astronautas americanos». Relatou Agustín unha anécdota propia, o feito de que o primeiro texto propio que lembra foi unha redacción sobre o Sputnik, acompañada dun debuxo a cor, coa que gañou un concurso na escola de Vilalba. «O que escribín afunda nos documentos, mais tamén nos fíos da vida, o que nos pasou, o que limos, o que vimos, de aí foi saíndo a novela.
Agustín referiuse ás mudanzas que se produciron na década dos sesenta, especialmente «á chegada dos electrodomésticos, unha revolución decisiva nas casas, onde chegaron antes as lavadoras e neveiras cas televisións». Detívose en falar do TOP, o Tribunal de Orde Pública, sobre o que non había apenas información, lembrando que un libro magnífico publicado en 2001 por Planeta fora retirado aos poucos meses pola propia editorial. Mesmo hai persoas novas que descoñecen que o TOP se transformou en 1978 na Audiencia Nacional, ou que a Brigada Política Social fose a Stassi española, «abráiame que haxa cousas que non se saiban». «As feridas esquécense cando están limpas e curadas», afirmou Agustín, para recomendar, despois, A caixa de música de Costa Gavras, unha película que explica o papel vivificador da memoria.
Falouse tamén da libraría da nai do protagonista, «unha libraría humilde do barrio coruñés da Falperra», e do primeiro amor que para Agustín «e esencial, non se esquece nunca, deixa unha pegada profunda». «Sería insoportable vivir se o paso do tempo non matizase as dores e as grandes ledicias da vida. Mais hai momentos positivos ou negativos de condensación, que nos axudan a madurecer». «Despois de tantas dificultades da vida, o único que quedan son os afectos e os cariños».
Susana e Agustín dedicaron os minutos finais da conversa a falar de Twitter e do blog documental da novela. «Gústame ser útil en Twitter, realizar enlaces que leven a unha páxina interesante». «Creo que é a primeira vez que se fixo un blog no que se recolle toda a documentación utilizada na redacción da novela. A través de cada post pretendo que se viva o contexto que viviu o protagonista. Creo que así quedará ainda máis clara a novela». Rematou Agustín falando do papel decisivo dos mediadores, mestres, libreiros, bibliotecarios, profesorado, pais e nais, «sen todos eles os escritores non seriamos nada, son esenciais para crear canles entre os libros e os potenciais lectores. Non tería lectores sen estes mediadores». Pechou Susana Pedreira afirmando que «presentar A viaxe de Gagarin na radio e nunha libraría rozaba a perfección». Non lle faltou razón, memorable presentación e conversa a conservar.
A conversa será emitida por Onda Cero de Pontevedra.
O salón de actos da Casa das Campás quedou moi pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron seguir a presentación. organizada polo Atemeo de Pontevedra. de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), o ensaio máis recente de Ana Acuña. Ventura foi contar coa intervención do sociólogo Daniel Pino, unhas das 54 testemuñas do libro, que cualificou a obra como moi interesante e de lectura atractiva, tanto polo seu contido coma pola metodoloxía utilizada, que combina o método documental e o cualitativo, «o que permite ler un poema sinfónico, onde os executantes realizan as súas variacións baixo a firme dirección da autora». Citou Pino os cinco grupos de madrigalegos ou focos de irradiación de cultura galega en Madrid durante a segunda metade do século XX estudados por Acuña na obra: a Mocedade Universitaria Castelao (1952-1954), o grupo Brais Pinto (1958-1961); o Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco (1965-1969), o Grupo Lóstrego, Irmandade Galega (1971-1986) e, finalmente, o Grupo Bilbao (1996-2000). Referiuse ao territorio do Madrid que coñecera a comezos dos anos sesenta, que contaba apenas con dous millóns de habitantes e se transformaba en cidade cindustrial por mor dunha decisión burocrática». Leu un texto de Alexandre Cribeiro, incluído no libro, no que se relataba unha visita ao Pozo do Tío Raimundo e outros porpios da súa experiencia daquel tempo. «Lonxe da terra adquírese conciencia, aínda que podemos confundir a conciencia». rematou cun poema do seu libro Leme de lembranzas.
Falou a seguir o profesor Xesús Alonso Montero, prologuista da obra e director da tese de doutoramento sobre a que se editou. Comezou lembrando o número dedicado a Galicia en 1966 de Signo, publicación mensual de Acción Católica, onde Novoneyra publicou un poema no que citaba a Daniel Pino e a outros rapaces que estaban na cadea. Referiuse despois ao título do libro de Acuña, baseado na tese que dirixiu, «Facer literatura galega en Madrid», cuxo espiñazo son «os cinco grupos que aparecen na diaspora protagonizados en Madrid por galegos letra e terraferidos dende 1950 a 2000, literatura galega en Madrid con acento cívico chantado no país». Gabou o traballo de Ana Acuña en Madrygal, revista de filoloxía centrada na sletras galegas da que se levan publicados dezaseis números. «Ana Acuña é unha traballadora rigorosa, formiga intelixente, meticulosa. Falou cos 54 protagonistas da obra, personalmente ou por medio de correo. A información reunida por ela nestas historias de vida é extraordinaria».
Detívose o presidente da RAG en explicar que «non todo o que está feito en Madrid por galegos ten dereito a estar neste libro». «É o caso de Valente, que viviu en Madrid durante un tempo, mais que non estivo relacionado cos galegos, non nos procuraba». O profesor relatou como coñecera a Ben Cho Sey e a súa participación na tertulia do Lyon D’Or, que presidía Ramón Cabanillas. Rematou insistindo en que non pode facerse a historia da literatura galega sen ter en conta a diáspora, «hai unha diáspora tamén próxima, a de Barcelona, que está por escribir».
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).